|
En colaboración
coa Deputación de A Coruña
O Fondo Galego apoia a 2ª fase do Centro de
Educación Alternativa Rural de Somoto, en Nicaragua
O pasado 24 de maio, foi aprobado en pleno o convenio de colaboración
entre a Deputación de A Coruña e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para o financiamento
do proxecto de Educación Alternativa Agropecuaria para Adolescentes e Xoves Rurais do Municipio Las Sabanas,
en Nicaragua.
O obxecto do convenio é a colaboración económica
na execución do “proxecto de educación técnica agropecuaria para adolescentes e mozos rurais
no municipio de Las Sabanas (Nicaragua)”, que se concreta nun proxecto de educación técnica a nivel
de escola secundaria, que se desenvolve nos Centros de Educación Alternativa Rural (CEAR) implementados
polo INPRHU-Somoto, no que os alumnos e alumnas, despois de tres anos de estudos (o primeiro curso realizouse no
ano 2006), acadarán o título de “Técnicos Básicos Agro-ecolóxicos”.
Conta tamén cun compoñente de orientación
vocacional no campo agro-ecolóxico, dirixido a nenos e nenas de escolas primarias das mesmas comunidades
de adolescentes e mozos, a través dunha materia no seu currículo escolar denominada “Educación
ambiental”.
A Deputación de A Coruña compromete unha achega
provincial do 61,31% do proxecto. O resto das achegas serán realizadas polo Fondo Galego.
Informe de AI 2007:
“O mundo é máis perigoso aínda ca durante a guerra fría”
Amnistía Internacional (AI) considera que tanto gobernos
como grupos armados están a violar os dereitos humanos en nome da seguridade. Segundo Irene Khan, secretaria
xeral de AI, “cando encaramos os outros como unha ameaza e estamos dispostos a negociar os seus dereitos humanos
a cambio da nosa seguridade, estamos a xogar un xogo sen vencedores”. E engadiu, “o mundo está tan polarizado
como no auxe da guerra fría e resulta, en moitos aspectos, máis perigoso. Os principios universais
que nos debían unir están a ser desbaratados en nome da seguridade”.
A secretaria xeral de AI considera que a axenda está
ditada polo medo, instigado e sustentado por líderes sen principios. O primeiro ministro australiano, John
Howard, o presidente de EUA, George Bush, e o de Sudán, Omar al-Bashir, son citados entre os que recorren
ao medo para reforzaren o seu poder.
A débeda e o
G8
O 15 de maio, en Berlín, no marco da presentación
do informe anual da organización “Debt, Aids, Trade África” (DATA) que fai un seguimento dos acordos
adoptados no cumio do G8 de Gleneagle, celebrado en xullo de 2005, os cantantes irlandeses Bono e Bob Geldof demandaron
aos países membros do citado grupo o respecto e cumprimento das promesas feitas entón. En Escocia,
os países máis industrializados do planeta, e Rusia, comprometéronse a anular a débeda
pública multilateral de trinta e cinco países dos máis pobres do mundo e aumentar en 25 mil
millóns de dólares a axuda aos máis desfavorecidos antes de 2010. Pero segundo DATA, soamente
o Reino Unido e o Xapón cumpriron coa súa palabra a día de hoxe. Os dous músicos queren
volver a poñer este asunto sobre a mesa do G8 na xuntanza que a primeiros de xuño celebrarán
en Potsdam, Alemaña.
A distorsión da
axuda ao desenvolvemento
Por segundo ano consecutivo, Concord, unha confederación
que reúne a máis de 1.500 ONG europeas, publicou o 11 de maio un informe sobre a evolución
da axuda pública ao desenvolvemento (APD) aportada por Europa. Oficialmente, segundo os autores, vai en
aumento e se encamiña cara o obxectivo do 0,7% do PNB en 2015. oficialmente tan só, aseguran. En
2006, os Estados membros da Unión aseguraron dedicar o 0,43% do PNB á APD, sobrepasando o obxectivo
do 0,39% marcado para esa data. Pero as ONGs que subscriben o informe aseguran que é FALSO,
porque as cifras oficiais inflan a axuda, integrando no mesmo concepto anulación de débeda, acollida
de refuxiados ou oferta de ensino a estudantes estranxeiros. Quen se leva a palma é Austria, onde o orzamento
de APD en sentido estrito é de 499 millóns de euros contra os 1.200 millóns anunciados. Síguelle
Francia, que esaxerou un 50%, Italia (44%) e Alemaña (35%). O mellor alumno é Irlanda, cunha alza
real do 1%, seguido de Finlandia (2%). O valor do inflado, segundo Concord, ascende a 13.500 millóns de
euros.
|