|
Exposición: Fondo Galego,
Dez Anos con Proxectos
Se soño só, trátase só
dun soño, pero se soñamos xuntos, é o comezo dunha nova realidade… (Fredrik S. Heffermehl).
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade comezou fai xa dez anos a fiar soños de solidariedade e xustiza,
enredando ao mundo local galego nos procesos de desenvolvemento doutras realidades máis empobrecidas.
A cooperación entre os nosos Concellos e Deputacións con outras entidades locais do
Sur e ONGDs, harmonizada a través do Fondo Galego, puxo en marcha a maquinaria da solidariedade, apoiando
proxectos destinados a mellorar as condicións de vida das sociedades máis desfavorecidas.
Unha década despois, queremos amosar algúns treitos do camiño percorrido,
para acortar a distancia entre os esforzos despregados e os seus resultados. Os procesos de desenvolvemento son
lentos e laboriosos, e os proxectos de cooperación non son máis que unha pinga cavando na rocha do
empobrecemento; pero, co tempo, é posible entrever os ocos de transformación e esperanza resultantes,
e asentar neles as ilusións futuras.
A
exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos…
Quere ofrecer unha imaxe de conxunto do traballo impulsado nestes
anos, en cooperación constante con parceiros e municipalidades do Sur, con ONGDs de aquí, coa Administración
autonómica, etc. E homenaxear tamén a todas aquelas persoas envoltas neste soño colectivo
que é o do desenvolvemento humano.
Está composta por doce paneis que mesturan imaxe e texto
e que, van desglosando os diferentes eidos de cooperación nos que se ve involucrando o Fondo Galego: auga
e saneamento, infraestruturas, saúde, alimentación, equidade de xénero, etc.
Ten un carácter didáctico, amosando os principais
problemas vinculados aos distintos sectores da cooperación, e, ao mesmo tempo, ofrece exemplos de como afrontalos
dende o local e o concreto.
Deste xeito, anima á acción e a que o mundo local
galego dé o salto de espectador a protagonista na escea internacional, e o faga da man da solidariedade
para participar na construción de alternativas á barbarie global.
Os destinatarios da Exposición son todos aqueles Concellos, Deputacións e demais
entes locais, que desexen dar a coñecer á súa cidadanía os proxectos de cooperación
e solidariedade nos que están envoltos a través do Fondo Galego. Acompáñase de material
dirixido a dinamizar a exposición (textos, propostas de actividades…), pensado especialmente para involucrar
aos Institutos de Ensinanza Secundaria nas temáticas de cooperación ao desenvolvemento.
A Asemblea da Renovación
Os socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
están convocados para o venres 28 de setembro ás 11:30 horas na sede da FEGAMP en Santiago (Rúa
Varsovia, 4C-6º andar, Área Central) para a celebración da Asemblea Xeral de Socios.
A presenza
de todos os membros en esta xuntanza é fundamental,
xa que se trata da primeira asemblea despois das eleccións municipais do mes de maio, o que marca unha nova
lexislatura e, polo tanto, unha nova etapa para o Fondo Galego.
A renovación dos cargos políticos nos concellos
e deputacións, a elección dunha nova Comisión Executiva, o debate sobre as liñas estratéxicas
que deben de guiar esta nova etapa ou a aprobación dos proxectos de cooperación a financiar este
ano fan desta cita a máis importante da lexislatura, polo que a presenza dos socios é imprescindible.
Por outra banda, o encontro será aproveitado para inaugurar
a exposición Fondo Galego, Dez
Anos con Proxectos, que terá lugar ao remate
da xuntanza nas mesmas dependencias de Área Central, e que contará coa degustación de produtos
de comercio xusto.
| |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
| Imaxes dos efectos do terremoto do 15 de agosto
en Ica (Perú). (©Mar Barreiro/fondogalego.org). |
O Fondo Galego,
presente no Perú
Mar Barreiro,
participante do programa Vacacións
con Traballo do Fondo Galego de Cooperación
e Solidariedade desprazada a Perú, está a percorrer as zonas máis afectadas polo terremoto
do pasado 15 de agosto. O Fondo Galego quere que a súa viaxe sirva para recoller información sobre
proxectos de reconstrución nos que o Fondo Galego poida colaborar. Despois dunha semana no país,
recollemos algunhas das súas impresións.
O primeiro contacto de Mar co caos foi en Ica, cidade á
que chegou o pasado 8 de setembro. Á parte dos danos evidentes sufridos nas infraestruturas, con numerosas
rúas cortadas polos derrubamentos, a cidade está chea de desprazados e desprazadas que arribaron
á cidade na procura de axuda nos días posteriores ao terremoto.
A cidade continúa sumida no caos e a distribución
da axuda non responde a criterios definidos pola necesidade, senón que depende en moitos casos de criterios
políticos. Un exemplo é o do reparto de carpas de abrigo temporal, que se distribúen só
a propietarios das terras e non aos arrendatarios, que quedan desamparados. Ademais, a distribución de axuda
tense que facer con escolta do exército para evitar que se produzan saqueos.
Na área hai algúns equipos internacionais de axuda,
que traballan na demolición de edificios danados e na retirada de escombros. Esta tarefa conta coa colaboración
das autoridades locais a través do programa coñecido como “Construyendo Perú”, un programa
que utiliza man de obra local.
Nunha xuntanza mantida en Chincha co vicepresidente da rexión
de Ica, este confirma as dificultades de organización que se dan na zona, que achaca a diferentes políticas
entre o seu goberno e o goberno central. En Chincha, o nivel de destrución é maior que en Ica, e
aínda que o número de vítimas mortais é menor, a cantidade de familias que quedaron
sen fogar supera ao de Ica.
En Cañete -rexión de Lima-, as actuacións
fanse de xeito máis ordenado. Despois de facer unha avaliación dos danos e necesidades, os responsables
locais decidiron dar prioridade aos traballos en escolas e centros de atención médica, debido a que
o goberno central xa estableceu axudas para a reconstrución de vivendas. A este respecto, establecéronse
escolas provisionais en barracóns de madeira, de xeito que os alumnos non perdan o seu curso académico.
A diferenza da rexión de Ica, as autoridades rexionais
consideran aos arrendatarios como grandes afectados, polo que a súa prioridade é a cesión
de terreos para a construción de vivendas e a formalización da propiedade. Ademais, as tarefas de
desescombro están avanzadas e actúase con moito orde, a pesares de contaren con pouca axuda internacional.
O mércores 12 de setembro Mar foi recibida por Juan Carlos Castro,
xerente do INDECI (Instituto Nacional de Defensa Civil) da rexión de Ica (Ica, Pisco, Chincha), quen se
compromete a entregarlle un informe con todos os datos causados polo terremoto.
Ese mesmo día desprazouse ata Pisco. Alí a impresión
de caos é aínda maior que en Ica, xa que non queda unha sola casa en pé. Os damnificados foron
instalados no parque feiral, onde se levantou un inmenso poboado de lona. A única presenza de ONGs internacionais
que queda en toda a cidade é a duns médicos cubanos pertencentes a Médicos sen Fronteiras.
Terremoto en Perú:
Queres axudar?
O terremoto do pasado 15 de agosto no Perú causou máis
de 513 vítimas mortais e a destrución dun 70% nas infraestruturas das cidades de Pisco, Ica e Chincha.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade na que están asociados 93 concellos galegos
e as Deputacións de A Coruña, Ourense e Pontevedra, pon os seus recursos a disposición de
corporacións locais e provinciais a fin de canalizar as súas axudas, tanto propias como as que poidan
proceder de membros das corporacións municipais, dos seus traballadores e traballadoras ou dos seus veciños
e veciñas, a traveso do seu Fondo de Emerxencia. O obxectivo é o de evitar a dispersión dos
recursos e a mellora na súa xestión, a fin de afrontar con garantías e en estreita colaboración
con axentes e institucións locais, a reconstrución da zonas afectadas.
 |
|
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Número de conta: 2091.0209.10.3040019000
|
|
|
Información: Secretaría Técnica
do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade info@igadi.org - www.fondogalego.org - Tel/fax: 986 357 238
|
 |
|
|