|
Benvida aos Concellos de Abegondo
e Burela
Baiona, 10 de outubro de 2007.
Dous novos membros veñen de ratificar a súa adhesión
ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Son o Concello de Burela, a quen xa demos a benvida desde
esta páxina, e o Concello de Abegondo, a quen felicitamos agora e que no pleno celebrado o pasado 27 de
setembro acordou a súa incorporación ao Fondo Galego de Cooperación de Solidariedade.
Con estes dous novos membros, o Fondo Galego acolle a 95 Concellos
e 3 Deputacións provinciais cun compromiso solidario común, e representa a 70% da poboación
total de Galicia.
O Fondo Galego renova a súa Comisión Executiva
Baiona, 02 de outubro de 2007.
A Asemblea Xeral de Socios do Fondo Galego de Cooperación
e Solidariedade, reunida o pasado venres 28 de setembro en Santiago de Compostela, acordou a renovación
da súa Comisión Executiva para o período 2007-2011, froito dos resultados saídos das
eleccións municipais do pasado mes de maio.
A nova Comisión Executiva estará presidida por
Alfredo Novoa
(Concello de Oleiros), a quen acompañarán Beatriz
Sestayo (Concello de Ferrol) na Vicepresidencia e Ángeles Silva
(Concello de Baiona) na Tesourería. Pilar
Gallego (Concello de Allariz), Carmen Basadre (Concello
de Lugo), Enrique Nóvoa (Deputación de Ourense), María
Méndez (Concello de Vigo) e Isabel Rodríguez
(Concello de Viveiro) actuarán como vocais nesta nova Executiva. Pola súa banda, o Instituto Galego de Análise e Documentación
Internacional (IGADI) continuará a desempeñar
as funcións de Secretaría do Fondo Galego.
Benvida ao Concello de Burela
Baiona, 02 de outubro de 2007.
Desde o Fondo Galego queremos dar a benvida ao Concello de Burela
que en acordo plenario do 30 de agosto decidiu a súa adhesión ao Fondo Galego de Cooperación
de Solidariedade.
Coa arribada de Burela son xa 94 os Concellos e 3 as Deputacións
provinciais que asumen o noso compromiso solidario, o que representa a máis de 68% da poboación total
de Galicia.
Cabo Verde será o país no que se concentre
o maior número de actuacións
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoia 18 proxectos de axuda ao desenvolvemento
Baiona, 01 de outubro de 2007.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade anuncia
a resolución
da súa convocatoria anual de proxectos de cooperación internacional, á que este ano foron presentadas 82 propostas procedentes de África,
Asia, América Central e do Caribe.
Os socios do Fondo Galego, reunidos o pasado venres en Asemblea
Xeral, aprobaron por unanimidade a proposta da Comisión Avaliadora de Proxectos, e estimaron oportuna a
participación do municipalismo galego en 18 dos propostas presentadas, e que suman un investimento total
de 545.688,23 euros.
A través desta convocatoria de axudas para o ano 2007,
o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vai estar presente en sete proxectos de cooperación
para o desenvolvemento no arquipélago de Cabo Verde, en tres no Perú e noutros tres en Nicaragua.
O listado de actuacións para este ano complétase con dous proxectos que terán como escenario
os Territorios Palestinos, ademais dun proxecto en Brasil, outro en O Salvador e outro na India.
| |
 |
 |
| Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación
Exterior da Xunta de Galicia, e Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, no acto de presentación da exposición
Fondo
Galego, Dez Anos con Proxectos. (Fotos: ©fondogalego.org 28/09/2007). |
Presentación da
exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos
Baiona, 01 de outubro de 2007.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ven de
presentar a exposición Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos,
coa que se quere marcar o décimo aniversario do nacemento da entidade asociativa do municipalismo galego.
A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de
Galicia, Fabiola Sotelo Sotelo, foi a encargada de presentar a exposición, que recolle as áreas
de traballo e proxectos máis destacados nos que ven traballando o Fondo Galego desde o seu nacemento.
A presentación ao público desta exposición
coincidiu coa celebración da Asemblea Xeral de Socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade,
na que, ademais de renovar os cargos da súa Comisión Executiva, foi aprobada a resolución da súa convocatoria anual de axudas.
|