Fondo Galego
Fondo Galego

fondogalego.org
info@igadi.org
Tel/Fax: 986 357 238
 
Comunicación Volver
Novas do Fondo Galego

[Índice Novas][Arquivo Novas][Para máis información]

 
 


Decembro 2008 


Alto á matanza en Gaza

Baiona, 29 de decembro de 2008.

A comisionada xeral da UNRWA, Karen AbuZayd, na visita realizada o 29 de decembro á franxa de Gaza expresou o seu horror e a súa profunda tristeza pola extensa destrución e as terribles perdas de vidas humanas.

A UNRWA (Axencia da ONU para os refuxiados de Palestina) insta enerxicamente ao Goberno Israelí a escoitar as chamadas ao cesamento dos bombardeos sobre a franxa de Gaza. Israel é un dos países signatarios das convencións internacionais que protexen á poboación civil en tempos de conflito. Estas convencións non teñen valor se non son respectadas.

A UNRWA fará, canto antes, todos os esforzos necesarios para mitigar o sufrimento e a dor da poboación. Os actuais asasinatos e destrución seguiron a semanas dun estreito bloqueo da franxa de Gaza que impediu á UNRWA, así como a outras axencias humanitarias, asistir á poboación e mitigar as dificultades económicas.

A poboación está pagando o prezo do bloqueo prolongado, a ausencia de cobertura das necesidades básicas para 1,5 millóns de persoas e agora unha escalada militar.

A UNRWA recoñece o dereito lexítimo de seguridade que reclama Israel. Con todo, as súas accións deberían estar en conformidade coa lei humanitaria internacional e non debería de levarse a cabo un uso desproporcionado da forza. A UNRWA chama a Israel a garantir o acceso seguro e sen restricións das axencias humanitarias na franxa de Gaza e a respectar as súas obrigacións de acordo ás leis humanitarias internacionais salvagardando a seguridade da poboación civil de Palestina.

Chamada de emerxencia para Gaza

Ante a grave situación humanitaria que vive neste momento a poboación de Gaza, o Comité Español da UNRWA, con quen colabora o Fondo Galego, solicita a nosa axuda. Os donativos poden facerse na conta de emerxencia, indicando: Refuxiados Palestinos en Gaza.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Número de conta: 2091.0209.10.3040019000


Información: Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade info@igadi.org - www.fondogalego.org - Tel/fax: 986 357 238



  60 aniversario Declaración Universal dos Dereitos Humanos; clic para aumentar
Exposición en Cambados sobre o 60 aniversario da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Xulio Ríos (esquerda) e Emilio Martínez inauguraron a exposición.
 
O Fondo Galego cos dereitos humanos

Baiona, 21 de decembro de 2008.

Coincidindo coa conmemoración do 60 aniversario da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Fondo Galego, en colaboración con Comarcas de Galicia, entidade dependente da Consellería do Medio Rural, puxo en marcha unha exposición sobre este evento que vai percorrer diferentes Concellos socios.

Para o Fondo Galego, esta declaración constitúe todo un programa a reivindicar de forma permanente, hoxe inseparable da consecución dos Obxectivos do Milenio. En Cambados, onde iniciou o seu periplo, numerosas persoas achégaronse para coñecer en detalle os pormenores do seu contido e trascendencia. A exposición conta coa colaboración da Asociación para as Nacións Unidas en España.



  Francisco Mabjaia e Iván Arizcurinaga; clic para aumentar
Francisco Mabjaia, secretario xeral da Asociación Nacional de Municipaios de Mozambique, e Iván Arizcurinaga, coordinador do Programa ART-PAPDEL.
Olegario Banza; clic para aumentar
Olegario Banza, director adxunto da Dirección Nacional de Desenvolvemento Rural, o segundo pola dereita.
Rita Muianga; clic para aumentar
Rita Muianga, alcaldesa de Xai Xai, Gaza.
Misión do Fondo Galego en Mozambique

Baiona, 16 de decembro de 2008.

O Fondo Galego realizou a primeira misión de identificación en Mozambique o pasado mes de novembro. Os obxectivos foron: identificar parceiros e proxectos que permitan ao Fondo Galego aproveitar as sinerxías e complementar as súas accións con aqueles actores da cooperación ao desenvolvemento e parceiros locais con capacidade demostrada e presenza no terreo que posibilite a realización de intervencións de calidade e maior impacto. Os eidos de actuación establecidos son o Bo Goberno, Descentralización e Desenvolvemento Económico Local, no ámbito xeográfico das Provincias de Gaza e Maputo.

Para a consecución deste obxectivo mantivéronse reunións con actores estratéxicos a nivel local, nacional e internacional: Consello Municipal de Xai Xai (Gaza) e Matola (Maputo), Dirección Nacional de Desenvolvemento Rural (Ministerio de Planificación e Desenvolvemento), Oficina Técnica de Cooperación (AECID) e Programa ART-PAPDEL (PNUD), entre outros, e realizáronse diversas visitas de carácter técnico a proxectos de desenvolvemento en execución e outras xa programadas como posibles parcerías.



  Cursos formativos en Cooperación Internacional e Desenvolvemento; clic para aumentar
Cursos formativos en Cooperación Internacional e Desenvolvemento; clic para aumentar
Cursos formativos en Cooperación Internacional e Desenvolvemento.
 
Cooperación Internacional I e Educación para o Desenvolvemento I

Baiona, 10 de decembro de 2008.

Dende o mes de outubro ata o de decembro, en diferentes datas e lugares, organizouse a primeira parte dos cursos formativos en Cooperación Internacional e Desenvolvemento. Nestas clases introdutorias, que tiveron lugar en Vigo (20-21 de outubro), Santiago (3 de novembro), Allariz (17 de novembro) e Lugo (1 de decembro), presentáronse os conceptos básicos relacionados co desenvolvemento e os organismos internacionais que traballan neste ámbito. Asemade, explicáronse os conceptos clave relacionados coa educación para o desenvolvemento.

A asistencia aos cursos foi escasa, e queremos facer fincapé na importancia de participardes en próximas convocatorias. No primeiro semestre de 2009 e, nas catro provincias galegas, novamente, desenvolverase o segundo nivel destes cursos, con temario complementario aos iniciados en 2008. Os temas a tratar no segundo curso serán os seguintes: 1. Sectores da cooperación internacional (Comercio xusto, Axuda humanitaria e axuda de emerxencia, etc), así como o ciclo que seguen os proxectos (Identificación, Formulación, Seguimento, Avaliación e Xustificación). 2. Estratexias de educación para o desenvolvemento (Formación, Sensibilización, Investigación, Elaboración de materiais, etc).

Convidámosvos a participar nestes eventos, dos que vos manteremos informados, e a que engadades propostas para participar e debater antes, durante ou despois dos cursos.



Novembro 2008 


  Constitución do COCIDE; clic para aumentar
Constitución do COCIDE na sede da FEGAMP, en Santiago o 24/11/2008. Preside Alfredo Novoa.
 
Constituída a Comisión de Cidades e Deputacións (COCIDE)

Baiona, 26 de novembro de 2008.

O pasado día 24 de novembro, na sede da FEGAMP, quedou constituída a Comisión de Cidades e Deputacións (COCIDE), coa participación do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación de A Coruña, do Concello de Pontevedra e do Concello de Vigo. Na xuntanza tamén participou Xosé A. Cuns Traba, en representación da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

Durante o encontro, o presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa, explicou os motivos da convocatoria, remontándose á Declaración de Cidades de 2001, onde xa se facía fincapé na importancia de reforzar a cooperación a este nivel para garantir unha maior calidade da axuda.

Xulio Ríos sinalou que a creación desta Comisión foi aprobada en setembro do ano pasado na Asemblea xeral que deu o visto e prace ás Estratexias 2007-2011, e resulta un paso esencial para dar un impulso á cooperación municipalista galega, asegurando non soamente o incremento dos recursos senón, moi especialmente, a calidade da cooperación desenvolvida. O modelo de coordinación a través do Fondo para a realización de proxectos, coa perspectiva de completar o ciclo do proceso, e de aposta pola sensibilización a nivel local, cunha convocatoria xeral para proxectos e convocatorias específicas e homologadas a nivel municipal para sensibilización é a proposta que se formula dende a Executiva. Na opción de “Máis recursos, máis calidade”, o impulso das Cidades e Deputacións resulta esencial para abrir unha dinámica máis ambiciosa, diferente e de maior valor engadido.

Unha tras outra, as intervencións dos presentes na reunión coincidiron na perspectiva proposta, destacando a oportunidade de instar agora este cambio, que deberiamos consolidar no presente mandato.

Xosé Cuns, por parte da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, expresou a plena sintonía con este proceso e garantiu o apoio da Xunta de Galicia a esta estratexia de reforzamento do compromiso municipalista coa cooperación.



  Teresa Táboas e Alfredo Novoa; clic para aumentar
Teresa Táboas, conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, e Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego.
 
Consellería de Vivenda e Fondo Galego comprometidos con accións en Cuba e Siria

Baiona, 10 de novembro de 2008.

Teresa Táboas, conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, e Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, asinaron en Santiago de Compostela dous convenios de colaboración para desenvolver accións de cooperación internacional por un valor total de 320.000 euros.

En Siria, en colaboración coa Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA, polas súas siglas en inglés), finánciase a rehabilitación integral do campo de refuxiados palestinos de Neirab. O financiamento ascende a un total de 250.000 euros, dos que 200.000 serán executados en 2009.

En Cuba, o proxecto contempla o apoio á reconstrucción de 153 vivendas na provincia de Pinar del Río, unha das zonas máis afectadas polo furacán Gustav que azoutou a illa caribeña o 30 de agosto do presente ano. O financiamento ascende a 70.000 euros.

Con estas accións, a Consellería de Vivenda e Solo e o Fondo Galego reforzan unha colaboración que pretende incidir de forma efectiva na mellora das condicións de habitalidade de comunidades desfavorecidas en países do Sur.



Outubro 2008 


Do 14 ao 23 de novembro
Visita a Galicia dunha misión de Nicaragua

Baiona, 25 de outubro de 2008.

No marco do programa de sensibilización en curso, 2008-2009, cofinanciado polo Fondo Galego e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, está programada unha visita dos nosos parceiros de INPRHU-Somoto (Nicaragua), que servirá para visibilizar o seu traballo, intercambiar experiencias e sinalar algunhas propostas de actuación futura que nos permitan avanzar na loita contra a pobreza neste país proporcionando instrumentos e capacidades que fortalezan as oportunidades da propia sociedade civil.

Rosario María Cáceres Leyva, responsable do Programa de Educación Alternativa Rural de INPRHU-SOMOTO, e Nelly Reyes Gutiérrez, graduada do Centro de Educación Alternativa Rural, estarán en Galicia do 14 ao 23 de novembro. Nesas datas ofrecerán charlas sobre os proxectos levados a cabo nas súas comunidades e visitarán diferentes centros educativos e organismos relacionados cos proxectos educativos, agrarios e de vivenda financiados polo Fondo Galego.



  Rosa Villaronga, Marlene Valente, Herminia Basto e Manuel 
Ribeiro; clic para aumentar
De esquerda a dereita: Rosa Villaronga (Fondo Galego), Marlene Valente (Cámara Loures), Herminia Basto (Instituto Marqués de Val Flor) e Manuel Ribeiro (presidente da Cámara de Maio-Cabo Verde).
Pedro Mendes, Herminia Basto, Manuel Ribeiro, Marlene Valente e Alfredo Novoa; clic para aumentar
De esquerda a dereita: Pedro Mendes (Cámara de Loures), Herminia Basto (Instituto Marqués de Val Flor), Manuel Ribeiro (Cámara de Maio), Marlene Valente (Cámara de Loures) e Alfredo Novoa (Fondo Galego).
Alfredo Novoa, Manuel Ribeiro e Fabiola Sotelo; clic para aumentar
De esquerda a dereita: Alfredo Novoa (presidente do Fondo Galego), Manuel Ribeiro (presidente da Cámara de Maio-Cabo Verde) e Fabiola Sotelo (directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia).
Visita a Galicia do
presidente da Cámara Municipal de Maio

Baiona, 13 de outubro de 2008.

O Fondo Galego recibiu o día 13 de outubro a visita do presidente da Cámara Municipal do Maio, Cabo Verde, Manuel Ribeiro, acompañado de dous representantes técnicos da Cámara Municipal de Loures (Portugal) Marlene Valente e Pedro Mendes, e un da Coordinadora de Proxectos do Instituto Marquês de Val Flor, Herminia Basto. Durante o encontro realizouse unha avaliación dos proxectos executados no municipio e estudouse a posibilidade de reforzamento dos vínculos de cooperación coa Illa de Maio e co Instituto Marques de Val Flor.

Manuel Ribeiro expresou o seu agradecemento e satisfacción polos traballos desenvolvidos polo Fondo Galego, principalmente polo proxecto “Reforzamento do abastecemento de auga na Illa de Maio” que supuxo a primeira planta desalinizadora do rural caboverdiano e que prové de auga ao 25% da poboación da illa. Mostrándose moi receptivo a novas iniciativas coordinadas e complementarias ás que actualmente se están a executar co apoio do Instituto Marques de Val Flor e que están sendo orientadas a través do Plan Municipal de Desenvolvemento, Manuel Ribeiro reafirmou o interese en multiplicar a colaboración cos concellos galegos.

En Santiago de Compostela, a comitiva reuniuse co presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa, e coa directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, intercambiando ideas a propósito de colaboracións futuras.



Declaración institucional do Fondo Galego
17-O: Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2008.

En 1992, a Asemblea Xeral da organización das Nacións Unidas declarou o 17 de outubro como Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, co obxecto de criar conciencia sobre a importancia de erradicar a pobreza e a indixencia en todos os países, en particular nos países en desenvolvemento, obxectivo que se converteu nunha prioridade do desenvolvemento durante a década de 1990.

Ese obxectivo soamente pode ser levado a cabo co impulso de actividades nos planos local, estatal e internacional, con implicación das Administracións a todos os niveis, e da opinión pública, para xerar unha maior conciencia acerca da importancia que ten a erradicación da pobreza en relación coa consolidación da paz e a consecución dun desenvolvemento sostible.

Este 17 de outubro, millóns de persoas e de entidades en todo o planeta reclamarán dos líderes mundiais o cumprimento da promesa de lograr os Obxectivos do Milenio en 2015. Tamén en Galicia. No ano 2000, a comunidade internacional fixo unha promesa: acabar coa pobreza antes de 2015. Oito anos máis tarde, 50.000 persoas morren diariamente como consecuencia da súa extrema miseria e a distancia entre pobres e ricos segue a crecer. Non obstante, dispoñemos da capacidade para mudar esta realidade e ata de logralo no prazo fixado.

O Fondo Galego, como recolle a súa Declaración Programática, postula unha cooperación entendida como método e estratexia para vertebrar a solidariedade cos pobos e sociedades máis desfavorecidas, comprometendo, impulsando e propiciando a creación dun tecido solidario en cada poboación de xeito que se abra camiño a esixencia dunha nova orde económica internacional máis xusta e a erradicación daquelas trabas e impedimentos que dificultan a eliminación da pobreza e as desigualdades.

Nesta xornada de 2008, o Fondo Galego:

1. Reafirma o seu compromiso cun modelo de cooperación firmemente orientado á erradicación da pobreza en todas as súas formas, sen máis servidume que a derivada da necesidade de alentar un desenvolvemento humano e sustentable.

2. Insta aos poderes locais da nosa Comunidade a implicarse de forma máis activa nestas accións, tanto no plano do financiamento como da sensibilización cidadá.

3. Expresa a súa complicidade con todos os actores que, dende a sociedade civil e os poderes públicos, comparten idénticos obxectivos, amosándose partidario dunha ampla alianza entre os diversos axentes implicados para avanzar na consecución dos Obxectivos do Milenio.



  María Méndez e Alfredo Novoa; clic para aumentar
María Méndez, concelleira de Benestar Social do Concello de Vigo, e Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, no momento da sinatura do Convenio.
 
Vigo e o Fondo Galego renovan a súa colaboración

Baiona, 07 de outubro de 2008.

María Méndez, concelleira de Benestar Social do Concello de Vigo, e Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, renovaron o Convenio de colaboración que dende hai anos concreta unha estreita relación iniciada en 1999, cando a cidade olívica decidiu integrarse nesta asociación municipalista para a Cooperación Internacional ao Desenvolvemento.

Nunha conferencia de prensa celebrada o día 6 de outubro, María Méndez anunciou a súa intención de dinamizar o Consello Municipal de Cooperación e de recabar a participación e o compromiso das ONGDs locais na área concreta da sensibilización a través dunha convocatoria pública. Así mesmo, reiterou a vontade do Concello de Vigo de manter a colaboración co Fondo Galego no que atinxe ao financiamento de proxectos e programas de cooperación, aumentando os recursos destinados a esta finalidade.

Alfredo Novoa, despois de avaliar moi positivamente o papel do Concello de Vigo no Fondo Galego e de resaltar a preocupación mutua por reforzar a calidade da cooperación desenvolvida polo poder local, informou da próxima constitución da Comisión de Cidades e Deputacións Galegas que abrirá unha segunda dinámica de funcionamento no Fondo Galego, deseñando estratexias adaptadas á realidade demográfica e urbana da nosa Comunidade.



Setembro 2008 


O Fondo asina un convenio coa Concellería da Mocidade e Voluntariado do Concello de Culleredo

Baiona, 23 de setembro de 2008.

O Fondo Galego asinará o 24 de setembro un convenio coa Concellería da Mocidade e Voluntariado do Concello de Culleredo para a financiación dun proxecto de apoio á implantación de políticas públicas locais con perspectiva de xénero en Cabo Verde.

O convenio asinarase entre o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa Gil, e a concelleira de Mocidade e Voluntariado de Culleredo, Beatriz Pérez Mosquera. O acto terá lugar o mércores 24 a medio día na Casa da Mocidade de Culleredo.



Reconstrución en Cuba: Queres colaborar?

Baiona, 22 de setembro de 2008.

Entre o 30 de agosto e o 9 de setembro, Cuba viuse asolada polo paso de dous furacáns de alta intensidade. A acción do Gustav e do Ike en tan breve espazo de tempo deixou importantes danos materiais e a perda de vidas humanas, principalmente nas provincias de Pinar del Rio, Holguín, Las Tunas, Camagüey e Isla Juventud. Segundo a avaliación de danos preliminar publicada o 16 de setembro por fontes oficiais, os furacáns causaron perdas por valor de 5.000 millóns de dólares e afectaron a 444.000 vivendas, das que 62.249 foron derrubadas totalmente.

O Fondo Galego pon a disposición dos Concellos e Deputacións socias a nosa conta de emerxencia co fin de canalizar as axudas que dende os entes municipais e provinciais realicen co obxectivo de apoiar accións na fase de reconstrución de danos.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Número de conta: 2091.0209.10.3040019000


Información: Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade info@igadi.org - www.fondogalego.org - Tel/fax: 986 357 238



  Eugenio Veiga e Alfredo Novoa; clic para aumentar
Eugenio Veiga, preside da Cámara de S. Filipe, e Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego.
Alfredo Novoa, Antonio Miranda e Paulo Pacheco; clic para aumentar
De esquerda a dereita: Alfredo Novoa, Antonio Miranda (Praia) e Paulo Pacheco (Palmela).
O Fondo Galego reúnese en Palmela con municipios caboverdianos

Baiona, 8 de setembro de 2008.

Atendendo un convite da Cámara Municipal de Palmela (Portugal), con quen o Fondo Galego xestiona proxectos en Cabo Verde, Alfredo Novoa, presidente da nosa entidade, tivo a oportunidade de reunirse na citada localidade o pasado día 5 de setembro con representantes das Cámaras de Praia e S. Filipe, cos que analizou o estado da cooperación bilateral e as áreas de maior interese futuro, nomeadamente formación e temas ambientais. Ademais, o Fondo Galego e a Cámara de Palmela renovaron o seu compromiso de cooperación bilateral para impulsar novas iniciativas no arquipélago caboverdiano.



Cooperantes nos Concellos
O Fondo Galego celebra o Día do Cooperante Solidario

Santiago, 8 de setembro de 2008.

No día do Cooperante, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que reúne as entidades municipais que na nosa Comunidade apostan por desenvolver políticas de cooperación internacional, quer expresar, en primeiro lugar, o seu recoñecemento ao labor desenvolvido neste eido por persoas e entidades da sociedade civil, que co seu esforzo contribúen a xerar as condicións precisas para que esa aspiración común e universal a un maior benestar e xustiza social atope acomodo tamén dende o impulso desa cooperación que se realiza a pequena escala pero cunha gran efectividade, proporcional á xenerosidade destes profesionais.

En segundo lugar, reivindicar a capacidade da solidariedade para propiciar mecanismos de transformación social a todos os niveis, tanto nas comunidades de destino como en orixe, espertando a dose de ética e crítica imprescindible para cuestionar os alicerces elementais dun mundo no que seguen a proliferar as máis brutais desigualdades, significando que dende o local é posible incidir no global.

En terceiro lugar, salientar a crecente dispoñibilidade dos empregados públicos das entidades locais e provinciais galegas para involucrarse en accións de solidariedade, disposición que facilita e robustece a calidade da nosa actuación nos países do Sur e amplía a conciencia solidaria deste colectivo laboral a través, principalmente, do programa Vacacións con Traballo, unha iniciativa que conxuga profesionalidade con solidariedade e incide nun aspecto clave, a transferencia de capacidades técnicas e formativas.

O Fondo Galego convida á nosa sociedade a implicarse de forma activa no fomento da solidariedade, asumindo o compromiso de facer o propio no eido municipalista, en especial, ampliando as facilidades para que o propio colectivo laboral de concellos e deputacións poida desenvolver esta vocación con ilusión e dignidade.



Os Concellos socios do Fondo Galego superan a centena coas adhesións de Xove, Melide e Riotorto

Baiona, 1 de setembro de 2008.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conta con tres novos socios. Os Concellos de Xove e Riotorto, na provincia de Lugo, e o Concello de Melide, na provincia de A Coruña, aprobaron nos seus respectivos Plenos a súa adhesión ao Fondo.

Con estas incorporacións, o Fondo Galego acolle a 102 Concellos e as 4 Deputacións provinciais, o que suma un total de 106 socios cun compromiso solidario común. Por outra banda, a incorporación dos novos Concellos ratifica a boa marcha da solidariedade dende o ámbito local e a mayor sensibilización dos concellos galegos en involucrarse en Cooperación ao Desenvolvemento.


Xullo 2008 


Resolución das catro prazas convocadas para o programa Vacacións con Traballo 2008

Baiona, 14 de xullo de 2008.

A Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebrada o 4 de xullo de 2008, acordou a resolución das catro prazas convocadas para participar no programa Vacacións con Traballo 2008.

As persoas seleccionadas e as súas suplentes, son as seguintes:

Nicaragua: Susana Maceiras Pérez, responsable e asesora do Departamento de Benestar Social, Xuventude e Igualdade da Deputación de Lugo. Suplente: Marta Igualada Sañudo, secretaria personal da concelleira delegada de Interior, Personal e Informática do Concello de A Coruña.

Perú: Miguel Puente Rapela, licenciado en Psicopedagoxía e funcionario da Policía Local do Concello de A Coruña. Suplente: Chus Gutiérrez Candame, técnica de Servizos Sociais do Concello de A Coruña.

Cabo Verde: Inmaculada Diego Covelo, técnica de Inmigración do Departamento de Benestar Social do Concello de Nigrán. Suplente: Sara Pérez Fernández, técnica superior en Integración Social da Deputación de Lugo.

Cuba: Mª Luisa Alcalá-Zamora Canel, arquitecta técnica do Gabinete de Deseño e Estética Urbana do Concello de A Coruña. Suplente: Alfredo Pablo Delgado Izarra, enxeñeiro técnico en Topografía do Concello de A Coruña.



  Sun Xiao e Xulio Ríos; clic para aumentar
Sun Xiao e Xulio Ríos no local da Cruz Vermella de China en Beijing.
 
O Fondo Galego dona 5.000 euros para os afectados polo terremoto de Sichuan (China)

Baiona, 9 de xullo de 2008.

O terremoto que no pasado mes de maio azoutou a provincia chinesa de Sichuan e outras limítrofes ocasionou preto de 100.000 mortos e desaparecidos, máis de 350.000 feridos, 12 millóns de desprazados, varias cidades totalmente destruídas, e uns 20.000 millóns de euros en perdas, segundo as primeiras estimacións oficiais.

Tradicionalmente, o Fondo Galego, entidade que agrupa os esforzos dun cento de Concellos e as catro Deputacións para promover a cooperación internacional e a axuda ao desenvolvemento, ven dispoñendo dunha conta de emerxencia que permite recaudar doazóns das entidades públicas locais, de entidades privadas e particulares, para afrontar situacións de grande impacto como no seu día aconteceu co furacán Mitch en Nicaragua, o tsunami asiático en Sri Lanka, o terremoto de Perú e agora esta catástrofe en China.

A doazón de 5.000 euros, que foi entregada na capital chinesa por Xulio Ríos, secretario do Fondo Galego, ao responsable da xestión das axudas de doantes estranxeiros da Cruz Vermella de China, Sun Xiao, será destinada a reforzar as condicións de acollida dos milleiros de persoas que nestes momentos viven na precariedade e coa perspectiva de afrontar unha dura temporada de chuvias.

A Cruz Vermella agradeceu esta doazón galega, amosando a súa ledicia “porque a distancia xeográfica non é un obstáculo insalvable para expresar un nobre sentimento como é a solidariedade”, dixo Sun Xiao.

 
 
 Subir
 
Para máis información:
 
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Teléfono: 00 34 986 357 238, email:
info@igadi.org.
Avenida Joselín 7, portal 3 - 4ºB. 36300-Baiona (Pontevedra). Galicia (Spain).
 
 
Subir
 
Arquivo de Novas do Fondo Galego
 
Ano 2008: 06, 05, 04, 03, 02 | Ano 2007: 12, 11, 10, 09, 08, 07, 06, 05, 04.
 
Volver



Fondo Galego
www.fondogalego.org

Subir