Fondo Galego
Fondo Galego

fondogalego.org
info@igadi.org
Tel/Fax: 986 357 238
 
Comunicación Volver
Novas do Fondo Galego

[Índice Novas][Arquivo Novas][Para máis información]

 
 

 

Decembro 2009 

Misión de Seguemento dos Proxectos en Perú

Baiona, 3 de decembro de 2009.

A visita a Perú tivo como obxectivo principal asegurar a calidade e a execución eficaz e eficiente das iniciativas e proxectos que o Fondo Galego está a apoiar e desenvolver cos parceiros na actualidade no país. Os mecanismos de seguemento e monitorieo que se levaron a cabo durante esta visita foron, dunha maneira máis específica, os seguintes:

  • Reunións de traballo cos equipos responsables dos proxectos, a fin de coñecer o seu traballo e experiencia no país.
  • Avaliación coa participación de representantes das comunidades, coas que se está a traballar, do impacto e resultado dos proxectos.
  • Percorrido pola zona obxecto da colaboración, con visitas a diferentes beneficiarios/as.
  • Avaliación global e indicación das principais urxencias para culminar os proxectos en tempo e forma.

Entre as actividades desenvolvidas no marco do proxecto “Xestión do desenvolvemento sostible en municipios rurais andinos” que se está a executar co Centro de Promoción do Desenvolvemento e a Educación – CEPRODE, cómpre sinalar:

  • Visita Centro Operativo de CEPRODE no Distrito de Huaral: Presentación do grupo de traballo de CEPRODE. Presentación do Vídeo Institucional. Percorrido polas instalacións do Centro. Conversatorio das actividades realizadas e logros acadados do proxecto. Coordinación da axenda de viaxe polos municipios.
  • Visita Concello de San Miguel de Acos: Palabras de Benvida de Irene Herrera en representación dos e das Participantes ao I Seminario “Diagnóstico Participativo. Instrumento do desenvolvemento local”. Palabras das Autoridades Municipais e Comunais do Distrito de Acos. Palabras de Esther Castro Cidre en representación do Fondo Galego. Desenvolvemento dun Encontro Fraternal entre os e as participantes do proxecto.
  • Visita Concello Atavillos Alto: Lectura da Historia de Atavillos Alto. Palabras de Benvida Esther Castro Cidre en representación do Fondo Galego. Presentación Participantes. Capacitación “Situación Económica e Produtiva das comunidades campesiñas: Árbore de problemas”. Avaliación e Coordinación das actividades de capacitación.
  • Visita Concello  Pacaraos: Lectura da Historia de Pacaraos. Palabras de Benvida Esther Castro Cidre en representación do Fondo Galego. Presentación Participantes. Capacitación “Condicións Básicas para o Desenvolvemento”. Avaliación e Coordinación das actividades de capacitación.
  • Visita Concello Santa Cruz: Presentación do Alcalde. Inauguración do Canal de Rego Ranger, obra feita polos/as comuneros/as ao longo de 30 anos.

Á súa vez, en relación ao proxecto “Deseño, execución, implementación e capacitación de actores educativos, construción dunha aula e servizos hixiénicos para nenas e nenos de educación inicial 4 anos”, que se está a implementar en parcería con Tierra de Niñ@s, leváronse a cabo as seguintes actividades:

  • Xuntanza na oficina de Villa El Salvador co equipo de Tierra de Niñ@s: Presentación do Equipo de Traballo, Presentación do Vídeo Institucional. Presentación do Plan Estratéxico de Tierra de Niñ@s. Presentación de Marta Richarte sobre su experiencia como voluntaria no marco do Programa Vacacións con Traballo.
  • Visita á escola Rosa de América: Recibimento con marcha de bandeiras, Palabras de Benvida a cargo do alumno José Palomino do 5º ano de secundaria, Número Artístico inicial no que se representaron as tres rexións do Perú (Andina, Amazónica e Costa). Palabras de Esther Castro Cidre en representación do Fondo Galego. Palabras do Presidente de Tierra de Niñ@s. Palabras de agradecemento de alumnos de nivel inicial. Palabras de Agradecemento do Director da Institución Juan Zúñiga Navío. Reunión co Director. Visita á obra en execución. Reunión cos pais e nais de familia e docentes.
  • Visita ás escolas PRONIÑO: Participación nos obradoiros de reforzamento escolar e habilidades sociais. Visita para ver o levantamento de información de liña de base sobre traballo infantil.
  • Visita ao Centro Infantil – Juvenil de Artes y Cultura (CIJAC): Presentación Coordinador Proxecto. Presentación Vídeo Institucional. Número Artístico con algunhas das actividades que se están a realizar no centro.
  • Xuntanza na oficina de Ventanilla co equipo de Tierra de Niñ@s e Coordinadora Territorial: Presentación do Equipo de Traballo, Presentación do Vídeo Proxecto Mocidade.
  • Visita a PRONOIE Educación Inicial en Pachacútec: Observación traballo cos e coas rapaces/as. Presentación de Esther Castro Cidre e Marta Richarte en representación do Fondo Galego.
  • Visita a Familias e Vivendas: no marco do Programa e Familias Saudables.
  • Visita a Casa Juvenil Pachacútec – CJP: Presentación de Esther Castro Cidre e Marta Richarte en representación do Fondo Galego. Visita instalacións do Centro. Observación desenvolvemento de Obradoiros do Proxecto Mocidade e Espazo.

Así mesmo e para concluír, aproveitouse a visita ao país para contactar con actores clave no terreo, a fin de avanzar e preparar posibles alianzas e traballos futuros. Estas institucións foron:  CHIRAPAQ - Centro de Culturas Indígenas del Perú, Oficina Técnica da Axencia Española de Cooperación Internacional, así como coa bolseira Raquel Álvarez, en representación da Xunta de Galicia no país.

 

 

Novembro 2009 

Venres 13 en Vigo: Comeza a Xira de teaTracción, Os Soños de Walla

Baiona, 6 de novembro de 2009.

 
Cartaz de teatrAcción (pdf) Folleto de teatrAcción (pdf)

O próximo venres 13, no Auditorio de Caixa Nova en Vigo, comeza a Xira do programa TeatrAcción, representando o espectáculo Os Soños de Walla. O programa, que incluíu o desenvolvemento durante un ano diferentes obradoiros onde se exploraron as posibilidades do teatro do oprimido coma ferramenta de sensibilización social, chega agora a súa explosión final, á Xira que recorrerá o país de norte a sur, da costa ao interior, percorrerá, ademais de Vigo, Sarria, Allariz, Viveiro, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribeira, Oleiros, Outes e Baiona.

A Xira é excepcional por moitos motivos, destacaremos que Os Soños de Walla é unha creación colectiva pensada dende a austeridade do orzamento e dos medios, pensada coma un contributo á comunidade como exercicio de enxeño e innovación colectiva. Ademais os actores e actrices son estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, polo que podemos falar dunha compañía formada por novos talentos. Estamos perante un laboratorio para o futuro teatro galego. Cumpre destacar tamén a presenza na coordinación do grupo humano (de máis de 30 persoas) de Mariana Carballal, profesora na ESAD de Galicia e popularizada entre o público galego polo seu papel nos coñecidos Tonechos.

Acudir coma espectador aos Soños de Walla é facer un exercicio de desconexión do ruído da nosa vida cotiá, dármonos un momento de reflexión e ocio no teatro, unha das máis espectaculares formas de expresión artística. A entrada é aberta e gratuíta.



Continúan as Vacacións con Traballo: Blog dende Cuba

Baiona, 2 de novembro de 2009.

As Vacacións con Traballo seguen o seu percurso natural. O sábado 31 de outubro chegaba Rosa Lage da súa estancia en Cabo Verde tras un mes de intenso e frutífero traballo. Dos seus esforzos e experiencia daremos conta nos próximos tempos.

Mentres que Rosa apuraba os seus últimos días no arquipélago africano, o martes da semana pasada salvando as folgas de avións que amezaban o voo, Jorge Duarte chegaba a Santiago de Cuba para integrarse como cooperante na Oficina do Conservador. A súa estancia durará un mes, onde como arquitecto especialista en rehabilitación de edificios, axudará e aprenderá cos profesionais cubanos, ao tempo que coñecerá de primeira man o traballo do Fondo en Cuba. Para coñecer das súas andainas na illa caribeña podedes consultar o blog: http://jorge-santiagocuba.blogspot.com/

O día 2 de novembro é Marta Richarte a que viaxará destino a Perú para traballar con Tierra de Niños. O 5 de novembro Sara Pérez, viaxará ate Nicaragua para estar co Instituto de Promoción Humana en Somoto.

Desta maneira a comezos do mes de decembro teremos a todos os nos@s cooperantes de volta listos para contarvos a súa experiencia.

 

Outubro 2009 

Delegación caboverdiana visita Galicia para explicar Planos de Igualdade e Equidade de Xénero

Baiona, 15 de outubro de 2009.

Maria Glória da Silva, concelleira de acción social do municipio de Praia, e Vera Almeida, alcaldesa do municipio de Paúl, visitan estes días Galicia para, de primeira man, explicaren a experiencia da elaboración dos respectivos Planos de Igualdade e Equidade de Xénero, que resultan do proxecto “Apoio á implementación de Políticas Locais de Igualdade de Xénero”, implementado polo Instituto Caboverdiano para a Igualdade e a Equidade de Xénero (ICIEG), que contoou co apoio do Fondo Galego.

A súa axenda é a que segue:

MARTES, 13 DE OUTUBRO
12:30 - Concello de Vilagarcía, visita institucional
13:00 - Recepción e Rolda de Prensa
19:00 - Conferencia

MÉRCORES, 14 DE OUTUBRO
11:00 - Deputación da Coruña, visita institucional
11:15 - Recepción co Presidente
11:30 - Presentación do Proxecto e Rolda de Prensa

17:00 - Concello de Culleredo, visita institucional
17:30 - Recepción
18:00 - Charla Aberta

XOVES, 15 DE OUTUBRO
10:30 - Deputación de Lugo, visita institucional
11:00 - Recepción Vicepresidenta
12:30 - Visita a Casa da Muller de Lugo: Encontro con Asociacións de Mulleres e co Persoal do Centro de Información á Muller do Concello de Lugo

16:30 - Concello de Burela, visita institucional
17:00 - Recepción Oficial
17:30 - Rolda de Prensa cos Medios
18:00 - Encontro coa Comunidade Caboverdiana

ESTER – VENRES, DÍA 16
12:00 – Visita á Secretaría Técnica do Fondo Galego
16:00 - Visita cos servizos turísticos do Concello de Baiona


O Comité Español da UNRWA achegará á cidadanía galega o traballo conxunto co Fondo Galego

Baiona, 14 de outubro de 2009.

 
 

Carmen Quintana, directora de proxectos do Comité Español da UNRWA (Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinianos), visitará nos próximos días Galicia, participando en diversos eventos a fin de explicar ás institucións e cidadanía galegas as actuacións de emerxencia que se están a desenvolver na Faixa de Gaza con apoio do Fondo Galego.

Tales actuacións constitúen o contributo do Fondo Galego á reconstrución do territorio, en situación dramática após a ofensiva aérea e terrestre realizada polas Forzas de Defensa de Israel contra a Faixa de Gaza, realizada entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009. A achega total do Fondo Galego, de 30.386 euros, divídese en: 4.386 euros recadados a través da Conta de Emerxencia da entidade; 6.000 euros do Concello de Vilagarcía; 10.000 euros do Concello de Ferrol e 10.000 euros do Concello da Coruña.

Desde 2007, o Fondo Galego e a UNRWA realizan proxectos conxuntos nos territorios onde se atopan refuxiados palestinos. En 2007 iniciouse un proxecto de rehabilitación de vivendas en Cisxordania, co apoio da Consellaría de Vivenda da Xunta de Galicia, xa finalizado. Desde 2008, o Fondo Galego e a UNRWA levan a cabo un proxecto de reconstrución de vivendas e infraestruturas no campamento de refuxiados palestinos da localidade de Neirab, ao norte de Siria.

A axenda da visita de Carmen Quintana é a que segue:

SÁBADO, 17 DE OUTUBRO
Concello de Ferrol,visita institucional (12:30)
Recepción e Rolda de Prensa (13:00)
Conferencia en conmemoración do “Día Internacional para a Erradicación da Pobreza” (19:00)

LUNS, 19 DE OUTUBRO
Concello de Vilagarcía, visita institucional (11:30)
Conferencia

Concello da Coruña, visita institucional (16:00)
Recepción e Rolda de Prensa (16:30)
Conferencia (19:00)

MARTES, 20 DE OUTUBRO
Xuntanza con Pilar Romero, Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior (10).


Comezaron as Vacacións con Traballo

Baiona, 5 de outubro de 2009.

A cuarta edición do programa Vacacións con Traballo entrou o 2 de outubro na súa última fase de execución. Rosa Lage, socióloga  e traballadora social do Concello de Xove, no que dirixe o Departamento de Desenvolvemento Local, viaxaba a Cabo Verde até chegar á Illa de Brava, onde dedicará un mes completo a traballar ás ordes da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos (ANMCV), parceiro do Fondo Galego nas illas africanas.

Vacacións con Traballo é un programa do Fondo Galego que conxuga a liña de actuación en proxectos no Sur coa área de sensibilización no Norte. Desta maneira, mediante a selección en base ás demandas prácticas dos nosos parceiros, escóllense as traballadoras e traballadores da Administración Local asociada ao Fondo, para que en base aos seus coñecementos e habilidades respondan e cooperen nos retos dos nosos socios no Sur. En concreto; Vacacións con Traballo líganos con Cabo Verde, Cuba, Perú, e Nicaragua. Mais o programa non implica só a axuda técnica que o noso capital humano pode dispoñibilizar, senón que implica un proceso de aprendizaxe integral, para os nosos traballadores locais, ao decidir transcender o seu vivir cotián e a súa “burbulla cultural”. Posteriormente, á súa volta, a súa experiencia vital serve de exemplo de compromiso humano, e de ollos que contan do que o Fondo, da man dos seus parceiros, fai sobre o terreo.

Rosa Lage está xa en Cabo Verde, proximamente Jorge Duarte viaxará a Cuba á Oficina do Conservador de Santiago, Marta Richarte a Perú, da man de Tierra de Niños, e Sara Pérez a Nicaragua co INPRHU (Instituto de Promoción Humana). Así que seguiremos informando.



Visita do Instituto de Promoción Humana, parceiro do Fondo Galego en Nicaragua

Baiona, 2 de outubro de 2009.

O luns 5 de outubro chega a Galicia unha delegación do INRPHU-Somoto, composta por Luis Álvarez e a propia directora do parceiro nicaraguano, Gladys Cáceres, que conta cunha folla de servizo de 11 anos á fronte da Dirección xeral de benestar sandinista, no departamento de Madriz. Afastada da política partidaria desde a fundación do INPRHU, vén de participar nunha serie de xornadas sobre cooperación, xénero e desenvolvemento, en diferentes comunidades autónomas españolas.

O INPRHU, organismo co que o Fondo traballa desde o 2003 centra as súas actividades en programas de saúde preventiva, créditos, agricultura orgánica, apoio ás comunidades indíxenas e fortalecemento dos gobernos locais, nos que o Fondo Galego tivo unha especial implicación nas localidades de Cusmapa, Las Sabanas, San Lucas, Somoto e Totogalpa.

A visita, que durará até o sábado día 10, contará con recepcións institucionais en oito concellos galegos e a realización de diferentes encontros con representantes da nosa sociedade civil. Podedes ver aquí a Axenda.

Calquera persoa que desexe máis información pode pedir o dossier informativo á Secretaría Técnica do Fondo Galego, dirixíndose a dpalau@igadi.org.

 

A Axenda

Programa de actividades para Gladys Cáceres e Luis Álvarez, de INPRhU-Somoto.

Chegada a Santiago de Compostela 5 de outubro (16:00).
Visita institucional ao Concello de Santiago de Compostela (18:00).
(Luns, día 5)

Ferrol, visita institucional (13:00)
Encontro coa Asociación de Mulleres Rurais de Allariz (19:00)
(Martes, día 6)

Centro Educativo comarca de Vigo- IES Beade (1º Bacharelato, 12:30, 90 minutos estimados) 
Nigrán, visita institucional. (tarde)
Visita á Secretaría Técnica do Fondo Galego, en Baiona (IGADI).
(Mércores, día 7)

Concello de Lugo, visita institucional (11:00)
Encontro con participantes do programa Vacacións con Traballo (13:00).
Riotorto, visita institucional. (17:30)
(Xoves, día 8)

Concello de Pontevedra,  visita institucional
(Venres día 9).

Saída dirección Madrid (11:00) de Gladys Cáceres e Luis Álvarez, de INPRU-Somoto.
(Día 10)

  • A charla no IES Beade e o Encontro coa Asociación de mulleres rurais de Allariz, é co-organizada por Paz e Desenvolvemento.
  • Na visita institucional ao Concello de Lugo será convidada a ONGD Taller de Solidariedade, por ter participado xunto ao Concello de Lugo nun proxecto do INPRHU en Nicaragua.

 

Setembro 2009 

Fondo Galego e Concello de Vigo asinan convenio de cooperación en Cabo Verde

Baiona, 23 de setembro de 2009.

 
 

A concelleira de Benestar Social do Concello de Vigo, María Méndez, e o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa Gil, asinaron en Vigo o pasado 22 de setembro un convenio de colaboración valorado en 70.000 euros, para o desenvolvemento dun proxecto de abastecemento e saneamento de auga en Cabo Verde, especificamente en San Filipe, na illa de Fogo.

Inicialmente, este convenio estaba valorado en 64.000 euros polo que, co seu actual incremento a 70.000 euros, a execución do mesmo permitirá, en palabras de María Méndez, “que o abastecemento e saneamento da auga achéguese a 127 familias e coa construción de baños nas casas, darase servizo a 57 familias”. Pola súa banda, Alfredo Novoa Gil destacou que Vigo é a cidade galega que máis aportacións realiza ao Fondo Galego.

María Méndez e Alfredo Novoa Gil participaron, xunto a unha delegación do Fondo Galego composta por representantes da súa Secretaría Técnica, no “Encontro de Avaliación do Plano de Acción para Cabo Verde”, seminario realizado o pasado 18 de setembro na Cidade de Praia (Cabo Verde), financiado polo Fondo Galego e coorganizado coa Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos (ANMCV)

Este seminario afirmou unha avaliación do Plan de Actuación para o Fortalecemento da nova administración local no proceso de descentralización de Cabo Verde 2005-2008, definido en 2005 a partir da compilación das achegas realizadas por actores institucionais e da sociedade civil de Cabo Verde, Galicia e mesmo Portugal.

Entre 2005 e 2009, o Fondo Galego e a Xunta de Galicia financiaron un total de 30 proxectos de desenvolvemento en Cabo Verde, que supuxeron un total de 1.095.768, 78 euros.



O Fondo Galego coorganiza seminario sobre cooperación municipalista en Cabo Verde

Baiona, 18 de setembro de 2009.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participará o próximo 18 de setembro na Cidade de Praia (Cabo Verde) no “Encontro de Avaliación do Plano de Acción para Cabo Verde”, seminario financiado polo Fondo Galego e coorganizado coa Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos (ANMCV), onde se realizará unha avaliación do Plan de Actuación para o Fortalecemento da nova administración local no proceso de descentralización de Cabo Verde 2005-2008, definido en 2005 a partir da compilación das achegas realizadas por actores institucionais e da sociedade civil de Cabo Verde, Galicia e mesmo Portugal.

A delegación do Fondo Galego estará integrada polo seu presidente Alfredo Novoa Gil, do Concello de Oleiros, a tesoureira Ángeles Silva, do Concello de Baiona, María Méndez, do Concello de Vigo, e representantes da Secretaría Técnica, cuxa responsabilidade recae no Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). No seminario participará o presidente do Consello Directivo da ANMCV, Francisco Tavares e diversos alcaldes e concelleiros, en representación dos 22 municipios caboverdianos.

Entre 2005 e 2009, o Fondo Galego e a Xunta de Galicia financiaron un total de 30 proxectos de desenvolvemento en Cabo Verde, que supuxeron un total de 1.095.768, 78 euros.



O BiblioFondo entra en funcionamento

Baiona, 14 de setembro de 2009.

Dentro do traballo do Fondo Galego a Área de Sensibilización social ten como obxectivo achegar ás nosas entidades socias materiais e actividades relacionadas coa Cooperación para o Desenvolvemento. O BiblioFondo que hoxe presentamos é parte desta liña de traballo, para fornecer á sociedade galega ferramentas para a reflexión sobre a Cooperación ao desenvolvemento e as súas problemáticas.

O BiblioFondo preséntase cun rexistro inicial de 150 obras, de temáticas variadas, xa sexa por áreas de coñecemento ou xeográficas. Non pode máis que ser visto como outra pata do Fondo Documental do Fondo Galego, que inclúe tamén un VideoFondo, un arquivo específico para revistas e publicacións de ONGDS (memorias, papers, campañas...), e o arquivo histórico das edicións varias producidas desde o propio Fondo Galego en papel, vídeo ou cd-rom.

Sobre o funcionamento do BiblioFondo

O BiblioFondo, igual que o VideoFondo (dispoñible na nosa páxina web) atópase a disposición das entidades socias: para os seus responsables técnicos e políticos, e para calquera traballador da Administración Local, baixo a responsabilidade dos representantes do Fondo no seu Concello. Os gastos de envío e devolución serán asumidos polas persoas interesadas e, de haber algún desperfecto, serían tamén responsables de compensalo.

Actualmente, e para facilitar a consulta dos asociados ate termos un buscador que ofreza maiores finezas na procura, dividimos o BiblioFondo tanto en áreas temáticas, como xeográficas, cuxas categorías se expoñen a seguir.

Área temática:
1. Análise da Cooperación ao Desenvolvemento,
2. Cooperación Descentralizada,
3. Educación para o Desenvolvemento,
4. Cultura de Paz,
5. Xénero,
6. Banda Deseñada/Libros ilustrados,
7. Documentación.

Na área temática nº1 incluímos  baixo o paraugas da categoría “Análise da Cooperación ao Desenvolvemento” diferentes temáticas, como as propiamente técnicas da cooperación relacionadas co ciclo de desenvolvemento do proxecto, a historia da Cooperación ao Desenvolvemento, o enfoque de Dereitos, teorías e ideas, ou sistemas institucionais de desenvolvemento...

O resto de categorías (2,3,4,5,6 e 7) están “remarcadas” ao considerármolas eixos do noso traballo na Área de Sensibilización social. Agardamos que no próximo ano as posibilidades de procura gañen en eficiencia.
Área territorial:
1. Galicia,
2. España,
3. Unión Europea,
4. África,
5. América,
6. Asia,
7-Mundo/Sistema de Nacións Unidas.

Dispomos este outro criterio de procura ao considerar relevante a posibilidade de achegarnos as áreas territoriais de maneira específica, aínda cando en moitos casos, a mesma obra se sitúe xeograficamente en varios puntos á vez, ou simplemente non teña ningunha vocación de análise territorial.


Tamén podes descargar a listaxe en base de datos MS Access.

* O BiblioFondo está en probas polo que rogamos que de ser percibido algún erro, disposición das temáticas, ortográficos... nolo fagan saber. Moitas gracias.


O Fondo Galego apoia acción para a reconstrución de Gaza

Baiona, 09 de setembro de 2009.

 
 

Con motivo da ofensiva aérea e terrestre realizada polas Forzas de Defensa de Israel (FDI) contra o territorio palestino de Gaza entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en colaboración co Comité Español da Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos (UNRWA), abría a conta de emerxencia, no mes de xaneiro, a fin de recadar recursos cos que financiar actividades de reconstrución na Faixa de Gaza.

Ao diñeiro recadado por este medio, xuntábanse as achegas específicas de: Vilagarcía, con 6.000 €, e A Coruña e Ferrol con 10.000 € cada un. Deste modo, a cantidade total para a participación do municipalismo galego nos labores de reconstrución en Gaza estará próxima aos 30.000 €.

Desde 2007, o Fondo Galego e a UNRWA realizan proxectos conxuntos nos territorios onde se atopan refuxiados palestinos. En 2007 iniciouse un proxecto de rehabilitación de vivendas en Cisxordania, co apoio da Consellaría de Vivenda da Xunta de Galicia, xa finalizado. Desde 2008, o Fondo Galego e a UNRWA levan a cabo un proxecto de reconstrución de vivendas e infraestruturas no campamento de refuxiados palestinos da localidade de Neirab, ao norte de Siria.


Os Planos de Igualdade e Equidade de Xénero desenvolvidos en Cabo Verde xa están na rede

Baiona, 08 de setembro de 2009.

 
A técnica de proxectos do Fondo Galego, Ester Castro Cidre (dereita), durante unha xuntanza con membros de ICIEG en Praia, durante unha visita en abril pasado.

Os dous Planos Municipais para a Igualdade e a Equidade de Xénero (PMIEG), que resultaron da implementación do proxecto “Apoio á implementación de Políticas Locais de Igualdade de Xénero”, realizados nos municipios de Praia e Paúl (Cabo Verde) polo Instituto Caboverdiano para a Igualdade e a Equidade de Xénero (ICIEG), co apoio do Fondo Galego, poden ser xa consultados a través na páxina web do Fondo. Pódense ver visitando a sección Proxectos, Resolución 2008 ou Resolución 2009.

O proxecto está practicamente finalizado, a falta dunha visita a Cabo Verde que realizará, entre o próximo 17 e 20 de setembro, a Técnica de Proxectos do Fondo Galego, Ester Castro Cidre, a fin de verificar o remate do mesmo.

Igualmente, débese resaltar a visita que realizarán a Galicia, entre o 13 e 17 de outubro, as representantes María Glória da Silva, Concelleira de Acción Social na Cámara Municipal de Praia, e Vera Almeida, Presidenta da Cámara Municipal de Paúl, para dar a coñecer perante as entidades socias e a sociedade galega os traballos realizados polo ICIEG e o Fondo Galego neste proxecto de igualdade de xénero.

 


Xullo 2009 

A Secretaría do Fondo recibe as ONGDs galegas que serán apoiadas en 2009

Baiona, 15 de xullo de 2009.

Entre os días 9 e 10 de xullo de 2009, a técnica de proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Esther Castro Cidre, recibiu na sede da Secretaría Técnica do Fondo Galego, en Baiona, as persoas responsables das ONGs galegas seleccionadas na Convocatoria 2009 para o Financiamento de Proxectos de Cooperación ao Desenvolvemento e Solidariedade.

Esta convocatoria foi aprobada por unanimidade durante a Asemblea xeral de socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebrada en Santiago de Compostela o pasado 26 de xuño de 2009.

As xuntanzas realizadas entre o pasado 9 e 10 de xullo tiñan como obxectivo a realización de suxestións e recomendacións necesarias para a mellora técnica na formulación dos catro proxectos seleccionados no marco da Cooperación Indirecta 2009. Do mesmo modo, trasladáronselles os compromisos básicos que serán recollidos nos convenios que agora haberán de ser asinados entre o Fondo Galego  e cada unha das ONGDs.

Os proxectos de cooperación indirecta que serán apoiados polo Fondo Galego este ano son:

  1. Mellora das condicións sanitarias na provincia de Inhambane (Mozambique)” coa ONGD “Arquitectos sen Fronteiras”. Proxecto cun orzamento total de 159.635,38 €
  2. Desenvolvemento comunitario urbano en Addis Abeba (Etiopía)”, coa ONGD “Implicadas/os no Desenvolvemento”, cun orzamento total de 45.372 €
  3. “Fomento da participación no marco dos gabinetes do poder cidadán no municipio de Totogalpa, Madriz (Nicaragua)”, coa ONGD “Paz e Desenvolvemento”, cun orzamento total de 87.693,45 €
  4. “A formación sanitaria como vía de desenvolvemento”, coa ONGD “Solidariedade Galega”, cun orzamento total de 30.000 €

 


V Xornadas de Cooperación: Convivio e tormenta de ideas para superar a crise

Baiona, 3 de xullo de 2009.

Por quinta vez na historia do Fondo Galego, foron organizadas as Xornadas anuais de Cooperación. Desenvolvéronse o sábado 27 no Centro Cultural da Deputación de Ourense, dende as 10 da mañá, e as diferentes mesas alongáronse entre debates substanciosos até máis alá das 3 da tarde. As mesas serviron para que aflorasen as fortalezas e as debilidades da cooperación en Galicia, así como os principais desafíos inmediatos, estando sempre moi presente o contexto de crise que vivimos.

Os participantes, representantes das ONGD galegas, xornalistas, consultores, profesores universitarios, responsables políticos e representantes do Fondo Galego, consideraron como imprescindible o impulso dunha maior presenza comunicativa, política e institucional da sensibilización dentro da cooperación ao desenvolvemento, remarcando neste contexto a necesidade de avaliar o I Plano Director da Cooperación Galega 2006-2009, pensando no futuro próximo arredor da socialización da comunicación e a sensibilización dende os nosos niveis máis próximos, a cooperación que desenvolve o Fondo, a localista.

As Xornadas foron un éxito, xa que o convivio entre os diferentes actores e a tormenta de ideas e sensacións que do mesmo se desprende, non pode máis que enriquecer os traballos individuais das
 nosas entidades, e as do conxunto. Como sistema, precisamos de interactuar en común para maximizar as nosas accións.

Enlazamos aquí ao documento de Conclusións que extraemos das Xornadas.


O Fondo Galego sae a rúa en verán: exposición en Caldas de Reis e VideoForum en Valga

Baiona, 2 de xullo de 2009.

O Fondo Galego acaba de presentar a proposta de resolución de proxectos do ano 2009. A miles de quilómetros de distancia, o esforzo solidario dos nosos Concellos  frutifica en proxectos de cooperación, que procuran dignificar a vida de miles de persoas atrapadas nos círculos da pobreza e o chamado subdesenvolvemento.

Non obstante, os esforzos do Fondo esténdense ás rúas do noso país, cunha liña de traballo na área de sensibilización que tenta fornecer aos socios recursos para intervencións sensibilizadoras dende o nivel local, o máis próximo á nosa cidadanía, tanto para que coñezan o traballo que o Fondo fai (lonxe das nosas fronteiras), como para reforzar a consciencia pública sobre os desequilibrios estruturais no mundo do S.XXI.

Nesta liña de intervención, o Fondo alégrase de comunicar aos seus socios, que durante o mes de xullo, os nosos recursos desprazaranse até Valga e Caldas de Reis.

En Valga, durante os meses de xullo e agosto proxectaranse 14 filmes da nosa videoteca, o VideoFondo. As proxeccións realízanse dentro do plan de actividades socioculturais para o verán organizadas polo Concello, e serán reproducidas alternativamente no Auditorio e na Biblioteca municipal, tanto coma no Centro Sociocultural O Pino. Nesta actividade sensibilizadora participarán a redor de 150 nenos.

En Caldas de Reis, dende o día 1 e até o día 15, no Auditorio Municipal estará presente a exposición do Fondo: A paz cuestión de fondo, encadrada en dous eventos diferentes a realizar en Caldas durante este mes: o Festival Cultura Quente (1-15 de xullo), e o Curso de Verán da Universidade de Santiago de Compostela  "INMIGRACIÓN, EDUCACIÓN E TRANSFORMACIÓN SOCIAL (6-10 de xullo).

Animamos dende aquí a todos os socios á circulación dos recursos do Fondo, a que, dende o local, traballemos por facer posible unha transformación universal. Comezando dende a base...

Para recibir información sobre os recursos do Fondo e as súas posibilidades poden consultar no noso web, ou comunicarse con dpalau©igadi.org.


Concellos e Deputacións, solidarios tamén en tempos de crise

Baiona, 1 de xullo de 2009.

O pasado venres 26 de xuño, a Asemblea xeral de Socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aprobou por unanimidade a Proposta de Resolución da Convocatoria 2009, destinada ao financiamento de proxectos de cooperación ao desenvolvemento e solidariedade.

A Proposta de Resolución da Convocatoria 2009 presenta un orzamento total de 653.005, 50 euros, divididos en 150.326,50 € para a Cooperación Directa e 502,679€ para a Cooperación Indirecta.

Para a Convocatoria 2009, a Secretaría do Fondo Galego recibiu un total de 45 proxectos, dos que dez corresponderon a América Central, dous ao Caribe, vinte e un a países sudamericanos e doce a países africanos. Todos eles foron obxecto de análise pormenorizado pola Secretaría, por unha Comisión Técnica do Fondo Galego, pola Comisión Executiva e, finalmente, sometidos á consideración e ratificación da Asemblea Xeral de socios:
           
Cooperación indirecta. Catro proxectos: Mellora das condicións sanitarias na provincia de Inhambane (Mozambique); desenvolvemento urbano comunitario en Addis Abeba (Etiopía); fomento da participación no marco dos gabinetes do poder cidadán no municipio de Totogalpa (Nicaragua); e formación sanitaria como vía de desenvolvemento (Nicaragua)
Cooperación directa. Seis proxectos: Abastecemento de auga e saneamento para as zonas de Cabeça Monte, Inhuco e Lagariça (Cabo Verde); continuidade do proxecto iniciado en 2008 de apoio á implantación de políticas locais con perspectiva de xénero (Cabo Verde);xestión do desenvolvemento sostible en municipios rurais andinos (Perú); continuidade do proxecto, iniciado no 2008, de deseño, execución, aplicación e capacitación de actores educativos para nenas e nenos de educación inicial 4 anos (Perú); continuidade do proxecto, iniciado en 2007, da mellora das condicións de habitabilidade das vivendas do centro histórico de Santiago de Cuba (Cuba); e a reconstrución do campo de refuxiados palestinos de Neirab (Siria), este último proxecto en cooperación coa Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA), dentro dunha cooperación iniciada no 2008.
           
Pode encontrarse maior información de cada un dos proxectos no apartado Resolucións do web do Fondo Galego. Do mesmo modo, a Secretaría conta cun arquivo específico con toda a documentación recibida e orixinada para cada proxecto.   

 


Xuño 2009 

Ultimado o “Plan Maestro” en Santiago de Cuba

Baiona, 7 de xuño de 2009.

A misión do Fondo Galego a Santiago de Cuba, levada a cabo entre finais de maio e primeiros de xuño, respondeu a unha triple necesidade: pechar formalmente o proceso de elaboración do “Plan Maestro para la revitalización de la ciudad histórica de Santiago de Cuba”; analizar o proxecto complementario en curso de mellora da habitabilidade no centro histórico; avaliar o presente e futuro da cooperación co noso parceiro, tendo en conta que agora péchase unha primeira etapa iniciada en 2001. Por outra banda, tratábase tamén de explorar a situación do proxecto de recuperación de casas familiares devastadas polos furacáns Gustav e Ike, en execución na provincia de Pinar del Río.

Na misión participaron: Alfredo Novoa, presidente do Fondo; Xulio Ríos, secretario do Fondo; Anxel Viña Carregal, urbanista e director da Oficina de Planeamento SA; Juan Luis Dalda, profesor da UDC e especialista en urbanismo.

Como é ben sabido, o Plan Maestro é unha das accións de maior significación impulsadas polo Fondo, tanto pola súa contía como pola súa asociación cun modelo de cooperación que asenta nunha identificación do facer local como motor de desenvolvemento e progreso, contribuindo, en termos prácticos, a definir os contornos da nosa cooperación.

Entre as actividades desenvolvidas, cómpre sinalar:

  • Presentouse a edición do libro do Plan Maestro, entregando 100 exemplares á Oficina do Conservador, editados en Galicia e trasladados a Santiago de Cuba para esta ocasión polos integrantes da Misión.
  • Levouse a cabo un Seminario Internacional de presentación do Plan Maestro, no que participaron, ademais do persoal da Oficina do Conservador e responsables da xestión do Plan, representantes de diferentes organismos da cidade responsables de áreas relacionadas coa execución do Plan. O seminario serviu para expoñer avances teóricos, afondar en exemplos comparativos en relación á protección das zonas históricas, detallar algúns pormenores do Plan e, sobre todo, interiorizar a súa importancia e significación de cara a obter o recoñecemento da cidade pola UNESCO.
  • Presentación oficial do documento a máis de 200 delegados do Poder Popular nun acto que foi moi celebrado polos asistentes.
  • Participación na cerimonia de recoñecemento institucional do papel desempeñado polo Fondo Galego na culminación do documento.
  • Presentación e apertura dunha exposición pública sobre os contidos do Plan Maestro, nos baixos do concello de Santiago de Cuba, acaparando moita atención pública.
  • Visita ao Castillo del Morro San Pedro de la Roca, declarado Patrimonio da Humanidade, e outras zonas de valor patrimonial do entorno da bocana da ría de Santiago de Cuba.

En relación ao proxecto de “Mellora da habitabilidade en 78 vivendas do Centro Histórico de Santiago de Cuba”, tamén se desenvolveron algunhas actividades salientables:.

  • Reunión de traballo co equipo responsable da marcha do proxecto a fin de coñecer o estado de realización e as súas principais dificultades (nomeadamente a adquisición dalgúns materiais)..
  • Encontro de avaliación coa participación de representantes da comunidade e do Consejo Los Maceo.
  • Percorrido pola zona obxecto da colaboración, con visitas a diferentes vivendas onde se levan a cabo as diversas actuacións.
  • Avaliación global e indicación das principais urxencias para culminar o proxecto en tempo e forma.

A culminación do Plan Maestro constitúe un fito para a cidade que o aprobará formalmente nas próximas semanas. Os diversos contactos mantidos con algunhas autoridades, en especial, co novo Alcalde, Roberto Solano, dan conta dunha crecente asunción do mesmo no que constitúe unha práctica innovadora no modus operandi do facer local cubano. O empeño da Oficina do Conservador asegura que non será papel mollado. A tal efecto, na reunión de balance co equipo responsable do mesmo suscitouse o problema do acompañamento técnico futuro para o desenvolvemento do Plan, cuestión que haberá que abordar no seu momento, así como a necesidade de contar, ao menos, cun economista na plantilla.

Durante os actos de presentación do Plan Maestro, mantivéronse numerosos contactos cos medios de comunicación local, basicamente radio e televisión.

Asi mesmo, a execución do proxecto no Consejo Los Maceos entrou na súa fase decisiva. Os traballos administrativos e o acopio de materiais están practicamente completados. As maiores dificultades afectaron á madeira, non sempre doada de conseguir, ou a tuberías e algúns accesorios. A execución en curso afecta a unhas 40 vivendas, polo que restarían un total de 38. Facilitouse diversa documentación ao respecto, incluíndo as fichas individualizadas de cada actuación, ademais de explicacións sobre os criterios de elección (ubicación na zona histórica, nivel de afectación, contigüidade a outra actuación en curso financiada pola Junta de Andalucía, nivel de ingresos e situación familiar). Neste sentido, abriuse a posibilidade de utilizar parte do financiamento na compra dalgúns recursos que permitan dar mellor acabado ás actuacións, asumindo que deben abordarse, en todo caso, as 78 vivendas e que non pode rexistrarse ningún exceso orzamentario. A presidenta do Consejo Los Maceos, Elvis Pavó García, resaltou a participación da comunidade na execución, reforzada polas brigadas da Oficina do Conservador e polo acompañamento dos seus técnicos a fin de garantir a idoneidade do executado.


V Xornadas anuais de cooperación: cooperar en tempos de crise

Baiona, xuño de 2009.

 
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade considera da máxima importancia promover escenarios para a reflexión e o debate, espazos de encontro onde os diferentes actores do sistema de cooperación galego poidan xerar dinámicas e análises, que enriquezan e retroalimenten o traballo dos diferentes actores que o compoñen. Neste sentido, o Fondo Galego puña a andar, en 2004, a primeira edición das Xornadas Anuais de Cooperación, que desde entón se veñen celebrando anualmente.

A presente edición, a quinta, desenvolverase en Ourense, no Centro Cultural da Deputación de Ourense, o día 27 de xuño, entre as 10h e as 14:30h. Contará co financiamento da Deputación de Ourense e o Concello de Allariz, e colaboración e participación da Xunta de Galicia, a Coordinadora Galega de ONGD, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), Xornal de Galicia, AID Social Consultores e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).

As V Xornadas Anuais de Cooperación teñen lugar no contexto dunha intensa crise económica que obriga o sistema de cooperación galego a facer un esforzo de pedagoxía e imaxinación, para que a cidadanía perciba a necesidade de, pese a todo, continuar camiñando cara a un mundo mellor, onde o desenvolvemento non sexa un soño ao alcance, tan só, dos países occidentais. Por iso, Cooperar en Tempos de Crise é o lema da presente edición.

O programa das xornadas procura, no marco deste contexto xeral, e tentando dar voz a representantes dalgúns dos principais tipos de axentes do sistema cooperante galego, ten tres obxectivos fundamentais:

  • Avaliar a situación do sector despois da experiencia do goberno bipartito.
  • Sinalar as cuestións máis urxentes da axenda presente e futura.
  • Abordar algunhas das temáticas centrais que caracterizan o modelo galego.

O programa

(descarga en pdf: díptico ,cartaz e báner)

Inauguración (10h-10:15h)
-Moisés Blanco, vicepresidente 2º da Deputación de Ourense.
-Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego.

Mesa 1. A visibilidade da cooperación en Galicia: ¿non sabemos “vender”? (10:15h-11:15h)
Moderada por Pilar Gallego, da Comisión Executiva do Fondo Galego.
- Laura García, técnica de sensibilización da Secretaría Técnica da Coordinadora Galega de ONGD.
- Luís Pemán, de Análise e Desenvolvemento Social Consultores.
- Juan de Sola, presidente da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios.

Mesa 2.  A cooperación galega e o minifundismo asociativo: ¿O tamaño importa? (11:15h-12:15h)
 Moderada por Luís Pemán, de Análise e Desenvolvemento Social Consultores.
- Guillermo Otero Piñeiro-Maseda, xefe do servizo de Formación e Coordinación Institucional da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.
- Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego.
-José Luis Pastoriza, técnico de proxectos da Secretaría Técnica da Coordinadora Galega de ONGD.

Mesa 3¿Qué significa calidade da cooperación? (12:30h-13:30h)
Moderada por David Reinero, xornalista de Xornal de Galicia.
-Carlos Teijo, profesor da Universidade de Santiago de Compostela.
-Xosé Manuel Pérez, membro da Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONGD.
-Lourdes Suárez, Traballadora social do Concello de Arteixo.

 Mesa 4.  A axenda dos próximos 4 anos da cooperación galega (13:30h-14:30h).
Moderada por Santiago Urréjola, da Universidade de Vigo.
- Guillermo Otero Piñeiro-Maseda, xefe do servizo de Formación e Coordinación Institucional da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.
- Ánxelo González, vicedirector do IGADI (Secretaría Técnica do Fondo Galego).
- Xosé María Torres, presidente da Coordinadora Galega de ONGD.

     

 

Maio 2009 

Un paso máis para a resolución da Convocatoria de proxectos 2009

Baiona, 27 de maio de 2009.

O pasado venres 22 de maio reuniuse na sede da Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en Baiona, unha Comisión Técnica, co fin de avaliar os proxectos recibidos pola entidade con motivo da convocatoria do presente ano, 2009. Dos 45 proxectos recibidos, 17 foron os considerados pola Comisión, por seren os únicos que cumprían cos requisitos mínimos establecidos na convocatoria. 

A Comisión Técnica, cuxa composición era acordada pola Executiva do Fondo Galego en reunión ordinaria o pasado 8 de maio, estivo formada por: Lourdes Suárez (Concello de Arteixo); María Concepción Daporta (Concello de Baiona); María Jesús Santos (Deputación de Pontevedra); María José Thomas (Concello de Vigo); Susana Maceiras(Deputación de Lugo); e Ester Castro (técnica de proxectos da Secretaría Técnica do Fondo Galego). Asistiron tamén Xulio Ríos e Ánxelo González, da Secretaría Técnica do Fondo Galego. Desculparon a súa ausencia Paula Prados (Concello de Ferrol) e Antonio García (Deputación da Coruña) 

 A comisión consensuou unha proposta de resolución que será sometida o próximo 8 de xuño a avaliación por parte da Comisión Executiva, que elevará a proposta de resolución definitiva á Asemblea Xeral Extraordinaria, prevista para o próximo 26 de xuño, que realizará a escolla definitiva dos proxectos a seren financiados polo Fondo Galego. 


Tierra de Niñ@s, de Perú a Galicia

Baiona, 21 de maio de 2009.

A ONGD Tierra de Niños, parceira do Fondo Galego en Perú, visita Galicia do sábado 23 ao venres 29 de maio. Premendo aquí pódese acceder ao programa da visita, que pretende acrecentar os vínculos entre ambas partes, así como dar a coñecer o labor feito en Perú.

Programa da visita de “Tierra de Niños” a Galicia
(Delegación composta por Tatiana Rubio, José María López e Henry Cupe)

Sábado 23 de maio – Venres 29 de maio de 2009

Sábado 23

11:00

Chegada a Vigo. Traslado ao hotel

13:30

Recepción institucional no concello de Cangas. Visita pola vila

19:00

Recepción institucional en Porriño. Asistencia ao Festival de Cine de Cans

Domingo 24

11:00

Recepción institucional en A Guarda. Visita pola vila

14:00

Visita polo Norte de Portugal

Luns 25

12:00

Reunión co Presidente do Fondo Galego na FEGAMP, en Santiago de Compostela

14:00

Visita por Santiago de Compostela

Martes 26

11:00

Visita pola Ribeira Sacra

13:00

Recepción institucional no Concello de Monforte de Lemos

18:30

Recepción institucional na Deputación de Lugo.

19:00

Conferencia na Cova da Terra, Lugo

Mércores 27

10:30

Recepción institucional no Concello de Mondoñedo. Reunión con representantes dos concellos da comarca

12:30

Charla no I.E.S. San Rosendo, de Mondoñedo

16:00

Recepción institucional no concello de Valadouro

16:30

Rolda de prensa en Valadouro

Xoves 28

10:30

Recepción institucional no Concello d’A Coruña

11:30

Charla no Centro de F.P. Tomas Barro do Concello d’A Coruña

20:00

Conferencia na Casa Museo Casares Quiroga, Coruña, xunto a Chus Gutiérrez e Mar Barreiro (VcT 2008 e 2007)

Venres 29

10:30

Recepción institucional no Concello de Pontevedra. Rolda de prensa

12:00

Charla no Concello de Pontevedra

16:00

Despedida de Santiago de Compostela

 


Resolución definitiva do programa “Vacacións con Traballo 2009”

Baiona, 14 de maio de 2009.

Nos doce anos de vida do Fondo Galego foron 116 os proxectos desenvolvidos en máis de 20 países. Estes proxectos inclúen a reconstrución de zonas devastadas por catástrofes naturais como as do maremoto de Sri Lanka en 2004 ou as dos furacáns de Cuba en 2008. Amais destas actividades, outras inclúen a edición de materiais e a organización de eventos participativos entre os países do Norte e os países do Sur. Un destes programas que inclúen o traslado de información e traballo entre zonas é o chamado “Vacacións con Traballo”, unha proposta que busca o intercambio de coñecementos entre profesionais galegos e os parceiros do Fondo Galego naqueles países nos que se colabora, contribuíndo a unha maior implicación por parte dos organismos públicos, así como mellorando a visibilidade e a claridade dos proxectos. A idea é que catro persoas vinculadas ao organigrama municipal de Galicia pasen o seu mes de vacacións traballando nun dos países elixidos: Cabo Verde, Cuba, Nicaragua ou Perú. Durante este período, a Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, a Oficina do Conservador de Santiago de Cuba, o Instituto de Promoción Humana (INPRHU), e Tierra de Niños compartirán o seu espazo de traballo coas catro persoas seleccionadas en Galicia, que compartirán os seus coñecementos teóricos e prácticos, coas entidades de acollida.

Neste ano 2009, a convocatoria de dito programa, “Vacacións con Traballo”, supuxo unha maior participación con respecto a anos anteriores. Así, nesta ocasión, foron trece as persoas que solicitaron formar parte do programa, tres máis có ano pasado. As Deputacións de Lugo e Pontevedra, así como o Concello de Cangas foron as entidades socias das que máis solicitudes se recibiron (tres da Deputación de Pontevedra e dúas da Deputación de Lugo e do Concello de Cangas). Os outros municipios, cuxo persoal técnico decidiu presentarse ao programa foron os seguintes: Culleredo, Cuntis, Ferrol, Guitiriz, Pontecesures e Xove.

Debido ao importante número de persoas que este ano se presentaron á convocatoria, amais da calidade das mesmas, contando con xente cunha ampla experiencia tanto en Galicia como fóra, a elección das catro persoas que gozarán desta experiencia foi complicada. Unha vez avaliados os documentos presentados: carta de motivación e CV actualizado, incluíndo nestes a experiencia relativa ao labor a realizar nos diferentes países, as persoas seleccionadas foron as seguintes:

- Rosa Lage Candura, do Concello de Xove, irá a Cabo Verde
- Jorge Duarte Vázquez, do Concello de Pontecesures, irá a Cuba
- Sara Pérez Fernández, da Deputación de Lugo, irá a Nicaragua
- Marta Richarte Carballo, do Concello de Cangas, irá a Perú

Con isto, quérese dar continuidade a este proxecto e que sirva para animar a outras persoas a participar en convocatorias futuras. Tal e como se veu facendo nos anos anteriores, á volta destas catro persoas, as súas experiencias serán vertidas nun caderno onde anoten todo o que atoparon de máis relevo na viaxe e no traballo. Amosando así, o bo labor exercido por todas as entidades colaboradoras, e as ganas e motivación de todas as persoas participantes.


“Somos como compramos”. O Fondo Galego co Comercio Xusto

Baiona, 13 de maio de 2009.

 
 

O Fondo Galego sumouse ás diferentes actividades organizadas ao redor do “Día Internacional do Comercio Xusto”, o 9 de Maio, e por tal motivo, o día 7 leuse un bando e un manifesto para lembrar a importancia da loita contra as desigualdades. Este acto inaugural, que tivo lugar na cidade d’A Coruña, contou coa presenza de Ermitas Valencia, Concelleira de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística, do propio concello; amais de Alfredo Novoa e Xulio Ríos, presidente e secretario do Fondo Galego respectivamente.


Alfredo Novoa destacou a manifesta solidariedade da poboación galega e sinalou a importancia do Comercio Xusto como unha vía privilexiada para traballar, dun xeito eficaz, a prol dunha redistribución xeográfica da riqueza o máis equitativa posible. Tamén sinalou a necesidade de eliminar os efectos discriminatorios que se derivan da orde económica internacional actual, na que as persoas e o ambiente están a sufrir as consecuencias dun consumismo descarnado.


Na presentación, Xulio Ríos fixo lectura dun bando escrito pola poeta Yolanda Castaño, titulado “Somos como compramos”. A escritora non podía acudir persoalmente ao evento por motivos de saúde. No texto, marcaba a importancia de darlle o seu lugar de privilexio a ese gran de café ou a ese anaco de tea que “sosteñen ao seu redor un mundo enteiro”. Cómpre, apuntaba, curar esa miopía que nos impide ver as imposicións do mercado e que nos fai cómplices de males tales como a precariedade laboral ou os míseros salarios. Por iso, o Comercio Xusto non é máis que unha realidade vital, é a concienciación de que todos e todas somos produtores e consumistas, que todos e todas temos necesidades, e é por iso que temos que respectalas e ser responsables do seu uso correcto.


Amais da lectura do bando, o acto estivo acompañado dun cátering de produtos de Comercio Xusto da ONGD Amarante-Setem, coa que o Fondo Galego ten asinado un convenio para promover o comercio de café xusto; un programa chamado “Bo Café” e que chegará ás entidades socias durante as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria (RMS) deste primeiro semestre do ano.


Finalizan os cursos de “Cooperación e Educación para o Desenvolvemento”

Baiona, 13 de maio de 2009.

 
 

O luns 11 de Maio déronse por rematadas as xornadas didácticas de “Cooperación e Educación para o Desenvolvemento”. Comezaran a finais do ano pasado e, divididas en dúas partes, veñen de concluír. O curso, que contaba cunha carga lectiva de 20 horas e cun diploma outorgado pola EGAP, versou sobre a cooperación e os axentes que a fan realidade, así como sobre os métodos empregados para que esta sexa o máis efectiva posible. Nesta última parte, afondouse no papel dos organismos implicados no desenvolvemento, e no cadro ou marco lóxico, como modelo empregado internacional e maioritariamente para xestionar o ciclo do proxecto.

Nas catro sesións celebradas durante este primeiro cuadrimestre do ano, a participación foi moi baixa. En cifras, o número total de persoas asociadas ao Fondo Galego que acudiron ás xornadas non chega ao 10%.


Visita do Fondo Galego a Cabo Verde

Baiona, 12 de maio de 2009.

 
Delegación Técnica do Fondo Galego nun momento da visita en Cabo Verde. De esquerda a dereita: Enma Sánchez (Concello de Arteixo), Susana Maceiras (Deputación de Lugo), Esther Castro (Técnica de Proxectos do Fondo) e Sagrario Liaño (Deputación da Coruña)

Entre o día 22 e 28 de abril unha Delegación Técnica do Fondo Galego desprazouse a Praia,  capital do arquipélago de Cabo Verde. Estaba composta por Enma Sánchez, do Concello de Arteixo, Sagrario Liaño, da Deputación da Coruña, Susana Maceiras, da Deputación de Lugo, e Esther Castro, técnica de proxectos da Secretaría Técnica.

O principal obxectivo desta visita consistiu na participación no Seminario de Póliticas de Xénero, actividade que constitúe a última fase do proxecto “Apoio á implementación de Políticas Locais de Xénero”, executado polo Instituto Caboverdiano para a Igualdade e a Equidade de Xénero (ICIEG), co apoio do Fondo Galego de Cooperación.

Este Seminario tiña como obxectivo fundamental o intercambio de experiencias entre as mulleres que representaban o Fondo Galego e concelleiros/as dos 22 municipios de Cabo Verde. Entre estes últimos cabe destacar a implicación da Cámara Municipal de Paúl e de Praia, beneficiarios directos do proxecto.

As principais leccións extraídas do encontro foron as que seguen:

    • Introducir a perspectiva xénero nas políticas locais, máis que un proceso de planificación é un proceso de transformación cultural;
    • Abordar a mudanza das prácticas tradicionais no que respecta ás relacións socialmente construídas en función do sexo, é un proceso que só pode desenvolverse se existe un elevado nivel de interese persoal dos líderes e equipos dos concellos;
    • Introducir a perspectiva de xénero nas políticas locais, exixe perspectivar o traballo para dar respostas ás necesidades específicas das mulleres e dos homes e tomar en consideración os efectos diferenciados que as accións terán sobre unhas e outros;
    • Os Planos Municipais de Igualdada e Equidade de Xénero son instrumentos que poden ir evoluíndo progresivamente, que transcenden a institución municipal xa que a súa execución envolve as comunidades, a familia e a sociedade en xeral.

Tras a realización do Seminario mantívose un encontro con ICIEG para valorar o proxecto e constatar dunha forma máis detallada a evolución do mesmo. Nesta reunión, ICIEG expuxo como, tanto o equipo do Concello de Paúl como o de Praia, participaron dunha forma activa no proceso de  recollida de datos, así como de identificación das “lagoas” de información que permitiron completar o diagnóstico da situación (descrición, análise, identificación dos problemas). A partir de aí puidéronse definir conxuntamente cos equipos de traballo e ICIEG os obxectivos estratéxicos, elaboración da matriz de execución dos Planos na que consta a definición dos obxectivos específicos, responsables e parcerios, progresión anual, resultados, indicadores e recursos que se precisan, así como o deseño do sistema de seguimento e avaliación.

Esther Castro tamén visitou a ONG CITI-HABITAT, coa finalidade de valorar e recabar información sobre o desenvolvemento do proxecto “Conexión á rede de abastecemento de Auga do barrio Ponte d´Agua-II Fase”, apoiado polo Fondo Galego conxuntamente coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia. Este proxecto ten como obxectivo contribuír á mellora do estado sanitario das familias beneficiarias a través da conexión das súas casas á rede de abastecemento de auga xa existente.

As actividades preparatorias do mesmo tiveron inicio en xullo 2008, coa divulgación das actividades enmarcadas no proxecto a través da radio Ponte d´Agua e a inscrición dos/as beneficiarios/as. Foi elaborado un programa de traballo conxunto, que incluíu o mapeamento e a identificación das casas dos/as beneficiarios/as. Tamén se realizou unha enquisa socioeconómica ás familias, a fin de identificar quen non podía coparticipar nos custos de contrato e conexión que son cobrados pola compañía de auga Electra.

A execución dos traballos físicos, tales como: abertura de foxos, instalación de tubaxes e conexións externas e internas coa colocación de billas e portas, tivo inicio a mediados de agosto e continúan co traballo para rematar no vindeiro mes de Xullo.

Cabe engadir que durante as xuntanzas cos parceiros estiveron presentes os medios de comunicación do país a fin de divulgar o papel do Fondo Galego tanto no eido galego como caboverdiano.

Amais, aproveitouse a visita ao país para contactar con actores clave no terreo, a fin de avanzar e preparar posibles alianzas e traballos futuros. Estas institucións foron: Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde, Cámara Municipal de Praia, Oficina Técnica da Axencia Española de Cooperación Internacional e a Dirección Xeral de Cooperación Internacional de Cabo Verde.

 


VideoFondo: Unha completa colección de fondos a disposición das entidades socias

Baiona, 6 de maio de 2009.

O Fondo Galego dispón dun importante número de películas (en formato DVD), para o visionado de todas as persoas socias. A listaxe destas películas podedes consultala aquí, coa idea de que as pidades para darlle así movemento a esta biblioteca e un uso didáctico e de aprendizaxe ao material. Longametraxes, curtametraxes e documentais compoñen este fondo videográfico que funcionará do mesmo xeito que as exposicións; é dicir, calquera persoa socia poderá solicitar películas para o seu concello ou deputación, facéndose cargo dos gastos de envío e devolución. Así mesmo, estase a preparar un documento co fondo bibliográfico, que estará á vosa disposición en próximas datas.


Galicia solidaria. O sistema galego de cooperación ao desenvolvemento

Baiona, 1 de maio de 2009.

 
Galicia Solidaria. Xulio Ríos, Carlos Teijo (eds.), edicións Xerais de Galicia, 2009, Vigo, 332 páxinas.

Galicia Solidaria é un libro de autoría colectiva que analiza o sistema galego de cooperación ao desenvolvemento desde unha visión panorámica, abordando a súa evolución e manifestacións desde a opinión reflexiva dos propios protagonistas e a partir de diferentes ópticas. O papel institucional, a axuda humanitaria, o comercio xusto, os medios de comunicación, a educación, o contexto galego, o sistema internacional, a acción exterior, a evolución, o marco normativo…, son algúns dos temas que se dan cita neste libro onde se pon de manifesto que é posible mudar o mundo.

A cooperación é un instrumento transformador que contribúe non só a mellorar o estatus das persoas desfavorecidas, senón tamén a sementar unha conciencia crítica e solidaria sobre o mundo.

As sociedades desenvolvidas temos unha especial responsabilidade á hora de promover unha orde internacional máis xusta e equitativa. Desde Galicia, persoas, colectivos, entidades e institucións impulsan diferentes dinámicas de cooperación internacional que tratan de acompañar os procesos de desenvolvemento nos países do Sur, ao tempo que promoven iniciativas dirixidas á cidadanía galega para alentar o compromiso e o fomento destas políticas. Este libro explica todas as claves.

Froito do programa de investigación do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org) sobre cooperación ao desenvolvemento, colaboraron na edición: Manuel Dios, Juan Carmelo García García, Fidel Martín, Rosa Muñiz Castro, Enrique Peña, Margarita Pérez Herráiz, David Reinero, Virxinia Romero, Susana Ruíz Seisdedos e Xavier Sánchez Pazos. A concepción e edición foi obra de Xulio Ríos e Carlos Teijo, autores tamén de varios capitulos do volume.


9 de maio, Día Internacional do Comercio Xusto

Baiona, 1 de maio de 2009.

O 7 de maio, co gallo do Día Internacional do Comercio Xusto, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en colaboración coa Concellería de Xuventude, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, presentará publicamente dous documentos: o primeiro, un manifesto que expresa o compromiso cuns intercambios comerciais respectuosos coas persoas, coas súas culturas e cos seus entornos, resaltando o papel fundamental dos poderes locais neste eido; o bando municipal, elaborado pola poeta Yolanda Castaño, resalta a importancia da educación e da promoción dos verdadeiros produtores para convertelos en protagonistas dun novo intercambio comercial, “de maneira que non sexan xa fontes mudas e manipulables”.

arquivo pdf Bando Comercio Xusto
arquivo pdf Manifesto Día Internacional do Comercio Xusto

 


Abril 2009 

 

Cooperación ao Desenvolvemento e Medio Ambiente

Baiona, 30 de abril de 2009.

 
 

O pasado 25 de abril, Pilar Gallego, vocal do Fondo Galego, participou nun curso práctico, celebrado en Ourense, baseado na cooperación no eido medioambiental. Tal e como explicou Pilar Gallego na súa intervención, o Fondo Galego leva doce anos participando en proxectos cuxo fin principal é a defensa e o control do deterioro medioambiental. Neste tempo, investíronse preto de 90.000 € en distintas actuacións en Bolivia, Cabo Verde, Ecuador, Nicaragua e Perú.

En Bolivia desenvolvéronse dous proxectos: nun primeiro creáronse as infraestruturas necesarias para o ecoturismo, promovendo o uso sostible dos recursos naturais e a conservación do patrimonio cultural; nunha segunda fase combináronse actividades de conservación da natureza co desenvolvemento de técnicas gandeiras de baixo impacto.

En Cabo Verde organizáronse cursos e actividades destinadas a conseguir as capacitacións necesarias para incentivar a pesca artesanal en detrimento dos cortadores de mangle. Amais, apoiouse a elaboración dos Plans Directores Ambientais.

En Ecuador apoiouse a produción agropecuaria, fortalecendo as comunidades da zona de traballo, e facendo sustentable o bosque húmido tropical.

Por último, en Nicaragua potenciouse o manexo racional dos recursos naturais, contribuíndo ao proceso de desmobilización dos cortadores de mangle; e en Perú levouse a cabo un proxecto de turismo solidario, que consistiu na realización de actividades de capacitación de guías para promover o turismo medioambiental e solidario.


 

Recupéranse as Xornadas de Cooperación

Baiona, 15 de abril de 2009.

O martes 14 de abril reuniuse a Comisión Executiva do Fondo Galego en Santiago. Durante a xuntanza enumeráronse as actividades que se están a realizar, así como os proxectos a abordar nos próximos meses.

Unha das máis importantes decisións tivo que ver coas Xornadas de Cooperación, unha iniciativa que tivo boa acollida nas catro edicións anteriores, pero que deixou de celebrarse no ano 2008. Por este motivo, acordouse impulsar a celebración da V Edición destas Xornadas de Cooperación para o vindeiro mes de xuño.

En canto á convocatoria de proxectos, comentáronse brevemente as propostas recibidas, que serán avaliadas por unha comisión técnica composta por diferentes membros dos Concellos e Deputacións asociados ao Fondo Galego. A proposta resultante da tal avaliación será entregada á Comisión Executiva, que a exporá ao conxunto do tecido asociativo nunha Asemblea Extraordinaria que terá lugar o próximo 26 de xuño, onde se aprobará a resolución definitiva.


Celebrouse a Asamblea Xeral de socios

Baiona, 03 de abril de 2009.

  De esquerda a dereita: Anxelo González, do IGADI, Natalia Puga e Juan de Sola, da AGARESO.
 

O pasado venres 27 de marzo, na sede do Fondo Galego (FEGAMP), en Santiago de Compostela, tiña lugar a Asemblea Xeral ordinaria, á que asistiron diferentes representantes das entidades socias.

Após un breve discurso de benvinda do presidente, Alfredo Novoa, a Comisión Executiva, representada polo propio presidente, a tesoureira, Ángeles Silva, e o secretario, Xulio Ríos, daba conta das actividades desenvolvidas pola asociación durante o ano 2008, incluíndo o balance de contas, aprobado por unanimidade.

A Asemblea procedía, posteriormente, a ratificar as altas de Burela, Melide, Moraña, Ponteareas, Ramirás, Riotorto, Salceda de Caselas, Teo, Valadouro, Xove e a Deputación de Lugo. Ademais, acordaba dar de baixa, por impago das cotas dos anos 2006, 2007 e 2008 aos concellos de Carral, Ribadavia, A Cañiza, O Rosal, e Salvaterra de Miño. Baixas por impago que dalgún modo contrastaban coa suxestión da alcaldesa do Concello de Ramirás, Pilar López, de aumentar as cotas anuais mínimas, por consideralas baixas.

O órgano soberano do Fondo Galego aprobaba tamén por unanimidade a non renovación da Comisión Executiva, inicialmente prevista, en tanto non sexan clarexadas algunhas incógnitas orgánicas e institucionais, actualmente a expensas das transicións abertas como consecuencia das eleccións do 1 de marzo.

Dábase conta, finalmente, da importancia de axilizar as transferencias pendentes dos socios ao Fondo Galego, a fin de dotalo da liquidez necesaria para encarar con solvencia os compromisos que se derivarán da convocatoria de proxectos, actualmente aberta. Igualmente, salientouse a necesidade dunha implicación activa dos asociados tanto no eido da sensibilización como no financiamento dos proxector para garantir unha maior socialización da importancia deste eido da acción pública por parte dos equipos de goberno, as Corporacións en pleno, e ata dos propios empregados locais e a cidadanía en xeral.



Reporteir@s solidari@s

Baiona, 01 de abril de 2009.

  De esquerda a dereita: Anxelo González, do IGADI, Natalia Puga e Juan de Sola, da AGARESO.
De esquerda a dereita: Anxelo González, do IGADI, Natalia Puga e Juan de Sola, da AGARESO. 

No pasado 1 de abril, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), visitaba a sede da Secretaría Técnica do Fondo Galego, en Baiona, a fin de presentar o seu proxecto e coñecer mellor o traballo desenvolvido pola asociación municipalista. A reunión servía para evidenciar que existen ámbitos de mutuo interese en que se poderían establecer parcerías no futuro.

AGARESO (www.agareso.net) é unha organización sen ánimo de lucro formada por 54 xornalistas, fundamentalmente galegos, cunha forte sensibilidade en relación ás desigualdades e as situacións de extrema necesidade que sofre a maior parte da poboación mundial. Desenvolven accións de sensibilización propias, pulan por que o subdesenvolvemento e as accións desenvolvidas para revertelo teñan maior espazo nos seus medios, e colaboran en accións doutras organizacións a fin de aumentar a súa repercusión mediática.


 



Marzo 2009 


 

O Fondo Galego prepara a súa participación nun Seminario de Políticas de Xénero en Cabo Verde

Baiona, 30 de marzo de 2009.

A partir de Xuño do ano 2008, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio dos Concellos de Culleredo e Vilagarcía de Arousa e as Deputacións de Lugo e A Coruña, integra unha abordaxe de xénero na planificación das políticas locais en Cabo Verde, impulsando o proxecto “Apoio á implementación de políticas locais con perspectiva de xénero” levado a cabo polo Instituto Caboverdiano para a Igualdade e Equidade de Género (ICIEG).

O resultado final deste proxecto será a elaboración de dous Planos de Igualdade e Equidade de Xénero que sirvan de base para a execución de accións específicas para promover a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres, incluíndo accións de discriminación positiva, establecemento de cotas e a penalización da violencia de xénero, nos municipios de Praia e Paul, en Cabo Verde.

No marco deste proxecto, e como actividade anterior á publicación dos Planos de Igualdade e Equidade de Xénero, estase a organizar o “Seminario de Políticas de Xénero en Cabo Verde”, que procura un intercambio de experiencias relativas á realidade local galega e caboverdiana, no que respecta á planificación, implementación, seguimento e avaliación das políticas de desenvolvemento local nunha perspectiva de xénero.

No seminario participarán, da parte galega, as seguintes representantes dos concellos socios do Fondo Galego:

  • Susana Maceiras (Deputación de Lugo): En 2006 comezou a traballar no ámbito da igualdade, formando parte do gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar na Xunta. Na actualidade é a responsable do departamento de Benestar, Igualdade e Xuventude da Deputación Provincial de Lugo.
  • Sagrario Liaño (Deputación da Coruña): Traballa na Xefatura da Sección de Servizos Sociais da Deputación Provincial da Coruña, onde se ocupa tamén da sección das Políticas de Igualdade de Xénero.
  • Enma Sánchez (Concello de Arteixo): Traballan o departamento de servizos sociais de atención primaria no programa de intervención familiar e programa de axuda a domicilio municipal. Dende 2004, dirixe o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Arteixo.

Ademais, pola Secretaría Técnica do Fondo Galego, viaxará ao arquipélago africano Esther Castro Cidre como Técnica dos Proxectos que desenvolve o Fondo nos diferentes paises segundo a súas áreas estratéxicas.

Todas as participantes contan con experiencia na elaboración e implementación de Planos Municipais de Igualdade e Equidade de Xénero, estando capacitadas para intercambiar experiencias de intervención e expor os beneficios que se derivan de planificar e actuar cunha perspectiva de xénero.

O pasado venres, 27 de marzo, organizouse dende a Secretaría Técnica do Fondo unha xuntanza coas tres participantes galegas no seminario para aclarar o marco no que se desenvolve o Seminario Políticas de Xénero, organizar os asuntos a tratar e aprontar a loxística da viaxe.


 

6ª Comisión de Comercio Xusto. Expectativas dubidosas.

Baiona, 25 de marzo de 2009.

No pasado 18 de marzo reuníase, por sexta vez desde o seu nacemento, a Comisión de Artellamento e Promoción do Sector do Comercio Xusto en Galicia, da que fai parte o Fondo Galego. Posta a andar en 2008 pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior, e integrada por representantes dos diversos sectores vinculados co Comercio Xusto e a súa promoción, ten desenvolvido durante estes meses un papel importante como foro de encontro e de impulso de ideas neste ámbito.

Na reunión deuse o visto e prace definitivo aos novos indicadores relacionados co Comercio Xusto e a solidariedade que serán incluídos nas enquisas do Instituto Galego de Estatística. Do mesmo modo, deuse conta da presentación, nas próximas semanas, da Guía de Actividade Empresarial dedicada ás tendas de Comercio Xusto, cuxo texto será aínda examinado por membros da Comisión.

Infelizmente, a existencia de dificultades de coordinación e financiamento impediron que se chegase a consensuar algunha actividade a desenvolver en común con motivo do Día do Comercio Xusto, que este ano terá lugar no 9 de maio. Asumiuse, no entanto, o compromiso de voltar a tentalo no ano próximo.

Durante a reunión pairou a incerteza sobre a continuidade da Comisión, que dependerá da vontade do novo goberno da Xunta. De calquera forma, acordouse colocar sobre a mesa do novo executivo o interese que para os seus membros ten a pervivencia da Comisión.


Presentado o Informe Zero:
“a cooperación botou raíces e medrou cara abaixo, agora debe crecer cara arriba”

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2009.

 
 
 

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación presentouse o Informe Zero da cooperación mnicipalista galega no Club Internacional de Prensa de Santiago de Compostela. No acto, Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, remarcou a importancia deste Informe, o primeiro do seu xénero en Galicia, e singularmente valioso por ofrecer unha primeira radiografía empírica e analítica do compromiso cooperante dos concellos e deputacións de Galicia. Pola súa banda, Xulio Ríos, director do IGADI, destacou as primeiras constatacións que recolle o documento, salientazo: o incremento da participación dos concellos e deputacións na cooperación internacional; a presenza de dous modelos (individual e cooperativa) e dúas modalidades (directa e a través de ONGDs); a significación do modelo que está a medrar (Fondo Galego); a escasa formalización interna da cooperación (tanto en termos de orzamento como nos organigramas municipais); a adscrición desta área ao ámbito dos servizos sociais, o que revela a súa concepción como extensión internacional das políticas de benestar e non de acción exterior; a incapacidade para completar o ciclo do proxecto, só ao alcance a través da estrutura do Fondo Galego; a febleza dos mecanismos de participación social; a reducida dotación orzamentaria que por termo medio rolda o 0,07%; a escasa implicación en accións de emergencia; unha aposta crecente polo comercio xusto e polas actividades de sensibilización; e un significativo aumento da África lusófona como destino destacado. Asi mesmo, Xulio Ríos destacou do informe catro suxestións cara futro: máis orzamento, máis capacitación, máis participación social, e máis especialización (xeográfica, temática e orgánica).

Resumindo o estado da cuestión, tanto Alfredo Novoa como Xulio Ríos, consideraron que o informe indica que a cooperación internacional botou raíces no mundo local, creceu cara abaixo, agora é cousa de que creza cara arriba e a unha velocidade superior á manifestada nos últimos tempos.


 

Asemblea xeral socios

Baiona, 12 de marzo de 2009.

De conformidade co previsto no artigo 9 dos Estatutos do Fondo Galego, foi convocada a Asemblea Xeral ordinaria para o próximo día 27 de marzo. Terá lugar na sede da FEGAMP, situada en Área Central, r/ Varsovia, 4ºC, 6ª andar), ás 11.30h en primeira convocatoria e ás 12h en segunda. A orde do día establecida é a que se detalla a seguir:

1. Informe da Comisión Executiva presentado polo Presidente.
2. Proposta de Ratificación de altas e baixas.
3. Aprobación do Balance económico.
4. Remodelación da Comisión Executiva.
5. Rogos e preguntas.

Prégase a asistencia, dada a relevancia dos asuntos a tratar e a importancia de que todas as entidades que conforman a asociación participen no seu devir.


Cotas 2009

Baiona, 12 de marzo de 2009.

Durante os primeiros días de febreiro, a Secretaría Técnica do Fondo Galego procedeu ao envío a todas as entidades socias dos recibos das cotas correspondentes ao ano 2009. Ademais, deuse conta deste feito aos membros das corporacións municipais e provinciais que fan as veces de representantes perante o Fondo Galego.

Convén lembrar a importancia de que o abono das cotas se produza na maior brevedade posible, para garantir a liquidez da asociación. Especialmente tendo en conta que en poucas semanas deberá librarse unha cantidade notable de recursos en concepto de anticipo a aquelas ONGs cuxos proxectos vaian ser financiados polo Fondo Galego.

Neste arquivo podes consultar a listaxe de debedores a 9 de marzo de 2009.


Impulso ás actividades da Confederación de Fondos

  Alfredo Novoa e Pilar Gallego, da Executiva do Fondo, na reunión de Sevilla
Alfredo Novoa e Pilar Gallego, da Executiva do Fondo,
na reunión de Sevilla
 
Baiona, 7 de marzo de 2009.

 
Reuniuse en Sevilla a Confederación de Fondos, entidade na que tamén participa o Fondo Galego. Neste encontro, celebrado o pasado día 6, aprobouse un ambicioso Plan de Traballo para o presente ano que contempla o fortalecemento da Confederación como espazo de coordinación e representación dos Fondos. Igualmente, decidiuse promover os Fondos como marca de calidade da cooperación descentralizada municipal, proxectando unha nova web, un Observatorio e novas publicacións. Asi mesmo, acordouse a creación dunha Xunta de Presidentes dos Fondos co obxecto de mellorar a presenza dos Fondos no eido da representación e garantir a participación nos diversos foros, tanto no estatal como no internacional, onde se debate sobre a cooperación descentralizada.

Para acadar este obxectivo dun novo impulso, a Confederación decidiu introducir algunhas modificacións na súa estrutura interna, potenciando o labor de coordinación e instituindo dous grupos de traballo (comunicación, difusión, web e observatorio; e intercambio-instrumentos, xestión de proxectos e harmonización) que deben garantir o acompañamento da cooperación a nivel local, adecuado a ese esforzo global que dende o poder público se está a facer neste eido no conxunto do Estado.

Na xuntanza de Sevilla deuse tamén o visto e prace á sinatura dun convenio de colaboración entre a Confederación de Fondos e o Programa ART do PNUD (Nacións Unidas).


 

  Rede Municipalista Mos; clic para aumentar
 
Cooperación e sensibilización teatral

Baiona, 6 de marzo de 2009.

O xoves 5 de marzo tivo lugar, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), en Vigo, unha charla-curso sobre a cooperación e o desenvolvemento. Durante máis de tres horas debateuse sobre estes temas, así como sobre o papel do Fondo Galego no terreo. Deste xeito, intentouse aportar ideas e datos para que as alumnas e os alumnos que se están a formar como actrices e actores enfoquen o proxecto “Teatracción” dun xeito que o público receptor deste convenio entre o Fondo Galego e a ESAD comprenda mellor a necesidade de apoiar os colectivos máis desfavorecidos con medidas que aporten calidade e benestar á súa vida.


 

Importante curso na EGAP

Baiona, 5 de marzo de 2009.

O Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro publicou a convocatoria dun curso para o persoal ao servizo das entidades locais de Galicia que leva por título: “Poder local, cooperación internacional e acción exterior”. As datas do curso son 13 e 20 de maio, en horario de 9,30 a 18,30, cun total de 40 prazas dispoñibles. En canto aos contidos, sobresaen dous aspectos. Dunha banda, os relativos á implicación local na acción exterior, afondando na teoría e praxe da internacionalización do goberno local, contando coa participación de experiencias de fóra de Galicia. Doutra, a xestión económico-administrativa da cooperación ao desenvolvemento no eido local, onde son múltiples os problemas detectados e que reclaman unha posta en común que permita asentar boas e eficientes prácticas, adaptadas tamén a unha realidade global que trascende o específico marco territorial da administración local galega. Neste aspecto, será de gran valor a experiencia de xestión do Fondo Galego.

O curso ten unha puntuación de 0,15 puntos. O prazo de presentación de solicitudes remata o 6 de marzo. Inscrición en: http://egap.xunta.es/matricula.


 

Carral, curso de Cooperación Internacional e Educación para o Desenvolvemento

Baiona, 2 de marzo de 2009.

O luns 2 de marzo deu comezo a segunda parte do programa de formación do Fondo Galego no bienio 2008-2009. Coa intención de facer unha maior e mellor cooperación municipal galega, este curso ten como obxectivos: promover un maior entendemento do significado da cooperación para o desenvolvemento, afondar no papel educador dos entes locais con respecto á cidadanía e conseguir familiarizarse con termos, ideas e procedementos propios da cooperación, a fin de gañar en coordinación entre os integrantes do Fondo Galego.

Imaxe tomada en Carral durante a imparticion do curso de Cooperación Internacional e Educación para o Desenvolvemento
Durante os meses de abril e maio, Ourense (27 de abril), Lugo (4 de maio) e Salceda de Caselas (11 de maio) acollerán a segunda parte deste programa, cuxo detalle pode descargarse AQUÍ arquivo pdf.




Febreiro 2009 

 

5ª Comisión do Comercio Xusto

Baiona, 28 de febreiro de 2009.

No pasado 11 de febreiro, na Oficina do Instituto Galego de Promoción Económica, tivo lugar a quinta reunión da Comisión de Artellamento e Promoción do Sector do Comercio Xusto en Galicia, na que participaron representantes da Secretaría Técnica do Fondo Galego.

Na Comisión, creada en 2008 a iniciativa da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, e integrada por representantes de diversos organismos da Xunta de Galicia, axentes económicos, ONGs e o Fondo, como representante das entidades locais galegas, abordou diversas liñas de traballo encamiñadas a potenciar a sensibilidade en relación ao Comercio Xusto en Galicia, a introducir este tipo de produtos nos negocios galegos e a fortalecer aquelas tendas que xa traballan con eles.

Destacan, por exemplo, os esforzos para a inclusión de produtos de Comercio Xusto na Rede de Comercio Rural Galego, a elaboración dunha Guía de Actividade Empresarial polo BIC Galicia dedicada ás tendas de Comercio Xusto, ou a introdución, en breve, de indicadores sobre esta materia nas enquisas do Instituto Galego de Estatística.

A próxima reunión, que terá lugar no 18 de marzo, servirá fundamentalmente para a posta en común de actividades relacionadas co Día Mundial do Comercio Xusto, que se celebra no segundo sábado de maio. Este ano terá lugar no 9 de maio.



A Axencia Humanitaria de Galicia e o Fondo Galego

Baiona, 5 de febreiro de 2009.

Nun encontro mantido por Belén Louzao, directora xerente da Axencia Humanitaria de Galicia, e Xulio Ríos, director do Fondo Galego, expresouse a clara vontade de abordar conxuntamente accións en materia de reconstrución nas áreas afectadas por calamidades ou desastres, podendo iniciarse esa colaboración de forma inmediata a propósito de Gaza. Igualmente, ambas partes coincidiron á hora de sinalar a importancia de vertebrar a resposta da sociedade galega ante as emerxencias e a acción humanitaria, comezando por crear un espazo institucional onde teñan cabida as diferentes administracións e actores da sociedade civil interesados e con experiencia no desenvolvemento de accións desta naturaleza.



Xaneiro 2009 


  Celebración do Día da Paz en Gondomar; clic para aumentar
Celebración do Día da Paz en Gondomar; clic para aumentar
Celebración do Día da Paz en Gondomar; clic para aumentar
Celebración do Día Escolar da Paz en Gondomar o 30 de xanerio de 2009.
O Fondo Galego tamén celebra o Día Escolar da Paz

Baiona, 30 de xaneiro de 2009.

Ao redor do día 30 de xaneiro, celebráronse diferentes eventos conmemorando o Día Escolar da Paz. Amais de recordar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e incidir na importancia da liberdade, da paz e da xustiza por medio de cartaces informativos preparados polo alumnado dos distintos colexios, o Fondo Galego participou destas iniciativas con dúas charlas.

Nestes parladoiros, celebrados no Colexio Alba de Vigo (onde, amais, se exhibe a exposición A Paz Cuestión de Fondo), o xoves 29, e no Colexio Souto Donas de Gondomar, o venres 30, Moncho Iglesias Míguez, técnico de sensibilización, debateu sobre as mellores fórmulas de cara a conseguir a paz. O diálogo entre os estudantes (de entre 12 e 16 anos no primeiro colexio, e de entre 3 e 12 no segundo), o profesorado e o conferenciante serviu como ponte de unión entre ideas comúns que buscan un mesmo obxectivo, todos os días do ano: acadar a paz mundial.



Reconstrución en Gaza

Baiona, 28 de xaneiro de 2009.

O Fondo Galego e a UNRWA (Axencia da ONU para os refuxiados de Palestina) suman esforzos para axudar á reconstrución en Gaza e aliviar a difícil situación humanitaria da poboación palestina. Contribúe a través da conta de emerxencias.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Número de conta: 2091.0209.10.3040019000


Información: Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade info@igadi.org - www.fondogalego.org - Tel/fax: 986 357 238

Ingresos recibidos para a axuda dos refuxiados palestinos

INGRESOS RECIBIDOS PARA A RECONSTRUCIÓN EN GAZA A 09.03.09

Persoa / Institución

Cantidade (euros)

Data

Carlos Vera López

50,00 €

09/01/09

Anónimo

200,00 €

09/01/09

María del Mar Serralvo Titos

10,00 €

12/01/09

David Lago Aneiros

30,00 €

12/01/09

Anónimo

20,00 €

15/01/09

Concello de Allariz

1.000,00 €

20/01/09

Marta Richarte Carballo

20,00 €

22/01/09

Martín Maceira Rodríguez

200,00 €

22/01/09

Concello de Arteixo

2.176,00 €

22/01/09

María Elisa Barroso Parada

20,00 €

26/01/09

Feirantes Antroido Ferrol

 660,00 €

06/03/09




Informe Zero da Cooperación Municipalista

Baiona, 23 de xaneiro de 2009.

O Informe Zero da Cooperación Municipalista aborda un primeiro retrato da cooperación que impulsan Concellos e Deputacións de Galicia, ofrecendo claves que permiten a identificación dos seus trazos principais tanto no que atinxe ao compromiso económico como á dimensión da súa estrutura a outros niveis. O Informe, realizado a instancias do Fondo Galego e contando co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, constitúe un valioso referente que nos permitirá medir no futuro con maior rigor os avances da cooperación galega no eido local.

[Descarga o Informe en pdf baixar arquivoarquivo pdf].


  Presentación en Vigo do proxecto Teatracción; clic para aumentar
De esquerda a dereita: Manuel F. Vieites, Mariana Fernández, María Méndez e Alfredo Novoa.
 
Teatro e Solidariedade = Actores e Compromiso

Baiona, 21 de xaneiro de 2009.

Presentouse en Vigo o proxecto “Teatracción”, unha iniciativa orientada a sensibilizar a cidadanía galega sobre a importancia da solidariedade e a cooperación internacional, utilizando o teatro como ferramenta principal.

O proxecto de teatro parte dun obxectivo común, xestionado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que é o de vincular a educación á investigación, e sensibilizar a cidadanía con respecto aos problemas de desigualdade e coa necesidade de potenciar a cooperación.

Ao estar situado no marco da educación e da animación teatral, ten como finalidade última a posta en marcha de procesos de desenvolvemento persoal e colectivo dos participantes, e a toma de conciencia diante de novas realidades, tanto por parte do colectivo de creadores e interventores como por parte da comunidade receptora das súas propostas e accións. Trátase pois, dun proceso de interacción no que todas e todos aprenden novas maneiras de participar na esfera pública, e no que se exploran novos xeitos de presentar e debater con respecto a problemáticas comúns.

O proxecto está dividido en diferentes fases: unha de formación, unha de realización, outra de intervención e, por último, unha de avaliación. Na primeira parte, analízanse aspectos básicos de intervención por medio dunha serie de aulas formativas; na segunda fase estúdase a práctica do espectáculo e a súa difusión e dinamización; nun terceiro nivel realízanse as representacións teatrais e, por último, na cuarta fase avalíase o traballo realizado.

No acto de presentación participaron Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Mariana Fernández, coordinadora do proxecto; María Méndez, concelleira de Benestar Social de Vigo e membro da Comisión Executiva do Fondo Galego; e Alfredo Novoa, presidente desta institución.

A iniciativa conta co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia e ten carácter pioneiro na nosa Comunidade e no Estado. Os promotores confían en que resulte un éxito de público. Numerosos Concellos amosaron xa o seu interese en contar con esta representación na programación cultural deste ano. A coordinadora do proxecto, Mariana Fernández, sinalou que uns corenta alumnos (e futuros profesionais) están firmemente implicados na idea, que viven con entusiasmo poñendo nela considerables doses de criatividade. Cómpre significar que non se trata tan só de representación, senón tamén de formular o texto e suxerir dinámicas de participación que garantan a complicidade dos asistentes. “Será toda unha revelación”, asegurou Manuel F. Vieites, que tamén reivindicou a dimensión comprometida do mundo das artes escénicas.



  Rede Municipalista Mos; clic para aumentar
Xuntanza da Rede Municipalista no Concello de Mos, o luns 17 de novembro de 2008.
 
Rede Municipalista Solidaria

Baiona, xaneiro de 2009.

Entre os meses de novembro e decembro tiveron lugar as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria nos seguintes lugares: Mos e Allariz (17 de novembro), Poio (18 de novembro), Boiro (21 de novembro), Betanzos e Ferrol (28 de novembro), e Lugo (1 de decembro).

Durante as sesións suxeríronse melloras relacionadas co sitio web do Fondo Galego ou coa súa proxección na sociedade galega. Doutro lado, recolleuse valiosísima información, a través dunha enquisa, para que o traballo do Fondo Galego sexa cada vez máis eficaz e eficiente.

Deuse conta, ademais, de todos os materiais e ferramentas xa dispoñibles ou que estarán a disposición dos socios no futuro inmediato, para que os Concellos poidan desenvolver o seu labor de sensibilización social en relación á situación dos países subdesenvolvidos, aos modos en que se pode axudar a paliar esta situación, e en relación ao que desde o Fondo Galego están a facer os poderes locais que del fan parte.



  Museo de Sitio Pachacámac; clic para aumentar
Museo de Sitio Pachacámac, parte da ruta de turismo solidario na que participa o Fondo Galego.
Nenos e nenas do colexio José María Arguedas; clic para aumentar
Un grupo de nenos e nenas do colexio José María Arguedas dedicou unha canción durante a visita do Fondo Galego ao centro.
Placa aula colexio Carlos Pedro Silva Luyo; clic para aumentar
Placa conmemorativa no exterior da aula construída, con axuda do Fondo Galego, no centro escolar Carlos Pedro Silva Luyo.
 
Visita ao Sur: Galicia en Perú

Baiona, xaneiro de 2009.

Alfredo Novoa Gil, presidente do Fondo Galego, Ángeles Silva, tesoureira, Isabel Rodríguez, vocal, e Moncho Iglesias, técnico de sensibilización, visitaron os proxectos que se levan a cabo en Perú entre o 26 de novembro e o 3 de decembro. Durante a visita estiveron acompañados por membros da ONGD peruana Tierra de Niños.

Unha das primeiras visitas foi a Casa Blanca, en Pachacámac, unha finca de produción, investigación e capacitación en agricultura ecolóxica e agroecoturismo. Aquí comprobouse o aproveitamento da natureza para conseguir colleitas naturais; un proxecto que é obxecto de estudo nas universidades peruanas. Ese mesmo día foise ao museo de Sitio e á zona arqueolóxica de Pachacámac, parte da ruta de turismo solidario que subvenciona o Fondo Galego. Tras esta excursión, foise ás instalacións do Centro Cultural de Pachacámac, unha organización xuvenil onde se imparten clases de diferentes materias, amais de potenciar actividades complementarias para achegar a cultura ás zonas máis afastadas do centro. Por último, houbo unha reunión na alcaldía de Pachacámac, onde estiveron presentes o propio alcalde, Hugo Ramos, e diversos concelleiros; unha xuntanza na que se tratou de intervir na axuda ao centro cultural da zona e pedir unha maior implicación do Concello nos proxectos nos que traballa Tierra de Niños.

O protagonismo social de adolescentes e mozos foi o motivo para acudir ao Primeiro Encontro Rexional de Adolescentes e Mozos a través da Arte e a Cultura. Nesta xuntanza con rapaces peruanos e bolivianos falouse da importancia da comunicación e do respecto entre pais e fillos. Despois desta visita acudiuse ao asentamento humano de Villa El Salvador, onde se puideron apreciar os traballos de construción de habitabilidade de vivendas. Ao mesmo tempo, no centro xuvenil Cijac (Casa infantil y juvenil de arte y cultura) fíxose unha representación musical e circense na que participaron membros deste grupo, xa independente, que naceu grazas á iniciativa de Tierra de Niños.

Aproveitando a visita ao Sur do país, e despois de estar en Cuzco e Machu Picchu, foise a Curahuasi para coñecer o proxecto Proniño na escola José María Arguedas, onde Tierra de Niños activou un programa de axuda no que se entregaron materiais escolares ás nenas e aos nenos do colexio. Por último, inauguráronse dúas aulas no centro escolar Carlos Pedro Silva Luyo, nunha das zonas máis afectadas polo terremoto de 2007.



  Xulio Ríos, Beatriz Sestayo e Rosario Cáceres; clic para aumentar
Xulio Ríos e Beatriz Sestayo (dereita), secretario e vicepresidenta de Fondo Galego, conversan con Rosario Cáceres durante a reunión mantida no Concello de Ferrol o martes 18 de novembro.
Pilar Gallego, Rosario Cáceres e Nelys Reyes; clic para aumentar
Pilar Gallego (izquierda), vocal do Fondo Galego, presidiu a mesa redonda na que Rosario Cáceres (centro) e Nelys Reyes falaron diante dos preto de cen asistentes á charla no Concello de Allariz o martes 18 de novembro.
Nelys Reyes, María Méndez e Rosario Cáceres; clic para aumentar
Reunión no Concello de Vigo, con María Méndez, vocal da Executiva do Fondo Galego, o xoves 20 de novembro.
 
Visita ao Norte: Nicaragua en Galicia

Baiona, xaneiro de 2009.

Dentro do programa de sensibilización do ano 2008, unha das actividades programadas era a visita a Galicia de representantes dalgún parceiro nos países nos que se colabora. Nesta ocasión Rosario Cáceres Leyva, responsable do programa de Educación Alternativa Rural de INPRHU-Somoto, e Nelys Reyes Gutiérrez, graduada do Centro Educativo de Alternativa Rural, viñeron dende Nicaragua e estiveron entre nós do 15 ao 23 de novembro.

Nelys e Rosario explicaron a súa visión dos proxectos que levan a cabo en INPRHU (Instituto de Promoción Humana), en Nicaragua, e sorprenderon coa súa vitalidade, valentía e madurez. Rosario, que leva preto de vinte anos mergullada nas actividades solidarias de INPRHU e Nelys, unha rapaza de só 17 anos, describiron os traballos da súa comunidade. A propia Nelys afirma que ás veces séntese unha vella dando consellos aos seus amigos, e é que ela loita por acadar un futuro mellor e por saír da miseria que rodea a súa xente. Así, a moza explicou como ten que atravesar a selva para chegar ao colexio onde estuda. Non só ha pasar entre inhóspitas paraxes onde nunca sabe que pode atopar, senón tamén cruzar un río que, cando está moi caudaloso, chega a cubrila ata o pescozo. Dúas horas son necesarias para facer o camiño da casa á escola, e Nelys faino sen preocupación, consciente de que así pode cambiar o futuro que moitos outros rapaces xa teñen herdado dende varias xeracións anteriores.

En reunións mantidas nos concellos de Mos, Ferrol, Allariz, Baiona, Poio e Vigo, así como nos encontros con Encarna Otero, directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, e Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior, e nas charlas no colexio San Xosé da Guía e na Casa Galega da Cultura, en Vigo, e nun dos cursos da Mestría en Cooperación Internacional e Voluntariado da USC, Nelys e Rosario documentaron o traballo desenvolvido nas súas áreas de influencia, así como o apoio recibido por parte do Fondo Galego.

 
 
 Subir
 
Para máis información:
 
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Teléfono: 00 34 986 357 238, email:
info@igadi.org.
Avenida Joselín 7, portal 3 - 4ºB. 36300-Baiona (Pontevedra). Galicia (Spain).
 
 
Subir
 
Arquivo de Novas do Fondo Galego
 
Ano 2008: 07-12, 06, 05, 04, 03, 02 |
Ano 2007:
12, 11, 10, 09, 08, 07, 06, 05, 04.
 
Volver



Fondo Galego
www.fondogalego.org

Subir