Esta exposición ofrece unha imaxe de conxunto do traballo realizado polo Fondo Galego en diferentes eidos: auga e saneamento, infraestruturas, saúde, equidade de xénero, etc.
| |
 |
| Fondo Galego, Dez Anos con Proxectos. (Ver paneis). |
| |
1. Ficha técnica
A exposición consta de 13 paneis (incluíndo o panel de presentación), de 210x124 cm., con fotografías e texto. Para instalarse, as láminas desenrólanse, tirando dos dous ganchos metálicos que sobresaen das extremidades e, por medio de dúas barras móbiles mantense en equilibrio.
2. Contido
A cooperación entre o Fondo Galego e as entidades locais do Sur puxo en marcha un ciclo de proxectos, destinados a mellorar as condicións de vida das sociedades máis desfavorecidas, dende o ano 1997. Esta exposición amosa algúns dos proxectos destinados a mellorar as condicións de vida das sociedades máis desfavorecidas.
Dividida en trece paneis, a exposición dá conta das diferentes áreas de traballo nas que o Fondo Galego está involucrado, e inclúe exemplos de proxectos de cooperación ao desenvolvemento aos que se destinaron tanto esforzos humanos como económicos.
O contido específico de cada un dos paneis é o seguinte:
-Panel número 1. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
“Como administracións locais, asumimos a responsabilidade de estar no mundo dun xeito consciente e solidario”
-Panel número 2. O Fondo Galego. Dez anos con proxectos.
“O noso compromiso co desenvolvemento humano non é retórico senón que se concreta en proxectos de cooperación. Estes son conxuntos de accións, acoutadas temporal e xeograficamente, e que detallan obxectivos concretos e rendibles que contribúen ao obxectivo de acadar maiores cotas de benestar”
-Panel número 3. Gota a gota. A solidariedade gota a gota.
“A escaseza, epicentro da crise mundial da auga, ten as súas raíces na pobreza, na desigualdade e nos desequilibrios de poder, non na súa dispoñibilidade física”
-Panel número 4. Alicerces do desenvolvemento. Construción e rehabilitación.
“En moitos países, as vivendas deficientes ou a súa carencia, son un problema que vai en aumento e que ameaza as condicións de saúde e seguridade, poñendo en perigo a propia vida”
-Panel número 5. Alimentando dereitos. Agricultura, gandería e desenvolvemento rural.
“Máis de 800 millóns de persoas padecen fame e desnutrición no noso mundo. Un 70% desas persoas constitúeno poboación rural, campesiñas e campesiños.”
-Panel número 6. Saudade da saúde. Saúde comunitaria.
“As principais ameazas ligadas á pobreza, que están devastando as poboacións sen recursos, son a carencia de atención maternoinfantil, o VIH/SIDA, a tuberculose, o paludismo e a malaria”
-Panel número 7. Sen tod@s non é posible. Capacitación, empoderamento e fortalecemento institucional.
“O fortalecemento institucional e a participación son fundamentais para potenciar a capacidade política e económica dos sectores marxinados, e por iso, con maiores niveis de pobreza, vulnerabilidade e exclusión social”
-Panel número 8. Desenvolvemento en feminino. A transversalidade do xénero.
“A maioría dos 1.500 millóns de persoas que viven con 1 dólar ou menos ao día son mulleres. Este fenómeno, coñecido como feminización da pobreza, vai en aumento nos últimos anos, especialmente no mundo rural”
-Panel número 9. Cultivando sostinibilidade. Medio ambiente.
“Un desenvolvemento sostible é aquel que pode satisfacer as necesidades das xeracións presentes sen comprometer as posibilidades das xeracións futuras, e debe atender a factores ambientais, económicos e sociais”
-Panel número 10. Arroz para o Sahara. Axuda de emerxencia.
“A axuda humanitaria e de emerxencia consiste na axuda proporcionada con carácter de urxencia ás vítimas de desastres desencadeados ben por catástrofes naturais, ben por conflitos armados. Trátase da provisión gratuíta de bens e servizos esenciais para a supervivencia inmediata, tales como auga, alimento, abrigo, medicamentos ou atención sanitaria”
-Panel número 11. Bicis pola paz. Moito con pouco.
“Grazas a unha simple bici, un médico/a pode chegar a tempo a un parto para salvar a vida dunha persoa; un/unha mestre/a pode atender máis escolas, un/unha inmigrante pode atopar un traballo digno e/ou trasladarse ata o lugar de actividade”
-Panel número 12. Plan maestro Santiago de Cuba. Grandes apostas.
“A recuperación e posta en valor do patrimonio incorpora un factor irrenunciable para promover o desenvolvemento”
3. Suxestións de actividades complementarias
Esta exposición ten por obxectivo presentar as actividades levadas a cabo, no Fondo Galego, durante os seus primeiros dez anos de traballo. O seu carácter divulgativo amosa os principais problemas vinculados aos distintos sectores da cooperación e, ao mesmo tempo, ofrece exemplos sobre como afrontalos, dende o local e o concreto.
Como actividades complementarias, amais dun acto inaugural ou de clausura, onde as persoas responsables da área onde se exhiben os paneis podería dar unha charla sobre os proxectos do Fondo Galego, pódese pensar noutras actividades:
-Taller de contos e de música.
Os países cos que traballa o Fondo Galego posúen un grande legado musical e literario que se podería explotar nesta exposición. Contar coa presenza dun ou dunha contacontos que achegase a cultura propia dos países onde se está a traballar podería dinamizar a exposición.
-Vídeo-fórum
O visionado de películas realizadas nos países cos que coopera o Fondo Galego, así como películas e documentais que reflictan a realidade deses lugares valen como presentación aos proxectos alí desenvolvidos. Amais, proponse usar o visionado destas películas para logo traballar a interacción da xente convocada e que poidan debater e dar a súa opinión. A sesión pode estruturarse en tres partes:
1. Introdución do tema e presentación da película.
2. Visionado.
3. Debate.
Como exemplo de proxección proponse a curtametraxe El cumpleaños de Carlos, de José Javier Rodríguez, e galardoado no I Festival Internacional de Cine Solidario de Navarcles. Esta curtametraxe narra a historia de Carlos, quen, dende unha prisión de menores, lembra o día do seu doce aniversario, cando era libre para sobrevivir nunha cidade de América Central. Daquela era o líder dun grupo de rapaces sen fogar que se dedicaban a roubar os turistas, cheirar pegamento e soñar cun balón regulamentario de fútbol. Pero os soños de Carlos cambian o día do seu aniversario, cando recibe o encargo de matar un home.
4. Almanaque solidario
Neste almanaque solidario apúntanse as datas das festas nacionais nos países representados nesta exposición, países cos que colaborou o Fondo Galego.
27 de febreiro |
Día da declaración de independencia en Sáhara Occidental |
25 de xuño |
Día da independencia en Mozambique |
05 de xullo |
Día da independencia en Cabo Verde |
26 de xullo |
Día da festa nacional en Cuba |
28 de xullo |
Día da independencia en Perú |
11 de setembro |
Día da independencia en Nicaragua |
15 de setembro |
Día da independencia en El Salvador, Guatemala e Honduras |
|