| “Somos a primeira xeración que pode erradicar
a pobreza do mundo. Non debemos perder esta oportunidade” (Eveline Herfkens). |
| |
 |
Exposición con plafóns fotográficos, con textos explicativos, sobre o obxectivo da loita contra a pobreza cara o ano 2015.
1. Ficha técnica
A exposición consta de 9 láminas de 180x80 cm., a toda cor e en lona de 3 mm. de espesor. Para instalarse, as láminas desenrólanse e pendúranse de calquera parede.
Esta exposición foi realizada pola Asociación para las Nacións Unidas e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) coa colaboración da Xunta de Galicia.
2. Contido
No Cumio do Milenio, celebrado no ano 2000, o conxunto de estados membros das Nacións Unidas aprobou a Declaración do Milenio, na que se reafirmaba o carácter universal e intemporal dos propósitos e principios das Nacións Unidas, considerando como valores fundamentais do novo milenio: a liberdade, a igualdade, a solidariedade, a tolerancia, o respecto ao medio ambiente e a responsabilidade común. Como seguimento á Declaración do Milenio, establecéronse oito obxectivos, que pretenden acadarse no ano 2015 e que comprometen os países a adoptar medidas e aplicar esforzos e recursos para conseguilo.
As láminas describen os diferentes obxectivos do milenio, con debuxos explicativos, como fondo de imaxe. Os obxectivos do milenio son os seguintes:
1. Erradicar a pobreza extrema e a fame. Preténdese reducir a proporción de persoas que teñen uns ingresos inferiores a 1 dólar diario e a proporción de persoas que pasan fame.
2. Acadar a educación primaria universal. Preténdese que os nenos e as nenas do mundo poidan rematar un ciclo completo de educación primaria.
3. Promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller. Preténdense eliminar as desigualdades entre os xéneros na educación primaria e secundaria, preferiblemente para o 2005, e en todos os niveis educativos para o 2015.
4. Reducir a mortalidade infantil. Preténdese reducir, en dúas terceiras partes, a taxa de mortalidade dos nenos e das nenas menores de 5 anos, entre 1990 e 2015.
5. Mellorar a saúde materna. Preténdese reducir, en ¾ partes, a taxa de mortalidade materna, entre 1990 e 2015.
6. Combater a SIDA e outras enfermidades. Preténdese deter e comezar a reducir a propagación da SIDA, e a incidencia da malaria e outras enfermidades principais.
7. Garantir a sostibilidade do medio ambiente. Preténdese reducir á metade a porcentaxe de persoas que dispoñen de acceso á auga potable e mellorar considerablemente a vida de, como mínimo, 100 millóns de habitantes de barrios marxinais, para o 2020. 8.Fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento.
Preténdense atender as necesidades dos países menos desenvolvidos.
3. Suxestións de actividades complementarias
A Declaración do Milenio é unha oportunidade histórica para que os líderes mundiais asuman o compromiso de levar adiante políticas económicas e sociais que contribúan á redución da pobreza no mundo e, polo tanto, a un mellor desenvolvemento humano. Para facelo son urxentes os cambios que deteñan o incremento das desigualdades entre países pobres e países ricos.
Conscientes da necesidade de asumir a nosa responsabilidade con respecto ao cumprimento dos obxectivos, esta exposición é unha mostra que intenta sensibilizar a sociedade. Así, búscase unha maior concienciación e receptividade a problemas como a pobreza, as desigualdades sociais e a solidariedade. Por iso, para conseguir un mundo máis xusto e solidario, é necesario explicar como se pode construír ese mundo mellor e lembrar os compromisos asinados na Declaración.
A continuación enuméranse unha serie de actividades que poderían acompañar a exhibición:
-Acto de inauguración
É interesante preparar un acto de inauguración ou de clausura, presentando a iniciativa a todos os colectivos que habitualmente acoden a este tipo de eventos, e animando á participación en xeral. Do mesmo xeito, difundir os actos asociados á exposición, así como esta mesma, entre os medios de comunicación. En función das posibilidades, pode contemplarse a presenza dalgunha personalidade relevante que simpatice cos obxectivos da Declaración ou que teña desenvolvido un labor destacado nalgún dos epígrafes máis sobresaíntes.
-Mesa redonda
A Declaración do Milenio ten unha axenda ambiciosa; o cumprimento destes obxectivos e sobre cómo facelo son obxecto de debate en amplos sectores da sociedade comprometida co desenvolvemento sostible. Por esta razón, pode celebrarse algunha mesa redonda, convidando a persoas de diferentes sectores, como Universidade, Administración, Centros de análise internacional ou dalgunha das ONGDs que constitúen a Plataforma 2015 e Máis, para reflexionar sobre a Declaración do Milenio, permitindo que unha segunda onda de información poida chegar á cidadanía a través da repercusión pública desa iniciativa.
-Participación estudantil
Esta exposición serve como punto de reflexión para a comunidade educativa, para que reflexione sobre os Obxectivos do Milenio e trate de atopar solucións que comprometan e responsabilicen sobre a situación de desigualdade que hai no mundo. A exposición pode estar nos Institutos dos Concellos pertencentes ao Fondo Galego e, durante este tempo, pode abrirse un foro especial para que o estudantado anote as súas reflexións sobre o contido da exposición. Pódese aproveitar a presenza de Institutos de Formación Profesional, que inclúen ciclos formativos de saúde ambiental, educación infantil e integración socio-cultural; así como de familias, e profesionais da sanidade e animadores socioculturais, para facer máis atractiva e próxima á realidade cotiá a exposición.
-Charla de ONGDs
As organizacións non gobernamentais ACSUR Las Segovias, Asemblea de Cooperación por la Paz, Cooperació, Economistas sen Fronteiras, Fundación CEAR, IEPALA, IPADE, ISCOD, MPDL, Paz y Solidaridad, Paz y Tercer Mundo, e Solidaridad Internacional reuníronse na Plataforma 2015 e Máis para esixir o cumprimento dos obxectivos do 2015 ratificados no Cumio do Milenio de Nacións Unidas. Colaboran con movementos de base, organizan e asisten a charlas e seminarios para difundir a necesidade do cumprimento dos Obxectivos do Milenio.
5. Almanaque solidario
08 de marzo |
Día das Nacións Unidas para os dereitos da muller e a paz internacional |
22 de marzo |
Día mundial da auga |
07 de abril |
Día mundial da saúde |
22 de maio |
Día internacional da diversidade biolóxica |
04 de xuño |
Día internacional dos nenos vítimas inocentes da agresión |
05 de xuño |
Día mundial do ambiente |
17 de xuño |
Día mundial da loita contra a desertización e a seca |
08 de setembro |
Día internacional para a redución dos desastres naturais |
16 de setembro |
Día internacional da preservación da capa de ozono |
05 de outubro |
Día mundial do hábitat |
16 de outubro |
Día mundial da alimentación |
17 de outubro |
Día internacional para a erradicación da pobreza |
24 de outubro |
Día mundial da información sobre o desenvolvemento |
20 de novembro |
Día universal do neno |
01 de decembro |
Día mundial da loita contra a SIDA |
10 de decembro |
Día internacional dos dereitos humanos |
|