|
No Plan Estratéxico que a Comisión Executiva aprobou
a seguir da Asemblea de renovación de cargos en que foi elixida, salientouse a sensibilización como
a clave máis innovadora que debe marcar a xestión dos próximos catro anos. Isto foi en novembro.
Agora, na xuntanza que a Comisión Executiva celebrou o pasado día 3 de decembro, deuse un paso máis
adiante para concretar os eixes operativos do que debe ser unha estratexia de comunicación e sensibilización.
Destinatarios e dinamizadores
Hai unha prioridade evidente, que son os socios, naturalmente.
Entre eles, propóñense accións dirixentes aos corporativos e aos empregados públicos
locais, así como ás respectivas sociedades, de xeito que se reforce a implicación social no
apoio ás políticas de cooperación internacional. Nesa perspectiva, se concede unha especial
importancia aos Consellos Municipais de Cooperación. Alí onde existan deben ser consolidados e dinamizados
e o Fondo vaise implicar nese proceso.
Os dinamizadores fundamentais neste sentido deben ser os funcionarios
da rede que viñemos creando ao longo do último trimestre. Estructuramos o país en sete grupos
nos que se integrarán os diferentes concellos e deputacións. A partir da segunda quincena de xaneiro
comezarán as reunións e nelas atenderase a dous elementos: formación e programación.
No ámbito da formación preparamos un programa elemental para adquirir as nocións mínimas
nesta materia ao longo de catro sesións, expedíndose un diploma acreditativo. Para reforzala publicaremos
dous novos cadernos: sobre a rede e o seu funcionamento; e sobre a cooperación practicada polo Fondo.
A programación debe servir para poñer en funcionamento
os recursos do Fondo: vídeo, carteis, exposicións, conferencias, seminarios, etc; e para planificar
tendo en conta as demandas e necesidades de cada un dos concellos asociados, pero procurando sempre a implicación
de colectivos sociais de certa significación, coma o educativo, para quen está pensado un concurso
de redacción.
Localización da comunicación
Dende a secretaría se reforzará o contacto cos
gabinetes ou responsables de comunicación das entidades asociadas a fin de que os acordos e actividades
se inclúan entre as informacións a facilitar aos medios, de forma que exista unha traducción
local das noticias xeradas a nivel galego e mesmo que instrumentos de divulgación como este mesmo “Infórmate
a Fondo” se traduza en noticia no ámbito local respecto daquelas informacións susceptibles de interese
municipal.
Foro Anual da Cooperación
Será un espacio de encontro para o debate promovido polo
Fondo. Nel reuniranse todos os actores, facilitando a participación activa para analizar o momento da cooperación
en Galicia e propor medidas e iniciativas para reforzala.
Xornadas de Avaliación da Cooperación
en Galicia
Un mecanismo pensado para analizar as estratexias de país,
implicando as colectividades do Sur, as municipalidades, as asociacións de inmigrantes, as ONGDs, todos
aqueles que conten con experiencia na cooperación desenvolvida nun país determinado, a fin de mellorar
a nosa eficacia e o noso traballo, aproveitando as sinerxías e aprendendo todos de todos.
Conclusión
En conxunto, a estratexia de sensibilización que se propón
é un proceso de ida e volta. A cooperación dos municipios non se pode limitar a transferir recursos
para facer proxectos. Debemos amosar á cidadanía que proxectos executamos, cal é a súa
utilidade, que pensan os beneficiarios, etc, para dotar dun soporte social activo estas políticas. Soamente
así avanzaremos na creación dunha conciencia máis solidaria, máis militante na reclamación
dun mundo mais xusto e humano.
|