|
Gladys Cáceres, directora do Instituto de Promoción
Humana, visitou Galicia no ano 2002, ocasión na que mantivo contactos coa directiva do Fondo Galego de Cooperación
e Solidariedade, a que lle presentou diversos proxectos de cooperación.
A entidade que esta muller dirixe está comprometida na
construcción dunha sociedade máis xusta, equitativa, solidaria e harmónica, facilitando procesos
de desenvolvemento integral de longo prazo, e situando ó ser humano coma protagonista da súa propia
formación. Trátase dun organismo non gobernamental de desenvolvemento que promove a igualdade de
oportunidades, a participación cidadá e o exercicio dos dereitos fundamentais do ser humano, das
súas organizacións e da sociedade nicaraguana, facilitando, promovendo e executando programas e proxectos
alternativos de carácter educativo, de investigación, social e productivos.
Colaboración Fondo Galego - INPRHU
Na convocatoria para o financiamento de proxectos de cooperación
ó desenvolvemento e solidariedade, correspondente ó ano 2003, aprobáronse 3 proxectos do Instituto
de Promoción Humana:
1. Autoconstrucción de anexo de sistema
de auga no sector de Las Palmitas e sector 4 do Municipio de Las Sabanas-Departamento de Madriz. Este proxecto tiña por finalidade abastecer de auga no seu domicilio a
25 familias, axudando a mellorar as condicións hixiénicas, de saúde e de desprazamento, e
tamén do traballo infantil e feminino. A proposta partía dos membros da comunidade que estaban dispostos
a traballar na colocación de tuberías, cavado de zanxas... Pretendíase que a Alcaldía
fora a executora directa.
2. Captación de auga para o Municipio
de Las Sabanas. Este proxecto pretendía mellorar
os sistemas de captación de auga tanto para uso doméstico como para uso agrícola, ademais
de formar as persoas nun uso axeitado da auga, formando técnicos no seu manexo.
3. As mulleres deseñando o futuro. O obxectivo deste proxecto era o de fortalecer a capacidade das mulleres,
promocionar o aumento das rendas da muller campesiña, potenciar novos cultivos, fomentar o empoderamento
das mulleres das comunidades de El Castillo e El Castillito. Queríanse comercializar os productos obtidos
polas mulleres e fortalecer as relacións intrafamiliares.
Durante a súa visita dos días 1 e 2 de xullo,
Gladys Cáceres, directora do Instituto de Promoción Humana, mantivo entrevistas con membros da executiva
do Fondo, da Deputación Provincial de Pontevedra, con alcaldes, concelleiros e concelleiras de Poio e O
Porriño. Tivo tamén entrevistas cos medios de comunicación.
A señora Gladys Cáceres visitou Galicia co propósito
de render contas e informar sobre a evolución dos proxectos subvencionados polo Fondo Galego de Cooperación
e Solidariedade. Ademais das explicacións orais, Gladys Cáceres, facilitou informes económicos
e de seguimento dos 3 proxectos. Esta visita serviu non só para estreitar lazos e achegar experiencias entre
o Instituto de Promoción Humana e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, senón tamén
para que os socios do Fondo, e en xeral, a cidadanía galega poida coñecer máis de cerca a
realidade do labor do Fondo no área de Centroamérica, máis concretamente, nun dos países
máis pobres da zona, Nicaragua.
|
|
Na reunión do pasado 2 de xullo, en Barcelona, a Confederación
de Fondos, onde participa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, estableceu as súas prioridades
en canto ó desenvolvemento do Sur. Dez premisas básicas que debe ter en conta Europa para lograr
unha cooperación de calidade:
1. Fomento da xustiza social e a inclusión
social. Debe ser o fundamento da nosa cooperación.
2. Participación. Entendida como a participación da sociedade civil nos procesos de definición
de políticas.
3. Empoderamento dos actores locais e a descentralización
de políticas. O importante é apoiar políticas
e procesos no Sur.
4. Promoción da condonación da
débeda externa. Preténdese eliminar barreiras
ó desenvolvemento, coma é a débeda.
5. Desvincular a axuda oficial ao desenvolvemento. Para poder aumentar as capacidades dos actores locais.
6. Reforzar a coordinación e complementariedade
das políticas dos estados membros coa política europea.
O consenso é fundamental para poder chegar a posicións rectoras comúns no ámbito da
cooperación.
7. Fomento dunha axuda humanitaria comprometida
cos cambios. Que sexa comprometida, reactivadora, global
e subsidiaria.
8. Estructurar unha cooperación dos procesos
en lugar dunha cooperación de proxectos. Búscase
traballar dende unha incidencia global.
9. Promover unha política de prevención
de conflictos e cultura da paz-diálogo. Necesidade
dun programa específico para o acompañamento internacional dos procesos de paz.
10. Declarar o recoñecemento das redes
de municipios como axentes activos das políticas, programas e proxectos de cooperación ó desenvolvemento
da Unión Europea. Significa recoñecer os municipios
coma verdadeiros axentes de cooperación que reforzan o desenvolvemento local.
|