|
1. O encontro celebrado en Oia o 1 de outubro de 2004 entre
municipios galegos e cámaras portuguesas para avanzar no coñecemento mutuo da práctica e modalidades
da cooperación internacional ao desenvolvemento foi unha iniciativa do Fondo Galego de Cooperación
e Solidariedade que contou co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra e a complicidade e interese
dun representativo abano do municipalismo das dúas beiras do Miño.
2. Os obxectivos do encontro centráronse no establecemento
dunha primeira toma de contacto que permitiu un inicial intercambio de ideas e de experiencias e a identificación
de posibles converxencias de cara a explorar liñas comúns de traballo que reforcen as dinámicas
do municipalismo solidario cos países do Sur.
3. A pesar das dificultades de calendario e a coincidencia con
numerosos eventos de gran proxección, quer no lado galego, quer no lado portugués, o nivel de participación
foi o óptimo para que no marco deste encontro puidera verificarse con fluídez o troco de ideas perseguido.
Cabe, non obstante, sinalar que, alén dos concellos que forman parte do Fondo Galego, na parte portuguesa
existe un amplo e significativo número de cámaras que amosaron o seu interese por coñecer
os resultados da reunión.
4. Durante a sesión analizáronse os diferentes
puntos de partida en temas como: a extensión e sensibilidade no mundo local a respecto da cooperación
ao desenvolvemento; o volume de recursos propios empregados nestas políticas; as áreas xeográficas
prioritarias e comúns; os ámbitos sectoriais preferentes; as formas de cooperación: directa,
a través das ONGs e o nivel e caracterización das relacións mantidas con estas; a relación
entre os irmanamentos e a cooperación; fíxose un repaso ás dificultades máis habituais
no traballo cos países do Sur; describíronse as formas e a intensidade dos programas de sensibilización;
e, finalmente, foron obxecto de comentario as relacións existentes a este nivel coas respectivas administracións
centrais e a UE.
5. Do repaso de todas estas cuestións desprendeuse un
evidente nivel de asimetría no desenvolvemento das políticas municipalistas de cooperación
internacional, producto de contextos socio-políticos e de traxectoria a este nivel moi dispares. Non obstante,
si se advertiu a coincidencia nas políticas impulsadas, quer no ámbito xeográfico (PALOP),
quer no sectorial. O Fondo Galego ven concedendo crecente importancia á súa cooperación cos
PALOP (Cabo Verde e Mozambique, moi especialmente), mentres que tamén moitas cámaras portuguesas,
a través esencialmente das geminaçoes, impulsan proxectos de cooperación.
6. Intercambiouse ampla documentación sobre os procesos
de actuación existentes a este nivel, tanto en Galicia como en Portugal.
7. Suxeriuse a importancia de trasladar aos mecanismos de dinamización
rexional existentes, nomeadamente o Eixo Atlántico, a preocupación por esta problemática,
de xeito que a cooperación pase a formar parte tamén da axenda bilateral.
8. Expresouse o interese por coñecer máis polo miúdo a experiencia do Fondo Galego, e mesmo
de dala a coñecer en Portugal máis amplamente. Nese sentido, para próximas convocatorias,
suxírese a conveniencia de incluír as comissoes regionais no elenco de convidados, alén de
interesar a propia Associaçao Nacional de Municipios de Portugal.
9. Os participantes sinalan que o encontro pode ser un primeiro
punto de partida para articular iniciativas conxuntas de cooperación nos PALOP, e que nos permitan acceder
ás convocatorias que a este nivel se formalizan desde as institucións comunitarias.
|