Fondo Galego
Fondo Galego

fondogalego.org
info@igadi.org
Tel/Fax: 986 357 238
 
Infórmate a Fondo

VolverNúmero 89 - 18 de abril de 2006
 
 

O mundo local: cada vez máis intercultural

Ás fendas de rendas e recursos hai que engadirlle outras, ás veces non tan visibles pero tanto ou máis importantes pola súa repercusión social, como son as fendas culturais. O medo a diferenza afasta a persoas e comunidades, e fai da convivencia cotiá un escenario de conflito. E o medo non ten outra raíz máis que o descoñecemento, que xera os prexuízos e os estereotipos cos que se levantan os muros da incomunicación e a incomprensión.

O mundo local é o espazo por excelencia da convivencia e, cada vez máis polo impacto dos fluxos migratorios, do encontro entre diversas culturas. O concello, como administración máis achegada á cidadanía e ao seu día a día, ten un papel fundamental á hora de xestionar ás relacións sociais e culturais do seu entorno. Converter o medo en confianza, a través do coñecemento mutuo, é a clave.

Nesta liña, o Concello de Arteixo, a través do programa Arteixo Solidario, elixiu os días 19, 20 e 21 de abril, para, conxuntamente coa ONGD Ecos do Sur, pór en marcha as IV Xornadas de Sensibilización sobre a Interculturalidade, centradas desta volta no codesenvolvemento. Un primeiro día de marco teórico, un segundo día de achegamento ao tema dende a cooperación descentralizada e o mundo local, a cargo do Fondo Galego, e un terceiro ao redor da práctica do codesenvolvemento dende diversas organizacións civís; tres días dirixidos a amosar que cooperación ao desenvolvemento e inmigración son realidades que dificilmente se poden entender por separado.

Dun xeito similar, aínda que dirixido á poboación máis nova, o Concello de Oleiros, dentro do programa Oleiros Solidario, organiza conxuntamente co Fondo Galego e o IES María Casares a Semana da Interculturalidade do día 24 ao 28 de abril. Contará con distintos obradoiros: sobre o comercio xusto e o consumo responsable, sobre a cooperación que se leva a cabo na India, sobre os proxectos como instrumentos básicos da cooperación, sobre o concepto de desenvolvemento; haberá contacontos solidarios para os/as máis pequenos/as e se porá en marcha o “minuto solidario”, actividade pola cal cada neno e cada nena do Instituto terá a oportunidade de expor nun minuto o que faría para cambiar o mundo.


O dereito ao desenvolvemento, o dereito á información

Baixo este lema, a Dirección Xeral de Cooperación, xunto co Club Internacional de Prensa, convoca as I Xornadas de Cooperación e Comunicación Social do 18 ao 21 de abril en Santiago, para explorar os retos aos que se enfronta a cooperación ao desenvolvemento á hora de visibilizar tanto o seu traballo como a realidade na que se move.

A cooperación que se leva a cabo dende Galicia ten un oco especial nestas xornadas, nunha mesa redonda na que o presidente do Fondo Galego terá oportunidade de expor o importante papel dos entes locais en materia de cooperación e solidariedade.


Asemblea da Confederación de Fondos

O pasado 6 de abril, celebrouse en Valencia a Asemblea Xeral da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade. Nesta xuntanza, celebrada anualmente, están presentes o Fons Catalá, o Euskal Fondoa, o Fons Valenciá, o Fons Mallorquí, o Fons Pitiús, o Fons Menorquí, o Fondo Andaluz e o Fondo Extremeño, ademais do Fondo Galego. Os puntos máis importantes tratados neste encontro foron os de renovación dos cargos do Consello Confederal, mantendo a presidencia o Fons Catalá, a presentación do plan de traballo e o presuposto para o 2006, e a posta en marcha do convenio marco co AECI para impulsar proxectos de cooperación conxunta.


Itinerario Solidario

Mos, Vilagarcía, Santiago, Carral, As Pontes… a Rede Municipalista Solidaria segue o seu curso, trazando o itinerario solidario do municipalismo galego, que rematará en Lugo e Ourense nesta primeira rolda de xuntanzas deste ano. Dos encontros flúen as ideas, as preguntas, as peticións, os debates, que fan do Fondo Galego un espazo común para repensar o mundo e as súas problemáticas dende a esfera local. Son aínda moitos os baleiros a encher para facer da cooperación un compromiso firme e asentado dentro dos concellos galegos, pero o camiño está máis que iniciado, e na súa andadura o papel da Rede Municipalista Solidaria foi, é e será fundamental.


Colaboremos pola saúde

O pasado 7 de abril foi o Día Mundial da Saúde, que este ano quixo pór de relevo a importancia de formar e manter a persoal sanitario cualificado para loitar contra o déficit en sanidade que se sofre en moitas partes do mundo. A saúde é un dos aspectos máis importantes para poder levar unha vida longa e digna, e desenvolver o resto das capacidades humanas. É por isto que a cooperación ao desenvolvemento recolle o dereito á saúde como vector fundamental que, na lista de Obxectivos do Milenio das NNUU, merece tres apartados:

-Obxectivo 4: Reducir a mortalidade infantil.

-Obxectivo 5: Mellorar a saúde materna.

-Obxectivo 6: Combater o VIH/SIDA, o paludismo e outras enfermidades.

No 2005 o Fondo Galego ten financiado proxectos dirixidos á mellora directa da condición sanitaria das comunidades do Sur:

Proxecto: Creación da Unidade Clínico Docente en Ciudad Sandino. ONGD: Fundación SEMG-Solidaria. País: Nicaragua. Orzamento: 446.260,49 euros. Cantidade solicitada ao Fondo: 60.000. Cantidade aportada polo Fondo: 30.000. Cantidade aportada pola ONGD: 131.260. Resumo: Construción e funcionamento dunha unidade clínico docente co fin de superar o seu nivel científico-técnico. Prestar atención médica con calidade á poboación. Observacións: Cidade Sandino está irmandada co Concello de Allariz, que aporta 12.000 euros. Asúmese o compromiso orzamentario desagregado en dous anos.

Proxecto: Produción de medicina natural para a atención da saúde sexual e reprodutiva das mulleres adolescentes no municipio de Tonacatepeque. ONGD: APROCSAL (Asociación de Promotores Comunais Salvadoreños). País: El Salvador. Orzamento: 71.964,48 euros. Cantidade solicitada ao Fondo: 49.083,85. Cantidade aportada: 24.541,92. Resumo: Contribuír a mellorar a calidade de vida da poboación moza, especialmente mulleres adolescentes, mediante o impulso dunha produción alternativa de medicamentos naturais para a saúde sexual e reprodutiva. Acceso a medicamentos alternativos de calidade e xeración de actividades de comercialización de produtos naturais. Observacións: Asúmese o compromiso orzamentario en dous anos.

Proxecto: Mellora da atención no Departamento de Pediatría e Emerxencias Pediátricas do Hospital Nacional 2 de Maio. ONGD: Oficina Executiva de Planificación Estratéxica do Hospital Nacional 2 de Maio. País: Perú. Orzamento: 40.448,50 euros. Cantidade solicitada ao Fondo: 40.448,50. Cantidade aportada: 40.448,50. Resumo: Mellora da cobertura de atención especializada no Departamento de Pediatría e Emerxencias Pediátricas. Observacións: O Concello de Lugo asume o 50 % do orzamento solicitado.


Mapa de socios do Fondo Galego

A Coruña Lugo Ourense Pontevedra
Deputación Castroverde Deputación Deputación
A Coruña Guitiriz A Teixeira A Cañiza
A Pobra do Caramiñal Lugo Allariz A Estrada
Ames Mondoñedo Castrelo de Miño A Guarda
Arteixo Monforte Castrelo do Val Baiona
As Pontes Monterroso Entrimo Bueu
Bergondo Samos Manzaneda Caldas de Reis
Betanzos Sarria O Barco Cambados
Boiro Triacastela O Irixo Cangas
Brión Viveiro Oimbra Cuntis
Cabanas   Ourense Gondomar
Cambre   Ribadavia Moaña
Carballo   San Cibrao das Viñas Mos
Carral   Sandiás Nigrán
Cedeira   Verea O Porriño
Cerceda   Verín O Rosal
Corcubión   Vilar de Santos Poio
Culleredo     Pontecesures
Fene     Pontevedra
Ferrol     Redondela
Lousame     Rodeiro
Mugardos     Salvaterra de Miño
Narón     Soutomaior
Neda - - Vigo
Noia - - Vilagarcía de Arousa
Oleiros Mapa de Socios do Fondo Galego
Outes
Pontedeume
Porto do Son
Rianxo
Sada
Santiago
 
 
 

 
Descarga o boletín en formato pdf.
 

Números anteriores: 088 / 087 / 086 / 085 / 084 / 083 / 082 / 081 / 080 / 079 / 078 / 077 / 076 / 075 / 074 / 073 / 072 / 071 / 070 / 069 / 068 / 067 / 066 / 065 / 064 / 063 / 062 / 061 / 060 / 059 / 058 / 057 / 056 / 055 / 054 / 053 / 052 / 051 / 050 / 049 / 048 / 047 / 046 / 045 / 044 / 043 / 042 / 041 / 040 / 039 / 038 / 037 / 036 / 035 / 034 / 033 / 032 / 031 / 030 / 029 / 028 / 027 / 026 / 025 / 024 / 023 / 022 / 021 / 020 / 019 / 018 / 017 / 016 / 015 / 014 / 013 / 012 / 011 / 010 / 009 / 008 / 007 / 006 / 005 / 004 / 003 / 002 / 001
 
Volver



Fondo Galego
www.fondogalego.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/04/2006
Fernando Pol


Subir