|
A ONGD Tierra de Niñ@s, parceira no Perú do Fondo Galego, visitou Galicia, entre o 23 e o 29 de maio. A delegación de traballo estaba conformada por Henry Cupe, José María López e Tatiana Rubio. A axenda tratou de achegar a realidade peruana e do traballo realizado pola ONGD andina ao maior número de sitios posibles dentro da nosa xeografía.
A primeira visita institucional tivo lugar o sábado 23 en Cangas, onde Marta Richarte, que participará no programa Vacacións con Traballo no Perú o presente ano, recibiu o grupo, que acompañou nun percorrido pola península do Morrazo. Esa mesma tarde, Miriam Martínez, concelleira do Porriño, acompañou a delegación ao Festival de cine de Cans. No domingo foron recibidos no Concello da Guarda, sendo acompañados por Soledad Rodríguez nunha viaxe polo Norte de Portugal.
No luns tivo lugar unha reunión entre Tierra de Niñ@s, Alfredo Novoa e Xulio Ríos, presidente e secretario do Fondo Galego, respectivamente. O encontro tiña lugar na sede do Fondo Galego, en Santiago de Compostela, e nel avaliábanse as liñas de traballo e de colaboración entre ambas entidades. Posteriormente, a delegación tivo ocasión de coñecer a capital galega.
O martes 26, a comitiva andina foi recibida por Susana Maceiras, da Deputación de Lugo, que posteriormente acompañou a delegación pola Ribeira Sacra. Máis tarde, foron recibid@s no Concello de Monforte de Lemos, polo alcalde Severino Rodríguez, a concelleira Ana Casal e a técnica Belén Gómez. A tarde do 26, a ONGD peruana ofreceu unha charla na Cova da Terra, na cidade de Lugo.
Ao día seguinte, a comitiva era recibida en Mondoñedo por Manuel González, alcalde da vila. Posteriormente, a delegación peruana realizaba unha charla, perante diversas técnicas e técnicos do Fondo Galego na área, sobre o seu traballo no Perú. A técnica municipal do Fondo Galego en Mondoñedo, Montserrat López, acompañou a comitiva ao IES San Rosendo, onde tivo lugar unha intervención d@s representantes da ONG peruana. O mércores 27 foi o último día na provincia luguesa, cunha recepción institucional no Valadouro, onde se produciu a intervención nun programa de radio ao que tamén asistiron a concelleira María Xosé Fernández e a técnica Ana Seijas. |