|
O pasado 19 de setembro tiña lugar, na cidade de Praia, capital de Cabo Verde, un Encontro de Avaliación do Plan de Acción 2005-2008. Nel participaba unha delegación do Fondo Galego, integrada polo Presidente, Alfredo Novoa, dúas vocais da Comisión Executiva, María Méndez, do Concello de Vigo, e Ángeles Silva, do Concello de Baiona, e máis dous representantes, da Secretaría Técnica, Esther Cidre e Ánxelo González. Do lado caboverdiano, acudían membros da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e representantes de 15 dos 22 Concellos do arquipélago africano.
O obxectivo fundamental era expor as desviacións sectoriais e xeográficas entre o que establecía o Plan de Acción e o traballo en realidade apoiado polo Fondo Galego entre 2005 e 2008 no país africano, a fin de contrastar opinións, detectar problemas e buscar posibles solucións. Deste modo, pretendíase recoller información cualitativa que complementase o Informe Preliminar de Avaliación 2005-2008, elaborado a partir da información acumulada pola Secretaría Técnica durante ese período. Estes dous documentos haberían de servir de base para o establecemento da futura estratexia a seguir en Cabo Verde, no caso de se decidir continuar a traballar neste país. En reunión celebrada o pasado 9 de outubro, a Comisión Executiva acordaba, en todo caso, que o futuro do Fondo Galego no arquipélago dependerá das prioridades xeográficas que veña a establecer o novo Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, actualmente en elaboración.
As principais conclusións tiradas do Encontro foron as que seguen:
-Os municipios e a propia sociedade civil de Cabo Verde valoran moi positivamente o traballo realizado polo Fondo Galego no país, do que dan conta a importante representación cuantitativa e cualitativa da parte caboverdiana no encontro e a notable repercusión mediática do evento.
-A pesar de ter sido declarado País de Desenvolvemento Medio, continúa habendo importantes áreas do país en situación dramática e permanecen dous factores estruturais que, no caso dunha retirada do apoio internacional, poderían facer retroceder os avances conseguidos no país: incapacidade produtiva e grande dependencia do exterior.
-A cooperación municipalista galega, impulsada polo Fondo e apoiada pola Xunta de Galicia, está a ser un amortecedor fundamental da diferenza entre as competencias asumidas polas entidades municipais caboverdianas (moitas e cada vez máis) e os recursos financeiros con que contan (mínimos).
-As desviacións en relación ao previsto no Plan de Acción 2005-2008 debéronse a unha inadecuada definición das prioridades municipais.
-Problemas relacionados coa falta de información e debilidades técnicas foron aducidos como principais factores explicativos das desviacións xeográficas.
|