|
Asemblea xeral ordinaria:
O Fondo Galego anima aos socios a incrementaren a súa participación
Na última Asemblea xeral do Fondo Galego de Cooperación, celebrada en Santiago de Compostela o pasado 30 de marzo, chamouse a atención sobre a baixa participación da maior parte de entidades socias. O presidente do Fondo, Alfredo Novoa, salientou a necesidade de que as Deputacións e Concellos adheridos intensifiquen a súa implicación na organización de actividades e avancen no compromiso de aproximar as súas achegas económicas á cooperación ao 0,7% dos orzamentos municipais.
Na Asemblea deuse conta ademais da incorporación de Malpica de Bergantiños e ratificáronse as baixas de Bueu e Gomesende. Ao Fondo pertencen, na actualidade, as catro Deputacións provinciais e 96 Concellos de Galicia, representando a poboación destes máis do 70% da total do país. No decurso da xuntanza explicáronse asemade os trazos fundamentais do II Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2010-2013 e mais do Plan Anual, aos que o Fondo Galego deu o seu apoio despois de que foran admitidas parcialmente as emendas presentadas. Estas ían referidas ao aumento do compromiso económico da Comunidade Autónoma no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, o mantemento de Cabo Verde como prioridade xeográfica e unha maior concreción en relación á creación da Axencia Galega de Cooperación.
Por último, comunicóuselles aos socios que se están a estudar as diversas accións que se poden levar a cabo no Haití co diñeiro recadado a través da Conta de Emerxencia, aberta polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade despois do grave terremoto que devastou a illa caribeña no mes de xaneiro.
|