Aviso:

[Pechar}



16 anos de proxectos

Para coñecer as características da cooperación ao desenvolvemento que impulsa o Fondo Galego debemos ter presente de que tipo de axente estamos a falar dentro do marco xeral da cooperación internacional ao desenvolvemento. Esta categorización axudaranos a entender os seus principios e criterios, así como a súa especificidade neste marco xeral.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha entidade de cooperación descentralizada, o que quere dicir que é unha entidade de cooperación ao desenvolvemento distinta do goberno central. A cooperación descentralizada xorde do convencemento de que o estado non é o único ente que ten responsabilidades no ámbito da redución da pobreza e desigualdades entre o norte e o sur, se non que outras entidades públicas e privadas, coma as asociacións, os sindicatos, as ONGD, os gobernos rexionais, os municipais, etc. deben responsabilizarse e adoptar un papel activo e decisivo na construción dun mundo máis xusto e solidario.

O Fondo Galego como política mancomunada do municipalismo galego naceu do convencemento de que o desenvolvemento humano brota no local. Na procura dos Dereitos Humanos e os Obxectivos do Milenio os proxectos do Fondo priorizan o proxecto estratéxico do municipio e as relacións que implican á cidadanía, alá e aquí.