Aviso:

[Pechar}



Ano 2003 - Convocatoria

Bases de financiamento de programas de cooperación ó desenvolvemento e de solidariedade para o ano 2003

(Aprobadas pola Comisión Executiva na xuntanza celebrada o día 6 de marzo de 2003)

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, oído o Consello Municipalista da Cooperación, dacordo co establecido nos seus estatutos, e seguindo as súas liñas básicas de actuación, realiza a seguinte convocatoria de axudas, dirixida a organizacións non gobernamentais co obxecto de colaborar con elas no logro universal dun desenvolvemento humano.

A tal efecto, financiaranse proxectos de cooperación dacordo coas seguintes bases:

 

Título Primeiro Características dos proxectos (art 1)
Título Segundo Beneficiarios das convocatorias (art 2-3)
Título Terceiro Prioridades na concesión (art 4-6)
Título Cuarto Os prazos e a documentación a presentar (art 7-8)
Título Quinto A concesión das axudas (art 9-14)
Título Sexto A xustificación dos proxectos (art 15-18)

 

Título Primeiro: Características dos proxectos

Artigo 1º

I.- Os proxectos terán en conta as seguintes premisas:

a) Que se realicen en países non desenvolvidos. A atención prioritaria centrarase en países de América Central, Latinoamérica, Cuba e África (Sahara Occidental, África subsahariana, etc.) sen que isto impida o financiamento de actuacións noutras áreas do mundo (Asia, especialmente).

b) Que os seus obxectivos se centren en áreas de saúde, educación, desenvolvemento, atención social, cultura, conservación de medio ambiente, planificación urbanística, consolidación democrática, pacificación, etc., e en actuacións que revistan certa permanencia ou estabilidade. O financiamento de casos de emerxencia acreditada só se fará de maneira excepcional.

c) Que poidan beneficiarse dos mesmos os cidadáns en xeral, sen que se discrimine por razón de raza, confesión relixiosa, sexo, etc.

d) Que eviten a invasión cultural e potencien e respecten a idiosincrasia do pobo beneficiario e o seu medio ambiente.

II.- Na actual convocatoria non serán obxecto de apoio aqueles programas de sensibilización á opinión pública dirixidos ós cidadáns de Galicia, que se arbitrarán a través dun programa independente do Fondo.

III.- Os proxectos ou unha fase dos mesmos desenvolveranse ó longo do período 2003-2004.

 

Título Segundo: Beneficiarios das convocatorias

Artigo 2º

O Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade poderá outorgar axudas a:

  • Organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento e á solidariedade (ONGs).
  • Asociacións, Entidades e Organizacións con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro (veciñais, ecoloxistas, xuvenís, sindicais, etc.) vencellados a entidades de cooperación ó desenvolvemento.
  • ONGs de países non desenvolvidos que conten cun interlocutor válido ante o Fondo.


Artigo 3º

Quedan excluídas as Entidades Gobernamentais de Cooperación.

 

Título Terceiro: Prioridades na concesión

Artigo 4º

En relación co proxecto en sí, terán preferencia os que teñan en conta os criterios seguintes:

1. Que estén dirixidos ós grupos menos favorecidos e que contribúan a mellorar a súas condicións de vida. Valorarase o número de persoas que se beneficiarán da axuda.

2. Que impliquen e fomenten a participación dos beneficiarios en todas e cada unha das fases: concepción, realización, xestión e avaliación.

3. Que teñan perspectiva de futuro nun dobre sentido:

a) Que poidan continuar cando a axuda exterior remate (autosuficiencia económica).

b) Se son impulsadas inicialmente pola cooperación exterior, que teña en conta e garanta a súa continuidade a longo prazo con responsables locais (autosuficiencia loxística).

4. Que contemplen unha concepción integral do desenvolvemento e den soporte ás organizacións de base, excluíndo as actividades que pretendan a promoción dunha opción política, relixiosa ou sindical concreta.

5. Que, no suposto de accións directamente productivas, axuden á constitución de recursos financieros que se poidan empregar para outros proxectos ou actividades posteriores (fondos de rotación, préstamos, garantías bancarias, etc).

6. Que presenten obxectivos de desenvolvemento concretos, claros, avaliables e posibles de conseguir nun prazo razonable.

7. Que respecten o propio medio ambiente.

8. Que sexan promovidas por ONGs ou entidades do país beneficiario, que, ademais de responsabilizarse da execución, ofrezan a garantía dun equipo responsable.

9. Que, preferentemente, sexan de duración plurianual e se integren nunha planificación máis ampla.

10. Que axuden á creación dunha nova infraestructura socioeconómica na zona onde se execute, e/ou adquisición de bens de equipamento, e/ou á consecución do capital necesario para a formación de microempresas comunitarias, e/ou á capacitación e promoción do persoal executor do proxecto.

11. Que contemplen a participación de entidades municipalistas nas súas diferentes fases (formulación, xestión, avaliación) e se adecúen ó perfil das obrigas e funcións básicas a desenvolver polas entidades locais.

12. Con respecto á súa forma de presentación valorarase a fundamentación, a claridade e coherencia interna da presentación, a aportación de documentación complementaria, e que sexan cuantificables mediante presupostos detallados e fidedignos, e a idoneidade da contraparte.


Artigo 5º

a) A Comisión Executiva valorará de 1 a 3 puntos cada ún dos criterios do artigo 4º.

b) A Comisión Executiva terá en conta o informe dun equipo técnico, se a naturaleza do proxecto o aconsella. Neste suposto poderá valora-lo de 1 a 5 puntos.

c) O financiamento de casos de emerxencia acreditada só se fará de maneira excepcional. Neste caso valorarase a súa urxencia, a posibilidade real de chegar ó lugar de destino (vías de comunicación), a experiencia da ONG que canalizará a axuda e a forma proposta de face-lo (proxecto, responsables...).

d) En principio, unha acción poderá beneficiarse de financiamento unha soa vez.

e) O Fondo non poderá financiar ou cofinanciar accións xa feitas ou a piques de rematar.

f) Para convocatorias posteriores terase en conta o grado de cumprimento destas instruccións.


Artigo 6º

En relación coa ONG ou entidade solicitante, valoraranse os seguintes criterios:

1.- É imprescindible que a ONG ou entidade solicitante sen ánimo de lucro figure constituída legalmente e acredite un mínimo de dous anos de experiencia na execución de programas de cooperación ó desenvolvemento.

2.- A capacidade de mobilizar a solidariedade e os recursos privados, así como de acadar subvencións doutros organismos.

3.- Que teña experiencia contrastada en accións de cooperación ó desenvolvemento e de solidariedade.

4.- Que teña a capacidade de soster as accións subvencionadas.

5.- Que os seus obxectivos sexan compatibles cos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

6.- Valorarase o impulso de proxectos por parte de varias ONG conxuntamente.

7.- As ONGs comprometeranse a participar nas accións de sensibilización impulsadas polo Fondo Galego, sempre e cando non estén en contradicción co seu ideario.

 

Título Cuarto: Os prazos e a documentación a presentar

Artigo 7º

As entidades que participen na presente convocatoria terán que presentar un dosier que inclúa os seguintes datos:

I.- Do proxecto:

As entidades solicitantes presentarán o proxecto concreto de actuación e cubrirán o resume do mesmo que se solicita no anexo I. Débense incluír os seguintes datos: localización detallada (adxuntar un mapa), xustificación do proxecto, obxectivos e fins que se persiguen, número e tipo de beneficiarios, descripción da metodoloxía de traballo, proposta detallada das actividades a realizar, cronograma operativo e o presuposto desglosado por partidas en pesetas, facendo constar a cantidade que se solicita ó Fondo e as que aportarán outras entidades, no seu caso.

O Fondo poderá solicitar a documentación complementaria aclaratoria que sexa
necesaria.

II.- Da entidade solicitante:

  • Instancia modelo (anexo II) cos datos da entidade (nome, dirección, teléfono, NIF) e da persoa ou persoas responsables da supervisión do proxecto (nome, enderezo), que deberá asinala aceptando en nome da organización estas bases.
  • Breve memoria da experiencia no campo da cooperación, con especial referencia ás acvidades desenvolvidas nos dous últimos anos.
  • Acreditación de estar incluída no rexistro de Organizacións non Gobernamentais para o desenvolvemento da Xunta de Galicia ou, no seu defecto, os estatutos da entidade.
  • Certificación bancaria da conta corrente a nome da entidade solicitante na que se desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

     

  • Declaración na que conste o compromiso de aportar a diferencia directamente ou por financiación de terceiros, entre o custo total do proxecto aceptado e a axuda ou subvención concedida.

Ademais, a Comisión Executiva do Fondo Galego poderá solicitar da ONG un balance dos dous últimos anos, especificando as subvencións recibidas, a súa orixe e a súa contía, así como os recursos propios xerados, e un informe dos recursos humanos cos que conta. Neste caso, deberán adxuntar un organigrama, especificando as características da súa vinculación e dedicación, así como as relacións máis significativas que manteñan con outras organizacións locais, estatais ou estranxeiras.

III.- No caso de que a solicitude se formule por unha ONG do norte, en colaboración cunha ONG do sur, presentará a seguinte documentación da contraparte: estatutos, memoria explicativa na que se detalle a súa forma xurídica, naturaleza e obxectivos, significación de colaboracións anteriores e unha avaliación dos resultados obtidos.


Artigo 8º

Os proxectos e o resto da documentación remitiranse á Secretaría do Fondo Galego (Avenida de Joselín, 7. Portal 3-4ºB. 36300-Baiona (Pontevedra). O prazo comeza a partir da aprobación destas Bases e remata o 5 de maio de 2003.

Os proxectos non aprobados poderán retirarse na Secretaría do Fondo. Transcurridos dous meses dende a publicación da resolución, o Fondo Galego poderá destruir a documentación presentada e non retirada.

 

Título Quinto: A concesión das axudas

Artigo 9º

A Comisión Executiva valorará os proxectos presentados seguindo os criterios de prioridade expostos nos artigos 4º, 5º e 6º destas bases.

O Fondo Galego poderá solicitar copias adicionais da documentación presentada cando deba tramitar o cofinanciamento perante outras instancias. Igualmente, dos informes finais relativos á execución dos proxectos financiados.


Artigo 10º

Unha vez aprobadas as axudas farase efectivo o pago inmediato do 50% da cantidade concedida. Un 25% adicional librarase unha vez se acredite o inicio da actuación. O restante 25% farase efectivo unha vez xustificada debidamente a axuda recibida, tal e como se recolle no artigo 15º. No caso de existiren dificultades para facer efectivo o 50% inicial, coa conformidade de ambas partes, poderán efectuarse pagos inferiores sempre e cando posibiliten o comezo do proxecto.


Artigo 11º

Poderá adicarse ata un máximo do 8% total da axuda a gastos de preparación, secretaría e xestión. Non poderán ser incluídos no obxecto das axudas, os desprazamentos dos membros das ONGs ós países beneficiarios das accións.


Artigo 12º

Os proxectos pódense aprobar para o seu financiamento total ou parcialmente en función dos fondos disponibles e o criterio da Comisión Executiva, quen está facultada para dirimir e interpretar estas bases.

As ONGs, pola súa banda, poden buscar cofinanciación para os proxectos presentados sen máis restricción que face-lo constar expresamente.

Nos casos en que a axuda solicitada ou aprobada non cubra o custo total do programa, deberá constar o compromiso por parte do peticionario de aportar a diferencia, ben directamente ou a través de financiamento de terceiros.

Mentras non se acredite o compromiso de financiamento, o Fondo non procederá a transferir a subvención acordada.


Artigo 13º

O importe das subvencións ou axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que aillada ou conxuntamente con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou entidades privadas, supere o cen por cen do custo total da actividade para a que se conceden. De ser o caso, o Fondo diminuirá a cantidade acordada ata absorber o exceso.


Artigo 14º

A subvención poderá ser revogada, despois da audiencia ós interesados, sempre que dos informes de seguimento se deduza que as actividades non se axustan ó proxecto subvencionado. Esta circunstancia suporá a devolución das cantidades percibidas en virtude desta convocatoria e exerceranse, se é o caso, as accións legais pertinentes para esixir o reintegro correspondente.

En todo caso, as ONGs adxudicatarias deberán colaborar nas inspeccións e visitas de proxectos en execución, realizadas a instancias do propio Fondo, ben directamente ou a través da Oficina de Seguemento de Proxectos de Managua (Nicaragua) ou de Tetuán (Marrocos).

 

Título Sexto: A xustificación dos proxectos

Artigo 15º

A partires do libramento da primeira parte da subvención, o Fondo Galego poderá recabar da ONG ou entidade adxudicataria a remisión dun informe semestral sobre a execución do proxecto, que incluirá unha memoria explicativa acompañada dunha xustificación económica e de fotografías das actividades realizadas.


Artigo 16º

Xustificaranse os gastos realizados con facturas orixinais, copias compulsadas ou documentos que acrediten o destino e o uso dos fondos concedidos.


Artigo 17º

O non cumprimento da xustificación implicará a súa inhabilitación para a percepción de novas axudas, sen prexuízo das accións legais pertinentes.


Artigo 18º

A ONG solicitante farase responsable do desenvolvemento do proxecto e do correcto uso do financiamento que se outorgue. En todo caso non poderá ser desviado a outros usos diferentes do aprobado.

 

Ano 2003 - Convocatoria