|
fondogalego.org • info(arroba)igadi.org • telf. 698 156 127 • © 2007-2012 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade Relacións cos medios: 616 145 077 / comunicacion(arroba)fondogalego.org |
|||||
|
|
|
![]() |
![]() |
||
|
|
|||||
Aviso:
[Pechar}
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, axencia municipalista da cooperación galega, oído o Consello Municipalista da Cooperación, de acordo co establecido nos seus estatutos, e seguindo as súas liñas básicas de actuación, realiza a seguinte convocatoria de axudas, dirixida a Organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento e de solidariedade (ONGDs) con presenza real en Galicia; Asociacións, Entidades e Organizacións con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro (veciñais, ecoloxistas, xuvenís, sindicais, de inmigrantes, etc.) vencellados a entidades de cooperación ó desenvolvemento; ONGDs do sur e países non desenvolvidos que conten cun interlocutor válido e recoñecido ante o Fondo co obxecto de colaborar con elas no logro universal dun desenvolvemento humano. A tal efecto, financiaranse proxectos de cooperación de acordo coas seguintes bases:
| Título Primeiro | Características dos proxectos (art 1) |
| Título Segundo | Beneficiarios das convocatorias (art 2-3) |
| Título Terceiro | Prioridades na concesión (art 4-6) |
| Título Cuarto | Os prazos e a documentación a presentar (art 7-8) |
| Título Quinto | A concesión das axudas (art 9-14) |
| Título Sexto | A xustificación dos proxectos (art 15-18) |
| Anexo I | Proxecto de Actuación |
| Anexo II | Datos da Entidade solicitante |
I. Os proxectos terán en conta as seguintes premisas:
a) Que se realicen en países non desenvolvidos, cun IDH mediano e baixo, e atendendo aos parámetros xerais establecidos no Plan Director da Cooperación Galega.
b) Que os seus obxectivos se centren na procura dun desenvolvemento participativo, endóxeno, que procure a transformación social das realidades do sur e que teñan no eido local e comunitario o seu espazo principal de intervención facendo especial fincapé na cobertura de necesidades básicas, infraestrutura e promoción do tecido económico, gobernabilidade democrática, saúde, educación, conservación de medio ambiente, etc., e en actuacións con efectos duradeiros. O financiamento de casos de emerxencia acreditada só se fará de maneira excepcional.
c) Que poidan beneficiarse dos mesmos os cidadáns en xeral, sen que se discrimine por razón de grupo étnico, confesión relixiosa, etc., incidindo especialmente na superación da discriminación por razón de xénero.
d) Que eviten a invasión cultural e potencien e respecten a idiosincrasia do pobo beneficiario e o seu medio ambiente.
II. Na actual convocatoria non serán obxecto de apoio aqueles programas de sensibilización dirixidos ós cidadáns de Galicia, que se arbitrarán a través dun programa independente do Fondo.
III. Os proxectos ou unha fase dos mesmos desenvolveranse ó longo do período 2007-2008.
IV. Contido económico.
Con carácter xeral na modalidade de cooperación indirecta terán preferencia aqueles proxectos que cuxa contía non sexa superior aos 50.000 €.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade poderá outorgar axudas a:
Quedan excluídas as Entidades Gobernamentais de Cooperación, institucións financeiras e formacións políticas.
En relación co proxecto en si, terán preferencia os que teñan en conta os criterios seguintes:
1. Que estean dirixidos aos grupos menos favorecidos e que contribúan a mellorar as súas condicións de vida. Valorarase o número de persoas que se beneficiarán da axuda.
2. Que impliquen e fomenten a participación dos beneficiarios en todas e cada unha das fases: concepción, realización, xestión e avaliación.
3. Que teñan perspectiva de futuro nun dobre sentido:
a) Que poidan continuar cando a axuda exterior remate (autosuficiencia económica).
b) Se son impulsadas inicialmente pola cooperación exterior, que teñan en conta e garantan a súa continuidade a longo prazo con responsábeis locais (autosuficiencia loxística).
4. Que contemplen unha concepción integral do desenvolvemento e dean soporte ás organizacións de base, excluíndo as actividades que pretendan a promoción dunha opción política, relixiosa ou sindical concreta ou alenten a discriminación por razón de xénero.
5. Que, no suposto de accións directamente produtivas, axuden á constitución de recursos financeiros que se poidan empregar para outros proxectos ou actividades posteriores (fondos de rotación, préstamos, garantías bancarias, etc).
6. Que presenten obxectivos de desenvolvemento concretos, claros, avaliables e posibles de conseguir nun prazo razoable.
7. Que fomenten e respecten o medio ambiente.
8. Que sexan promovidas por ONGDs ou entidades do país beneficiario, que, ademais de responsabilizarse da execución, ofrezan a garantía dunha equipa responsable.
9. Que sexan de duración plurianual e se integren nunha planificación máis ampla.
10. Que axuden á creación dunha nova infraestrutura socioeconómica na zona onde se execute, e/ou á adquisición de bens de equipamento, e/ou á consecución do capital necesario para a formación de microempresas comunitarias, e/ou á capacitación e promoción do persoal executor do proxecto.
11. Que contemplen a participación de entidades municipalistas nas súas diferentes fases (formulación, xestión, avaliación) e se adecúen ó perfil das obrigas e funcións básicas a desenvolver polas entidades locais.
12. Con respecto á súa forma de presentación valorarase a fundamentación, a claridade e coherencia interna da presentación, a achega de documentación complementaria, que sexan cuantificábeis mediante orzamentos detallados e fidedignos, e a idoneidade dos parceiros.
13. Que impulsen a participación activa das asociacións de inmigrantes asentadas na comunidade galega no compromiso ao desenvolvemento local das súas comunidades de orixe.
a) A Comisión Executiva designará unha Comisión Avaliadora Técnica que valorará de 1 a 3 puntos cada un dos criterios do artigo 4º.
b) A Comisión Executiva terá en conta o informe dun equipo técnico, se a natureza do proxecto o aconsella. Neste suposto poderá valora-lo de 1 a 5 puntos.
c) O financiamento de casos de emerxencia acreditada só se fará de xeito excepcional. Neste caso valorarase a súa urxencia, a posibilidade real de chegar ao lugar de destino (vías de comunicación), a experiencia da ONGD que canalizará a axuda e a forma proposta de facelo (proxecto, responsábeis...).
d) O Fondo non poderá financiar ou cofinanciar accións xa feitas ou a piques de rematar.
e) Terase en conta o grao de cumprimento polos solicitantes das instrucións en convocatorias anteriores.
En relación coa ONGD ou entidade solicitante, valoraranse os seguintes criterios:
1. É imprescindible que a ONGD ou entidade solicitante sen ánimo de lucro figure constituída legalmente e acredite un mínimo de dous anos de experiencia na execución de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.
2. A capacidade de mobilizar a solidariedade e os recursos privados, así como de acadar subvencións doutros organismos.
3. Que teña a capacidade de soster as accións subvencionadas.
4. Que conte cunha traxectoria contrastada no desenvolvemento de actividades de sensibilización na Comunidade autónoma.
5. Que os seus obxectivos sexan compatibles cos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
6. Valorarase o impulso de proxectos por parte de varias ONG conxuntamente.
7. As ONGDs comprometeranse a participar nas accións de sensibilización impulsadas polo Fondo Galego, sempre e cando non estean en contradición co seu ideario.
As entidades que participen na presente convocatoria terán que presentar a seguinte documentación:
I. Do proxecto:
As entidades solicitantes presentarán o proxecto concreto de actuación e cubrirán o resume do mesmo que se solicita no anexo I. Débense incluír os seguintes datos: localización detallada (achegar un mapa), xustificación do proxecto, obxectivos e fins que se perseguen, número e tipo de beneficiarios, descrición da metodoloxía de traballo, proposta detallada das actividades a realizar, o presuposto especificado por partidas, en euros, facendo constar a cantidade que se solicita ó Fondo e as que aportarán outras entidades, no seu caso.
O Fondo poderá solicitar a documentación complementaria aclaratoria que sexa necesaria.
II. Da entidade solicitante:
Ademais, a Comisión Executiva do Fondo Galego poderá solicitar da ONG un balance dos dous últimos anos, especificando as subvencións recibidas, a súa orixe e a súa contía, así como os recursos propios xerados, e un informe dos recursos humanos cos que conta. Neste caso, deberán acompañar un organigrama, especificando as características da súa vinculación e dedicación, así como as relacións máis significativas que manteñan con outras organizacións locais, estatais ou estranxeiras.
III. No caso de que a solicitude se formule por unha ONGD do norte, en colaboración cunha ONGD do sur, presentará a seguinte documentación do parceiro: estatutos, memoria explicativa na que se detalle a súa forma xurídica, natureza e obxectivos, significación de colaboracións anteriores e unha avaliación dos resultados obtidos.
Os proxectos e o resto da documentación remitiranse á Secretaría Técnica do Fondo Galego (Avenida Joselín 7, portal 3-4ºB. 36.300-Baiona (Pontevedra)). O prazo comeza a partir da publicación destas bases e remata o 31 de marzo de 2007.
A resolución da convocatoria publicarase na páxina web www.igadi.org e na www.fegamp.es. Os proxectos non aprobados poderán retirarse na Secretaría Técnica do Fondo. Transcorridos dous meses dende a publicación da resolución, o Fondo Galego poderá destruír a documentación presentada e non retirada.
A Comisión Executiva valorará os proxectos presentados seguindo os criterios de prioridade expostos nos artigos 4º, 5º e 6º destas bases.
O Fondo Galego poderá solicitar copias adicionais da documentación presentada cando deba tramitar o cofinanciamento perante outras instancias. Igualmente, dos informes finais relativos á execución dos proxectos financiados.
Unha vez resolta a Convocatoria, o Fondo requirirá unha entrevista cos responsábeis dos proxectos, antes de facer o primeiro ingreso, co fin de establecer pautas de coordinación e seguimento.
Unha vez aprobadas as axudas farase efectivo o pago do 50% da cantidade concedida. Un 25% adicional librarase unha vez se presente un informe de seguimento das actuacións previstas. O restante 25% farase efectivo unha vez estea debidamente xustificada a axuda recibida, tal e como se recolle no artigo 15º. No caso de existiren dificultades para facer efectivo o 50% inicial, coa conformidade de ambas partes, poderán efectuarse pagos inferiores sempre e cando posibiliten o comezo do proxecto.
Poderá dedicarse ata un máximo do 8% total da axuda a gastos de preparación, secretaría e xestión.
Non poderán ser incluídos no obxecto das axudas, os desprazamentos dos membros das ONGDs aos países beneficiarios das accións.
Os custes derivados dos cambios de divisa non serán asumidos polo Fondo Galego. As transferencias aos países do Sur faranse efectivas en euros, sempre que así sexa posible.
Os proxectos pódense aprobar para o seu financiamento total ou parcialmente en función dos fondos dispoñibles e a criterio da Comisión Executiva, quen está facultada para dirimir e interpretar estas bases.
As ONGDs, pola súa banda, poden buscar cofinanciamento para os proxectos presentados sen máis restrición que facelo constar expresamente.
Nos casos en que a axuda solicitada ou aprobada non cubra o custo total do programa, deberá constar o compromiso por parte do peticionario de aportar a diferenza, ben directamente ou a través de financiamento de terceiros.
Mentres non se acredite o compromiso de financiamento, o Fondo non procederá a transferir a subvención acordada.
O importe das subvencións ou axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que illada ou conxuntamente con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou entidades privadas, supere o cen por cen do custo total da actividade para a que se conceden. De ser o caso, o Fondo diminuirá a cantidade acordada ata absorber o exceso.
A subvención poderá ser revocada, despois da audiencia, ós interesados, sempre que dos informes de seguimento se deduza que as actividades non se axustan ao proxecto subvencionado. Esta circunstancia suporá a devolución das cantidades percibidas en virtude desta convocatoria e exerceranse, se é o caso, as accións legais pertinentes para esixir o reintegro correspondente.
En todo caso, as ONGDs adxudicatarias deberán colaborar nas inspeccións e visitas de proxectos en execución, realizadas a instancias do propio Fondo, ben directamente ou a través da Oficina de Seguimento de Proxectos de Managua (Nicaragua) ou de Tetuán (Marrocos), ou doutras entidades públicas que colaboren no financiamento.
A partires do libramento da primeira parte da subvención, o Fondo Galego poderá recabar da ONGD ou entidade adxudicataria a remisión dun informe semestral sobre a execución do proxecto, que incluirá unha memoria explicativa acompañada dunha xustificación económica e de fotografías das actividades realizadas.
Xustificaranse os gastos realizados con facturas orixinais, copias compulsadas ou documentos que acrediten o destino e o uso dos fondos concedidos.
O non cumprimento da xustificación implicará a súa inhabilitación para a percepción de novas axudas, de conformidade coas previsións establecidas na lei 3/2003, de 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.
A ONGD solicitante farase responsable do desenvolvemento do proxecto e do correcto uso do financiamento que se outorgue. En todo caso non poderá ser desviado a outros usos diferentes do aprobado.