Aviso:

[Pechar}



Ano 2011 - Resolución

Resolución do Fondo Galego en relación á convocatoria de 2011 para o financiamento de proxectos de cooperación ao desenvolvemento

A Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en sesión celebrada o 8 de abril do 2011 na sede da Secretaría Técnica, na Illa de San Simón (Redondela).

1. Levando en conta os axustes nos orzamentos públicos, que están a supor unha merma económica notable nas Administracións locais.

2. Tendo en consideración que durante o presente ano terán lugar eleccións locais e que, atendendo á experiencia do Fondo Galego, isto conleva dificultades e atrasos na xestión da convocatoria e na consecución de financiamentos complementarios.


Adóptase a seguinte


RESOLUCIÓN

1. Non realizar a convocatoria aberta de 2011 para o financiamento de proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento.

2. Integrar os recursos económicos de 2011 derivados das achegas das entidades asociadas na convocatoria aberta de 2012.

 

Proxectos en execución en 2011

1. Proxecto: Fortalecemento do desenvolvemento local para dar una resposta sostible e solidaria tras o terremoto do 12 de xaneiro en Haití.

Código de rexistro: CD/2010/HT/01

Parceiro: SKDK

Consorcio: Fondo Galego- Fons Catalá de Cooperació

País de actuación: Haití

Orzamento total: 234.371,93€

Cantidade achegada polo Fondo Galego: 171.261,43€

Cantidade achegada polo Fons Catalá: 100.000€

Resumo: O proxecto plurianual de apoio ao desenvolvemento local, iniciado en novembro de 2010, actúa en varias frontes co fin de crear capacidades rexionais para mellorar as condicións de vida da poboación e así disipar os riscos e mitigar os desastres provocados polos fenómenos naturais na illa. Trátase de apoiar ás institucións e ás organizacións sociais para fortalecer a súa capacidade de desenvolver plans de acción que disipen esa vulnerabilidade, aplicando políticas para o uso e ocupación do solo e sensibilizando á cidadanía para unha axeitada xestión da terra. Para conseguilo levaranse a cabo as seguintes accións ao longo dos anos 2011 e 2012:

-  Impulsarase un programa intermunicipal de concertación de políticas públicas arredor de cuestións como a ordenación do territorio, a sostibilidade ambiental, o crecemento económico e a prevención de riscos.

-  Serán adaptados os plans de estudos que afectan aos 60 alumnas/os do Centro de Formación Profesional de Carice de acordo aos novos retos nas disciplinas de agroecoloxía, construción local adaptada, socio-administración e economía social.

-  Construirase un centro intermunicipal con estruturas e materiais resistentes aos terremotos e os furacáns que terán en conta a recuperación do medio ambiente.

Impartirase un taller sobre economía social e fortaleceranse as capacidades dos produtores coa plantación de bambú, a transformación da arxila ou a reciclaxe de materiais para a construción.

2. Proxecto: Desenvolvemento de capacidades locais con equidade de xénero e mellora das condicións de vida en 9 comunidades rurais da provincia fronteiriza de Ayabaca, Piura. Perú.

Código de rexistro: CI/2010/PE/02

Entidade solicitante: Amigos ESCAES-Perú

País: Perú

Orzamento total: 53.458€

Cantidade solicitada ao Fondo: 35.000€

Cantidade achegada polo Fondo: 35.000€

Cantidade achegada pola entidade solicitante: 12.236,84€

Cantidade achegada polo parceiro e/ou beneficiarias/os: 6.221,05€

Resumo: O proxecto busca promover o desenvolvemento humano sustentable das familias que viven en comunidades rurais en situación de extrema pobreza da provincia de Ayabaca, baseándose na alfabetización, a promoción da participación social e a equidade de xénero. Á súa vez proponse a instalación de 180 cociñas melloradas, mellorar a dieta alimentaria coa instalación de 9 hortas e a creación de 9 módulos de cuyes a fin de que as familias dispoñan dunha alimentación máis adecuada e rica en vitaminas e nutrintes.

 

Así mesmo, a principios do 2011 pechamos o seguinte proxecto de cooperación indirecta:

3. Proxecto: Latrinas para Tepalón.

Código de rexistro: CI/2010/NI/06

Entidade solicitante: AXUNICA

País: Nicaragua

Orzamento total: 8.439,6€

Cantidade solicitada ao Fondo: 6.751,62€

Cantidade achegada polo Fondo: 6.751,62€

Cantidade achegada pola entidade solicitante: 1.687,89€

Resumo: O obxectivo deste proxecto é o de mellorar as condicións sanitarias da Comunidade de Tepalón (Granada, Nicaragua) coa construción de 30 latrinas. Este proxecto educativo-sanitario forma parte dun máis amplo que incluíu na primeira fase a condución da auga potable ás vivendas, comedores escolares e aulas de preescolar.

 

PROXECTOS PENDENTES DE CERRAR EN 2011

1. Proxecto: Apoio á construción de cuartos de baño na illa de Maio

Código de rexistro: CD/2010/CV/27

Parceiro: Cámara Municipal do Maio

País: Cabo Verde

Illa: Maio

Orzamento total: 151.667,76€

Cantidade solicitada: 49.200€

Cantidade achegada polo Fondo: 942€

Cantidade achegada pola Xunta de Galicia: 48.708€

Cantidade achegada pola Cámara de Maio: 80.225,64€

Cantidade achegada pola Cámara e/ou beneficiarias/os: 22.241,88€

Resumo: Con vista a combater os actuais índices de salubridade, o presente proxecto prevé a construción de 60 cuartos de baño en casas particulares nas localidades de Figueira e Ribeira Don João, así como a realización de campañas de sensibilización e educación para saúde con vista a contribuír para a adopción de novos hábitos de hixiene. As familias beneficiarias recibirán o material para construír o seu cuarto de baño e apoio técnico para garantir a calidade da obra. Así mesmo, as campañas serán organizadas a través de procesos participativos e asegurarán o envolvemento directo das asociacións comunitarias das respectivas localidades.

2. Proxecto: Programa de apoio ó proceso de desenvolvemento económico local para a provincia de Maputo

Código de rexistro: CD/2010/MZ/39

Parceiro: PNUD

País: Mozambique

Orzamento total: 66.071,61€

Cantidade solicitada: 62.643,04€

Cantidade achegada polo Fondo (Concellos de Vigo, a Coruña e Pontevedra e Deputación de Lugo): 62.643,04€

Resumo: O proxecto pretende contribuír á erradicación da pobreza promovendo o desenvolvemento económico local (DEL) xunto coa Dirección Nacional de Promoción de Desenvolvemento Rural (DNPDR), a través do apoio e fortalecemento do Departamento de Promoción de Desenvolvemento Rural, á Axencia de Desenvolvemento Económica Local (ADEL) da provincia de Maputo e á Rede Nacional das ADEL (REDEL) para dinamizar a economía local, crear empregos e xerar ingresos entre a poboación. Preténdese fortalecer a xestión municipal e a asociatividade, a través dunha incubadora de negocios e talleres de capacitación e información de novas esixencias do mercado da competencia e comercio xusto, intercambio con outras iniciativas e transferencia tecnolóxica.

3. Proxecto: Elaboración do III Plan de Desenvolvemento na Illa de Santo Antón

Código de rexistro: CD/2011/CV/33

Parceiro: Asociación de Municipios da Illa de Santo Antón (AMSA)

País: Cabo Verde

Illa: Santo Antón

Orzamento total: 71.359€

Cantidade achegada polo Fondo: 1.475€

Cantidade achegada pola Xunta de Galicia: 40.000€

Cantidade achegada pola AMSA:  29.884€

Resumo: O proxecto trata de relanzar o exercicio de planificación no territorio da Illa de Santo Antón, interrompido desde 2001 pola falta de recursos financeiros. Ese exercicio, pioneiro en Cabo Verde, deu excelentes resultados na década de 90 e contribuíu en gran medida para a elaboración, procura de financiamento e execución de proxectos estruturais para Illa en varios sectores do desenvolvemento socioeconómico. O proxecto pretende elaborar un documento que define as estratexias de desenvolvemento da Illa, así como integrar políticas sectoriais que caracterizan ese espazo socioeconómico.

 

 

Ano 2011 - Resolución