Aviso:

[Pechar}



3. Tema: A desigualdade de xénero

DESESTRUTUREMOS OS ROLES DE XÉNERO

Descrición:

O ciclo de cine, que consta de catro películas, ofrécenos unha visión crítica dos roles de xénero, que non son máis que o conxunto de expectativas diferentes para mulleres e homes que marcan a diferenza respecto a como ser, como sentir e como actuar. Os roles son asignados nas sociedades na que vivimos, e como consecuencia as persoas desenvólvense como mulleres ou coma homes identificándose co papel que lle asigna o seu sexo. Este concepto é fundamental comprendelo para entender tamén as iniquidades que isto xera. As películas propostas, son ademais un chamamento claro á desestructuración destes roles de xénero para acadar unha sociedade máis equitativa.

Idades recomendadas:

A partir de 18 anos.

Ocasións interesantes para realizar a actividade:

- 8 de marzo: Día da Muller Traballadora
- 25 de novembro: Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres

Películas:

Princesas

(Fernando León de Aranoa. 2005. 120 minutos)
Esta é a historia de dúas mulleres, de dúas putas, de dúas princesas. Unha delas chámase Caye, ten case trinta anos, o pelo de perruquería e un atractivo discutible, de barrio. Zulema é unha princesa desterrada, doce e escura, que vive a diario o exilio forzoso da desesperación. Cando se coñecen están en lugares diferentes, case enfrontados: moitas mozas ven con receo a chegada de inmigrantes á prostitución. Caye e Zulema non tardarán en comprender que, aínda que a certa distancia, as dúas camiñan pola mesma corda frouxa. Da súa complicidade nace esta historia.

O soriso de Mona Lisa

(Mike Newell. 2003. 114 minutos)
Unha mestra que trata de mudar os roles de xénero consigue introducirse nos imaxinarios femininos das súas alumnas, introducindo novos valores e novas perspectivas de relacionamento. Na historia, as tensións, aparecen cando os novos coñecementos chocan de fronte cos vellos, nunha tensión clásica entre o que aparece e o que desaparece.

Iron Jawed Angels

(Katja von Garnier. 2004. 123 minutos)
Protagonizada por Hillary Swank, esta película está ambientada na primeira década do século XX, e conta a historia de dúas mulleres que logran radicalizar a loita polo dereito ao voto feminino nos USA.

Auga

(Deepa Mehta. 2005. 112 minutos)
A historia transcorre en 1938, na India colonial, en pleno movemento de emancipación liderado por Mahatma Gandhi. Segundo as crenzas hindús, cando unha muller casa, convértese na metade do home. Se el morre, considérase que a metade da esposa morreu. Os libros sagrados din que unha viúva ten tres opcións: casar co irmán máis novo do seu marido, arder co seu marido ou levar unha vida de total abnegación. Celébrase unha voda que ben podería ser un enterro: casan a Chuia, unha nena de 8 anos, cun moribundo que falece esa mesma noite e ten que prepararse para o destino que escolleron para ela, o ingreso nun ashram para viúvas onde deberá pasar o resto da súa vida. A auga é unha constante na película, non só como metáfora, senón tamén como instrumento. Na beira do río, Kaliani coñece a Naraian, un mozo idealista seguidor de Gandhi, fillo de brahmanes, a casta social máis alta da India. Con Chuia actuando como mensaxeira, a súa imposible relación comeza a florecer.

 

Actividade complementaria:

Esta actividade pode ser complementada por unha mesa redonda na que participe unha representante dunha asociación pola abolición da prostitución, unha líder sindical, unha experta en xénero, e unha persoa representante dunha ONGD con proxectos de cooperación na India. Tamén pode escollerse realizar unha conferencia sobre unha destas temáticas.

 

3. Tema: A desigualdade de xénero