CLAVES PARA ENTENDER O CONTEXTO ACTUAL EN AMÉRICA LATINA
Descrición:
Este ciclo de cine está composto por catro películas que versan sobre aspectos políticos e sociais claves para comprender a problemática e os retos aos que se enfrontan os países de O salvador, Arxentina, Brasil e Chile. É unha visión de acontecementos reais que sucederon hai ben poucos anos, que marcou a varias xeracións neses países e que é necesario coñecer para ter consciencia da interrelación cos sucesos máis actuais.
Idades recomendadas:
A partir dos 15 anos.
Películas:
 |
Brasil
(2005. 90 minutos)
É unha das economías emerxentes máis interesantes da actualidade e, ao mesmo tempo, un dos países con maiores contrastes sociais e culturais. Este documental analiza Brasil a través das historias dos seus habitantes e dos seus costumes. Dende o inevitable Entroido á danza de capoeira, o programa segue a estela dalgunhas das persoas que fan posible este milagre, xa sexa a bordo dun helicóptero, en pleno Amazonas ou da man dos habitantes das favelas: un mundo de contrastes no que un pode experimentar toda unha vida nun só día. |
 |
Chove sobre Santiago
(Helvio Soto. 1976. 112 minutos)
Setembro de 1973. Santiago de Chile está a punto de estoupar nunha guerra sanguenta. Tanques militares, dirixidos polo xeneral Augusto Pinochet, invadirán en breve as rúas da cidade, preparando o terreo para un brutal golpe de estado planeado pola CIA. A película conta os eventos que rodearon a caída do réxime do presidente Salvador Allende, un dos réximes socialistas máis frutíferos das pasadas décadas; unha película apaixonante e emocionante sobre un Chile loitando pola supervivencia contra as escuras forzas do fascismo. |
 |
Memoria do saqueo
(Fernando E. Sólanas. 2003. 118 minutos)
Dende os comezos da ditadura militar, hai xa vintecinco anos, Arxentina e o seu pobo tiveron que enfrontarse a unha das peores crises económicas e sociais vividas xamais por un país en período de paz. Exorbitantes débedas nacionais, un ultraliberalismo desalmado, a desenfreada corrupción política e financeira, y o espolio dos bens públicos. Todo iso, coa axuda das compañías multinacionais occidentais e a complicidade dos organismos internacionais. A política da terra abrasada, representada por tipos como Carlos Menem, conduciu ao país a un incrible cataclismo de fame, enfermidade e sacrificio de vidas humanas: un xenocidio social. |
 |
Voces inocentes
(Luis Mandoki. 120 minutos)
Durante a década dos oitenta en El Salvador, as forzas armadas do goberno recrutan nenos de doce anos para loitar contra a guerrilla. A vida de Chava, un neno de once anos, convértese nun xogo de supervivencia, ao ter que combater contra os rebeldes e soportar os efectos desoladores da violencia diaria. Mentres loita por atopar traballo para axudar á súa nai, experimenta o seu primeiro amor cunha compañeira de clase e ve como a súa pequena aldea se transforma nun campo de xogo e de guerra. |
Actividade complementaria:
Podemos complementar este ciclo coa exposición “A Paz cuestión de Fondo” e a de “Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio”, coas súas respectivas unidades didácticas (só nas dúas últimas), que as fan apropiadas no caso de desenvolver a actividade en centros de ensino.