Aviso:

[Pechar}



Acta do Concello Municipalista da Cooperación reunido o 4 de xullo de 2013 na EGAP

Asisten:

-Por parte do Fondo Galego: Teresa París (Presidenta, Concello de Redondela), Jose Luis Quintela (membro da  Comisión Executiva polo Concello da Coruña e Vogal na relación coas ONGD), María Jesús González (membro da  Comisión Executiva polo Concello de Cambre), Marga Figueroa (membro da  Comisión Executiva polo Concello de Oleiros), Daniel González (Secretario, IGADI), Carmen Novas (técnica de comunicación FGCS) e Andrea García (técnica de proxectos, IGADI)

- Por parte dos axentes de cooperación galegos: Francisco Raigón Jiménez (Coordinadora Galega de ONGD, Asemblea de Cooperación pola Paz), Sara García (técnica de proxectos da Coordinadora Galega de ONGD), Maribel González Rico (ESCAES-Perú) e Moncho Boan, (CIG-Internacional).

Orde do día:

1. O Fondo Galego e as Liñas Estratéxicas 2011-2015. Informe de situación:

A sesión iníciase coas palabras de Teresa París que tras dar a benvida e agradecer a presenza d@s participantes, enmarca a situación actual das Liñás Estratéxicas 2011-2015.

Desta maneira comeza insistindo na liña de traballo do Fondo de fortalecer por dentro tanta a propia organización municipalista, coma o propio sistema galego de cooperación, abrindo liñas de traballo conxuntas tanto coas ONGD como coa Coordinadora, ao tempo que mantendo e aumentando a propia convocatoria de proxectos.

A súa vez fai un chamado a colaboración dentro do propio sector na defensa dos resultados e institucionalidade conseguida, diante das agresións que o sector e o propio Fondo Galego están a padecer.

Finalmente a presidenta pon en valor a fórmula do Fondo como política pública coordinada e mancomunada desde o local, desde unha óptica transpartidaria, desde a transparencia e a relación sinceira con todos os actores do sistema galego de cooperación.

Posteriormente Jose Luis Quintela, como Vogal da Comisión Executiva do Fondo para a relación coas ONGD, intervén diante do CMC pondo en valor tres ideas centrais.

En primeiro lugar a fórmula transpartidaria institucional que representa o Fondo Galego, facéndoa unha institución única na capacidade de traballo apartidista non só na actualidade, se non na retrospectiva histórica. En segundo lugar, o traballo realizado e de proximidade do Fondo en canto a reprodución social de valores solidarios e éticos é imprescindible nos tempos que corren, sendo unha política pública, a cooperación internacional, á que non debemos renunciar nin desde o ámbito estatal nin desde o autonómico ou municipal. Finalmente, J.L. Quintela, puxo de manifesto que o aumento da cantidades destinada a convocatoria de proxectos debe de ser subliñada no contexto actual.

Por último Jose Luis Quintela ofrécese para continuar a traballar da man das ONGD póndose a súa disposición como vogal na relación coas ONGD do Fondo.

Para dar por finalizado a presentación das Liñas 2011-2015, Daniel González (IGADI), fai mención aos resultados conseguidos polo Plan de sensibilización 2012, que xirou ao redor da conmemoración dos 15 anos de Fondo Galego, tendo realizadas 113 actividades en 71 Concellos asociados, alcanzando directamente a máis de 10.000 persoas.

Neste sentido lembrou que trala conmemoración do 30 de novembro comunicóuselle a Secretaría (Igadi) desde a Xunta de Galicia a necesidade de abandoar a Illa de San Simón e posteriormente, na primeira semana de xaneiro, a non renovación do Convenio de sensibilización FondoGalego/Xunta de Galicia que viña asinándonse desde o ano 2000. Este contexto non facilitou o arranque da programación para a anualidade de 2013, mais finalmente e trala Asemblea xeral de abril, o Fondo artellou un Plan de actividades autónomo cos seus propios fondos, agardando a recuperar a liña de traballo conxunto coa Xunta de Galicia.

Finalmente e seguindo as Liñas 2011-2015 ponse en valor o traballo desenvolto en canto a consolidación do Fondo como asociación, que pese as baixas manten o bloque de asociados mesmo con altas, a comunicación ou o traballo aberto coas ONGD. Neste sentido, fai referencia a imposibilidade, até o de agora, de incorporar á iniciativa privada e a RSC na vida ordinaria do Fondo Galego.

2. Convocatoria de proxectos para o exercicio 2013.

Primeiramente Andrea García (IGADI) presenta as Bases da convocatoria para este 2013 elaboradas desde o Fondo Galego, destacando unha liña continuista ao respecto das doce convocatorias anteriores, centrándose polo tanto no desenvolvemento local e nas complicidades cos poderes locais dos países e proxectos receptores.

Ademais de incorporar moitas das Alegacións que xa estiveron presentes na Convocatoria de 2012 tralo CMC deo 12 de maio de 2012, as Bases de 2013 destacan por 3 motivos ao respecto do ano anterior. En primeiro lugar pola cantidade mínima consignada, que pasa dos 50.000 aos 70.000€. En segundo lugar porque a presentación dos proxectos deberá levar obrigatoriamente planificada unha actividade de sensibilización en Galicia sobre o mesmo, e finalmente porque a cantidade máxima para os proxectos presentados pasa dos 20.000€ aos 30.000€

Finalmente, Andrea García informa que tralas alegacións presentadas pola Coordinadora no 2013 serán gastos financiables as compulsas e os gastos bancarios, e os PMA serán discrimandos positivamente ao igual que os Países do II Plan Director da Xunta de Galicia. Tamén se indica que as facturas deberán ser dilixenciadas.

As persoas representantes da Coordinadora Galega piden a palabra para agradecer a actitude colaborativa do Fondo coas ONGD e a súa vocación por apostar pola publicación de unha nova convocatoria de subvencións e de maior envergadura.

O representante da CIG pide a palabra para indicar que implicitamente os sindicatos están excluídos da convocatoria  polo redactado dalgúns capítulos das Bases. Neste sentido a Secretaría comunica que fará o posible para que ningún axente de cooperación galego se sinta excluído, modificando os textos onde sexa oportuno.

3. Sinerxias entre o Fondo e o tecido solidario galego para a sensibilización social. Día internacional contra a pobreza.

O secretario presenta este punto da orde do día desde a vontade de iniciar unha reflexión conxunta entre o Fondo Galego, a Coordinadora, as ONGD e demais actores do sistema galego de cooperación para reforzarse mutuamente.

Desde a experiencia ao redor do día internacional contra a pobreza de 2012 e a  mobilización de actividades/exposicións de 14 ONGD por entidades socias do Fondo,  a idea é chegar a imaxinar novos marcos de relación que poidan reforzar o traballo das ONGD e ao Fondo Galego, como axencia local galega de cooperación internacional. Desde esta experiencia a novas, partindo da RMS como ferramenta organizativa do sistema galego de cooperación.

Neste sentido Daniel González informa que neste 2013 e desde as dificultades polos constantes recortes orzamentarios, a secretaría tentará volver a introducir ao redor do 17 de outubro os Dereitos Humanos na axenda local galega no maior número de entidades socias da man das ONGD.

4. Outros asuntos.

O secretario informa que no marco da Confederación de Fondos estase a realizar un seguemento ao respecto do proxecto de reforma da administración local, para que en ningún caso se prohiba a cooperación internacional desde o poder local. Nese sentido informa de que previsiblemente no último cuadrimestre do ano a Confederación organice distintas actividades para visibilizar a cooperación descentralizada e reforzar o seu rol no goberno local.

A representante da Coordinadora, Sara García, vinculando esta cuestión ao punto anterior da Orde do día, fala das posibilidades que abriría o feito de reforzar a cooperación descentralizada galega (e especificamente municipalista) conxuntamente entre o Fondo e a Coordinadora Galega de ONGD.

Finalmente ábrese un turno de palabras entre as persoas participantes, que serve para coñecer o traballo e as particularidades de Escaes-Perú e a CIG como axentes de cooperación galegos.

Sen máis, o Consello Municipalista da Cooperación dase por rematado ás 19:45.