Aviso:

[Pechar}



Acta do Consello Municipalista da Cooperación reunido o 2 de febreiro de 2001 en Santiago de Compostela

Asistentes:

Por parte do Fondo Galego: Lourdes Suárez, Xosé María Permui, Mar Bernal, Salomé Alvarez, Xulio Ríos.

Por parte das ONGs: Carmen Castilla, InteRed Galicia; Adela González Pérez, Fundai; Celso Carballo Leiro, Natura Hispánica; José Luis Quintela Julián, Intermón-Oxfam; e Xoán Rafael Vilas, Entrepobos.

Excusou a inasistencia: José A. Atienza Hoyuela, de Hogar-Clínica “San Rafael” de Vigo.

Desenvolvemento da xuntanza:

  • 1. Por parte de Xulio Ríos, Secretario do Fondo Galego, infórmase do avance experimentado no último ano respecto da ampliación da base asociativa. Actualmente o número de socios supera os sesenta, representando a máis do 80 por cento da poboación de Galicia. Dase conta tamén das iniciativas de sensibilización desenvolvidas, comezando pola elaboración do material informativo básico do Fondo (tríptico, caderno de preguntas e respostas, video, etc) asi como das previsións para o presente ano neste dominio (programa radiofónico a través de EMUGA e elaboración dunha revista). Asi mesmo, saliéntase o acordo asinado cos sindicatos da función pública local e a aceptación da cláusula solidaria voluntaria por parte das editoriais galegas.
    Por último, destacase o progresivo incremento da dotación económica para o financiamento de proxectos, positivo pero insuficiente, e das previsións para o presente exercicio. En resume, se ata agora o esforzo principal do Fondo centrouse na consecución de máis socios, a partir deste ano, a preocupación central será a de obter máis recursos, ben a través de fontes propias ou externas.
  • 2. Por parte de Lourdes Suárez, responsable de proxectos, faise unha introducción xenérica ás Bases da convocatoria para o 2001, destacando a importancia dunha descripción exhaustiva pero concreta dos beneficiarios, das contrapartes, e das repercusións que un determinado proxecto pode ter nunha área específica; da importancia asi mesmo de contemplar mecanismos de cooperación entre as ONGs actuantes nunha zona para reforzar o impacto plural que poida producirse a partir dunha previsión inicialmente non mancomunada.
    Por parte de Xosé María Permui, dase conta das previsións económicas, tanto no que atinxe ao orzamento global como ao xeito de liquidación das axudas e outras cuestións.


Efectuadas algunhas aclaracións, expresase a conformidade coas Bases propostas, coa petición de incluír algunha referencia a Asia no artigo 1º.I.a), por parte de InteRed.

Ao remate da xuntanza, incorporase Alberto Enríquez Villacorta, representante de FUNDE (Fundación Nacional para el Desarrollo) de El Salvador, quen informa da situación neste país centroamericano despois do terremoto do pasado día 13 de xaneiro e das prioridades que dende o seu punto de vista deben establecerse no ámbito da cooperación internacional para garantir unha maior eficacia da axuda.

E sen máis asuntos que tratar, levántase a xuntanza cando son as 13.15 horas.