Aviso:

[Pechar}



Acta do Consello Municipalista da Cooperación reunido o 9 de maio de 2012 na Fegamp

Asisten:

-Por parte do Fondo Galego: Teresa París (Presidenta, Concello de Redondela), Jose Luis Quintela (membro da  Comisión Executiva polo Concello da Coruña e Vogal na relación coas ONGD), Daniel González (Secretario, IGADI), Andrea García (técnica de proxectos, IGADI)

- Por parte dos axentes de cooperación galegos: Gema Filgueira (Presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, Médicos do Mundo), Jose Manuel Pérez (Vogal da Coordinadora Galega de ONGD, Solidariedade Galega), Sara García (técnica de proxectos da Coordinadora Galega de ONGD), Lorena Arévalo (Implicadas no Desenvolvemento), Laura Casal (Amigos da Terra), Montse Fernández (Agareso), Celso Carballo (Natura Hispánica), Alejando Quiñoá (ACPP)

- Convidadas: Marta Calderón (Oficina do Conservador de Santiago de Cuba)

Desculpan a asistencia:

Fernanda Couñago (Amarante), Ana Rosa Rodríguez (Escaes Perú), Moncho Boan (CIG).

Orde do día:

Cuestión previa: Ao respecto da convocatoria ordinaria remitida aos axentes de cooperación galegos convidados ao CMC, a Orde do día sufríu unha modificación para un mellor desenvolvemento operativo do mesmo.

1. Fondo Galego e Liñas Estratéxicas 2011-2015:

A sesión iníciase coas palabras da nova presidenta do Fondo Galego, tralos 14 anos de Presidencia de Alfredo Novoa.

Tralos agradecemento pola asistencia aos participantes no Consello, Teresa París enmarca as súas palabras no tempo novo do Fondo, onde desde hai 7 meses a nova Comisión Executiva por medio das súas Liñas Estratéxicas traballa no horizonte da actual lexislatura local, onde nun marcado contexto de crise, a asociación municipalista se marca como obxectivo medrar por dentro, reforzando a nosa coordinación e organización, por medio de diferentes vías, nas que destaca a de abrise a sociedade galega, e de maneira máis concreta coas ONGD de Galicia.

Posteriormente Jose Luis Quintela, preséntase ao Consello como Vogal da Comisión Executiva do Fondo para a relación coas ONGD, estando a disposición das mesmas para unha boa interlocución entre o Fondo e as ONGD con actividade en Galicia. Explicita o convencemento de que a coordinación entre os actores que nos organizamos para transformar as masivas bolsas de exclusión e pobreza a nivel mundial é fundamental para conseguir un mundo mellor e avanzar nese camiño. Destaca a liña de traballo que a nova Executiva do Fondo implementa, na vontade de achegarse ao tecido solidario galego para sentirnos máis próximos, nomeando a Coordinadora Galega de ONGD e o Fondo, como actores principais do sistema galego de cooperación.

Para dar por finalizado a presentación das Liñas 2011-2015, Daniel González (IGADI), informa ao Consello da redución da estrutura da Secretaría desde comezos de 2011, que actualmente non conta co posto de técnic@ de sensibilización. Tamén da mudanza física do IGADI á Illa de San Simón. Agradece a participación no CMC facendo un chamado á cooperación interna do sistema galego, para reforzalo por dentro en tempos de amezas e recurtes, alegando a necesidade de empatía institucional entre os distintos actores que o conforman.

Para dar por rematado este punto fai mención as 4 Bases de actuación que marcan as Liñas Estratéxica 2011-2015: 1.Evitar pasos atrás no compromiso das institucións locais, 2. Promover máis activamente a sensibilización social, 3. Adaptar a cooperación directa e reforzar a colaboración coas ONGD, e 4. Involucrar a iniciativa privada.

2. Convocatoria de axudas a proxectos para o exercicio 2012.

Primeiramente Andrea García (IGADI) presenta as Bases da convocatoria para este 2012 elaboradas desde o Fondo Galego, destacando unha liña continuista ao respecto das máis de dez convocatorias anteriores, que teñen resultado en 68 proxectos financiados a ONGD de Galicia desde o nacemento da asociación municipalista. As Bases presentadas teñen en conta así as especificidades e o proceso histórico do Fondo Galego como política pública mancomunada desde o local, e como parte da acción exterior de Galicia. A súa vez preséntanse novidades como un máis marcado enfoque de xénero ou a discriminación positiva do uso do idioma galego. Tamén a inclusión positiva dos países prioritario para o Fondo Galego, enmarcados no propio proceso da cooperación local galega e o II Plan Director da Cooperación Galega. Enfatízase tamén, que na redacción das Bases vai implícita unha maneira de relacionarse coas ONGD que pretende ser máis próxima a de outras institucións.

O Secretario informa da recepción de distintos comentarios e suxerencias por parte de ONGD galegas, e da recepción dun completo documento de Alegacións as Bases por parte da Coordinadora Galega de ONGD. O volume da información recibida, obriga a introdución de mudanzas no texto de Bases presentado ao CMC, consideradas nalgúns casos pertinente pola Secretaría Técnica, o que obrigará a retrasar nunha semana o prazo da Convocatoria de proxectos en base a planificación inicial, para que trala revisión da Secretaría a Comisión Executiva do Fondo, aprobe definitivamente as Bases. Desde a presidencia da Coordinadora Galega de ONGD agradécese o esforzo da asociación municipalista para a convocatoria de proxectos 2012, e felicítase da liña de traballo explícita de incrementar os mecanismos de relacionamento entre ONGD e Fondo Galego.

Desta maneira e de non existir novos retrasos, a convocatoria abrirase entre o 22 de maio e o 22 de xuño de 2012.

Desde a Secretaría obsérvase pertinente dar conta da transparencia que o Fondo Galego como asociación exerce. Desta maneira, preséntase unha contas no Fondo sen débeda, o que posibilita a Convocatoria de proxectos deste 2012, que partindo dos 50.000 € iniciais poderá ser aumentada sensibiblemente, en función das contas da asociación.

Posteriormente, abrese un turno de palabras que ofrece unha conversación enriquecedora entre os distintos membros do CMC, ao respecto da nova liña de relacionamento entre as ONGD e  o Fondo, o impacto dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento, ou as especificidades do Fondo como asociación do municipalismo galego, entre outros temas.

3. Presentación do proxecto europeo: “Redes para o desenvolvemento”.

Finalmente preséntase “Redes para o desenvolvemento: Das geminaçoes a uma cooperaçao máis eficiente” onde o actor principal é o Instituto Marqués de Val Flor, que xunto a ONGD alemá Fine+P, o Fondo Galego, e cámaras municipais portuguesas e alemás, procura dar como resultado principal a constitución dunha Rede ou Fondo portugués para coordinar os esforzos do municipalismo portugués en materia de solidariedade internacional.

Infórmase que o papel do Fondo Galego no proxecto é de asesoramento e de presentación dun modelo coordinado de autoridades locais a prol dunha maior eficacia e eficiencia por parte da cooperación internacional das entidades locais.

Os 4 Resultados agardados do proxecto son: 1. Rede de autoridades locais creada e reforzada, 2. Parcerías multiactor promovidas, 3. Boas prácticas na área da cooperación diseminadas a niveis nacionais e internacionais, e 4. Capacitadas as autoridades locais  para desenvolver e implementar proxectos de cooperación.

Ao respecto do R2 e R3, convídase desde o Fondo as ONGD a rexistrarse na Plataforma virtual do proxecto:
http://www.redesparaodesenvolvimento.org/gl/component/user/login para procurar pontes entre a sociedade civil portuguesa e galega, e tamén oportunidades de actuación nos países de lingua portuguesa. A Secretaría cooperará activamente coas ONGD interesadas para que os rexistros e os potenciais pontes podan ser desenvoltos.

Sen máis asuntos que tratar, o CMC, dáse por finalizado ás 16:30