Aviso:

[Pechar}



Ano 2013- Convocatoria

Entre o 9 de xuño e o 30 de agosto estará aberta a Convocatoria de proxectos para ONGD con presenza real en Galicia. O formulario narrativo e o económico podédelo atopar ao final destá páxina, ao igual que o modelo de solicitude.

A cantidade destinada á convocatoria de proxectos é de 70.000€, sendo esta a cantidade mínima dispoñible, podendo ser incrementada en función da economía do Fondo, o ditame da Comisión avaliadora de proxectos e a decisión da Comisión Executiva do Fondo Galego e a súa Asemblea Xeral.


BASES PARA A PRESENTACIÓN DE PROXECTOS DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO.
ANO 2013

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, axencia municipalista da cooperación galega, ouvido o Consello Municipalista da Cooperación, de acordo co establecido nos seus Estatutos, no II Plan Director da Cooperación Galega, na Declaración de París e nas Liñas Estratéxicas do Fondo Galego 2011-2015,  e seguindo as súas liñas básicas de actuación, realiza a seguinte convocatoria dirixida aos axentes de cooperación ao desenvolvemento con presenza real en Galicia, que se rexerá polas seguintes BASES

CAPÍTULO PRIMEIRO: OBXECTO DA CONVOCATORIA
1.1 Estas bases teñen como obxectivo a regulación da concesión de subvencións por parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (en adiante Fondo Galego), a través do procedemento de concorrencia competitiva, aos axentes de cooperación para a execución de proxectos de desenvolvemento nos países do sur e unha actividade de sensibilización en Galicia en torno ao proxecto, coa meta de contribuír ao fortalecemento do sistema galego de cooperación e sensibilizar á poboación galega sobre as desigualdades Norte-Sur.
1.2 Quedan excluídos desta convocatoria os proxectos de axuda humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade futura cando remate o financiamento externo.

CAPÍTULO SEGUNDO: CONDICIÓNS XERAIS DA CONVOCATORIA
2.1 A convocatoria abrirase o 9 de xullo e pecharase o 31 de agosto, ambos inclusive. As propostas recibidas despois dese prazo serán desestimadas.
2.2 O prazo de execución dos proxectos presentados non debe superar os 12 meses, non podendo ter iniciado antes da publicación desta convocatoria, polo que a execución poderá abranguer meses do ano 2013 e 2014.
2.3 Os proxectos deberán enviarse por correo certificado ou por mensaxería  á sede da Secretaría Técnica do Fondo Galego, que conta co seguinte enderezo: Avda. Joselín, nº7, Portal 3, 4ºB. C.P. 36300. Baiona (Pontevedra). Para calquera dúbida ou consulta poderán dirixirse ao seguinte enderezo electrónico: acorzo@igadi.org .
2.4 O formato de presentación dos proxectos deberá ser o establecido polo Fondo Galego (CAPÍTULO QUINTO). Serán excluídos para a súa valoración aquelas propostas recibidas en modelo distinto do establecido para esta convocatoria, así como aquelas que presenten manipulacións nos formularios dispostos.
2.5 Cada entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos.
2.6 Non serán obxecto de avaliación os proxectos presentados por entidades que teñan pendente algún informe da convocatoria do 2010 ou anteriores e que non xustificaran ese retraso de forma clara e suficientemente explícita.
2.7 O importe máximo da achega por proxecto é de 30.000€. Cada entidade poderá obter como máximo esta cantidade por cada proxecto presentado.
2.8 Para convocatorias posteriores terase en conta o nivel de cumprimento destas bases podendo influír positiva ou negativamente na avaliación dos proxectos presentados.

CAPÍTULO TERCEIRO: REQUISITOS DAS ENTIDADES SOLICITANTES
3.1 Estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento cunha antigüidade mínima de tres anos.
3.2 Ter como finalidade institucional, recollida nos seus estatutos, a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento e o fomento da solidariedade entre os pobos.
3.3 Contar cunha sede social ou delegación permanente en Galicia cunha antigüidade mínima de dous anos e unha rede de voluntariado activa.
3.4 Acreditar experiencia mínima de 2 anos no país e no ámbito de actuación do proxecto que se presenta.
3.5 Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3.6 Acreditar estrutura suficiente que garanta a xestión técnica e financeira do proxecto e a consecución dos obxectivos esperados.
3.7 Contar con parceiros locais solventes e con capacidade operativa, demostrable e suficiente para afrontar a execución do proxecto e que actúe responsablemente na xestión dos recursos financeiros.

CAPÍTULO CUARTO: REQUISITOS DOS PROXECTOS
4.1 Que non se iniciase a execución do proxecto antes da publicación desta convocatoria.
4.2 Os países de execución dos proxectos serán aqueles que teñen o IDH medio (naquelas zonas con bolsas de pobreza que xustifiquen a intervención) ou baixo, procurando priorizar os proxectos desenvolvidos nos Países Menos Adiantados (PMA), segundo a clasificación das Nacións Unidas, así como aqueles países cos que tradicionalmente estivo vinculada a cooperación realizada polo Fondo Galego (Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú) e os países lusófonos, así como aqueles sinalados como países prioritarios no II Plan Director da Cooperación Galega, co fin de garantir a coordinación e concentración xeográfica.
4.3 Que os parceiros locais sexan responsables da execución do proxecto e da xestión dos recursos.
4.4 Que fomente a participación dos colectivos beneficiarios en todas as fases do proxecto, sen ningún tipo de discriminación, converténdoos en axentes do seu propio desenvolvemento.
4.5 Que os seus obxectivos se centren na procura dun desenvolvemento socioeconómico e culturalmente sostible, participativo, endóxeno, e que procure a transformación social das realidades dos países empobrecidos, fomentando a equidade de xénero, o respecto medioambiental  e contribuíndo de xeito efectivo á loita contra a pobreza e as desigualdades.
4.6 Que incorpore de xeito transversal a loita contra a pobreza, o enfoque dos dereitos humanos, o enfoque de xénero e o medioambiental, así como a potenciación da identidade cultural e étnica dos pobos ou grupos perceptores do proxecto, reforzando os valores de equidade e tolerancia e atendendo a sectores dobremente oprimidos como son as mulleres , as crianzas, os grupos étnicos marxinados, etc.
4.7 Que o seu sector de actuación estea vinculado directamente co eido local en temáticas como: servizos sociais básicos (seguridade alimentaria, subministro de auga e saneamento, habitabilidade, xestión madioambiental, etc.) dende a xestión pública e o exercicio dos dereitos humanos, desenvolvemento institucional, desenvolvemento socioeconómico local, apoio aos procesos de descentralización, fortalecemento da participación cidadá e a gobernabilidade democrática, cunha traxectoria que exclúa accións de natureza puntual e desconectadas da dinámica local e contemplando a implicación das autoridades locais, comisións de desenvolvemento local e/ou outros colectivos ou espazos de concertación municipal.
4.8 Que as institucións públicas da zona e as diferentes asociacións do grupo beneficiario, se as houbese, apoien o proxecto.

CAPÍTULO QUINTO: DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR NA CONVOCATORIA
5.1 Solicitude de financiamento para o/s proxecto/s presentado/s.
5.2 Documentación da entidade solicitante:
• Copia dos estatutos da entidade.
• Copia do Certificado de inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento  e, de ser o caso, do recoñecemento de Entidade de Utilidade Pública por parte do Ministerio de Interior.
• Certificado da Secretaría da entidade de non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
• Copia da tarxeta de identificación fiscal.
• Documentación acreditativa de que a entidade se atopa ao corrente das obrigas tributarias ou de calquera outra natureza, segundo o que dispoña a normativa vixente.
• Memoria de actividades correspondente ao ano anterior.
• Organigrama da entidade.
• Balance de contas e resultados da última liquidación orzamentaria rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, con mención ás fontes de financiamento.
• Declaración da/o representante legal da entidade na que consten outras axudas solicitadas para o mesmo proxecto, indicando o nome da entidade, a cantidade solicitada e a concesión ou non de dita axuda. 
• Certificado no que se especifique a personalidade xurídica do socio local, o domicilio social do mesmo, e os anos de traballo e número de proxectos en parcería.
• Certificado no que quede constancia do compromiso de achegar a diferenza entre o custo total do proxecto e a axuda solicitada, ben directamente ou a través do financiamento de terceiros.
• As ONGD deberán presentar unha certificación do número de persoas voluntarias e socias en Galicia no momento de presentar a/s proposta/s.
5.3 Documentación da/s coparte/s:
• Copia do documento no que se recolla o nomeamento da persoa que exerce a representación legal da entidade.
• Credencial da/o representante legal.
• Declaración da persoa que desempeñe a representación legal da entidade en que se especifique a personalidade xurídica da entidade.
• Copia dos estatutos.
• Copia do número de identificación fiscal ou acreditación da súa constitución legal segundo a normativa propia do país.
• Certificado no que se manifeste de forma expresa a vontade de participar no proxecto.
• Declaración das institucións públicas ou asociacións do grupo beneficiario, se as houbese, na que reflictan o seu apoio ao proxecto para o que se solicita financiamento.
• Memoria dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos que ten participado, facendo especial fincapé na zona xeográfica e no sector actuación do proxecto presentado.
5.3.1   Se é unha administración ou entidade pública:
• Documento oficial no que se manifeste de forma expresa a vontade de participar no proxecto.
• Copia do documento no que se recolla o nomeamento da persoa que exerce a representación legal da entidade ou certificado expedido polo órgano competente.
• Credencial da/o representante legal.
• Declaración das asociacións civís que haxa dentro do grupo beneficiario, se as houbese, na que reflictan o seu apoio ao proxecto para o que se solicita financiamento.
5.4 Memoria do proxecto e orzamento detallado segundo os formularios establecidos: Ditos formularios poderán ser descargados da páxina web do Fondo Galego www.fondogalego.org .
5.4.1 Sobre o orzamento e condicións de financiamento:
• O Fondo Galego asumirá, como máximo, o 80% do custo total do proxecto, que deberá ser completado coa achega do 20% restante, como mínimo, da entidade solicitante, o parceiro local e/ou a poboación beneficiaria, entidades privadas ou  outras administracións públicas. A achega do Fondo Galego non superará en ningún caso os 30.000€.
• No caso de que o Fondo Galego non aprobe a totalidade do importe solicitado, a entidade poderá, no seu caso, reformular o orzamento de conformidade coa cantidade outorgada.
• Son custos financiables:
a) Aqueles custos derivados da execución do proxecto en terreo (custes directos):
- Terreos e inmobles (inclúe compra ou aluguer de inmobles e só aluguer de terreos). Non se imputarán nesta partida gastos de aluguer ou compra de vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade do norte ou do parceiro local.
- Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas (inclúe man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e o transporte dos citados materiais). No caso de ser achegada man de obra ligada a estas tarefas polo parceiro local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local. Nos gastos imputados a construción de inmobles deberá especificarse o réxime de propiedade e a titularidade.
- Equipos, materiais e subministracións. Considérase equipamento a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificacións, afectos á actividade subvencionada: maquinaria, mobiliario, equipamentos informáticos e outro tipo de equipamento. Neste concepto inclúese os gastos derivados do envío dos equipamentos. Entrarían tamén dentro desta partida os custos dos materias funxibles e subministracións precisas para desenvolver actividades  planificadas polo proxecto.
- Persoal. Serán financiados os gastos relativos ao persoal en sede, sendo este o persoal da entidade galega que presta os seus servizos dende Galicia e que as súas funcións e tarefas están vinculadas ao proxecto para o que se solicita a subvención. A imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación. 
Serán financiados os gastos de persoal local, sendo este aquel persoal do parceiro local ou contratado ao servizo do proxecto sometido á lexislación laboral do país no que se executa o proxecto. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para este tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto. O Fondo Galego insta a que a entidade solicitante recorra na medida do posible aos recursos humanos locais.
Serán financiados os gastos do persoal expatriado, sendo aquel persoal da entidade galega sometido a lexislación española que presta os seus servizos no país onde se executa o proxecto e que ten funcións directamente ligadas co mesmo. Para a subvención dos gastos de persoal expatriado aportarase unha memoria xustificativa desa necesidade e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición das tarefas a realizar.
O importe máximo aplicado a este concepto non poderá superar o 60% do importe total do proxecto.
- Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión, identificación, avaliación, auditoría, etc.
- Funcionamento no terreo. Fan referencia aos gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Pertencen a esta partida gastos relativos a electricidade, auga, aluguer de oficinas, comunicacións, papelería, mantemento, limpeza e seguridade. O máximo que se pode imputar a esta partida é do 1% sobre o orzamento total.
- Viaxes, aloxamento e dietas. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade do persoal local e expatriado así como das persoas beneficiarias cando sexa necesario para a correcta execución do proxecto. Inclúese nesta partida gastos de combustible, seguros e mantemento de vehículos, gastos de aloxamento e alimentación vinculados directamente coas actividades do proxecto e identificados na formulación do mesmo.
- Fondo rotatorio. Enténdese como tal a cantidade económica que se emprega como empréstitos directos ou en especie ás persoas beneficiarias que deben ser devoltos nas condicións contractuais que se establezan, destinadas a garantir a súa devolución. Axuntarase o regulamento do funcionamento do fondo. Inclúense gastos de funcionamento, administración e xestión do fondo. Os custos desta partida non poderán ser superiores ao 10% dos custes totais do proxecto.
- Imprevistos (non poderán ser superiores ao 1% do orzamento total).
- Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos bancarios das transferencias de fondos de Galicia ao país de execución e gastos derivados da compulsa de documentos directamente vinculados ao proxecto.
b) Aqueles custos derivados da realización dunha actividade de sensibilización en torno ao proxecto en Galicia: inclúense exclusivamente gastos de aluguer de locais para a realización da actividade (non se inclúe o da propia sede ou delegación da entidade), axudas de custo, desprazamentos, remuneracións, publicidade e distribución e gastos de persoal ao servizo do proxecto (cando estea debidamente motivado). A porcentaxe máxima aplicable é do 10% sobre o total do proxecto.
c) Os custos indirectos do proxecto, entendendo por custos indirectos os gastos propios da entidade solicitante ou do seu socio local, para o sostemento da execución e do seguimento do proxecto en Galicia. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto non debe superar o 10% sobre o custe total do proxecto. Os custos indirectos deberán xustificarse con copias compulsadas das facturas orixinais previamente dilixenciadas.
• Non serán financiables os custos de identificación, avaliación e auditoría contable, a adquisición de terreos, os gastos derivados das misións de seguimento e avaliación no terreo por parte do persoal remunerado ou voluntario da entidade do norte, xuros, recargas e sancións administrativas e penais, gastos de procedementos xudiciais, gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, agasallos, etc) e as amortizacións de bens inventariables .
• Se se contempla a construción ou compra de infraestruturas comunitarias (educativas, sanitarias, sociais, etc.) a propiedade quedará preferentemente en mans de institucións públicas ou da comunidade, debéndose facer responsables da súa utilización segundo os fins para os que foi creada/adquirida. Haberá que acreditar esta cesión a través de escritura pública.
• Serán aceptadas as achegas locais coma valorizacións suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas de maneira exclusiva e proporcional ao proxecto. Poden considerarse achegas ao proxecto as valorizacións realizadas sobre:
- Locais, terreos, equipamentos, materiais e servizos prestados dende a comunidade beneficiaria, o socio local ou outra entidade local distinta destas.
- Man de obra de parte da poboación beneficiaria cando ao rematar o proxecto estes equipamentos, terreos ou locais sexan transferidos á mesma.
- Bens ou locais postos temporalmente a disposición da execución directa do proxecto por un importe equivalente ao aluguer destes durante o tempo que sexan utilizados dentro do prazo de execución.
As valorizacións serán acreditadas mediante certificados, ben do parceiro, da poboación beneficiaria ou da entidade que prestara os bens, servizos ou man de obra. En dito certificado debe constar a cuantificación da achega, facendo referencia ao número de unidades, prezos unitarios e valoración total.
• Serán aceptadas valorizacións da entidade solicitante para a realización da actividade de sensibilización suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas de maneira exclusiva e proporcional á actividade. Poden considerarse achegas á actividade de sensibilización as valorizacións realizadas sobre:
- Locais para a realización da actividade (non se inclúen os gastos de aluguer da sede ou delegación da entidade)
- Materiais: directamente adscritos á realización da actividade (material funxible). Deberase
presentar a valorización do achegado, acreditada de forma suficiente a través de facturas,
xustificantes de compra ou valorización externa á da entidade solicitante.
Os elementos valorizados poderán ter sido adquiridos por motivos diferentes ao proxecto, polo que as facturas e xustificantes de compra poderán ser anteriores a el. Nestes casos, deberase establecer un sistema de depreciación (exclúense materiais inventariables, non subvencionables nesta convocatoria).
- Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo
voluntario que se achega na actividade e o custo suposto, que non deberá exceder os 20
€ por hora. Todo traballo voluntario se realizará baixo a forma de contrato privado, no cal se
especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/a voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da
persoa voluntaria.
5.5 Modo de presentación:
A documentación relativa á entidade solicitante e ao socio local deberá ser entregada exclusivamente en soporte dixital, separándoa convenientemente en carpetas. A memoria do proxecto e o orzamento detallado deberán entregarse en físico e en soporte dixital.

CAPÍTULO SEXTO: EXECUCIÓN, SEGUIMENTO E XUSTIFICACIÓN
6.1 Referente á execución e seguimento do proxecto:
6.1.1 A entidade solicitante deberá responsabilizarse do correcto uso do financiamento que se conceda, de xeito que, en ningún caso, poderá desviarse a outra finalidade sen a aprobación previa do Fondo Galego.
6.1.2  Así mesmo, a entidade farase responsable da execución do proxecto subvencionado e de garantir o seu seguimento e control, debendo xustificar ao Fondo Galego o traballo realizado.
6.1.3 O Fondo Galego reservase o dereito de levar a cabo unha misión de seguimento e avaliación sobre o terreo en calquera fase da execución do proxecto.
6.1.4 A actividade de cooperación ao desenvolvemento deberá ser levada na Comunidade Autónoma de Galicia e en lingua galega. Así mesmo, deberase empregar o galego para facer difusión da mesma, calquera que sexa o soporte, facendo mención ao financiamento do Fondo Galego.
6.1.4 Calquera cambio substancial que se produza no proxecto comunicarase por escrito ao Fondo Galego, quen responderá de igual maneira para comunicar a súa aprobación ou denegación. Enténdese por modificación substancial aquela que afecta aos obxectivos planificados ao inicio do proxecto, a variación total das partidas orzamentarias de máis dun 20% do orzamento aprobado e modificacións no tempo de execución superior a 3 meses. O Fondo Galego deberá pronunciarse no prazo máximo dun mes sobre a aceptación ou denegación das modificacións.

6.2 Referente á xustificación do proxecto:
6.2.1 A entidade que reciba financiamento deberá presentar a seguinte documentación para xustificar a súa execución:
• Un informe de seguimento para os proxectos de máis de 6 meses de duración, que incluirá unha memoria narrativa e económica da marcha do proxecto segundo os formularios establecidos. Será entregado no prazo dun mes tras cumprirse a metade do prazo de execución do proxecto, seguindo o formulario facilitado polo Fondo Galego. Este informe deberá achegarse en soporte dixital e físico. Así mesmo, achegaranse só en soporte dixital fotografías da execución das actividades planificadas para este período así coma outras fontes de verificación. Non será necesario neste informe achegar o listado de facturas e as facturas correspondentes a este período.
• Un informe final, que incluirá unha memoria narrativa e económica da execución do proxecto, así como das actividades de sensibilización e difusión que se levaran a cabo en relación co mesmo, seguindo o formulario facilitado polo Fondo Galego. O prazo para a presentación do informe é de dous meses despois da finalización do proxecto. O informe final deberá achegarse en soporte dixital (excepto as facturas) e físico. Así mesmo, achegaranse só en soporte dixital fotografías do proxecto así coma outras fontes de verificación. Documentación a entregar:

- Certificación da persoa que desempeñe o papel de representante legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos aos fins previstos.
- Informe técnico final do proxecto (segundo formulario).
- Informe económico final do proxecto (segundo formulario).
- Certificado de gastos polo importe total do proxecto, distribuído por partidas orzamentarias e no que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que ostente a representación da entidade beneficiaria.
- Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura, identificación do emisor das mesmas, data e forma de pagamento, descrición do gasto, o seu importe en moeda local e o seu contravalor en euros (segundo modelo facilitado).
- Copias compulsadas das facturas orixinais previamente dilixenciadas polo total dos gastos do proxecto. Tamén poderán ser utilizados, en casos nos que sexa imposible obter factura, os recibos de caixa nos que conste o nome da entidade beneficiaria, o importe, o nome e apelidos da persoa que presta o servizo e o concepto de gasto, ao que deberá sumarse a sinatura da persoa que presta o servizo.
- Certificados, cando sexa o caso, das achegas valorizadas ao proxecto de parte do parceiro, comunidade beneficiaria ou outras entidades locais que participen no mesmo coa cesión de bens, materiais ou servizos.
- Cando existan xustificantes de gastos redactados nun idioma estranxeiro distinto do portugués, inglés ou francés deberán ser traducidos ao galego ou castelán.

CAPÍTULO SÉPTIMO: CRITERIOS DE VALORACIÓN
7.1 A valoración das propostas contempla unha análise exhaustiva da capacidade da entidade solicitante, da calidade técnica do proxecto presentado e do parceiro local, así coma da experiencia, traxectoria e capacidade de difusión e impacto en accións de sensibilización. Só serán avaliadas aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos expostos nas presentes Bases.
7.2 A valoración dos proxectos realizarase en relación a:
a) Aspectos xerais: ata 5 puntos
• Entrega da proposta en lingua galega e emprego da lingua galega na actividade de sensibilización, así como na súa difusión e soportes: Máximo 2 puntos.
• Emprego de linguaxe inclusiva na redacción da proposta, no proxecto e na actividade de sensibilización, así como na súa difusión e soportes: Máximo 2 puntos.
• Entrega da documentación completa e correcta no prazo establecido: Máximo 1 punto.
b) Sobre a entidade solicitante: ata 20 puntos
• Presenza real en Galicia (baseándonos en número de actividades de educación para o desenvolvemento realizadas no ano anterior, no número de persoas socias e voluntarias, se procede, no momento de presentación da solicitude e na presenza en redes galegas e espazos de coordinación): Máximo 5 puntos.
• Presenza dun mínimo de 40% de mulleres nos postos directivos da organización: Máximo 3 puntos.
• Experiencia en accións de cooperación ao desenvolvemento no sector e zona xeográfica descritas no proxecto: Máximo 5 puntos.
• Experiencia de traballo co socio local: Máximo 4 puntos.
• Achega financeira da entidade solicitante ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo dun 5% para ser puntuada. Máximo: Máximo 3 puntos.
c) Sobre o socio local: ata 20 puntos.
• Experiencia en xestión de proxectos de desenvolvemento na área xeográfica e sector de actuación do proxecto: Máximo 5 puntos.
• Presenza dun mínimo de 40% de mulleres nos postos directivos da organización: Máximo 3 puntos.
• A entidade socia é tamén unha socia estratéxica do Fondo Galego no Sur (INPRHU en Nicaragua, Oficina del Conservador ou Municipalidade de Santiago de Cuba en Cuba, Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos (ANMCV) ou algunha das Cámaras Municipais de Cabo Verde): Máximo 4 puntos.
• Participación no proxecto doutras organizacións ou institucións locais: Máximo 4 puntos.
• Achega financeira do socio local ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo dun 5% para ser puntuada. Máximo: Máximo 4 puntos.
d) Sobre o proxecto: ata 45 puntos.
• Que se desenvolva nalgún dos países prioritarios segundo o II Plan Director da Cooperación Galega: Máximo 1 punto.
• Que se desenvolva nalgún dos Países menos adiantados (PMA) segundo a clasificación da ONU: Máximo 2 puntos.
• Que se desenvolva nalgún dos países prioritarios para o Fondo Galego (Cabo Verde, Nicaragua, Cuba e Perú) ou nun país de fala lusófona: Máximo 3 puntos.
• Que o colectivo beneficiario sexa suficientemente contextualizado, que se indiquen os criterios de selección do mesmo e que fomente a súa participación en todas as fases do proxecto, sen ningún tipo de discriminación, impulsándoas/os a ser axentes do seu propio desenvolvemento: Máximo 4 puntos.
• Inclusión no proxecto das estratexias e obxectivos de desenvolvemento públicos da zona: Máximo 4 puntos.
• Pertinencia do proxecto con atención ao país e zona concreta no que se vai desenvolver, ao contexto, ás características que lle son propias ao colectivo beneficiario, aos antecedentes e á xustificación da proposta: Máximo 4 puntos.
• Coherencia dos obxectivos e resultados coas accións propostas e coa problemática presentada: Máximo 4 puntos.
• Accións que se van a desenvolver e prazos de execución: Máximo ata 4 puntos.
• Coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto: Máximo 4 puntos.
• Viabilidade e sustentabilidade do proxecto: Máximo 4 puntos.
• Emprego de medidas de discriminación positivas para fomentar a participación e o empoderamento das mulleres, emprego de indicadores de xénero: Máximo 4 puntos.
• Medidas positivas de impacto ambiental: Máximo 4 puntos.
• O labor de seguimento, control e avaliación que poida realizar a entidade que presenta o proxecto: Máximo 3 puntos.

e) Actividades de sensibilización e difusión do proxecto en Galicia: ata 10 puntos.
• Deseño da actividade que se vai desenvolver e prazo de execución, tendo relevancia o feito de que favoreza o intercambio de experiencias Sur-Norte: Máximo 2 puntos.
• Accións que promovan o coñecemento da situación dos países empobrecidos e os logros que se están a conseguir a través da cooperación ao desenvolvemento: Máximo 2 puntos.
• Incidencia prevista das actividades: descrición precisa das persoas destinatarias e número de persoas ás que vai dirixida: Máximo 2 puntos.
• Ámbito de execución en Concellos socios do Fondo Galego, con priorización daqueles  de menos de 50.000 habitantes ou situados no medio rural: Máximo 2 puntos.
• Actividades que promovan a visibilidade e empoderamento das mulleres do Sur e os valores ambientais: Máximo 2 puntos.

A puntuación que poderá acadar un proxecto é, como máximo, de 100 puntos. Para que un proxecto sexa financiado deberá acadar un mínimo do 50% en cada un dos enunciados.

CAPÍTULO OITAVO: AVALIACIÓN E PUBLICACIÓN
8.1 Os proxectos serán avaliados por unha Comisión Técnica, constituída por representantes de diferentes deputacións e/ou concellos socios do Fondo Galego seleccionadas/os pola Comisión Executiva do Fondo Galego. O ditame técnico favorable non supón necesariamente o financiamento do proxecto. A proposta de resolución que a Comisión Executiva traslade á Asemblea de Socios deberá observar, en todo caso, o cumprimento das presentes Bases. Unha vez aprobada a resolución pola Asemblea Xeral do Fondo Galego, a entidade deberá aceptar expresamente a axuda e as condicións establecidas nestas bases no prazo de 15 días transcorridos dende que a entidade solicitante reciba a comunicación de concesión da axuda.
8.2 A resolución publicarase de inmediato nas páxinas web do Fondo Galego, www.fondogalego.org e da Federación Galega de Municipios e Provincias, www.fegamp.org.
8.3 As entidades que presentaran proxectos non aprobados disporán dun prazo de un mes para retirar a documentación presentada, transcorrido o cal o Fondo Galego poderá proceder á súa destrución. Así mesmo, teñen dereito a recibir información sobre os motivos polos que a súa proposta non foi seleccionada. O prazo para solicitar esta información é de un mes dende o momento no que se fagan públicas as bases na páxina web do Fondo Galego. 
8.4 Asinarase un convenio entre a entidade beneficiaria e o Fondo Galego, onde quedarán recollidos os dereitos e deberes das dúas partes. A distribución da achega dependerá da duración do proxecto e da cantidade solicitada, de xeito que:
-  Os proxectos iguais ou inferiores aos 6 meses de execución recibirán o 70% ao inicio do proxecto, e o restante 30% unha vez aprobado o informe final.
- Os proxectos de máis de 6 meses de execución recibirán o 50% da achega ao inicio do proxecto, o 25% unha vez aprobado o informe intermedio e o restante 25% unha vez aprobado o informe final.
- Os proxectos aprobados para os que se solicite un máximo de 10.000€ recibirán a achega  ao inicio do proxecto nun único pagamento.

A partir da sinatura do convenio o Fondo Galego disporá dun mes para facer efectivo o primeiro pago do proxecto. En todo caso, a entidade deberá presentar as memorias xustificativas nos prazos previstos nas presentes Bases.

AnexoTamaño
formulario_fondo_galego_2013.doc223.5 KB
modelo_solicitude.doc204 KB
formulario_economico_fondo_galego_2013.xls103.5 KB
Ano 2013- Convocatoria