Aviso:

[Pechar}



Ano 2014-Resolución

RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA DE PROXECTOS 2014
APROBADA POLA ASEMBLEA XERAL DO FONDO GALEGO EN SESIÓN CELEBRADA O 22 DE OUTUBRO DE 2014

A Comisión Executiva do Fondo Galego aprobou o 28 de marzo deste 2014 a apertura do proceso de convocatoria aberta aos axentes de cooperación para o financiamento de proxectos de cooperación internacional convocando ao Consello Municipalista da Cooperación (CMC).

Escoitado o Consello Municipalista de Cooperación, reunido o día 23 de abril, a Comisión Executiva aprobou as Bases que rexen a convocatoria de proxectos 2014. De conformidade con elas, entre o luns 5 de maio e o luns 7 de xullo mantívose aberto ao público o prazo para a presentación das diferentes propostas.

O 3 de setembro a Secretaría (Igadi) facilitou aos Concellos participantes na Comisión Avaliadora de proxectos toda a documentación recibida en formato dixital xunto as Valoracións técnicas dos proxectos realizadas en base á Convocatoria 2014 (en anexo ao final desta resolución). Desta maneira, o martes 23 de setembro, coa participación de representantes dos Concellos de Xove, Bergondo, Poio, Nigrán e O Barco de Valdeorras, ademais da Secretaría Técnica, a Comisión Avaliadora analizou os proxectos presentados, formulando unha proposta que foi trasladada á Comisión Executiva.

A 24 de setembro de outubro de 2014 a Comisión Executiva formulou a presente Proposta de Resolución á Asemblea Xeral de socios que finalmente aprobou por unanimidade a mesma na mañá do 22 de outubro.

ACORDO de FINANCIAR os seguintes proxectos:

1. INCREMENTANDO A ADECUADA XESTIÓN DA AUGA E O SANEAMENTO AMBIENTAL CON ENFOQUE DE RESILIENCIA AO CAMBIO CLIMÁTICO EN CINCO COMUNIDADES DOS MUNICIPIOS DE SOMOTO E SAN LUCAS.

Entidade solicitante: AMIGOS DA TERRA
Socio local: INPRHU-SOMOTO
País: NICARAGUA

Orzamento total: 42.356,77 €
Cantidade solicitada/concedida: 29.918,31€

Resumo do proxecto: O proxecto parte da consideración de que Nicaragua é un dos países con maior risco ante os efectos do cambio climático pola súa situación xeográfica. Ademais, no ano 2014 o fenómeno do Neno terá forte presenza na zona, reducíndose considerablemente as cantidades de auga dispoñible para as familias. Esta iniciativa ten como obxectivo fortalecer e complementar o traballo realizado con iniciativas anteriores e toma como referencia as comunidades que na actualidade están enfrontando serios problemas respecto á dispoñibilidade da auga e que presentan un feble saneamento ambiental.

O obxectivo do proxecto é o de mellorar o acceso á auga con calidade a 1.068 persoas que habitan en cinco comunidades dos municipios de Somoto e San Lucas, a través da mellora da infraestrutura existente e do manexo adecuado das fontes de auga comunitarias. Para conseguilo realizaranse as seguintes actividades: capacitación sobre a xestión da auga e o saneamento, a rehabilitación de infraestruturas, a reforestación e o tratamento adecuado das augas grises. Así mesmo, aportaranse solucións tecnolóxicas de baixo custe  adaptadas ás condicións rurais locais para lograr un adecuado tratamento das augas residuais. O sistema consiste na construción dunha infraestrutura innovadora coñecida como bioxardineiras, que ten como finalidade o tratamento das augas grises para a súa depuración biolóxica e posterior reutilización no rego de xardíns, viveiros familiares e outras actividades.

A actividade de sensibilización consistirá nunhas xornadas formativas sobre fitodepuración (depuración biolóxica da auga) dirixidas ao persoal técnico dos Concellos, xestor@s de comunidades de montes e organizacións públicas e privadas (5 horas, previsiblemente en Vigo) e ao público en xeral (unha fin de semana no Centro de Educación Ambiental de As Corcerizas-Ourense).

2. PARTICIPACIÓN DAS MULLERES QUECHUAS E AYMARAS ORGANIZADAS COMO ESTRATEXIA PARA O MELLORAMENTO DA RUTA DE ATENCIÓN DA VIOLENCIA FAMILIAR E SEXUAL NA REXIÓN DE PUNO.

Entidade solicitante: InteRed
Socio local: Movimiento Manuela Ramos
País: PERÚ

Orzamento total: 36.742,83 €
Cantidade solicitada/concedida: 29.343,29€

Resumo do proxecto: O proxecto pretende promover a participación e implicación das mulleres quéchuas e aymaras organizadas na rexión de Puno (Perú), como estratexia para a mellora da efectividade da ruta de atención da violencia familiar e sexual nos distritos de Acora, Lampa e Puno, para combater o débil empoderamento individual e colectivo das mulleres da zona de intervención.

A intervención ten o seu antecedente inmediato nos dous proxectos desenvoltos polo Movimiento Manuela Ramos e InteRed en varios distritos de Puno (entre eles os tres da actual proposta). A pesar dos avances obtidos, considerase necesario seguir apoiando as organizacións de mulleres para fortalecer a participación na mellora dos servizos de atención ás vítimas, polo que se presenta a actual proposta que contempla tres compoñentes principais:

- Desenvolvemento de capacidades
- Programa de sensibilización e promoción articulado cos operadores policiais, xudiciais e fiscais.
-  Actividades de sensibilización en Galicia para poñer en contacto a realidade das mulleres de Puno coas de aquí.

A sensibilización en Galicia sobre o proxecto inclúe 5 encontros ‘Entretecendo’, para tecer e facer reflexións vinculadas á economía feminista cun acto final de yarn bombing en torno a un monumento dunha muller destacada recoñecendo a súa achega á historia.

3. FORTALECEMENTO DAS CAPACIDADES DE PRESTACIÓN DE SERVIZOS E DA AUTOSUFICIENCIA FINANCIEIRA DO CENTRO DE EDUCACIÓN ALTERNATIVA RURAL TELPOLCHALLI (TOTOGALPA).

Entidade solicitante: TALLER DE SOLIDARIDAD
Socio local: INPRHU-SOMOTO
País: NICARAGUA

Orzamento total: 38.988,97 €
Cantidade solicitada/concedida: 29.461,42€

Resumo do proxecto: O proxecto busca o aproveitamento dos atractivos turísticos naturais, culturais e relixiosos existentes na zona.  Baséase no fortalecemento do Centro de Educación Alternativa Rural (CEAR)-Telpolchcalli para lograr a través do mesmo promocionar e posicionar Totogalpa (Madriz-Nicaragua) como destino turístico.  Polo tanto, trátase de mellorar os ingresos e capacidade financeira do CEAR-Telpolchcalli mediante o fortalecemento da produción e a venta de servizos agro turísticos.

Este proxecto representa unha oportunidade para fortalecer intervencións realizadas polo proxecto Desenvolvemento do turismo cultural para a mellora de 17 comunidades rurais (creación de produtos turísticos e posterior oferta de servizos turísticos para atracción de visitantes nacionais e estranxeiros).

A través do proxecto trátase de resolver o problema da deficiente estrutura para a prestación de servizos de información turística, aloxamento e  animación turística mediante a implicación do CEAR-Telpolchcalli.  Co proxecto financiaríase a mellora da oficina de información turística, habitacións para aloxamento de turistas, equipos agropecuarios, sementes e insumos agrícolas necesarios para a produción e dinamización das instalacións agropecuarias do centro.

A visibilización do proxecto en Galicia será a través dun proxecto fotográfico de 25-30 pezas. A súa exposición pública será nas catro cidades galegas de Lugo, Ourense, Vigo e Santiago, e a disposición de calquera dos concellos do Fondo Galego para a súa posterior utilización.

4. A SÚA VOZ II.

Entidade solicitante: IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO
Socio local: PDI
País: INDIA

Orzamento total: 8.570,13 €
Cantidade solicitada/concedida: 6.736,8€

Resumo do proxecto: O obxectivo deste proxecto é contribuír ao aumento da participación social e política das mulleres no distrito de Tiruchipalli (Estado de Támil Nadu, India). O proxecto inclúese no marco do Programa de Empoderamento de Mulleres do distrito de Tiruchirapalli, posto en marcha no ano 2008 tanto na zona rural como urbana do distrito.

No ano 2012 foi financiado polo Fondo Galego o ‘Módulo para a participación social e emancipación política das mulleres’, dentro deste mesmo programa. Ante os positivos resultados do programa na zona urbana e para evitar crear unha fenda entre as beneficiarias rurais e urbanas do Programa solicítase novamente financiamento ao Fondo Galego para replicar a intervención na zona rural, en 5 aldeas xa inseridas no  programa e en outras 5 novas aldeas nas que se comezará a traballar en 2014.
Trátase de traballar con 1.500 mulleres integrantes dos Grupos de Axuda Mutua co obxectivo de aumentar a súa autoestima, así como para acadar o seu empoderamento económico e social. Ademais realizaranse actividades destinadas a reducir as barreiras de participación social e política das mulleres, promovendo un entorno de maior equidade de xénero, e de incrementar a información e formación das mulleres sobre o marco político.

A actividade de sensibilización co proxecto en Galicia consistirá nunha visita dunha responsable do proxecto en Támil Nadu a Galicia, co obxectivo de trasladar á cidadanía galega as principais liñas do proxecto e a experiencia. Tamén se realizará un ciclo de formación sobre a metodoloxía dos Grupos de Axuda Mutua aos concellos socios do Fondo Galego.

5. FORTALECEMENTO DOS PROCESOS DE DESENVOLVEMENTO AUTÓNOMO CON ESPECIAL INCIDENCIA NA EQUIDADE DE XÉNERO DE 16 COMUNIDADES DO DEPARTAMENTO DE RETALHULEU.

Entidade solicitante: ARQUITECTURA SEN FRONTEIRAS
Socio local: Asociación indígena agropecuaria pro- desarrollo integral (ASIAPRODI)
País: GUATEMALA

Orzamento total: 37.860,32 €
Cantidade solicitada/concedida: 28.442,50€ financiado, sobre un solicitado de 29.992,50€                                

Resumo do proxecto: O presente proxecto trata de fortalecer os procesos autónomos de desenvolvemento en 16 comunidades (campesiñas e maioritariamente indíxenas) do Municipio de Champerico (Retlhuleu, Guatemala) a través do impulso dunha iniciativa produtiva local, cooperativa, sostible e autosuficiente, para así contribuír á participación da sociedade civil do Departamento no desenvolvemento socioeconómico autónomo da poboación.
Esta iniciativa pretende dar seguimento á liña de “Fortalecemento Comunitario” do Programa “Oxlajuj Txíkin” financiado pola Xunta de Galicia (2008-2012) nestas 16 comunidades.
Establécense dúas liñas de traballo:
- Fortalecemento da cooperativa B´eljuj Q´anil.
- Fortalecemento dos procesos participativos de tomas de decisión.
O fortalecemento da cooperativa ‘Béljuj Qánil’, creada no marco do programa anterior, ten dúas finalidades principais: elaboración de material de construción económico e de calidade e servir de ferramenta para o desenvolvemento endóxeno das comunidades, xa que a xeración de beneficios redunda na inversión en proxectos de mellora comunitaria. Preténdese así mellorar a xestión e produtividade da cooperativa a través de capacitacións, ampliar o abano de materiais á venda, desenvolver unha campaña de comercialización para ampliar o mercado, visitas de intercambio, mellora das instalacións da cooperativa, etc.
Así mesmo, co proxecto búscase reactivar a organización e participación das comunidades aproveitando a capacidade mobilizadora da cooperativa como xeradora de fondos para o desenvolvemento autónomo das comunidades. Establécese como obxectivo transversal do proxecto o fortalecemento das capacidades de participación e toma de decisión das mulleres tanto nos órganos políticos da Cooperativa como no Consello de Autoridades Comunitarias do Sur.
A actividade de sensibilización en Galicia estará encamiñada a tanxibilizar o traballo cooperativo como ferramenta de autodesenvolvemento na costa sur de Guatemala e con paralelos en Galicia. Para isto realizaranse 5 xornadas en diferentes concellos e un foro de conclusións (todas na provincia da Coruña).

6. FORTALECEMENTO DAS CAPACIDADES LOCAIS PARA MELLORAR O ACCESO AO DEREITO Á AUGA POTABLE E SANEAMENTO A TRAVÉS DA XESTIÓN INTEGRADA DO RECURSO HÍDRICO NOS 7 MUNICIPIOS DA MANCOMUNIDADE NASMAR.

Entidade solicitante: ENXEÑERÍA SEN FRONTEIRAS
Socio local: Mancomunidade dos municipios costeiros do Golfo de Fonseca
País: HONDURAS

Orzamento total: 37.461,86 €
Cantidade solicitada/concedida: 28.416,47€ financiado, sobre un solicitado de 29.947,24€.

Resumo do proxecto: Enxeñería sen Fronteiras comezou o seu traballo en Honduras a partir dun programa trinacional (2008-2012) para mellorar o acceso á auga potable, o saneamento e a xestión sostible de recursos hídricos en El Salvador, Honduras e Nicaragua, grazas ao financiamento da AECID, Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e Concello de Lugo. A partir dese programa continuouse traballando en Honduras na municipalidade de Marcovia, no mesmo sector de actuación, co apoio da Xunta de Galicia e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O presente proxecto, inserido nun programa máis amplo, ten por obxectivo ampliar o acceso a auga potable e saneamento da poboación rural na rexión do Golfo de Fonseca a través do fortalecemento das capacidades locais, para mellorar o acceso ao dereito a auga potable e saneamento a través da xestión integrada do recurso hídrico.
Para lograr o obxectivo proposto levaranse a cabo as seguintes actividades:

- Formacións na metodoloxía para a elaboración de Plans de Xestión Integral de Recurso hídrico municipais
- Formación de capacitadoras/es municipais sobre hixiene e saúde
- Estudo hidroxeolóxico piloto para a prevención e mitigación da contaminación de fontes de auga
- Capacitación en software libre
- Capacitación para o persoal técnico da alcaldía de El Triunfo no levantamento de información e elaboración do Plan de xestión integral do recurso hídrico
- Elaboración e presentación do Plan de xestión integral do recurso hídrico na alcaldía de El Triunfo

As actividades de sensibilización en Galicia consistirán na realización dun vídeo sobre o programa en Honduras, 4 xornadas de 2 horas de duración, elaboración dun cartaz con fotografías resumo do proxecto e charlas promocionando o voluntariado. Así mesmo, ofrecen unha praza para Vacacións con Traballo.

Fegamp, a 22 de outubro de 2014.

AnexoTamaño
valoracions_convocatoria_2014.pdf108.21 KB
Ano 2014-Resolución