Aviso:

[Pechar}



Ano 2017 - Convocatoria

BASES PARA A PRESENTACIÓN DE PROXECTOS DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO
ANO 2017

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, axencia municipal da cooperación galega, ouvido o Consello Municipalista da Cooperación e de acordo ao establecido no III Plan Director da Cooperación Galega e nas Liñas Estratéxicas do Fondo Galego 2016-2019, e seguindo as súas liñas básicas de actuación, realiza a seguinte convocatoria dirixida ás ONGD con sede ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia, que se rexerá polas seguintes bases:

CAPÍTULO PRIMEIRO: OBXECTO DA CONVOCATORIA
1.1 Estas bases teñen como obxectivo a regulación da concesión de subvencións por parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (en adiante Fondo Galego), a través do procedemento de concorrencia competitiva, ás ONGD con sede ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia, para a execución de proxectos de desenvolvemento nos países do Sur.
1.2 Quedan excluídos desta convocatoria as accións de axuda humanitaria e os de carácter asistencial.
1.3 As entidades que resulten beneficiarias deberán comprometerse a planificar e executar unha actividade de sensibilización en torno ao proxecto para ser desenvolvida en administracións locais socias do Fondo Galego ao longo do 2018 e 2019. Dita actividade será financiada integramente polo Fondo Galego. As condicións e características que deben posuír estas actividades será comunicado polo Fondo Galego  unha vez se acepte a axuda por parte das entidades receptoras da subvención.
1.4 O orzamento destinado á convocatoria será de 150.000€.

CAPÍTULO SEGUNDO: CONDICIÓNS XERAIS DA CONVOCATORIA
2.1 2.1 A convocatoria abrirase o 23 de xuño de 2017 e pecharase o 22 de xullo de 2017, ambos inclusive. As propostas enviadas despois dese prazo serán desestimadas.
2.2 O prazo de execución dos proxectos debe ser como mínimo de 12 meses e como máximo de 24 meses, tendo como data de inicio o 1 de xaneiro de 2018.
2.3 Os proxectos deberán enviarse por correo certificado ou por mensaxería  á sede da Secretaría Técnica do Fondo Galego, no seguinte enderezo: Centro Cívico Sur, Rúa Luís Braille, nº 40, C.P. 36003 Pontevedra (Pontevedra). Para calquera dúbida ou consulta poderán dirixirse ao enderezo electrónico acorzo@igadi.org ou ao teléfono 986 843 436.
2.4 O formato de presentación dos proxectos deberá ser o establecido polo Fondo Galego (CAPÍTULO QUINTO).
2.5 Poderán presentarse proxectos de ONGD en agrupación con outras entidades de cooperación de carácter non lucrativo con sede ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
2.6 Cada entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos para financiamento, ben sexan individuais ou en agrupación. Só se financiará un proxecto por entidade.
2.7 Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan coma un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas.
2.8 O importe máximo da achega por proxecto é de 50.000€.

CAPÍTULO TERCEIRO: REQUISITOS DAS ENTIDADES SOLICITANTES
3.1 Estar legalmente constituídas e inscritas no rexistro correspondente cunha antigüidade mínima de dous anos a contar desde a data de publicación da convocatoria .
3.2 Ter como finalidade institucional, recollida nos seus estatutos, a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento e o fomento da solidariedade entre os pobos.
3.3 Contar cunha sede social ou delegación permanente en Galicia cunha antigüidade mínima de dous anos a contar desde a data de publicación da convocatoria.
3.4 Acreditar experiencia mínima de un ano no país e no sector de actuación do proxecto que se presenta.
3.5 Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3.6 Acreditar estrutura suficiente que garanta a xestión técnica e financeira do proxecto e a consecución dos obxectivos esperados.
3.7 Contar con parceiros locais solventes e con capacidade operativa, demostrable e suficiente para afrontar a execución do proxecto e que actúe responsablemente na xestión dos recursos financeiros. Non terán a consideración de parceiros ou socios locais as delegacións de entidades españolas distintas da entidade solicitante, aínda que estean legalizadas no país de execución do proxecto.
3.8 No caso dun proxecto presentado en agrupación, cada unha das entidades deberá cumprir os requisitos sinalados, a excepción do punto 3.4, que será suficiente con que o cumpra unha das entidades, e deberá presentar a documentación que se sinala no CAPÍTULO QUINTO, así como o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que teñen a súa representación legal polo que se obrigan solidariamente ante o Fondo Galego polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención. No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade da agrupación, así coma o importe da subvención a executar por cada unha delas. Non se considerará agrupación de entidades a aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación á que pertenza a devandita entidade, ou aquelas nas que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

CAPÍTULO CUARTO: REQUISITOS DOS PROXECTOS
4.1 O inicio da execución debe ser o 1 de xaneiro de 2018.
4.2 Os países de execución dos proxectos serán:
- aqueles definidos como prioritarios nas Liñas estratéxicas 2016-2019 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: países lusófonos, Cuba e Nicaragua.
- os países prioritarios segundo o III Plan Director da Cooperación Galega (Cabo Verde, Mozambique, Bolivia, Ecuador, Perú, República Dominicana, O Salvador, Guatemala, Honduras e Nicaragua).
- aqueles que teñen o IDH medio (naquelas zonas con bolsas de pobreza que xustifiquen a intervención) ou baixo, procurando priorizar os proxectos desenvolvidos nos Países Menos Adiantados (PMA), segundo a clasificación das Nacións Unidas.
4.3 Os parceiros locais deberán ser responsables da execución do proxecto e da xestión dos recursos.
4.4 Deberase fomentar a participación dos colectivos beneficiarios en todas as fases do proxecto, sen ningún tipo de discriminación, converténdoos en axentes do seu propio desenvolvemento.
4.5 Os seus obxectivos deberán estar centrados na procura dun desenvolvemento socioeconómico e culturalmente sostible, participativo, endóxeno, e que procure a transformación social das realidades dos países empobrecidos, fomentando a equidade de xénero, o respecto medioambiental  e contribuíndo de xeito efectivo á loita contra a pobreza e as desigualdades.
4.6 A Inclusión, de xeito transversal, da loita contra a pobreza, o enfoque dos dereitos humanos, o enfoque de xénero e o medioambiental, así como a potenciación da identidade cultural e étnica dos pobos ou grupos perceptores do proxecto, reforzando os valores de equidade e tolerancia e atendendo a sectores dobremente oprimidos como son as mulleres , as nenas e nenos, os grupos étnicos marxinados, etc.
4.7 Son sectores prioritarios: desenvolvemento socioeconómico local, participación social, bo goberno, fortalecemento institucional, apoio aos procesos de descentralización, empoderamento das mulleres, agricultura, desenvolvemento rural, abastecemento de auga e saneamento e servizos e infraestruturas sociais.
4.8 A implicación e apoio das autoridades locais, comisións de desenvolvemento local e/ou outros colectivos ou espazos de concertación municipal.
4.9 Estar aliñados coas políticas públicas e os obxectivos de desenvolvemento do país, así coma da localidade ou localidades nas que se leve a cabo. 
4.10 Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regulada ou a investigación oficial. Si serán aceptados os proxectos destas características que acheguen documentación relativa ao compromiso das autoridades locais sobre a súa necesidade, compromiso de ser empregado para os fins previstos e inclusión na rede pública.

CAPÍTULO QUINTO: DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR NA CONVOCATORIA
5.1 Modo de presentación:
A documentación relativa á entidade solicitante e ao socio local deberá ser entregada exclusivamente en soporte dixital, separándoa convenientemente en carpetas. Os documentos de formulación técnica e económica deberán entregarse en soporte físico e dixital.
No caso de que a proposta sexa presentada por unha agrupación de entidades, deberase achegar a documentación anteriormente descrita para cada unha delas.
5.2 Solicitude de financiamento para a proposta ou propostas presentadas.
5.3 Documentación da entidade solicitante:
• Certificacións relativas a:
- A composición do órgano de dirección da entidade, indicando os cargos e os nomes das persoas que os ocupan.
- Que dispón de sede ou delegación permanente en Galicia.
- Número de persoas socias, voluntarias e contratadas en Galicia no momento de presentar a/s proposta/s.
- Pertenza a redes galegas e espazos de coordinación a nivel estatal e internacional.
- Actividades ou proxectos de educación ou cooperación ao desenvolvemento levados a cabo da man de municipios ou deputacións galegas, ben a través de convenios directos, ben a través de concorrencia competitiva, nos anos 2015 e 2016.
- Compromiso de empregar o galego en todas aquelas accións de difusión do proxecto en Galicia.
• Declaracións da/o representante legal da entidade solicitante relativas a:
- Outras axudas solicitadas para o mesmo proxecto, indicando o nome da entidade, a cantidade solicitada e a concesión ou non de dita axuda.
- Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
- Compromiso de achegar a diferenza entre o custo total do proxecto e a axuda solicitada, ben directamente ou a través do financiamento de terceiros
- Contar coa capacidade financeira, os recursos humanos e a capacidade operacional suficientes para o correcto desenvolvemento do proxecto.
• Copia dos estatutos da entidade.
• Número e ano de inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación.
• Copia da tarxeta de identificación fiscal.
• Documentación acreditativa de que a entidade se atopa ao corrente das obrigas tributarias ou de calquera outra natureza, segundo o que dispoña a normativa vixente (certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria,  da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Facenda).
• Balance de contas e resultados da última liquidación orzamentaria rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, con mención ás fontes de financiamento.
• Memoria de actividades de educación para o desenvolvemento e cooperación para o desenvolvemento correspondente ao ano 2016. Prégase cinguirse ás actividades de educación para o desenvolvemento realizadas en Galicia e facer fincapé nos proxectos de cooperación ao desenvolvemento apoiados con financiamento de entidades públicas ou privadas, ou cos fondos recadados da base asociativa de Galicia.
• Estratexia de cooperación da entidade na que se enmarca o proxecto presentado.
5.4 Documentación da/s coparte/s:
• Certificacións relativas a:
- a composición do órgano de dirección da entidade, indicando os cargos e os nomes das persoas que os ocupan
- a personalidade xurídica da entidade e o seu domicilio social
• Declaración da persoa que desempeñe a representación legal da entidade relativa á vontade de participar no proxecto.
• Copia dos estatutos.
• Copia do número de identificación fiscal ou acreditación da súa constitución legal segundo a normativa propia do país.
• Declaración de apoio do municipio e das asociacións do grupo beneficiario, se as houbese, na que reflictan o seu apoio ao proxecto para o que se solicita financiamento.
• Balance de contas e resultados da última liquidación orzamentaria rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, con mención ás fontes de financiamento.
• Memoria dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos que ten participado nos anos 2015 e 2016.
5.4.1   Se o parceiro local é unha administración ou entidade pública:
• Documento oficial no que se manifeste de forma expresa a vontade de participar no proxecto.
• Copia do documento no que se recolla o nomeamento da persoa que exerce a representación legal da entidade ou certificado expedido polo órgano competente.
• Declaracións das asociacións civís que haxa dentro do grupo beneficiario, se as houbese, na que reflictan o seu apoio ao proxecto para o que se solicita financiamento.
5.5 Documento de formulación técnico e económico segundo os formularios establecidos: Ditos formularios poderán ser descargados da páxina web do Fondo Galego www.fondogalego.org .
5.6 O documento de formulación técnica e económica, así como a documentación solicitada da entidade solicitante deberá presentarse en lingua galega ou castelá. A documentación relativa ao parceiro local e os anexos ao documento de formulación poderán presentarse en lingua galega, castelá, portuguesa ou inglesa. Para aqueles proxectos a executar nun país de fala distinta deberase achegar a tradución a calquera destas linguas.
5.7 Sobre o orzamento e condicións de financiamento:
• O Fondo Galego asumirá, como máximo, o 95% do custo total do proxecto, que deberá ser completado coa achega do 5% restante, como mínimo, da entidade solicitante, o parceiro local e/ou a poboación beneficiaria, entidades privadas ou  outras administracións públicas. Dita achega poderá ser total ou parcialmente valorizada. A achega do Fondo Galego non superará en ningún caso os 50.000€ por proxecto.
• No caso de que o Fondo Galego non aprobe a totalidade do importe solicitado, a entidade poderá, no seu caso, reformular o orzamento de conformidade coa cantidade outorgada.
• Son custos financiables:
a) Aqueles derivados da identificación, sempre que se realice no prazo dos seis meses anteriores á data de inicio do proxecto. Así mesmo, aqueles gastos derivados da elaboración de liñas de base, sempre que se realicen no prazo dos seis primeiros meses de execución do proxecto. O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar os 5.000 euros.
b) Aqueles custos derivados da execución do proxecto en terreo (custes directos):
- Terreos e inmobles (inclúe compra ou aluguer de inmobles e só aluguer de terreos). Non se imputarán nesta partida gastos de aluguer ou compra de vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade do norte ou do parceiro local.
- Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas (inclúe elaboración do proxecto, planos e estudos técnicos, man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e o transporte dos citados materiais). No caso de ser achegada man de obra ligada a estas tarefas polo parceiro local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local.
Non poderán ser financiados os gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou parceiro local.
De contemplarse a construción ou compra de infraestruturas comunitarias (educativas, sanitarias, sociais, etc.) a propiedade quedará preferentemente en mans de institucións públicas ou da comunidade, debéndose facer responsables da súa utilización segundo os fins para os que foi construída/adquirida. Haberá que acreditar esta cesión a través de escritura pública. Nos contextos nos que se acredite que non é viable ter unha escritura pública nos prazos establecidos, poderase acreditar a cesión mediante un certificado, asinado polas autoridades correspondentes e a ONGD, que acredite dita cesión e as condicións da mesma.
- Equipos, materiais e subministracións. Considérase equipamento a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificacións, afectos á actividade subvencionada: maquinaria, mobiliario, equipamentos informáticos e outro tipo de equipamento, gastos derivados do envío dos equipamentos, taxas aduaneiras ou portuarias, animais, sementes, transporte dos equipamentos, almacenamento, etc.
Entrarían tamén dentro desta partida os custos dos materias funxibles e subministracións precisas para desenvolver actividades  planificadas polo proxecto: material de escritorio, materiais de formación, utensilios, etc.
- Persoal. Serán financiados os gastos relativos ao persoal en sede, sendo este o persoal da entidade galega que presta os seus servizos dende Galicia e que as súas funcións e tarefas están vinculadas ao proxecto para o que se solicita a subvención. A imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación. 
Serán financiados os gastos de persoal local, sendo este aquel persoal do parceiro local ou contratado ao servizo do proxecto sometido á lexislación laboral do país no que se executa o proxecto. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para este tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto. O Fondo Galego insta a que a entidade solicitante recorra na medida do posible aos recursos humanos locais.
Serán financiados os gastos do persoal expatriado, sendo aquel persoal da entidade galega sometido a lexislación española que presta os seus servizos no país onde se executa o proxecto e que ten funcións directamente ligadas co mesmo. Para a subvención dos gastos de persoal expatriado aportarase unha memoria xustificativa desa necesidade e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición das tarefas a realizar.
O importe máximo aplicado a este concepto non poderá superar o 70% do importe total do proxecto.
- Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión, etc. (excepto para a  elaboración da identificación e liña de base, que xa conta coa súa partida específica).
Pertencen a esta partida os gastos derivados de pólizas de seguros de accidentes, enfermidade, responsabilidade civil e dietas relativos ao voluntariado da organización.
- Funcionamento no terreo. Fan referencia aos gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Pertencen a esta partida gastos relativos a electricidade, auga, aluguer de oficinas, comunicacións, papelería, mantemento, limpeza e seguridade. O máximo que se pode imputar a esta partida é do 5% sobre o orzamento total.
- Viaxes, aloxamento e dietas. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade do persoal local, expatriado e en sede, así como das persoas beneficiarias e do voluntariado cando sexa necesario para a correcta execución do proxecto. Inclúese nesta partida gastos de combustible, seguros e mantemento de vehículos, gastos de aloxamento e alimentación vinculados directamente coas actividades do proxecto e identificados na formulación do mesmo.
- Fondo rotatorio. É obxecto de financiamento a cantidade económica que se emprega como empréstitos directos ou en especie ás persoas beneficiarias e que deben ser devoltos nas condicións contractuais que se establezan. Axuntarase o regulamento do funcionamento do fondo. Inclúense gastos de funcionamento, administración e xestión do fondo. Os custos desta partida non poderán ser superiores ao 10% do custe total do proxecto.
- Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos bancarios derivados das transferencias de fondos de Galicia ao país de execución, así como os  gastos derivados da tradución e compulsa de documentos directamente vinculados ao proxecto.
c) Os custos indirectos do proxecto, entendendo por custos indirectos os gastos propios da entidade solicitante ou do seu socio local, para o sostemento da execución e do seguimento do proxecto en Galicia. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto non debe superar o 10% sobre o custe total do proxecto. Os custos indirectos deberán xustificarse con copias compulsadas das facturas orixinais previamente dilixenciadas.
• Non serán financiables avaliación e auditoría contable, a adquisición de terreos, xuros, recargas e sancións administrativas e penais, gastos de procedementos xudiciais, gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, agasallos, etc) e as amortizacións de bens inventariables .
• Serán aceptadas as achegas locais coma valorizacións, sempre que sexan suficientemente acreditadas e estean vinculadas de maneira exclusiva e proporcional ao proxecto. Poden considerarse achegas ao proxecto as valorizacións realizadas sobre:
- Locais, terreos, equipamentos, materiais e servizos prestados desde a comunidade beneficiaria , o socio local ou outra entidade local distinta destas.
- Man de obra de parte da poboación beneficiaria cando ao rematar o proxecto estes equipamentos, terreos ou locais sexan transferidos á mesma.
- Bens ou locais postos temporalmente a disposición da execución directa do proxecto por un importe equivalente ao aluguer destes durante o tempo que sexan utilizados dentro do prazo de execución.
• Aceptaranse, por parte da entidade solicitante, as achegas en especie ou as valorizacións nos seguintes conceptos:
- Aqueles derivados da identificación no terreo así coma aqueles gastos derivados da elaboración de liñas de base,  segundo os prazos establecidos
- Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan en cada actividade e o custo suposto (que non deberá exceder 20 euros por hora). Todo traballo voluntario realizarase baixo a forma de contrato privado, no cal se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/a voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria.

CAPÍTULO SEXTO: EXECUCIÓN, SEGUIMENTO E XUSTIFICACIÓN
6.1 Referente á execución e seguimento do proxecto:
• A entidade solicitante deberá responsabilizarse do correcto uso do financiamento que se conceda, de xeito que, en ningún caso, poderá desviarse a outra finalidade.
• A entidade será a responsable da execución do proxecto subvencionado e de garantir o seu seguimento e control, debendo xustificar ao Fondo Galego o traballo realizado.
• O Fondo Galego reservase o dereito de levar a cabo unha misión de seguimento e avaliación sobre o terreo en calquera fase da execución do proxecto.
• A actividade de educación para o desenvolvemento deberá ser realizada na Comunidade Autónoma de Galicia e en lingua galega. Así mesmo, deberase empregar o galego para facer difusión da mesma, calquera que sexa o soporte, facendo mención ao financiamento do Fondo Galego.
• Calquera cambio substancial que se produza no proxecto comunicarase por escrito ao Fondo Galego, quen responderá de igual maneira para comunicar a súa aprobación ou denegación. Enténdese por modificación substancial aquela que afecta aos obxectivos formulados ao inicio do proxecto, a variación total nas partidas orzamentarias de máis dun 20% do orzamento aprobado e modificacións no tempo de execución. O Fondo Galego deberá pronunciarse no prazo máximo dun mes sobre a aceptación ou denegación das modificacións.
• As prórrogas de execución por un período igual ou inferior a tres meses serán concedidas automaticamente, sen necesidade de autorización previa por parte do Fondo Galego. A entidade beneficiaria ten a obriga de comunicalo previamente antes de que expire o prazo de execución inicial. As prórrogas superiores a tres meses precisan a autorización previa do Fondo Galego.
Excepcionalmente poderá solicitarse e outorgarse unha segunda ampliación de prazo de execución antes de expirar a primeira, fundamentada en situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade financiada ou subvencionada, que deberán acreditarse de forma fidedigna e sempre que non concorran circunstancias imputables ao beneficiario. Nesta segunda ampliación excepcional, o novo prazo outorgarase polo tempo indispensable para facilitar que o beneficiario supere as devanditas circunstancias ou continxencias. No caso de que a situación excepcional impida continuar coa execución da actividade financiada ou subvencionada, poderase solicitar unha modificación da finalidade para a que fose outorgada dita subvención
6.2 Referente á xustificación do proxecto:
6.2.1 A entidade que reciba financiamento deberá presentar a seguinte documentación para xustificar a súa execución:
• Un informe de seguimento que incluirá unha memoria técnica e económica da marcha do proxecto segundo os formularios establecidos. Será entregado no prazo dun mes tras cumprirse a metade do prazo de execución do proxecto. Este informe deberá achegarse en soporte dixital e físico. Así mesmo, achegaranse só en soporte dixital fotografías da execución das actividades planificadas para este período así coma outras fontes de verificación. A documentación anexa ao informe técnico que dá conta da realización das actividades deberá presentarse en lingua galega, castelá, portuguesa ou inglesa. No caso de que o proxecto aprobado sexa executado nun país ou zona con lingua distinta a estas, deberase proceder á tradución a algunha destas linguas para poder ser valorados.
• Un informe final, que incluirá unha memoria técnica e económica da execución do proxecto, seguindo o formulario facilitado polo Fondo Galego. O prazo para a presentación do informe é de tres meses despois da finalización do proxecto. O informe final deberá achegarse en soporte dixital (excepto as facturas) e físico. Así mesmo, achegaranse só en soporte dixital fotografías do proxecto así coma outras fontes de verificación. As facturas e as fontes de verificación deberán presentarse en lingua galega, castelá, portuguesa ou inglesa. No caso de que o proxecto aprobado sexa executado nun país ou zona con lingua distinta a estas, deberase proceder á tradución destes documentos a algunha destas linguas.
• Documentación a entregar:
- Declaración da persoa que desempeñe o papel de representante legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos aos fins previstos.
- Informe técnico final do proxecto (segundo formulario).
- Informe económico final do proxecto (segundo formulario).
- Certificado de gastos polo importe total do proxecto, distribuído por partidas orzamentarias e no que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que ostente a representación da entidade beneficiaria.
- Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura, identificación do emisor das mesmas, data e forma de pagamento, descrición do gasto, o seu importe en moeda local e o seu contravalor en euros (segundo modelo facilitado).
- Copias compulsadas das facturas orixinais previamente dilixenciadas polo total dos gastos do proxecto. Tamén poderán ser utilizados, en casos nos que sexa imposible obter factura, os recibos de caixa nos que conste o nome da entidade beneficiaria, o importe, o nome e apelidos da persoa que presta o servizo e o concepto de gasto, ao que deberá sumarse a sinatura da persoa que presta o servizo.
- Certificados, cando sexa o caso, das achegas valorizadas ao proxecto de parte da entidade solicitante, do parceiro local, da comunidade beneficiaria ou outras entidades locais que participen no mesmo coa cesión de bens, materiais ou servizos.
- Cando existan xustificantes de gastos redactados nun idioma distinto do galego, castelá, portugués ou inglés deberán ser traducidos a algunha destas linguas.
• A entidade beneficiaria que incorrese en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditase, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberá proceder ao reintegro da súa totalidade en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha parcial falta de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades penais que procedan.
• No caso de que a entidade beneficiaria non realice unha xustificación económica ou técnica clara, suficiente e seguindo as directrices marcadas por esta convocatoria, dispoñerá de 45 días hábiles para presentar as subsanacións, previamente requiridas polo Fondo Galego.  poderá reducir o importe subvencionado.
En caso de producirse situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade financiada e que dificulten ou mesmo imposibiliten dispoñer da adecuada documentación xustificativa do investimento ou do gasto, o Fondo Galego poderá aceptar outras formas alternativas de xustificación, como informes de taxadores independentes e debidamente acreditados e inscritos no correspondente rexistro oficial, declaracións de testemuñas, avaliación por resultados realizada por un verificador acreditado e independente, declaración responsable de provedores ou declaración responsable da entidade beneficiaria en que se detalle o destino dos fondos públicos percibidos e a realización da acción concreta, así como a súa afectación ao bo fin perseguido, ou outras probas de igual valor e credibilidade, sen que sexa preciso achegar máis xustificantes.
• Cando se produza un incumprimento parcial dos obxectivos específicos do proxecto, ou en caso de producirse situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade financiada ou que dificulten ou imposibiliten a execución total do previsto, o reintegro ou a perda do dereito ao cobramento da axuda ou subvención non afectará as cantidades efectivamente investidas ou aboadas se se cumpriron parcialmente os obxectivos.

CAPÍTULO SÉPTIMO: CRITERIOS DE VALORACIÓN
7.1 A valoración das propostas contempla unha análise exhaustiva da capacidade da entidade solicitante e do parceiro local e da calidade técnica do proxecto presentado. Só serán avaliadas aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos expostos nas presentes Bases.
7.2 Para que as propostas poidan ser valoradas deberá achegarse toda a documentación requirida. A secretaría técnica do Fondo Galego fará o requirimento da documentación que falta, de ser o caso, tras o que a entidade deberá entregala no prazo indicado. Serán excluídos para a súa valoración aquelas propostas que non acheguen toda a documentación no prazo indicado e en modelo distinto do establecido para esta convocatoria, así como aquelas que presenten variacións nos formularios dispostos.
7.3 A valoración dos proxectos realizarase en relación a:
a) Sobre a entidade solicitante ou entidades agrupadas: ata 20 puntos
No caso de tratarse dun proxecto presentado por entidades agrupadas, farase a valoración de cada un dos puntos por cada entidade.
• Presenza real en Galicia (cantidade de actividades de educación para o desenvolvemento realizadas no 2016, número de persoas socias e voluntarias no momento de presentación da solicitude, realización de actividades ou proxectos con municipios e deputacións galegas,  presenza en redes galegas e espazos de coordinación a nivel estatal e internacional): Máximo 5 puntos.
• Análise da entidade (antigüidade na cooperación, nivel de autofinanciamento, presenza de mulleres nos postos directivos da organización, existencia e dimensión dunha estrutura permanente en Galicia). Máximo 5 puntos.
• Experiencia en accións de cooperación ao desenvolvemento no mesmo sector e zona xeográfica de actuación. Máximo 5 puntos.
• Experiencia de traballo co socio local: Máximo 2 puntos.
• Achega financeira da entidade solicitante ou entidades agrupadas ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo dun 5% para ser puntuada. Máximo 2 puntos.
• Proxecto presentado en agrupación de entidades: 1 punto.
b) Sobre o socio local: ata 20 puntos.
• Análise da entidade (antigüidade na cooperación, nivel de autofinanciamento, presenza de mulleres nos postos directivos da organización, existencia e dimensión dunha estrutura permanente): Máximo 5 puntos.
• Experiencia en xestión de proxectos de desenvolvemento na área xeográfica e sector de actuación do proxecto. Máximo 5 puntos.
• Reforzo da cooperación municipalista: Máximo 5 puntos.
- O parceiro local é un municipio, asociación de municipios, ou a administración local existente (no caso de non haber descentralización a nivel municipal): Máximo 5 puntos.
- O proxecto vén reforzar as capacidades dun ou varios concellos, contacto coa súa participación directa: Máximo 3 puntos.
- Cóntase coa participación puntual do municipio ou municipios nos que se desenvolverá a acción: Máximo 1 punto.
• Participación no proxecto doutras organizacións ou institucións locais: Máximo 3 puntos.
• Achega financeira do socio local, autoridades locais e persoas beneficiarias ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo dun 5% para ser puntuada. Máximo: Máximo 2 puntos.
c) Sobre o proxecto: ata 60 puntos.
• Entrega da proposta en lingua galega e compromiso de emprego da lingua galega na difusión do proxecto en Galicia: Máximo 1 punto.
• Área xeográfica: Máximo 6 puntos.
- Que se desenvolva nalgún dos países prioritarios segundo o III Plan Director da Cooperación Galega. Máximo 1 punto.
- Que se desenvolva nalgún dos Países menos adiantados (PMA) segundo a clasificación da ONU. Máximo 2 puntos.
- Que se desenvolva nalgún dos países definidos como prioritarios nas Liñas estratéxicas 2016-2019 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: países lusófonos, Cuba e Nicaragua. Máximo 3 puntos.
• Pertinencia do proxecto con atención ao país e zona concreta no que se vai desenvolver, ao contexto, ás características que lle son propias ao colectivo beneficiario, aos antecedentes e á xustificación da proposta: Máximo 5 puntos.
• Coherencia dos obxectivos e resultados coas accións propostas e coa problemática presentada: Máximo 8 puntos.
• Poboación beneficiaria: suficientemente contextualizada e desagregada por sexos, con indicación dos criterios de selección. Fomento da súa participación en todas as fases do proxecto, sen ningún tipo de discriminación, facendo especial fincapé na participación das mulleres, impulsándoas/os a ser axentes do seu propio desenvolvemento: Máximo 5 puntos.
• Descrición das accións que se van a desenvolver e prazos de execución: Máximo ata 3 puntos.
• Inclusión no proxecto das estratexias e obxectivos de desenvolvemento públicos da zona,  existencia de sinerxías coa/s administración/s pública local e nivel de participación da/s mesma/s no proxecto: Máximo 5 puntos.
• Coherencia das partidas orzamentarias coas actividades propostas: Máximo 5 puntos.
• Viabilidade e sustentabilidade do proxecto:  Máximo 5 puntos
• Aplicación do enfoque de xénero: Máximo 5 puntos.
• Aplicación do enfoque medioambiental: Máximo 4 puntos.
• Formas de seguimento, control e avaliación previstos para o proxecto: Máximo 3 puntos.
• Integración do proxecto en estratexias integrais de desenvolvemento de carácter público ou con outros axentes no terreo e garantía de transferencia a unha Administración pública do país beneficiario ou a un parceiro local dos inmobles financiados con cargo ao proxecto, no caso de habelos. Máximo: 3 puntos.
• Difusión do proxecto en Galicia. Máximo: 2 puntos.
A puntuación que poderá acadar un proxecto é, como máximo, de 100 puntos. Para que un proxecto sexa financiado deberá acadar un mínimo do 50% en cada un dos apartados. Prégase, en todo caso, dar conta de todas as cuestións que se presentan no formulario para facilitar a valoración das propostas.

CAPÍTULO OITAVO: AVALIACIÓN, PUBLICACIÓN E OBRIGAS DAS ENTIDADES BENEFICIARIAS
8.1 Os proxectos serán avaliados por unha Comisión Técnica, constituída por representantes de diferentes deputacións e/ou concellos socios do Fondo Galego seleccionadas/os pola Comisión Executiva do Fondo Galego. A proposta de resolución que a Comisión Executiva traslade á Asemblea de Socios deberá observar, en todo caso, o cumprimento das presentes Bases. Unha vez aprobada a resolución pola Asemblea Xeral do Fondo Galego, a entidade deberá aceptar expresamente a axuda e as condicións establecidas nestas bases no prazo de 15 días transcorridos dende que a entidade solicitante reciba a comunicación de concesión da axuda.
8.2 A resolución publicarase de inmediato nas páxinas web do Fondo Galego, www.fondogalego.org e da Federación Galega de Municipios e Provincias, www.fegamp.org.
8.3 As entidades que presentaran proxectos non aprobados disporán dun prazo dun mes para retirar a documentación presentada, transcorrido o cal o Fondo Galego poderá proceder á súa destrución. Así mesmo, teñen dereito a recibir información sobre os motivos polos que a súa proposta non foi seleccionada. O prazo para solicitar esta información é de un mes dende o momento no que se faga pública a resolución na páxina web do Fondo Galego. 
8.4 Asinarase un convenio entre a entidade beneficiaria e o Fondo Galego, onde quedarán recollidos os dereitos e deberes das dúas partes. A distribución da achega farase do seguinte xeito:
-  O 50% da achega ao inicio do proxecto
- O 50% unha vez aprobado o informe intermedio

AnexoTamaño
Bases da convocatoria 2017 en pdf (definitivas)175.86 KB
Formulario narrativo 2017 (definitivo)288 KB
Formulario economico 2017 (definitivo)106 KB
Modelo de solicitude 2017204 KB
Ano 2017 - Convocatoria