Aviso:

[Pechar}


2011-03-08

As mulleres resultamos clave para a construción dun novo mundo

No día 8 de marzo, Día Internacional da Muller, celebramos a loita das mulleres pola igualdade e equidade de xénero, para contribuírmos tamén ao desenvolvemento social, político e económico dende a nosa propia perspectiva feminina, que completa e enriquece á masculina imperante, e que tende a potenciar a xustiza e a paz. Para acadar esa igualdade e equidade social resulta imprescindible a participación das mulleres nos procesos de toma de decisións nos eidos do social, comunitario, local, estatal e internacional, para ter opción a expoñer os nosos propios intereses, necesidades, problemas e obxectivos e construír os resultados conforme aos mesmos.

A visibilización e a introdución na axenda política dos problemas sociais, económicos, políticos e culturais que afectan ás mulleres polo mero feito de selo, resulta un paso clave para deixar de observalos erroneamente como problemas que afectan a unha minoría ou sector reducido da sociedade (posto que as mulleres somos a maioría da poboación), pasando deste xeito a ser considerados como cuestións que afectan a ambos xéneros. Para iso precísanse sociedades democráticas e igualitarias e mulleres dispostas a participar nun ámbito (o do público e o do político) tradicionalmente restrinxido aos nosos compañeiros, pero ao que a través das loitas das mulleres no pasado século XIX conseguimos acceder aínda que en condicións desiguais aos homes. Aínda son moitos os países nos que as mulleres non teñen dereito ao voto nin moito menos a ser elixidas representantes. En pleno ano 2011 non se recoñece ás mulleres como persoas en igualdade de dereitos en Arabia Saudí, Emiratos Árabes Unidos, Brunei ou o de tan recente actualidade Líbano.

En España produciuse un incremento das mulleres tanto nos gobernos locais, coma nos autonómicos ou no central na última década, se ben é certo que esta representación segue a ser insuficiente e continúa a poñer en evidencia as desigualdades coas que nos atopamos as mulleres para acceder aos ámbitos de representación política. Debemos pararnos a pensar por qué nos países nos que se fomenta a igualdade e a equidade de xénero as mulleres non chegamos a ter unha representación do 50% nos órganos do poder, como sería o lóxico tendo en conta que configuramos máis da metade da poboación. Son moitas as barreiras que debemos superar para entrar e manternos na carreira política en calquera cultura e país do mundo. A ausencia, ou o número inferior de mulleres con respecto aos homes nas esferas de decisión e liderado representan indicadores clave da desigualade latente a nivel global.

Fronte as desigualdades que sufrimos as mulleres neste ámbito, un dos compromisos adquiridos polos gobernos que se sumaron á Plataforma de Acción de Beijing (1995), asinado na Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, foi o de promover a participación política das mulleres e fomentar a súa capacidade de toma de decisións a tódolos niveis. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, pola súa especialización no eido do local e a súa sensibilidade cara a democratización e equidade social nos pobos, aposta pola participación das mulleres na política (especialmente na política local), materializándose en proxectos concretos en Cabo Verde.

O proxecto “Plaidoyer para aumentar a participación das mulleres nas listas para as eleccións autárquicas de 2008”, implementado no ano 2007 co apoio do Instituto Caboverdiano pola Igualdade e Equidade de Xénero, tivo como obxectivo elevar o número de candidatas en todos os concellos de país nas listas das eleccións municipais do 2008. Para isto organizouse un plan de traballo que incluíu non só aos partidos políticos senón tamén ás organización de base. Tras o proxecto conseguiuse incrementar lixeiramente o número de mulleres candidatadas e o número de mulleres concelleiras, mais como alcaldesas só resultaron dúas entre 22 alcaldías. As pancadas van lentas pero firmes... Este proxecto foi continuado ata a actualidade co apoio para a elaboración dos Planos Municipais de Xénero en Cabo Verde, para transversalizar o xénero en tódalas actuacións do Concello e evitar a marxinación á que estamos relegadas.

Dende o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade defendemos que a participación das mulleres nos procesos de toma de decisións resulta clave para poñer fin á discriminación por razón de sexo, á exclusión, e ao empobrecemento, que continúa a estar feminizado. Só dándonos voz, visibilidade e introducindo nas axendas políticas as problemáticas que máis nos afectan poderemos acabar coa desigualdade e coa violencia exercida contra nosoutras. É por isto que a participación das mulleres na política, e máis concretamente na política local, que é a que está máis preto da cidadanía, resulta clave para afondar na democracia e a construción da paz e do benestar, e para mellorar a cultura e a vida política, ate o punto de resultar imprescindibles para os retos dun novo mundo en construción.

Ángeles Silva
Membra da Comisión Executiva do Fondo Galego de cooperación e Solidariedade

As mulleres resultamos clave para a construción dun novo mundo