Aviso:

[Pechar}



Bases Reguladoras Xerais para a concesión de subvencións a iniciativas de sensibilización

Proposta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade de Bases Reguladoras Xerais para a concesión de subvencións a iniciativas de sensibilización e educación para o desenvolvemento promovidas por ONGDs.

Art. 1.- Obxecto

O obxecto destas bases xerais é regulamentar o procedemento de concesión de subvencións por parte do Concello de ___________________ no ano 2009 para a realización de iniciativas de sensibilización promovidas por ONGDs.

Art. 2. Solicitantes

Poderán solicitar subvencións as ONGDs interesadas en promover ou realizar iniciativas de sensibilización e educación ao desenvolvemento que observen os seguintes requisitos:

  1. Ter sede central ou delegación permanente en Galicia, acreditada documentalmente con dous anos de antelación, como mínimo, á presentación da solicitude. Describirase, así mesmo, o horario de atención ao público e se a sede ou delegación comparte ubicación con domicilio particular.
  2. Ter entre os seus fins a realización de actividades de sensibilización e/ou educación para o desenvolvemento.
  3. Ser activas no Concello de ________________ en iniciativas de promoción da solidariedade ou sensibilización ante as inxustizas entre o Norte e o Sur, así como as inxustizas de xénero. Estimase a existencia de presenza activa na cidade cando se desenvolveran nos dous últimos anos, con carácter aberto, público e externo ao propio ámbito da entidade, entre outras, actividades como exposicións relacionadas coa cooperación internacional, actividades formativas desenvolvidas en centros educativos, campañas de sensibilización e solidariedade. Tamén cando se é membro do Consello Municipal de Cooperación ou similar, de existir, ou membro da coordinadora de ONGDs de Galicia e participar nas súas actividades.

Art. 3. Requisitos das iniciativas de sensibilización e/ou educación ao desenvolvemento:

  1. Que teñan carácter anual.
  2. Que as accións contempladas informen, formen, sensibilicen e conciencien á poboación sobre a realidade e a problemática da situación na que vive a poboación dos países empobrecidos, especialmente sobre as desigualdades entre mulleres e homes, co fin de rachar cos estereotipos sexistas que desvalorizan as mulleres. Tamén que fomenten na sociedade a solidariedade cos países empobrecidos, promovendo a participación de mulleres e homes na construción dun modelo de desenvolvemento xusto, solidario e equitativo en termos de xénero, a través de cursos, conferencias, seminarios, publicacións, investigacións, exposicións, etc.
  3. Que se inicien no exercicio orzamentario vixente ou antes dos 2 meses seguintes transcorridos dende o ingreso da transferencia.
  4. Que o financiamento total do Concello de _____________ a través da presente convocatoria non supoña unha cantidade superior ao 75% do custe total do proxecto.
  5. Que as iniciativas entendan a Sensibilización e a Educación para o Desenvolvemento como unha proposta educativa que a medio e longo prazo forme ás persoas na comprensión das causas estruturais que xeran as desigualdades mundiais, para incentivar a implicación e o compromiso da poboación na transformación dos modelos sociais hexemónicos. Que se trate, polo tanto, dun proceso de reeducación en valores, actitudes e hábitos que avogue polo cambio social global para a consecución dun mundo respectuoso co ambiente e os dereitos das persoas na súa visión máis ampla.
  6. Que as mensaxes e imaxes que transmita o proxecto observen o código de conduta da coordinadora galega de ONGDs.
  7. Que integren a perspectiva de xénero, entendendo como tal a consideración sistemática das diferentes situacións, condicións, aspiracións e necesidades de mulleres e homes, incorporando obxectivos e actuacións especificas dirixidas a eliminar as desigualdades e promover a igualdade en todas as políticas e accións, a todos os niveis e en todas as súas fases de planificación, execución e avaliación.

Art. 4. Solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles a contar dende o día seguinte á publicación desta convocatoria.

Toda a información relativa á convocatoria estará dispoñible na páxina web municipal e na web do Fondo Galego.

Art. 5. Documentación a aportar

Entregarase a seguinte documentación:

  1. Resumo e Orzamento de cada iniciativa.
  2. Memoria das actividades desenvolvidas no anterior exercicio.
  3. Certificación acreditativa de estar ao corrente nas obrigas fiscais e de seguridade social, ademais dos tributos locais.
  4. Fotocopia dos estatutos da entidade e documento que acredite a inscrición no rexistro correspondente.

Se a solicitude non estivera debidamente formalizada ou faltara algún dato ou algún dos documentos mencionados, requerirase á entidade para subsanar as deficiencias no prazo de 10 días hábiles, indicando que de non facelo arquivarase sen máis trámite.

Art. 6. Publicidade da subvención

Toda entidade adxudicataria dunha subvención, deberá facer público o financiamento municipal incluíndo o logotipo do Concello nos materiais impresos que xere e nos medios electrónicos ou audiovisuais e nos anuncios que poida publicar nos medios de comunicación escrita. O Concello facilitará o logotipo municipal.

Art. 7. Procedemento de concesión

O réxime aplicable será o de concorrencia competitiva mediante a comparación das solicitudes presentadas, a fin de establecer unha prelación entre as mesmas, de conformidade cos criterios de valoración establecidos, adxudicando a subvención a aquelas iniciativas que obtiveran maior valoración.

Art. 8. Criterios de valoración

Para a asignación das subvencións correspondentes á convocatoria, teranse en conta os seguintes criterios coa ponderación indicada.

8.1. En relación coa calidade técnica e coherencia do proxecto (60%):

  1. Información sobre o proxecto a realizar así como o seu contexto, recoñecendo a necesidade dun cambio de valores e actitudes que inclúa a eliminación do sexismo (ata 5 puntos).
  2. Exposición e coherencia entre os obxectivos descritos, as actividades propostas, os resultados esperados e os recursos para a súa implementación (ata 5 puntos).
  3. Utilización de indicadores que midan os resultados e sistema de verificación dos mesmos, así como a inclusión dunha avaliación e sistematización a posteriori (ata 4 puntos).
  4. Viabilidade e sostibilidade xeral do proxecto (ata 4 puntos).
  5. Adecuación do orzamento á convocatoria (ata 3 puntos).
  6. Incorporación das NTICs no proxecto (ata 2 puntos).
  7. Información precisa sobre a poboación destinataria directa e indirecta (ata 4 puntos).
  8. Que se trate dun proxecto que favoreza a transformación dos modos de vida da poboación e no que se estuden as causas das desigualdades existentes (ata 4 puntos).
  9. Que se inclúa a concienciación da responsabilidade da poboación dos países do Norte na pobreza do mundo (ata 4 puntos).
  10. Que participe persoal voluntario durante o desenvolvemento da iniciativa incidindo en que as súas tareas, funcións e responsabilidades tendan a subverter estereotipos de xénero (ata 3 puntos).
  11. Detalle do plan de acción previsto para medir os efectos da iniciativa sobre algunhas das súas dimensións (ata 2 puntos).
  12. Valorarase nas metodoloxías (ata 4 puntos):

    • A incidencia política: fomento de políticas solidarias, erradicación das prácticas empresariais contrarias aos dereitos humanos, campañas de mobilización cidadá, denuncia, seguimento e participación e divulgación de foros internacionais.
    • A innovación e a creatividade para chegar aos colectivos destinatarios.
  13. Valorarase na tipoloxía (ata 4 puntos):

    • A investigación, que incorpore a análise de xénero no obxecto, hipótese e equipo coordinador da investigación.
    • A formación adaptada a necesidades ben identificadas, adaptada ao grupo e coa participación de persoas do Sur e tendo en conta dende unha perspectiva de xénero quen forma o equipo de formación, de que contidos se ocupa e o tempo adicado a estes contidos.
    • A comunicación, o intercambio e a aprendizaxe colectiva e non meramente transmisor da información: redes de solidariedade Norte-Sur, conferencias, xornadas e congresos.
  14. Valorarase na temática (ata 5 puntos):

    • Aquelas iniciativas que aborden cuestións relacionadas co desenvolvemento humano, equitativo e sostible, abordando de forma crítica a cuestión da pobreza, a desigualdade e a inxustiza social.
    • As relacionadas coa equidade de xénero e as diversas estratexias utilizadas nos camiños para a igualdade de resultados e o cambio nas relacións de xénero.
    • As relacionadas coa mundialización: tanto nos seus aspectos críticos (impacto na economía, consumo, saúde, educación e os dereitos humanos) como na súa vertente positiva (redes de solidariedade, foros sociais mundiais e as alternativas).
    • As relacionadas co fortalecemento democrático: participación e mobilización social, cidadá e dereitos sociais.
    • As relacionadas coa diversidade cultural.
    • As relacionadas coa transversabilidade: educación en valores, xustiza, solidariedade, paz, medio ambiente, igualdade de xénero e resolución de conflitos.
    • As relacionadas cunha visión crítica dos vellos e novos conflitos e a seguridade internacional.
    • Iniciativas que promovan unha educación non sexista.

8.2. En relación coa ONGD solicitante (20%):

  1. Experiencia da ONGD e capacidade de xestión (ata 4 puntos).
  2. Antecedentes de realización de proxectos similares e no sector que se propón (ata 3 puntos).
  3. Experiencia  da  ONGD  en  proxectos  anteriores  financiados  polo  concello  de _____________   (ata 3 puntos).
  4. Contar con delegación na cidade (ata 2 puntos).
  5. Capacidade de implicación de institucións distintas no mesmo proxecto (ata 2 puntos).
  6. Continuidade de accións financiadas polo Concello de _____________ (ata 3 puntos).
  7. Capacidade financeira e técnica da ONGD solicitante para traballar con perspectiva de xénero (ata 2 puntos).
  8. Que o proxecto estea inserto en procesos e estratexias de traballo máis amplas, quedando explicitado nos plans estratéxicos da entidade solicitante (ata 2 punto).

8.3. En relación coa poboación protagonista do proxecto (10%):

  1. Que se dirixa a estruturas que sexan formativas (tanto formais, non formais como informais), informativas e multiplicadoras (ata 5 puntos).
  2. Que promovan a implicación dos colectivos destinatarios no desenvolvemento da iniciativa e/ou na súa continuidade posterior (ata 5 puntos).
  3. Que se xustifique a elección e importancia estratéxica da poboación destinataria (ata 5 puntos).
  4. Que as accións de formación e/ou sensibilización favorezan a asistencia e participación igualitaria de mulleres e homes (ata 4 puntos).
  5. Que se inclúan medidas para superar as limitacións para a participación das mulleres nas diferentes accións de sensibilización e educación para o desenvolvemento (ata 3 puntos).

8.4. En relación á participación doutras institucións e asociacións (10%):

  1. Que se realice un traballo coordinado con outras organizacións sociais e/ou ONGDs (ata 5 puntos).
  2. Que permita a colaboración de distintas institucións públicas e/ou privadas na execución do proxecto (ata 5 puntos).
  3. Que permita o encontro con outros sectores (mocidade, deporte, acción social, cultura...) que complemente a acción a executar (ata 5 puntos).
  4. Que permita a colaboración no proxecto ou intercambio de experiencias cos movementos de mulleres (ata 5 puntos).
  5. Que promova e fortaleza as relacións de coñecemento mutuo e intercambio de experiencias, recursos e persoas do Sur e do Norte entre colectivos do Sur e do Norte, dando voz á experiencia e o coñecemento mutuo (ata 5 puntos).

Art. 9. Compatibilidade con outras subvencións

As subvencións que puideran percibirse do Concello de ___________________ serán compatibles coas doutras Administracións ou entres públicos ou privados. En calquera caso, o montante do financiamento obtido, por subvencións e outras fontes, non poderá resultar superior ao custo da iniciativa subvencionada.

As entidades beneficiarias teñen a obriga de comunicar ao Concello de ____________ a obtención para o mesmo proxecto doutras subvencións ou axudas financeiras concedidas por outras Administracións públicas con posterioridade á resolución municipal nun prazo máximo de un mes dende a recepción da notificación.

Art. 10. Abono das subvencións

Por regra xeral, o abono das subvencións farase mediante pago anticipado, con carácter previo á xustificación, polo importe total da subvención concedida e sen esixir ningún tipo de garantía, para poder levar a cabo as iniciativas inherentes á subvención.

A subvención concedida será abonada mediante transferencia bancaria á conta corrente da entidade solicitante. Non se levará a cabo se a entidade beneficiaria tivese pendente de xustificar algunha subvención e cun prazo que xa rematara. Tampouco se procederá ao abono se a entidade non reintegrara algunha subvención anterior cando así se lle houbera requirido.

Art. 11. Prazo de resolución e notificación

O prazo máximo de resolución das solicitudes e notificación ás entidades solicitantes é de tres meses contados a partir da divulgación desta convocatoria e notificaranse tanto as subvencións concedidas como as denegadas.

Art. 12. Xustificación das subvencións

O prazo de xustificación das subvencións concedidas será de 3 meses a contar desde a finalización da actividade, debendo xustificarse o 100% do orzamento presentado a subvención e non soamente a cantidade concedida polo Concello, tal e como se recolle na normativa vixente na materia.

A xustificación incluirá:

  1. Memoria das actividades levadas a cabo para a execución da iniciativa.
  2. Balance de gastos e ingresos
  3. Documentación xustificativa que acredite os gastos efectuados dentro do prazo previsto para a execución da iniciativa.

A subvención concedida poderá sufragar custes indirectos xerados no mantemento da sede ou delegación da ONGD na localidade, así como tamén os salariais do persoal da entidade que participara na elaboración e/ou execución do proxecto subvencionado, cun limite máximo do 5% da subvención concedida.

O incumprimento da xustificación ou a xustificación insuficiente traerá como consecuencia a obriga de reintegrar as cantidades percibidas xunto ao interese de demora, nos termos establecidos na normativa xeral vixente.

Art. 13. Modificación

Calquera modificación substancial da iniciativa financiada, tanto no desenvolvemento da mesma como na execución, como na poboación destinataria ou protagonista do mesmo, deberá comunicarse por escrito ao Concello quen deberá autorizala expresamente.

Art. 14. Normativa aplicable

O procedemento para a resolución das solicitudes axustarase ao regulamentado na Ley 38/2003 de 17 de Novembro, General de Subvenciones e na normativa que a complementa e desenvolve.

AnexoTamaño
bases_reguladoras_xerais_para_a_concesion_de_subvencions_a_iniciativas_de_sensibilizacion_2009.pdf25.95 KB