Vacacións con Traballo

Vacacións con Traballo é un programa chave do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que se leva adiante cos nosos socios e países estratéxicos desde o ano 2006. Na edición de 2017, o proceso de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 10 de maio. Podedes consultar a nova da apertura do programa ou ir directamente ao blog de Vacacións con Traballo.

Vacacións con Traballo é un programa de sensibilización e de cooperación técnica dirixido ás/aos traballadoras/es da administración local galega asociada ao Fondo Galego, como banco de recursos humanos de calidade e potencial motor de transformación social cara actitudes solidarias cara dentro e cara fóra das dependencias municipais. 

As/os traballadoras/es seleccionadas/os invisten/renuncian o seu mes de vacacións en terreo apoiando tecnicamente aos parceiros estratéxicos do Fondo e de aí o nome do programa, no que o Fondo financia a viaxe das/dos participantes e os nosos socios locais os aloxamentos e as manutencións.

Entendémolo coma un programa de dobre dirección onde ambas as dúas partes aprenden e onde a implicación das/dos candidatas/os é imprescindible.

Desde a convocatoria de 2013, toda a información dispoñible sobre o programa está centralizada no blog http://vacacionscontraballo.wordpress.com.

Cadernos de Experiencias de Vacacións con Traballo

Os Cadernos de Experiencias de Vacacións con Traballo son a testemuña directa de traballadoras e traballadores da administración local asociada ao Fondo Galego, que viaxaron e participaron nos procesos de desenvolvemento humano que impulsamos cos nosos parceiros dos países do Sur. Coñece as súas vivencias!

Caderno de Experiencias 2016

Caderno de Experiencias 2015

Caderno de Experiencias 2014

Caderno de Experiencias 2013

Caderno de Experiencias 2012

Caderno de Experiencias 2011

Caderno de Experiencias 2010

Caderno de Experiencias 2006

En canto nos sexa posible dispoñibilizaremos os Cadernos das edicións 2007, 2008 e 2009.

Blogs de Vacacións con Traballo 2010-2012

Blogs VCT 2012

Accede ao blog premendo nesta icona Lucía González, técnica da Concellería de Termalismo do Concello de Ourense, apoia ao longo do mes de outubro o proxecto de desenvolvemento turístico impulsado polo Instituto de Promoción Humana (Inprhu-Somoto). Traballando con esta ONGD nicaraguana, integrarase en actividades coma a formación de guías, o ecoalbergue, as feiras artesanais ou as noites culturais. Terá ademais ocasión de supervisar os últimos proxectos de habitabilidade para a poboación indíxena cofinanciados polo Fondo Galego de Cooperación. No seu blog vai compartindo a experiencia de participar nunhas Vacacións con Traballo.
http://luciagonal.blogspot.es
Cristina Vázquez, arquitecta do Concello de Soutomaior pasa as súas Vacacións con Traballo en Cabo Verde. Durante o mes de outubro, colabora coa Cámara de Ribeira Grande na elaboración dos plans de desenvolvemento urbano dos núcleos do municipio.
http://vacacionscontraballocv.blogspot.es
Cristina Santos, traballadora da Concellería de Servizos Sociais de Malpica, viaxou a Cabo Verde para incorporarase ao gabinete de apoio á muller da Cámara Municipal de Paúl. Este gabinete encádrase no plan municipal para a igualdade e a equidade de xénero, instrumento elaborado co apoio do Fondo Galego de Cooperación. Durante as súas Vacacións con Traballo, a moza participará en obradoiros coas mulleres e mesmo en programas de radio, e visitará tamén outras actuacións subvencionadas pola entidade.
http://amiradavioleta.blogspot.com
Sara Besada, arquitecta da Oficina de Vivenda e Rehabilitación do Concello de Vilagarcía de Arousa, colabora en febreiro de 2013 coa Oficina do Conservador de Santiago de Cuba, cidade histórica gravemente danada polo furacán Sandy. A técnica está a supervisar os proxectos cofinanciados nos últimos anos para mellorar a habitabilidade e participa tamén na planificación da reconstrución da escola de Cayo Granma, ubicada na área declarada Patrimonio da Humanidade.
http://vacacionscontraballoencuba.wordpress.com/

Blogs VCT 2011

Accede ao blog premendo nesta icona
Diego Sánchez, técnico de Turismo no Concello de Castrelo de Miño (Ourense), pasará o mes de novembro cooperando co Instituto de Promoción Humana (Inprhu) na localidade nicaraguana de Totogalpa. Alí traballará no marco dun plan de desenvolvemento turístico que se basea nos recursos naturais e culturais, colaborando en tarefas de formación e promoción, entre outras. O seu blog botou a andar 100 días antes de emprender a viaxe e nel dá conta das distintas fases da experiencia en Vacacións con Traballo.  
http://novembroentotogalpa.blogspot.com
Accede ao blog premendo nesta icona
María José Pérez González, arquitecta da Unidade de Promoción e Desenvolvemento da Deputación de Pontevedra, gozará das súas Vacacións con Traballo en Cabo Verde. Ao longo do mes de outubro, colaborará coa Cámara Municipal do Paúl en actividades de renovación urbana, rehabilitación e preservación. Participará asemade en accións de formación para os técnicos locais e aproveitará para supervisar os proxectos apoiados na zona polo Fondo Galego.                                   http://www.vacacionscontraballoencaboverde.blogspot.com
Accede ao blog premendo nesta icona
Joaquín Lede, coordinador de proxectos europeos na Deputación de Pontevedra, coopera en Cabo Verde coa Cámara Municipal de Porto Novo, no marco do programa ‘Vacacións con Traballo’. Alí participa en tarefas coma a revisión do Plan de Acción Municipal ou a análise de posibles axudas de financiamento, comezando polas da Unión Europea. Ata finais de outubro, relatará no seu blog o día a día do traballo no Concello e as súas impresións sobre a illa de Santo Antão.
http://vacacionscontraballo2011.wordpress.com

Blogs VCT 2010

Accede ao blog premendo nesta icona
Brais García, técnico do Museo Provincial de Lugo, contribuirá en Nicaragua, en Somoto, co Instituto de Promoción Humana (Inprhu) á posta en marcha de iniciativas a prol do desenvolvemento do turismo ecolóxico e a promoción da artesanía local, campos nos que xa ten experiencia. Ademais de coñecer unha realidade diferente, o lucense agarda comprobar cómo, con recursos limitados, os traballadores centroamericanos afrontan o día a día. No seu blog pódedes seguir as súas Vacacións con Traballo”.

http://cronicasdespistadas.blogspot.com

Accede ao blog premendo nesta icona Carolina Iglesias, psicóloga do Centro de Información á Muller no Concello de Nigrán e participante da edición 2010 de Vacacións con Traballo; aterrou en Lima o 9 de setembro, sendo recibida por Rosario Huamán Castillo, Alcaldesa de Atavillos Alto. Carolina, que conta cunha axenda de traballo intensa coa participación en diferentes obradoiros formativos; tanto en escolas como con asociacións de mulleres. No seu blog dá conta, na medida das posibilidades de conexión a internet, da súa vida e traballo no Perú.
http://atavillosalto.wordpress.com
Accede ao blog premendo nesta icona Patricia Varela, directora da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Verín; viaxou finalmente a Cuba o pasado sábado 11 de decembro, como participante do programa ‘Vacacións con Traballo’. Patricia colaborará durante quince días coa Oficina do Conservador de Santiago de Cuba, institución dedicada a preservar o patrimonio histórico-cultural e monumental da cidade. Alí vai apoiar a continuación do proxecto de mellora das condicións de habitabilidade na área de Los Maceos, que afecta a máis de 80 vivendas da zona antiga. Trátase dunha das actuacións derivadas do Plan Mestre para a revitalización da cidade histórica que se aprobou en 2009 e cuxa consecución viña sendo apoiada dende hai varios anos polo Fondo Galego, canda a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela.
http://vacacionscontraballoencuba.blogspot.com