Orixes da cooperación descentralizada e os seus límites

A participación dos gobernos locais en cooperación ao desenvolvemento xurdiu en Galicia durante os anos 90, como consecuencia da obriga de recoller as demandas da sociedade civil e reflectilas a través das súas políticas e iniciativas. Ao longo desa década, a presión cidadá esixíu ás administracións públicas que dedicasen unha parte do seu orzamento á redución da pobreza no mundo.

Os municipios e deputacións, como os entes públicos máis próximos á cidadanía, tenderon a abrir canles para a satisfacción destas ansias de solidariedade. Deste xeito, os municipios poden levar a cabo a xestión da súa política local de cooperación de diversos modos: abrindo unha convocatoria pública de proxectos para ONGD (deste xeito financiarían algunha/s proposta/s xestionada por unha ONG local con proxectos no Sur), financiando e xestionando directamente algún proxecto nalgún país empobrecido, ou a través da figura das irmandades intermunicipais. Este modelo supón unha gran dispersión de micro proxectos, xa que o orzamento dedicado á cooperación (por parte daqueles municipios que a practican) adoita ser máis ben escaso, o que converte estes proxectos en pouco sostibles. Por conseguinte, os principais puntos negros da cooperación municipal é que é pequena, fragmentada e dispersa. En Galicia detectáronse estas feblezas xa nos anos 90, por medio de diferentes artigos, e foros de reflexión que impulsou o IGADI.

As deputacións e municipios, a pesares de contar con tódalas vantaxes da cooperación descentralizada, atópase con riscos ou límites que frecuentemente se lle atribúen: a atomización, a falta de eficiencia, a non visibilidade e a carencia de profesionais especializados. O feito de que haxa múltiples e pequenos esforzos en diferentes países do sur, segundo criterios propios de cada goberno local, orixina que a axuda estea dispersa, tanto no espazo coma no tempo. A falta de garantías para poder levar a cabo iniciativas integrais, sustentables económica e politicamente, e, en consecuencia, con certo impacto nas poboacións do sur, provoca que a cooperación levada a cabo non teña en moitos casos a calidade desexada. A avaliación e reorientación da cooperación realizada, que darían mostra da consolidación da cooperación nunha localidade, son inexistentes na meirande parte dos gobernos locais que practican a cooperación. Outro gran risco é a asunción de responsabilidades e tarefas para as que non hai competencias dentro do goberno municipal. A cooperación ao desenvolvemento require o coñecemento dunha metodoloxía específica, duns procesos, e de sistemas diferentes aos nosos. Esta carencia formativa por parte do equipo técnico municipal poderá ter como resultado un traballo mal orientado ou incorrectamente executado, e/ou un sobreesforzo e sobrecarga de traballo por parte do mesmo. Estas dúas trabas principais inciden directamente na falta de eficiencia e de eficacia da cooperación impulsada polos gobernos locais, que son dous dos principios que deben rexer a cooperación ao desenvolvemento segundo a Declaración de París , así como o da concentración da axuda.

O novidoso do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, constituído actualmente por 93 concellos e as 2 deputacións, na cooperación descentralizada europea, é que supera estas feblezas e aposta por unha maior coordinación e eficiencia no xeito de levar a cabo a cooperación, que xera compromisos estables, máis alá dos típicos dos ciclos electorais. Desde Galicia, e no 1997, o municipalismo galego coordina os seus esforzos por mellorar a súa axuda na arquitectura do sistema internacional de cooperación.

En xeral, os fondos de cooperación, e como tal, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, levan a cabo unha cooperación ao desenvolvemento que gaña en eficacia, eficiencia, sustentabilidade, viabilidade, impacto e visibilidade. En definitiva, nunha cooperación de maior calidade e con impactos máis perceptibles para os pobos do sur. Así, o Fondo Galego coordina os diferentes gobernos locais con vocación solidaria, tratando de evitar solapamentos, duplicidades e contradicións, dándolle un sentido de longo prazo no que todos os Concellos poden participar, achegando o seu grao de area e incorporando as súas cidadanías ao Fondo.