15 Anos comprometéndonos coa solidariedade

O DVD "15 Anos comprometéndonos coa solidariedade" conta cun conxunto de materiais ao redor dos tres lustros de vida da asociación, no que destaca o documental realizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios "O Fondo Galego: compromiso coa solidariedade", de 25 minutos de duración e que procura explicar o funcionamento, sentido e resultados da asociación municipalista.

Ficha do Documental

Título: ‘O Fondo Galego: compromiso coa solidariedade’

Duración: 25’. A vosa disposición no Canal do Fondo no youtube http://www.youtube.com/watch?v=t_VCkKTfaiU

Antecedentes: Desde que en 2010 se celebrara a primeira xuntanza entre o Fondo e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), fóronse xestando liñas de colaboración entre as que destaca a realización do programa radiofónico ‘Voces con Fondo’. Ambas as dúas entidades acreditan na contribución da comunicación á sensibilización, a transparencia e o desenvolvemento, polo que ao ano seguinte se decide dar un paso máis neste proxecto conxunto que tomará forma de documento audiovisual.

Obxectivo: Contribuír á concienciación sobre os desequilibrios Norte-Sur e sobre a importancia da cooperación como ferramenta de cambio, amosando o papel das administracións locais galegas neste eido e os resultados acadados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Contidos: O audiovisual estrutúrase en tres partes diferenciadas, ás que se suma un breve epílogo.

- Parte 1.- Introdución ás desigualdades Norte-Sur, razóns para a solidariedade, definición do Fondo Galego e do tipo de cooperación que promove, valor para a acción exterior de Galicia.

- Parte 2.- Proxectos: Cabo Verde, Nicaragua, Cuba. Cantos, tipoloxía, parceiros, investimento.

- Parte 3.- Sensibilización: contacontos, teatro social, exposicións, xornadas, Vacacións con Traballo, Visitas ao Norte, etc.

Equipo: O audiovisual  foi realizado por un equipo de voluntariado profesional de Agareso en colaboración do Fondo Galego. O cámara Xacobe González e a Xornalista Mónica González desprazáronse a Cabo Verde para filmar os proxectos no arquipélago, pero arredor dunha ducia de persoas integraron o equipo de traballo. Do mesmo xeito, algunhas das imaxes foron enviadas por parceiros desde terreo e mesmo cedidas por outros Fondos. 

Presentacións: A versión preliminar do audiovisual presentouse o 30/11/2012 no acto de conmemoración do 15º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A partir do 26/03/2013 estarán dispoñibles os 1.000 dvd editados, que se facilitarán aos Concellos e Deputacións socias para que o proxecten nun acto público. O voluntariado de Agareso está dispoñible para participar nas presentacións, para a xestión contactar con voluntariado@agareso.org.

Suxírese estruturar os actos comezando cunha breve explicación do que é o Fondo Galego e que é Agareso, para logo pasar ao visionado e, finalmente, a un debate. O dvd incorpora, ademais do trailer realizado coa colaboración da CRTVG, dous vídeos protagonizados por participantes no programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo. Estes vídeos pódense proxectar de xeito complementario para enriquecer o debate.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a negociar asemade a emisión do audiovisual en canles de cobertura autonómica. Prégase aos Concellos socios que sonden a posibilidade de emitilo nas televisións locais da súa zona, sen custo ningún.