Sensibilización

Exposicións

Ciclos de Cine con Fondo

Descrición da actividade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dispón dunha ampla colección de películas e documentais que tocan as temáticas das desigualdades de xénero, o comercio xusto, a globalización, o pacifismo, a tolerancia, a cooperación ao desenvolvemento, a solidariedade, a pobreza, a marxinación social, etc, e que as fan moi atractivas para incidir na sensibilización e información da cidadanía galega e ofrecer unha fotografía das iniquidades e desigualdades que se viven en lugares non tan afastados.

En total, 69 películas e documentais compoñen esta colección a plena disposición dos socios, que poden ser solicitadas directamente ao Fondo Galego no enderezo electrónico acorzo@igadi.org ou chamando ao número 698 156 127.

Como novidade, e para sacar o maior rendemento e visibilidade ás actividades organizadas con estes recursos filmográficos, propoñemos a realización de videoforums, chamados Ciclos de Cine con Fondo, que se agrupan en diferentes bloques temáticos: migracións e interculturalidade, xénero, ecoloxismo, educación para o desenvolvemento, o colonialismo do continente americano, globalización capitalista e efectos colaterais, as dictaduras en América Latina, refuxiadas/os políticas/os, pobreza e desigualdades sociais, pacifismo e tolerancia, conflictos actuais, educación e cooperación ao desenvolvemento.

Cada un dos 17 ciclos dispoñibles consta de varias películas relacionadas coa temática proposta e serán recomendadas posibles actividades complementarias. Poderá escollerse o ciclo completo ou só determinadas películas, dependendo das necesidades e características dos socios.

Os socios deberán facer a reserva do ciclo, e deberán encargarse do bo coidado das películas, do gasto de envío das mesmas e de xestionar as actividades complementarias que se propoñan, se ben a Secretaría Técnica do Fondo Galego préstase a servir como orientador e facilitador de recursos.
 

Títulos dos Ciclos de Cine con Fondo

  1. Migracións e multiculturalidade
  2. As mulleres do Sur, motores do cambio
  3. Desestruturemos os roles de xénero I
  4. Desestruturemos os roles de xénero II
  5. Desenvolvemento e medio ambiente
  6. Educando á infancia en valores
  7. América: coñecer o pasado para entender o presente
  8. Pobre mundo rico I
  9. Pobre mundo rico II
  10. América Latina despois das ditaduras
  11. Pobreza e desigualdade I
  12. Pobreza e desigualdade II
  13. Pobreza e desigualdade III
  14. Refuxiadas/os políticas/os
  15. Pacifismo e tolerancia
  16. Situacións de conflito na actualidade
  17. Mellora o mundo se melloramos nós

Obxectivos

  • Establecer canles de sensibilización entre a sociedade galega sobre as desigualdades norte-sur e de xénero.
  • Facilitar o acceso a un tipo de cine que aporta una visión crítica e solidaria ante a realidade actual.
  • Ofrecer películas que achegan á realidade dos países do sur pero cunha mensaxe de esperanza.
  • Fomentar a reflexión, o compromiso social e os valores solidarios e igualitarios.
  • Achegarnos a outras culturas e realidades para fomentar a interculturalidade e o respecto mutuo.

Metodoloxía

O ciclo de cine está concivido para desenvolverse ao longo de varias semanas seguidas (dependendo do número de películas que compoñan o ciclo). Recoméndase que se estableza un lugar, unha hora concreta e un día fixo da semana para que ás/aos asistentes lles sexa doado recordar a cita.

Outra variante da organización da actividade sería que o ciclo sexa visualizado nunha mesma semana. Tamén se recomenda fixar un lugar e unha data fixos para a visualización diaria no caso de que este vaia dirixido á cidadanía en xeral.

No caso dos centros de ensino, estes deberán valorar cal é a mellor fórmula para adptarse ao calendario das asignaturas, podendo establecer as variantes que estimen oportunas.

Estas son simples recomendacións que cada concello pode ter en consideración ou non, dependendo do grao de adecuación coa realidade local.

Pasos para realizar a actividade:

  1. Unha persoa deberá encargarse de facer unha pequena introducción da película e da propia temática da que vai a tratar
  2. Visualización do film
  3. Coloquio

ACONSÉLLASE:

Pódese realizar unha actividade de moito maior impacto se á vez que organizamos o ciclo de cine procuramos acompañalo coa colocación no noso concello ou deputación dunha das exposicións do Fondo Galego. Outra variante é que a exposición se realice no mes anterior ou posterior ao videofórum. 

Outra actividade complementaria pode ser una conferencia sobre a temática en cuestión. En cada un dos Ciclos de Cine faise una proposta sobre cales serían os temas adecuados. Sería interesante buscar a colaboración dunha ONGD experta na materia, para o que recomendamos poñerse en contacto coa Coordinadora Galega de ONGD. Esta actividade debería ser xestionada directamente polo concello ou deputación, pero o Fondo Galego está aberto a ofrecer o seu apoio e colaboración na medida do posible.

1. Temática: Migracións e multiculturalidade

A FUXIDA CARA A ESPERANZA

Descrición:  

Este ciclo de cine afonda sobre o drama da migración dende a perspectiva das propias persoas inmigrantes. A separación da familia, das amizades, das costumes que lle son propias, do seu país, do seu fogar... e todo por perseguir o soño dunha vida mellor, máis digna e chea de esperanza. Así mesmo, afóndase tamén nas problemáticas que sofren as e os inmigrantes nos países receptores, como a explotación, os prexuizos, a intolerancia e a incomprensión. O ciclo ten como obxectivo achegarnos a unha postura tolerante e repectuosa  ante o fenómeno da inmigración dende os países do sur e facernos reflexionar porque determinados pobos se ven obrigados ao exilio e o rol que xogan os países do norte neste proceso.

Idades recomendadas

A partir de 15 anos.

Ocasións interesantes para realizar a actividade:

- 21 de marzo: Día Mundial pola erradicación da discriminación racial
- 21 de maio: Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o entendemento
- 16 de novembro: Día Internacional para a Tolerancia
- 10 de decembro: Día Internacional dos Dereitos Humanos
- 18 de decembro: Día Mundias das persoas migrantes

Películas:

14 Kilómetros

 (Director Gerardo Olivares. 2007. 94 minutos)
14 quilómetros é a distancia que separa África de Europa... É a barreira que separa os soños de millóns de persoas que ven en Occidente a súa única saída para escapar da miseria. Da man de Violeta, Buba e Mukela recorremos unha longa e perigosa viaxe a través do Sáhara, para coñecer o que nunca ensinan os medios de comunicación. Esta película quere aportar un pouco de luz ás sombras da inmigración.

Nun un mundo libre

(Ken Loach. 2007. 94 minutos)
Angie non recibiu unha educación demasiado esmerada, pero está chea de enerxía, enxeño e ambición. Non é a primeira vez que queda sen traballo, pero agora intenta refacerse e demostrar o que vale. Ela e Rose, a súa compañeira de piso, deciden ser as súas propias xefas, e abren unha axencia de traballo temporal para traballadoras/es inmigrantes que actúa nun mundo inestable no que o traballo é barato e as leis só serven para ser ignoradas.

Persépolis

(Vincent Paronnaud e Marjane Satrapi. 2007. 95 minutos)
Persépolis é a conmovedora historia dunha moza que cre no Irán da Revolución Islámica. A través dos ollos de Marjane, unha precoz e aberta nena de nove anos, vemos as esperanzas dun pobo rotas ao tomar os fundamentalistas o poder. Os pais de Marjane toman a difícil decisión de enviala a unha escola en Austria. Vulnerable e soa nun país estraño, resiste os malos tragos típicos dunha adolescente mentres combate o feito de ser equiparada co fundamentalismo relixioso e o extremismo dos que tivo que fuxir. A aventura pola vida de Marjane acaba de comezar.

Wandiyà 

(Germán Reyes. 2006. 50 minutos)
Documental rodado en Senegal e Cataluña no marco do proxecto Migracións e Desenvolvemento Local (MIDEL). É unha mirada orixinal sobre a realidade da inmigración aquí e alá, que presenta as auténticas facetas da inmigración: os soños que son vinculantes, os dramas familiares que xera e as aventuras e desventuras da xuventude, de todo un continente, expulsada cara ao exilio pola falta de esperanza. É tamén un compendio de historias vitais que narran as contradicións dunha sociedade africana atrapada nun dilema de difícil solución: o respecto de certos valores tradicionais representados pola familia e as presións dunha modernidade mal entendida.

 

Actividade complementaria:

Este ciclo pode ser complementado coa exposición “A Paz cuestión de Fondo” ou “Influír no global dende o local” (ambas contan con unidades didácticas), solicitándoas directamente ao Fondo Galego, así como por unha conferencia dalgunha ONG de traballo con inmigrantes. Contactar neste caso coa Coordinadora Galega de ONGD .

 

2. Temática: A loita das mulleres do sur pola equidade

AS MULLERES DO SUR, MOTORES DO CAMBIO

Descrición:

As mulleres dos países do sur son frecuentemente caracterizadas polas sociedades occidentais como vítimas ou como persoas que adoitan ter pasividade e sometemento a pesares de toda a violencia á que son sometidas. Este ciclo permite coñecer que as mulleres do sur loitan diariamente polo seu propio desenvolvemento, para que os seus dereitos sexan cumpridos e para avanzar cara un mundo máis xusto e equitativo. Deste xeito, o Fondo Galego trata de dar voz ás propias mulleres do sur, sen que ninguén fale por elas, dándolles a visibilidade que merecen e tratando de eliminar os estereotipos que dende aquí adoitamos construír sobre as mesmas.

Idades recomendadas:

A partir de 15 anos.

Ocasións interesantes para realizar a actividade:

- 8 de marzo: Día da Muller Traballadora
- 11 de outubro: Día Internacional da Muller Indíxena
- 25 de novembro: Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres

Películas:

A ruta do cambio

(Mugarik Gabe. 2004. 41 minutos)
Nun anaquiño de Nicaragua devastado por volcáns, maltratado polos pesticidas usados antano no cultivo algodoeiro, azoutado por furacáns e secas, un grupo de mulleres empeñáronse en demostrar que se podía establecer unha relación diferente coa terra e que podían organizarse para mellorar as súas vidas. Aprenderon a ler e escribir, a coidar o seu corpo e as súas maternidades; dispuxéronse a reivindicar o seu dereito ao pracer, a relacionarse de maneira solidaria entre elas, a modificar as pautas culturais das súas relacións cos homes, a enfrontar a violencia, a desnutrición e a pobreza... Esta historia conta e demostra que o desenvolvemento humano das mulleres é posible e que o esforzo levado a cabo pagou a pena.

Cambiando actitudes. Xerando equidades

(Mugarik Gabe. 123 minutos)
Documental rodado en Bolivia e Euskadi, por realizadoras indíxenas. Experiencias de mulleres con culturas diferentes, pero con problemas comúns.

 

Actividade complementaria:

Este ciclo pode complementarse coa conferencia dalgunha ONGD que integre a perspectiva de xénero nos seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Contactar coa Coordinadora Galega de ONGD http://www.galiciasolidaria.org/.

 

3. Tema: A desigualdade de xénero

DESESTRUTUREMOS OS ROLES DE XÉNERO

Descrición:

O ciclo de cine, que consta de catro películas, ofrécenos unha visión crítica dos roles de xénero, que non son máis que o conxunto de expectativas diferentes para mulleres e homes que marcan a diferenza respecto a como ser, como sentir e como actuar. Os roles son asignados nas sociedades na que vivimos, e como consecuencia as persoas desenvólvense como mulleres ou coma homes identificándose co papel que lle asigna o seu sexo. Este concepto é fundamental comprendelo para entender tamén as iniquidades que isto xera. As películas propostas, son ademais un chamamento claro á desestructuración destes roles de xénero para acadar unha sociedade máis equitativa.

Idades recomendadas:

A partir de 18 anos.

Ocasións interesantes para realizar a actividade:

- 8 de marzo: Día da Muller Traballadora
- 25 de novembro: Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres

Películas:

Princesas

(Fernando León de Aranoa. 2005. 120 minutos)
Esta é a historia de dúas mulleres, de dúas putas, de dúas princesas. Unha delas chámase Caye, ten case trinta anos, o pelo de perruquería e un atractivo discutible, de barrio. Zulema é unha princesa desterrada, doce e escura, que vive a diario o exilio forzoso da desesperación. Cando se coñecen están en lugares diferentes, case enfrontados: moitas mozas ven con receo a chegada de inmigrantes á prostitución. Caye e Zulema non tardarán en comprender que, aínda que a certa distancia, as dúas camiñan pola mesma corda frouxa. Da súa complicidade nace esta historia.

O soriso de Mona Lisa

(Mike Newell. 2003. 114 minutos)
Unha mestra que trata de mudar os roles de xénero consigue introducirse nos imaxinarios femininos das súas alumnas, introducindo novos valores e novas perspectivas de relacionamento. Na historia, as tensións, aparecen cando os novos coñecementos chocan de fronte cos vellos, nunha tensión clásica entre o que aparece e o que desaparece.

Iron Jawed Angels

(Katja von Garnier. 2004. 123 minutos)
Protagonizada por Hillary Swank, esta película está ambientada na primeira década do século XX, e conta a historia de dúas mulleres que logran radicalizar a loita polo dereito ao voto feminino nos USA.

Auga

(Deepa Mehta. 2005. 112 minutos)
A historia transcorre en 1938, na India colonial, en pleno movemento de emancipación liderado por Mahatma Gandhi. Segundo as crenzas hindús, cando unha muller casa, convértese na metade do home. Se el morre, considérase que a metade da esposa morreu. Os libros sagrados din que unha viúva ten tres opcións: casar co irmán máis novo do seu marido, arder co seu marido ou levar unha vida de total abnegación. Celébrase unha voda que ben podería ser un enterro: casan a Chuia, unha nena de 8 anos, cun moribundo que falece esa mesma noite e ten que prepararse para o destino que escolleron para ela, o ingreso nun ashram para viúvas onde deberá pasar o resto da súa vida. A auga é unha constante na película, non só como metáfora, senón tamén como instrumento. Na beira do río, Kaliani coñece a Naraian, un mozo idealista seguidor de Gandhi, fillo de brahmanes, a casta social máis alta da India. Con Chuia actuando como mensaxeira, a súa imposible relación comeza a florecer.

 

Actividade complementaria:

Esta actividade pode ser complementada por unha mesa redonda na que participe unha representante dunha asociación pola abolición da prostitución, unha líder sindical, unha experta en xénero, e unha persoa representante dunha ONGD con proxectos de cooperación na India. Tamén pode escollerse realizar unha conferencia sobre unha destas temáticas.

 

4. Temática: Ecoloxismo

DESENVOLVEMENTO E MEDIO AMBIENTE

Descrición

Noméase contaminación á transmisión e difusión de fumes ou gases tóxicos á atmosfera e á auga. Na actualidade, o resultado do desenvolvemento e do progreso tecnolóxico orixina diversas formas de contaminación que alteran o equilibrio físico e mental do ser humano. Protexer o planeta para as vindeiras xeracións é unha responsabilidade de todas e todos nós, que simplemente se consigue adoptando hábitos sinxelos. A nosa participación é importante e debemos tomar medidas.

Idades recomendadas:

A partir de 12 anos.

Ocasións para realizar a actividade:

- 22 de marzo: Día da auga
- 22 de abril: Día Mundial da Terra
- 3 de maio: Día Mundial do Sol
- 22 de maio: Día da diversidade biolóxica
- 5 de xuño: Día Mundial do Medio Ambiente
- 8 de xuño: Día Mundial dos Océanos
- 17 de xuño: Día Mundial contra a desertización e a seca
- 16 de setembro: Día Mundial de protección da capa de ozono
- 16 de novembro: Día Mundial do aire puro

Películas:

O soño da auga

 (Albert Solé. 2007. 57 minutos)
A película trata sobre a importancia da auga no mundo. É un percorrido por todo o planeta, que amosa os medos e solucións que distintas culturas teñen con respecto a auga.

Planeta auga

(Verónica Vigil e José María Almela. 2008. 43 minutos)
O mar é a orixe da vida na terra, ocupa a maior parte da nosa superficie terrestre e alberga a vida de millóns de seres vivos de moi variadas características. Con todo, son moitos os perigos que axexan os nosos mares: a sobrepesca, o cambio climático e a contaminación masiva supoñen unha terrible ameaza para os océanos e os seus habitantes. O mar, gran despensa de alimento, osíxeno, materias primas e medicamentos, está agonizando vítima da cobiza humana.

Unha verdade incómoda

(Davis Guggenheim. 2006. 93 minutos)
O ex-vicepresidente Al Gore presenta unha visión esclarecedora e convincente do futuro do noso planeta (e da nosa civilización). É unha chamada de advertencia que desmonta mitos e ideas equivocadas, para transmitir a mensaxe de que o quecemento mundial é un perigo real e presente. Unha verdade incómoda ofrécenos os convincentes argumentos de Gore para que actuemos e salvemos a Terra. Todos e cada un de nós podemos realizar cambios na forma en que vivimos e converternos en parte da solución.

 

Actividade complementaria:

Este ciclo de cine pode ser complementado cunha conferencia ou mesa redonda  ao inicio ou ao final do mesmo por parte de ONGs ecoloxistas. Contactar coa Coordinadora Galega de ONGD http://www.galiciasolidaria.org/.

 

5. Tema: Educación para o desenvolvemento

EDUCANDO Á INFANCIA EN VALORES

Descrición:

En educación é fundamental que as nenas e nenos perciban as interrrelacións que hai entre as diferentes partes do mundo. A educación para o desenvolvemento é un proceso que fomenta actitudes e valores como a solidaridade mundial, a paz, a tolerancia, a xustiza social e a defensa do medio ambiente. Ademais, trátase de dotar ás nenas e nenos dos coñecementos que lles permitan promover esos valores e xerar cambios nas propias vidas e no seu entorno.

Idades recomendadas:

Infantil.

Películas:

Azur e Asmar

(Michel Ocelot. 2006. 95 minutos)
Había unha vez dous nenos que foron criados pola mesma muller: Azur, de louros cabelos e azulados ollos, era o fillo dun nobre; mentres que Asmar, moreno e de ollos negros, era o propio fillo da ama de crías. Os dous creceron xuntos como se fosen irmáns ata que o destino os separou dun xeito brutal. Azur, esporeado polos contos que a ama de cría lle contaba sobre a lendaria Fada dos Djins, non descansará ata atopala. Adultos ambos, e agora convertidos en rivais, aqueles que foran como irmáns de sangue embarcaranse tras da Fada e á procura de máxicas terras, cheas de riscos e prodixios.

Kirikú e as bestas salvaxes

(Michel Ocelot e Bénédicte Galup. 74 minutos)
O avó, no seu trono da gruta azul, cóntanos como Kirikú se converte en xardineiro, detective, oleiro, comerciante e médico, e cómo o máis pequeno e valente dos heroes terá que buscar no seu interior para atopar o valor, a astucia e a xenerosidade necesarias para triunfar sobre o mal.

James e o melocotón xigante

(Henry Selik. 1996. 80 minutos)
Trala morte dos seus pais, o pequeño James vese obrigado a vivir coas súas dúas crueis e repulsivas tías. A visita dunha estraña personaxe, unha araña á que salva, proporciónalle un medio para escapar: un melocotón que comeza a medrar desmesuradamente no seu xardín. Cando se introduza dentro del coñecerá a outros pintorescos personaxes. Esta obra permítenos reflexionar sobre o valor da forza de vontade, a capacidade de triunfar sobre as adversidades, a idea de que a xustiza é posible na terra e que hai que mirar a vida dende diferentes ángulos.

Happy feet

(George Miller. 2006. 108 minutos)
Na gran nación dos pingüíns emperador, no máis fondo da Antártida, non es ninguén se non sabes cantar, o que representa unha grande desvantaxe para Mumble, que é o peor cantante do mundo. Naceu bailando o seu propio estilo: claqué. Aínda que a nai de Mumble cre que este hábito é estupendo, o seu pai di que “non é propio dos pingüíns”. Ademais, os dous saben que sen unha ‘canción do corazón’ Mumble non atopará xamais o verdadeiro amor. Mumble é demasiado diferente, especialmente para Noah ‘o Vello’, o severo líder da Terra do Emperador, que finalmente acaba por botalo da comunidade. Lonxe do seu fogar por primeira vez, Mumble reúnese cun numeroso grupo de pingüíns totalmente diferentes que se afeccionan inmediatamente aos seus bailes e que o convidan a formar parte do grupo. Mumble emprende así unha viaxe a través de amplas paisaxes e despois dalgúns encontros épicos demostras o importante que é ser fiel a un mesmo.

6. Tema: O colonialismo do continente americano

COÑECER O PASADO PARA ENTENDER O PRESENTE

Descrición:

A pesares das múltiples posturas que sosteñen que o imperialismo levado a cabo polos países europeos no s.XIX sobre os territorios anexionados trouxo consigo unha serie de beneficios ás poboacións indíxenas, o certo é que a historia está a demostrar que estas afirmacións parten da visión da historia dende o lado occidental, sen que se escoite a voz dos propios territorios conquistados, que foron expoliados, maltratados, sometidos á escravitude, e aos que se lles impuxo unha lingua, unha cultura e unha relixión allea á súa. Estas tres películas tratan de abrir unha xanela cara a verdade do que aconteceu, e de cales son as consecuencias que aínda a día de hoxe podemos apreciar.

Idades recomendadas:

A partir de 15 anos.

Ocasións para realizar esta actividade:

- 14 de abril: Día das Américas
- 19 de abril: Día do indio americano

Películas:

A misión

(Roland Joffé. 1986. 148 minutos)
Historia épica sobre un home de espada e un xesuíta que se unirán nunha loita para defender a independencia dos indios nativos das ambicións dos conquistadores durante o século XVIII.

A gran rebelión inca

(National Geographic. 2006. 50 minutos)
Durante séculos, cremos as crónicas españolas que relatan a historia da aniquilación do Imperio Inca a mans dun pequeno grupo de conquistadores. Pero agora disponse de probas novas que nos axudarán a reescribir a historia. Pro primeira vez, as probas físicas apuntan que a conquista española dos Incas podería terse levado a cabo durante un período de tempo moito máis longo do que se pensaba, e que os conquistadores recibiron a axuda dos aliados indios. National Geographic descobre a verdade detrás dos últimos pasos do pobo Inca, amósanos unha saga épica de loitas de guerrillas e rebelión.

Os últimos días do imperio maia

(National Geographic. 2005. 50 minutos)
Dezaseis esqueletos –os restos dunha familia real maia do século IX- foron descubertos nunha fosa común, revelando unha sórdida historia de sexo, ambición e rivalidades... e as pistas definitivas que desentrañarán un dos grandes misterios do mundo antigo: a causa da desaparición do imperio maia. O masacre real e o colapso posterior doutros reinos apuntan a unha sanguenta loita polo poder entre familias rivais. A práctica real de tomar varias esposas –cuxo propósito nun principio debía ser o de crear alianzas entre distintos reinos maias enfrontados- tivo, de feito, o efecto contrario. Co paso do tempo, o aumento dos membros pertencentes a familias reais xerou un superávit de príncipes demasiado preocupados pola súa supervivencia. O acceso a un dos máis importantes descubrimentos da arqueoloxía maia, combinado coas técnicas forenses máis avanzadas, vívidas recreacións e gráficos por ordenador axudan a presentar unha historia na que o sexo, a ambición e as loitas polo poder real desembocaron na destrución dunha antiga superpotencia.

 

Actividade complementaria:

Este ciclo pode ser complementado pola exposición “Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio”, que conta cunha unidade didáctica que a fai moi axeitada para traballar en centros de ensino.

 

7. Tema: Globalización capitalista e efectos colaterais

POBRE MUNDO RICO

Descrición:

Este ciclo de cine presenta á globalización como un proceso mundial de homoxeinización do modo de produción capitalista, da globalización dos mercados e do control dos medios de comunicación das imaxes e das informacións. A lóxica que nos presentan é a real, a de todos contra todos, facendo ás sociedades do norte cada vez máis ricas a costa dun empobrecemento máis agudizado daquelas máis empobrecidas.

Idades recomendadas:

A partir dos 16 anos.

Películas:

A Corporación

(Mark Achbar e Jennifer Abbot. 2003. 169 minutos)
Este documental explora a natureza e o auxe espectacular da institución dominante da nosa era. Imaxes da cultura popular, publicidade, noticias en televisión e a propaganda corporativa serven para ilustrar a influencia das grandes corporacións nas nosas vidas. Este documental pon a corporación no diván psiquiátrico para preguntarlle que clase de persoa é. Provocador, enxeñoso e divulgativo, inclúe corenta entrevistas a defensores e detractores, incluíndo a Milton Friedman e Michael Moore, amais de confesións, estudos de casos reais e estratexias para o cambio.

O noso pan de cada día

(Nikolaus Geyrhalter. 92 minutos)
Ao ritmo das cintas transportadoras e as máquinas inmensas a película observas en comentarios lugares de Europa nos que se producen alimentos: lugares xigantescos, paisaxes surrealista se sons estraños. Un frío entorno industrial que deixa pouco espazo ao individualismo. As persoas, os animais, as colleita se as máquinas interpreta nun papel importante na loxística deste sistema que proporciona o sustento de vida da nosa sociedade. O noso pan de cada día é unha mesa a grande escala dun festín que non sempre é fácil de dixerir e do que todos formamos parte.

Ouro negro

(Nick e Marc Francis. 78 minutos)
As multinacionais do café dominan os centros comerciais e os supermercados, controlando unha industria que move máis de 80 billóns de dólares anuais, convertendo este produto na mercadoría comercializada máis valiosa de todo o mundo despois do petróleo. Pero mentres que nós seguimos pagando máis e máis por un capuchino, o prezo que se paga aos campesiños que cultivan o café segue sendo moi baixo, ata o punto de obrigar a moitos a abandonar a súas colleitas.

Maquiladoras

(Germán Reyes. 2004. 45 minutos)
Maquiladoras é unha mirada sobre o fenómeno crecente das maquilas en Nicaragua e a xente que as envolve. En Nicaragua, nun contexto de globalización e de acordos de libre comercio con Estados Unidos, a maquila parece representar o maná, o único camiño transitable para o desenvolvemento. A pesar diso, a maquila soe coñecerse polas constantes violacións dos dereitos máis fundamentais das traballadoras e dos traballadores, pola transgresión das leis medioambientais, por non xerar riqueza ao país onde se establece e por beneficiarse da excepción de todo tipo de impostos.

 

Actividade complementaria:

Este ciclo de cine podería ser complementada pola exposición “Influír no global dende o local”, dispoñible no Fondo Galego, que conta tamén cunha unidade didáctica para traballar nos centros de ensino.

 

8. Tema: Historia actual de América Latina

CLAVES PARA ENTENDER O CONTEXTO ACTUAL EN AMÉRICA LATINA

Descrición:

Este ciclo de cine está composto por catro películas que versan sobre aspectos políticos e sociais claves para comprender a problemática e os retos aos que se enfrontan os países de O salvador, Arxentina, Brasil e Chile. É unha visión de acontecementos reais que sucederon hai ben poucos anos, que marcou a varias xeracións neses países e que é necesario coñecer para ter consciencia da interrelación cos sucesos máis actuais.

Idades recomendadas:

A partir dos 15 anos.

Películas:

Brasil

(2005. 90 minutos)
É unha das economías emerxentes máis interesantes da actualidade e, ao mesmo tempo, un dos países con maiores contrastes sociais e culturais. Este documental analiza Brasil a través das historias dos seus habitantes e dos seus costumes. Dende o inevitable Entroido á danza de capoeira, o programa segue a estela dalgunhas das persoas que fan posible este milagre, xa sexa a bordo dun helicóptero, en pleno Amazonas ou da man dos habitantes das favelas: un mundo de contrastes no que un pode experimentar toda unha vida nun só día.

Chove sobre Santiago

(Helvio Soto. 1976. 112 minutos)
Setembro de 1973. Santiago de Chile está a punto de estoupar nunha guerra sanguenta. Tanques militares, dirixidos polo xeneral Augusto Pinochet, invadirán en breve as rúas da cidade, preparando o terreo para un brutal golpe de estado planeado pola CIA. A película conta os eventos que rodearon a caída do réxime do presidente Salvador Allende, un dos réximes socialistas máis frutíferos das pasadas décadas; unha película apaixonante e emocionante  sobre un Chile loitando pola supervivencia contra as escuras forzas do fascismo.

Memoria do saqueo

(Fernando E. Sólanas. 2003. 118 minutos)
Dende os comezos da ditadura militar, hai xa vintecinco anos, Arxentina e o seu pobo tiveron que enfrontarse a unha das peores crises económicas e sociais vividas xamais por un país en período de paz. Exorbitantes débedas nacionais, un ultraliberalismo desalmado, a desenfreada corrupción política e financeira, y o espolio dos bens públicos. Todo iso, coa axuda das compañías multinacionais occidentais e a complicidade dos organismos internacionais. A política da terra abrasada, representada por tipos como Carlos Menem, conduciu ao país a un incrible cataclismo de fame, enfermidade e sacrificio de vidas humanas: un xenocidio social.

Voces inocentes

(Luis Mandoki. 120 minutos)
Durante a década dos oitenta en El Salvador, as forzas armadas do goberno recrutan nenos de doce anos para loitar contra a guerrilla. A vida de Chava, un neno de once anos, convértese nun xogo de supervivencia, ao ter que combater contra os rebeldes e soportar os efectos desoladores da violencia diaria. Mentres loita por atopar traballo para axudar á súa nai, experimenta o seu primeiro amor cunha compañeira de clase e ve como a súa pequena aldea se transforma nun campo de xogo e de guerra.

 

Actividade complementaria:

Podemos complementar este ciclo coa exposición “A Paz cuestión de Fondo” e a de “Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio”, coas súas respectivas unidades didácticas (só nas dúas últimas), que as fan apropiadas no caso de desenvolver a actividade en centros de ensino.

 

9. Tema: Refuxiadas/os políticas/os

REFUXIADAS/OS POLÍTICAS/OS

Descrición:

Este ciclo preséntanos historias, rostros e vidas de persoas refuxiadas, que segundo a definición da ONU é toda persoa que debido a temores fundados de ser perseguida por motivos de raza, relixión, nacionalidade, pertenza a un determinado grupo social ou opinións políticas, atópanse fóra do seu país de nacionalidade e non pode ou, a causa deses temores, non quere acollerse á protección de tal país.

Idades recomendadas:

A partir de 15 anos.

Ocasións para realizar a actividade:

- 20 de xuño: día Mundial das persoas refuxiadas
- 10 de decembro: Día Internacional dos dereitos Humanos
- 29 de novembro: Día de solidariedade co pobo Palestino

Películas:

Os refuxiados de Palestina e a UNRWA

(Ohan Eriksson, Patrick Bürge e Abed Musallan. 2005. 12 e 53 minutos)
A historia dun refuxiado de Palestina: O director do colexio infantil da UNRWA en Jabalya falece uns meses antes de que súa familia tivese que fuxir de Palestina. Nai Aysha: Aysha ten 65 anos e vive na Franxa de Gaza xunto a 26 membros da súa familia. Aysha foi a primeira participante do programa de microcréditos proporcionado pola UNRWA. Grazas o programa puido sacar a súa familia adiante. A historia de Hoda: o 1 de marzo de 2003, Hoda Darwish, de 12 anos, estaba sentada no seu pupitre na escola primaria da UNRWAen Khan Younis, na Franxa de Gaza. Sobre as 14:00 horas unha bala atravesou a fiestra da súa aula, impactando na cabeza de Hoda.

Rostros e rastros das persoas refuxiadas

(Román Rey. 132 minutos)
Presentación de diferentes rostros e vidas de persoas refuxiadas, a través de cuxas testemuñas abórdanse os seguintes temas: quen son as persoas refuxiadas, causas e consecuencias do seu refuxio, historia de vida, dereitos e responsabilidades, saídas e alternativas, futuro das persoas refuxiadas.

 

Actividade complementaria:

Este ciclo pódese completar convidando á ONG que impulsaron a creación do primeiro dos films: UNRWA, ou que realice proxectos con persoas refuxiadas. Contactar coa Coordinadora Galega de ONGD http://www.galiciasolidaria.org/
Así mesmo, tamén pode ser complementada pola exposición “A Paz cuestión de Fondo” e a súa unidade didáctica (no caso de realizar a actividade en centros de ensino).

 

10. Tema: Pobreza e desigualdades sociais

DESIGUALDADES NORTE-SUR

Descrición:

A pobreza é unha situación ou forma de vida que xorde como produto da imposibilidade de acceso ou carencia dos recursos para satisfacer as necesidades físicas e síquicas básicas humanas que inciden nun desgaste do nivel e da calidade de vida das persoas, tales como a alimentación, a auga, a vivenda, a educación, a asistencia sanitaria, ou o acceso á auga potable. O empobrecemento xera exclusión social, marxinación e segregación. Todos estes aspectos son expostos neste ciclo de cine, que nos amoso unha realidade que acontece a diario en calquera lugar do mundo.

Idades recomendadas:

A partir de 15 anos.

Ocasións para realizar a actividade:

- 17 de outubro: Día pola erradicación da pobreza

Películas:

No mundo, a cada pouco

(Patricia Ferreira, Pere Joan Ventura, Chus Gutierrez, Javier Corcuera, Javier Fesser. 2005. 116 minutos)
Son cinco historias, sobre a educación de nenas; a inmigración e a interculturalidade; a loita contra o VIH/Sida; e a protección contra a violencia, a explotación e a discriminación, procedentes de diversos puntos do mundo. A moi recoñecida, Binta e a grande idea, forma parte desta secuencia de pequenas historias.

Cidade de Deus

(Fernando Meirelles e Kátia Lund. 130 minutos)
Buscapé ten 11 anos e é un neno máis de Cidade de Deus, un dos barrios máis violentos de Río de Janeiro. Tímido e delicado, críase en medio de roubos, pelexas e enfrontamentos diarios coa policía, pero o que realmente quere é converterse en fotógrafo, se sobrevive, claro. Dadinho, da mesma idade que Buscapé, é novo no barrio, soña con chegar a ser o criminal máis perigoso de Río de Janeiro e empeza a súa aprendizaxe.

Invisibles

(Mariano Barroso. Isabel Coixet. Javier Corcuera. Fernando León de Aranoa. Wim Wenders. 105 minutos) 
Esta é unha historia de historias. Un achegamento a aquelas persoas que residen no noso esquecemento. Un desexo de dar voz a varios dos que quedaron mudos pola indiferenza. E unha humilde homenaxe a esas outras persoas que nunca apartaron a súa mirada deles. Pero, sobre todo, é a vontade de cinco directores por facer visibles os seus verdadeiros e únicos protagonistas, aqueles que cremos e preferimos seguir crendo invisibles.

Tsotsi

(Gavin Hood. 94 minutos)
Tsotsi é un mozo de 19 anos que sobrevive como pode nun dos barrios marxinais de Iohanesburgo. Como o seu nome indica (matón en linguaxe de rúa), Tsotsi lidera a súa propia banda de gánsters. Unha noite, no límite da desesperación, rouba o coche dunha muller. No asento traseiro atopará algo que en principio aterrorizaralle e acabará producindo un xiro brusco na súa vida e que o conducirá cara a un inesperado camiño.

 

Actividades complementaria:

Esta exposición pode ser complementada polas exposicións “A Paz cuestión de Fondo”,  “Obxectivos de Desenvolvemento do milenio” e “Influír no global dende o local” e as súas respectivas unidades didácticas (estas últimas no caso de realizar a actividade en centros de ensino). Así mesmo, pódese convidar a dar unha conferencia ás ONG que impulsaron a creación dalgún destes films: UNICEF (No mundo, a cada pouco) e Médicos sen Fronteiras (Invisibles).

 

11. Tema: Pacifismo e tolerancia

CONDIMENTOS IMPRESCINDIBLES PARA UN MUNDO EN PAZ

Descrición:

A través deste ciclo de cine poderemos coñecer a vida e obra do activista pacífico, Manhatma Gandhi, así como coñecer costumes, culturas e tamén inquedanzas dos pobos do sur. A dobre visión que nos achega este ciclo permite concluír que é posible a resolución de conflitos de xeito pacífico, só con tolerancia e perseveranza. Os valores da liberdade e de respecto por outros pobos e razas son tamén outros dos obxectivos que poden extraerse deste ciclo.

Idades recomendadas:

A partir de 15 anos.

Ocasións para realizar a actividade:

- 21 de setembro: Día da Paz
- 16 de novembro: Día Internacional para a Tolerancia

Películas:

Gandhi

(Richard Attenborough. 1982. 183 minutos)
Unha obra de arte fundamental, Gandhi é unha historia fascinante sobre o activismo, a política, a tolerancia relixiosa e a liberdade. Pero no centro de todo iso está un home extraordinario que loitou por unha existencia pacífica sen violencia e liberou a toda unha nación.

Miradas cruzadas

(Mugarik Gabe. 2001. 50 minutos)
Documental rodado en Bolivia e Euskadi, con intercambio de experiencias indíxenas e diferentes visións da realidade. Nesta ocasión, persoas do norte son entrevistadas por un equipo indíxena. Amais, achegarémonos á cultura e aos costumes vascos.

O bo nome

(Mira Nair. 117 minutos)
Esta vibrante homenaxe ao amor, a lealdade e a familia, baseada na novela de Jhumpa Lahiri (gañadora dun premio Pulitzer) e levada á gran pantalla da man de aclamada directora india Mira Nair (A voda do monzón e A feira das vaidades) conmoverate no máis fondo. Kal Penn dá vida a Gogol Ganguli, un adolescente suburbano dividido entre as súas raíces indias e a súa patria de nacemento, os Estados Unidos. Debaténdose por atopar a súa propia identidade, Golol e os seus pais, que naceron en India, deberán encontrar un punto de equilibrio entre Calcuta e Nova York, entre tradicións ancestrais e sensibilidades modernas. O bo nome é unha narración estimulante sobre os lazos que nos unen a todos, unha epopea familiar inesquecible.

 

Actividade complementaria:

Este ciclo de cine pode ser complementado pola exposición “A Paz cuestión de Fondo” e “Influír no global dende o local”.  Ambas dispoñen de unidades didácticas que poden ser empregadas no caso de realizar a actividade nos centros de ensino.

 

 

12. Tema: Conflitos actuais

SITUACIÓNS DE CONFLICTO NA ACTUALIDADE

Descrición:

Este ciclo de cine sirve para dar a coñecer á cidadanía sobre conflitos que están nos medios tódolos días, pero baixo unha visión crítica e posicionada dende a mirada dos máis vulnerables. Un ciclo imprescindible para tomar conciencia do que aínda nos queda por resolver e das implicacións que os países do norte temos en cada un deses conflitos.

Idades recomendadas:

A partir de 15 anos.

Ocasións para realizar a actividade:

- 21 de setembro: Día da Paz
- 29 de novembro: Día de Solidariedade co pobo palestino

Películas:

Un berro dende o Sahara

(Unai Aranzadi. 2008. 48 minutos)
Atrapados entre a violenta ocupación do réxime marroquí e a indiferenza da comunidade internacional, o pobo saharauí loita pacificamente por recuperar o seu territorio e a súa soberanía. A ONGD Mundubat investiga sobre as dramáticas consecuencias que este esquecido conflito ten para a poboación civil, e reflicte o decisivo papel da muller saharauí no camiño á liberdade.

Munic

(Steven Spielberg. 2007. 157 minutos)
Baseada en feitos reais, descúbrenos a intensa historia dun escuadrón secreto israelí, asignado para localizar e asasinar os 11 palestinos sospeitosos de planear o masacre de Múnic de 1972 de 11 atletas israelís, cuxa vinganza recaerá sobre o grupo e o home que os lidera.

Defensora

(Aitor de Miguel. 2010. 30 minutos)
"Defensora" pretende mostrar unha das caras da realidade que se vive en Colombia, e a súa intención é facelo a través dos ollos e da experiencia dunha loitadora infatigable. Berenice Celeyta vén denunciando, dende hai máis de dúas décadas, as continuas violacións dos Dereitos Humanos que sofren no seu país, esencialmente por parte dos grupos armados paramilitares. Debido o seu compromiso social e o seu constante labor de denuncia recibiu numerosas ameazas de morte. No entanto, non perde a esperanza.

 

Actividade complementaria:

Este ciclo de cine pode ser complementado pola exposición “A Paz cuestión de Fondo” e/ou por unha conferencia por parte dalgunha asociación solidaria co pobo saharauí, con Colombia ou co pobo palestino. Contactar coa Coordinadora Galega de ONGD http://www.galiciasolidaria.org/.

 

13. Tema: Dereito á educación

A EDUCACIÓN, DEREITO UNIVERSAL

Descrición:

Ambas películas que compoñen este ciclo teñen como protagonistas a nenas que loitan e protestan para que non lles sexa negado o dereito a ir á escola. Esta temática mestúrase con outras moitas, como a infravaloración que teñen as nenas nas comunidades. Sen embargo, outros valores son tidos en consideración, como a unión da comunidade, o respecto polo medio ambiente, e a solidariedade entre pares.

Idades recomendadas:

A partir de 12 anos.

Ocasións para realizar a actividade:

- 25 de abril: Día de loita contra a violencia infantil
- 8 de setembro: día Mundial da alfabetización
- 11 de outubro: día Mundial da Nena

Películas:

Binta e a gran idea

(Javier Fesser. 2004. 29 minutos)
Binta ten sete anos, vive nunha preciosa aldea xunto ao río Casamance no sur do Senegal e vai á escola. Súa prima Soda non ten a mesma sorte. A ela non se lle permite aprender as cousas que ignora deste mundo. Binta admira a seu pai, un humilde pescador que, preocupado polo progreso da humanidade, está empeñado en levar a cabo “unha idea” que se lle ocorreu.

Buda explotou por vergoña

(Hana Makhmalbaf. 77 minutos)
Baktai é unha nena de seis anos que vive baixo a estatua de Buda que destruíron os talibáns. O seu maior desexo: poder estudar. A violencia está por todas partes e o camiño cara a escola será unha dura proba para Baktai. Os outros nenos acósana imitando con crueldade aos maiores, queren dispararlle ou simplemente destruíla coma o Buda. Logrará Baktai superar estes obstáculos para poder aprender os alfabetos da súa lingua materna?

Os nenos do coro

(Christophe Barratier, 2004): En 1949 Vláment Mathieu, profesor de música en paro, comeza a traballar como vixiante nun internado de reeducación de menores. Especialmente represivo, o sistema de educación do director Rachin a penas logra manter a autoridade sobre os alumnos difíciles. Nos seus esforzos por achegarse a eles, Mathuieu descobre que a música atráelles poderosamente e entrégase á tarefa de familiarizalos coa maxia do canto, ao tempo que vai transformando as súas vidas para sempre.

 

Actividade complementaria:

Esta exposición pode ser complementada pola exposición “Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio” e “Influír no global dende o local”. Ambas dispoñen de unidades didácticas, o que as fai moi axeitadas para traballar nos centros de ensino.

 

Días mundiais (Almanaque solidario)

Nesta sección podedes atopar días de referencia do sistema internacional de cooperación ao desenvolvemento; que poden ser interesantes para a organización de actividades de sensibilización, para gañar en visibilización e consistencia, como exposicións, charlas, contacontos...

30/01    Día escolar da non violencia e a paz
20/02    Día mundial da xustiza social
08/03    Día internacional das mulleres
21/03    Día internacional para a eliminación da discriminación racial
22/03    Día mundial da auga
07/04    Día mundial da saúde
22/04    Día internacional da Terra
12/05    Día mundial do Comercio Xusto
21/05    Día mundial da diversidade cultural para o diálogo e o desenvolvemento
25/05    Día de África
04/06    Día internacional das nenas e nenos vítimas inocentes de agresión
05/06    Día mundial do medio ambiente
12/06    Día mundial contra o traballo infantil
17/06    Día mundial de loita contra a desertización e a seca
20/06    Día mundial dos refuxiados
09/08    Día internacional dos pobos indíxenas
19/08    Día internacional da asistencia humanitaria
31/08    Día internacional da solidariedade
08/09    Día internacional da alfabetización
08/09    Día da e do cooperante
15/09    Día internacional da democracia
21/09    Día internacional da paz
02/10    Día internacional da non violencia
11/10    Día internacional das nenas
15/10    Día internacional das mulleres rurais
16/10    Día internacional da alimentación
17/10    Día internacional para a erradicación da pobreza
16/11    Día internacional para a tolerancia
20/11    Día internacional da infancia
25/11    Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres
29/11    Día internacional de solidariedade co pobo palestino
02/12    Día internacional da abolición da escravitude
10/12    Día dos Dereitos Humanos
18/12    Día internacional das persoas migrantes
20/12    Día internacional da solidariedade humana

Imaxes con Fondo

Creando conciencia social coas imaxes e as palabras

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade botou a andar en 2012 o concurso Imaxes con Fondo como ferramenta para promover a reflexión e un cambio de actitude na cidadanía, apostando por condutas solidarias e respectuosas coa contorna do planeta e coas persoas que nel habitan.

Froito desta experiencia naceu a exposición itinerante 'Imaxes con Fondo' coas mellores obras presentadas, grazas á colaboración desinteresada das e dos participantes no certame. O gañador da primeira edición na categoría de persoas adultas, Rober Amado, viaxaría a Cabo Verde para realizar unha mostra fotográfica sobre os 11 anos de traballo do Fondo Galego no arquipélago africano, inaugurada en decembro no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde.

No ano 2014  volveuse convocar o concurso, e neste caso foi o fotoxornalista Felipe Carnotto quen se desprazou aos proxectos do Fondo Galego en Nicaragua, onde recolleu nunha nova exposición a vida cotiá, as paisaxes, as problemáticas, os soños e as esperanzas da poboación. De xeito paralelo, co fin de promover a participación e a reflexión sobre as imaxes e as palabras, organizáronse aulas maxistrais de fotografía social impartidas por Gabriel Tizón e obradoiros.

En 2016 ábrese a terceira edición do certame Imaxes con Fondo, con novidades como a sección de vídeo que se suma á habitual de fotografía e coa interculturalidade como temática central. O prazo para presentar obras a concurso prolongarase ata o 15 de novembro. Neste tempo, dez concellos socios do Fondo Galego acollerán obradoiros de fotografía social. Ademais, a través do evento en Facebook achegaremos posibles ideas, reflexionaremos sobre o papel da fotografía e o audiovisual e resolveremos calquera dúbida que nos chegue.

Participa e demostra que un mundo máis igualitario, xusto e en paz é posible! As boas ideas teñen premio!

Imaxes con Fondo 2016

*Podes descargar as bases íntegras ao pé desta páxina; presentamos a seguir os aspectos máis relevantes.

- Poderán presentarse todas as persoas interesadas, de 14 anos en diante, de calquera nacionalidade e residentes ou con lugar de nacemento en Galicia.

- Haberá dúas seccións (fotografía e vídeo) con dúas categorías en cada unha:

- Os traballos deberán axustarse á temática da interculturalidade, entendida nun sentido amplo. Deste xeito, poderán achegarse traballos fotográficos e audiovisuais que, entre outros:

- Haberá tres premios por categoría, en cada unha das dúas seccións:

1º Premio: Cámara de fotografía/vídeo.
2º Premio: Cesta de produtos de comercio xusto.
3º Premio: Lote de películas de temática social.

Cómpre destacar aquí a colaboración especial do Concello de Oleiros, que regalará unha colección de libros do concurso de fotografía Revela aos centros de ensino aos que pertenza o alumnado premiado. 

1º Premio. Viaxe a Mozambique para realizar un traballo fotográfico/audiovisual da man das entidades parceiras no país. Terá lugar en 2017 e prolongarase entre 15 e 30 días. O uso das obras quedará cedido ao Fondo Galego, que poderá empregalas para realizar calquera actividade sen fins lucrativos, citando sempre ao/á autor/a.
2º Premio: Cesta de produtos de comercio xusto.
3º Premio: Lote de películas de temática social.

- As persoas interesadas teñen de prazo ata o 15 de novembro para presentar as obras e demais documentos requiridos nas bases a través do enderezo imaxesconfondo@gmail.com. Para máis información pódese contactar no mesmo correo electrónico ou no teléfono 986 843 436.

Para a elaboración das bases do concurso  no 2012 contamos co apoio de diferentes colectivos vinculados ao mundo da fotografía e aos que agradecemos que arrancaran este camiño con nós: Asociación de reporteiros solidarios (AGARESO), Asociación Provincial de Fotógrafos de Pontevedra, Asociación Provincial de Fotógrafos de Lugo, Agrupación Fotográfica Galega e Asociación Fotográfica 'Os Negativos'.
 

Bases do concurso Folleto do concurso
Anexo información requirida Cartaz do concurso
Anexo certificacións Banner
Autorización menores Banner 300x400


 

Vacacións con Traballo

Vacacións con Traballo é un programa chave do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que se leva adiante cos nosos socios e países estratéxicos desde o ano 2006. Na edición de 2017, o proceso de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 10 de maio. Podedes consultar a nova da apertura do programa ou ir directamente ao blog de Vacacións con Traballo.

Vacacións con Traballo é un programa de sensibilización e de cooperación técnica dirixido ás/aos traballadoras/es da administración local galega asociada ao Fondo Galego, como banco de recursos humanos de calidade e potencial motor de transformación social cara actitudes solidarias cara dentro e cara fóra das dependencias municipais. 

As/os traballadoras/es seleccionadas/os invisten/renuncian o seu mes de vacacións en terreo apoiando tecnicamente aos parceiros estratéxicos do Fondo e de aí o nome do programa, no que o Fondo financia a viaxe das/dos participantes e os nosos socios locais os aloxamentos e as manutencións.

Entendémolo coma un programa de dobre dirección onde ambas as dúas partes aprenden e onde a implicación das/dos candidatas/os é imprescindible.

Desde a convocatoria de 2013, toda a información dispoñible sobre o programa está centralizada no blog http://vacacionscontraballo.wordpress.com.

Cadernos de Experiencias de Vacacións con Traballo

Os Cadernos de Experiencias de Vacacións con Traballo son a testemuña directa de traballadoras e traballadores da administración local asociada ao Fondo Galego, que viaxaron e participaron nos procesos de desenvolvemento humano que impulsamos cos nosos parceiros dos países do Sur. Coñece as súas vivencias!

Caderno de Experiencias 2016

Caderno de Experiencias 2015

Caderno de Experiencias 2014

Caderno de Experiencias 2013

Caderno de Experiencias 2012

Caderno de Experiencias 2011

Caderno de Experiencias 2010

Caderno de Experiencias 2006

En canto nos sexa posible dispoñibilizaremos os Cadernos das edicións 2007, 2008 e 2009.

Blogs de Vacacións con Traballo 2010-2012

Blogs VCT 2012

Accede ao blog premendo nesta icona Lucía González, técnica da Concellería de Termalismo do Concello de Ourense, apoia ao longo do mes de outubro o proxecto de desenvolvemento turístico impulsado polo Instituto de Promoción Humana (Inprhu-Somoto). Traballando con esta ONGD nicaraguana, integrarase en actividades coma a formación de guías, o ecoalbergue, as feiras artesanais ou as noites culturais. Terá ademais ocasión de supervisar os últimos proxectos de habitabilidade para a poboación indíxena cofinanciados polo Fondo Galego de Cooperación. No seu blog vai compartindo a experiencia de participar nunhas Vacacións con Traballo.
http://luciagonal.blogspot.es
Cristina Vázquez, arquitecta do Concello de Soutomaior pasa as súas Vacacións con Traballo en Cabo Verde. Durante o mes de outubro, colabora coa Cámara de Ribeira Grande na elaboración dos plans de desenvolvemento urbano dos núcleos do municipio.
http://vacacionscontraballocv.blogspot.es
Cristina Santos, traballadora da Concellería de Servizos Sociais de Malpica, viaxou a Cabo Verde para incorporarase ao gabinete de apoio á muller da Cámara Municipal de Paúl. Este gabinete encádrase no plan municipal para a igualdade e a equidade de xénero, instrumento elaborado co apoio do Fondo Galego de Cooperación. Durante as súas Vacacións con Traballo, a moza participará en obradoiros coas mulleres e mesmo en programas de radio, e visitará tamén outras actuacións subvencionadas pola entidade.
http://amiradavioleta.blogspot.com
Sara Besada, arquitecta da Oficina de Vivenda e Rehabilitación do Concello de Vilagarcía de Arousa, colabora en febreiro de 2013 coa Oficina do Conservador de Santiago de Cuba, cidade histórica gravemente danada polo furacán Sandy. A técnica está a supervisar os proxectos cofinanciados nos últimos anos para mellorar a habitabilidade e participa tamén na planificación da reconstrución da escola de Cayo Granma, ubicada na área declarada Patrimonio da Humanidade.
http://vacacionscontraballoencuba.wordpress.com/

Blogs VCT 2011

Accede ao blog premendo nesta icona
Diego Sánchez, técnico de Turismo no Concello de Castrelo de Miño (Ourense), pasará o mes de novembro cooperando co Instituto de Promoción Humana (Inprhu) na localidade nicaraguana de Totogalpa. Alí traballará no marco dun plan de desenvolvemento turístico que se basea nos recursos naturais e culturais, colaborando en tarefas de formación e promoción, entre outras. O seu blog botou a andar 100 días antes de emprender a viaxe e nel dá conta das distintas fases da experiencia en Vacacións con Traballo.  
http://novembroentotogalpa.blogspot.com
Accede ao blog premendo nesta icona
María José Pérez González, arquitecta da Unidade de Promoción e Desenvolvemento da Deputación de Pontevedra, gozará das súas Vacacións con Traballo en Cabo Verde. Ao longo do mes de outubro, colaborará coa Cámara Municipal do Paúl en actividades de renovación urbana, rehabilitación e preservación. Participará asemade en accións de formación para os técnicos locais e aproveitará para supervisar os proxectos apoiados na zona polo Fondo Galego.                                   http://www.vacacionscontraballoencaboverde.blogspot.com
Accede ao blog premendo nesta icona
Joaquín Lede, coordinador de proxectos europeos na Deputación de Pontevedra, coopera en Cabo Verde coa Cámara Municipal de Porto Novo, no marco do programa ‘Vacacións con Traballo’. Alí participa en tarefas coma a revisión do Plan de Acción Municipal ou a análise de posibles axudas de financiamento, comezando polas da Unión Europea. Ata finais de outubro, relatará no seu blog o día a día do traballo no Concello e as súas impresións sobre a illa de Santo Antão.
http://vacacionscontraballo2011.wordpress.com

Blogs VCT 2010

Accede ao blog premendo nesta icona
Brais García, técnico do Museo Provincial de Lugo, contribuirá en Nicaragua, en Somoto, co Instituto de Promoción Humana (Inprhu) á posta en marcha de iniciativas a prol do desenvolvemento do turismo ecolóxico e a promoción da artesanía local, campos nos que xa ten experiencia. Ademais de coñecer unha realidade diferente, o lucense agarda comprobar cómo, con recursos limitados, os traballadores centroamericanos afrontan o día a día. No seu blog pódedes seguir as súas Vacacións con Traballo”.

http://cronicasdespistadas.blogspot.com

Accede ao blog premendo nesta icona Carolina Iglesias, psicóloga do Centro de Información á Muller no Concello de Nigrán e participante da edición 2010 de Vacacións con Traballo; aterrou en Lima o 9 de setembro, sendo recibida por Rosario Huamán Castillo, Alcaldesa de Atavillos Alto. Carolina, que conta cunha axenda de traballo intensa coa participación en diferentes obradoiros formativos; tanto en escolas como con asociacións de mulleres. No seu blog dá conta, na medida das posibilidades de conexión a internet, da súa vida e traballo no Perú.
http://atavillosalto.wordpress.com
Accede ao blog premendo nesta icona Patricia Varela, directora da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Verín; viaxou finalmente a Cuba o pasado sábado 11 de decembro, como participante do programa ‘Vacacións con Traballo’. Patricia colaborará durante quince días coa Oficina do Conservador de Santiago de Cuba, institución dedicada a preservar o patrimonio histórico-cultural e monumental da cidade. Alí vai apoiar a continuación do proxecto de mellora das condicións de habitabilidade na área de Los Maceos, que afecta a máis de 80 vivendas da zona antiga. Trátase dunha das actuacións derivadas do Plan Mestre para a revitalización da cidade histórica que se aprobou en 2009 e cuxa consecución viña sendo apoiada dende hai varios anos polo Fondo Galego, canda a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela.
http://vacacionscontraballoencuba.blogspot.com

 

 

Guía de boas prácticas

As actividades de sensibilización do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade deben servir para promover un maior coñecemento sobre os problemas específicos dos países do Sur e as súas causas pasadas e presentes. Trátase de fomentar unha conciencia social crítica en relación ao desigual reparto da riqueza entre países, que se traduza no apoio a aquelas políticas encamiñadas a atinxir un mundo máis equitativo.

Para que a súa implementación resulte efectiva e sexa coherente co espírito que as inspira, recoméndase observar as recomendacións que a seguir se expoñen:

  1. Atender e seguir os requisitos específicos da actividade concreta. Cada actividade conta cuns requisitos específicos, que desde a Secretaría Técnica son trasladados á entidade local que a acolle. Poden ter que ver co tipo o ou o tamaño do espazo necesario, a idade do público ao que se dirixe a actividade, etc.
  2. Presentar a actividade e o Fondo Galego ao público. Un/nha representante da entidade local debería presentar a actividade ao público ao seu inicio, aproveitando para dar a coñecer que é o Fondo Galego e que actividades desenvolve.
  3. Difusión antes, durante e despois. As entidades locais deben esforzarse por difundir as actividades a través de todas as vías posibles, coordinándose coa Secretaría Técnica do Fondo Galego: medios de comunicación, redes sociais, boletíns electrónicos...
  4. Evitar contextos que banalicen a mensaxe. Os temas tratados nas actividades de sensibilización, mesmo que sexan abordados con accións de formato tradicionalmente lúdico (contadores de historias, teatro, música...), lidan con temas como: a fame, a imposibilidade de acceder a unha vivenda ou vestimenta dignas, ou de combater enfermidades con cura, a imposición de relacións comerciais desiguais e inxustas, etc., que son graves. Neste sentido, suxírese evitar inserir as actividades de sensibilización como meros complementos en eventos de contido principalmente festivo: xornadas gastronómicas, eventos de tipo folclórico, etc.
  5. Organizar eventos que vaian máis alá da actividade específica (xornadas ou semanas solidarias, por exemplo). Trátase de ampliar o impacto da actividade específica, organizando outras na mesma data ou datas próximas, de modo que a solidariedade internacional estea na axenda de debate local durante máis tempo e/ou dun modo máis completo. Neste sentido, suxírese contar coa participación de ONG, asociacións de inmigrantes, etc.