Ano 2013-ResoluciĆ³n

RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA DE PROXECTOS 2013
APROBADA POLA ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS A 14 DE NOVEMBRO DE 2013

A Comisión Executiva do Fondo Galego aprobou o 5 de xuño deste 2013 a apertura do proceso de convocatoria aberta aos axentes de cooperación para o financiamento de proxectos de cooperación internacional convocando ao Consello Municipalista da Cooperación (CMC).

Escoitado o Consello Municipalista de Cooperación, reunido o día 4 de xullo, a Comisión Executiva aprobou as Bases que rexen a convocatoria de proxectos 2013. De conformidade con elas, entre o martes 9 de xullo e o sábado 31 de agosto mantívose aberto ao público o prazo para a presentación das diferentes propostas.

O 28 de outubro, coa participación de representantes dos Concellos de Vigo, Ourense, Cambre, Xove e a Deputación da Coruña, ademais da Secretaría Técnica, a Comisión Avaliadora analizou os proxectos presentados, formulando unha proposta que foi trasladada á Comisión Executiva.

Desta maneira, a 29 de outubro de 2013 a Comisión Executiva formulou a presente Proposta de Resolución en conformidade coas Bases da convocatoria de proxectos 2013 e a decisión de non financiar nesta convocatoria ás ONGD beneficiarias da Convocatoria de proxectos 2012, no desexo de diversificar as axudas dentro do sistema galego de cooperación.

Polo que de conformidade co disposto no artigo 10.e. dos estatutos, esta proposta de resolución é sometida á Asemblea xeral de socios. 

FINANCIAR os seguintes proxectos:

1. MELLORA NAS CONDICIÓNS EDUCATIVAS DA ESCOLA E CENTRO INFANTIL HITAKULA DAS MAHOTAS (MOZAMBIQUE). 

Entidade solicitante: ECOS DO SUR
Socio local: Adane Mozambique
País: Mozambique
Orzamento total: 25.276,48€
Cantidade solicitada/concedida: 17.999,38 €
Resumo do proxecto: O presente proxecto pretende mellorar os servizos de educación e sanidade na escola de Hitakula das Mahotas (Maputo) a través de diversas accións orientadas á mellora do sistema de auga e saneamento da escola: limpeza, ampliacións e instalación do sistema de saneamento no centro escolar. O proxecto está integrado nun programa titulado "Mellora das condicións educativas da Escola e Centro Infantil Hitakula", que ten por obxectivo mellorar as condicións da educación e sanidade do centro. Este proxecto enmarcaríase na segunda fase deste programa.    A escola, construída no ano 2002 por ADANE Mozambique coa cooperación española, foi deseñada para albergar a 1.200 alumnas/os, pero o rápido crecemento demográfico ocasionou que na actualidade esteamos a falar de 2.450, o que provoca un deterioro nas instalacións.

2. PREVENCIÓN E REDUCIÓN DA VULNERABILIDADE DE RISCO DE INUNDACIÓNS NAS COMUNIDADES E CENTROS ESCOLARES DOS MUNICIPIOS DE TECOLUCA E ZACATECOLUCA (EL SALVADOR) A TRAVÉS DA MITIGACIÓN E EDUCACIÓN AMBIENTAL

Entidade solicitante: Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso)
Socio local: CORDES
País: El Salvador
Orzamento total: 38.306,04 €
Cantidade solicitada/concedida: 29.345,76 €
Resumo do proxecto: O presente proxecto diríxese a previr e reducir a vulnerabilidade do risco de inundacións en comunidades e centros escolares dos concellos de Tecoluca e Zacatecoluca (El Salvador) a través da mitigación, sensibilización e educación ambiental, e a amplificar resultados desta formación e a capacidade de reacción das comunidades ante unha emerxencia a través da radio comunitaria. Para lograr este obxectivo foron planificadas actividades encamiñadas a 11 centros de ensino de 12 comunidades de dous municipios do Bajo Lempa, unha rexión salvadoreña fortemente afectada polas inundacións e con unha poboación sumida no empobrecemento extremo.

3. MELLORA DAS CAPACIDADES PARA A PREVENCIÓN DE DESASTRES DA POBOACIÓN DE HABANA VIEJA, RECUPERANDO O PATRIMONIO CULTURAL DO MUNICIPIO. CIDADE DA HABANA

Entidade solicitante: Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP)
Socio local: Oficina do Conservador de La Habana
País: Cuba
Orzamento total: 36.879,84 €
Cantidade solicitada/concedida: 29.463,15 €
Resumo do proxecto: O presente proxecto ten por obxecto fomentar as capacidades de prevención de desastres das/dos habitantes do centro histórico de la Habana Vieja e contribuír á recuperación dun Ben de Interese Cultural mediante o apoio e a creación do Centro de Interpretación da Metereoloxía do antigo convento de Belén, na Habana Vella. O centro realizará unha labor pedagóxica que reforzará o coñecemento e a sensibilización da poboación fronte aos procesos climatolóxicos que afectan a Cuba en forma de tormentas tropicais e furacáns. O proxecto insírese nun programa máis amplo de rehabilitación e recuperación para o seu emprego en servizos sociais básicos, culturais e de emerxencias ante desastres naturais no antigo convento de Belén, coordinado e que conta entre os seus financiadores coa AECID e co goberno vasco.

                  ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS, FEGAMP, 14 DE NOVEMBRO
 

________________________________________________________________________________________________________________

Durante a anualidade 2013 leváronse tamén adiante entre os meses de xuño e outubro, proxectos de cooperación directa en Cabo Verde, da man do Fondo Galego, liderados polo Concello de Vigo nas Cámaras municipais de Santa Cruz e Porto Novo:

MELLORA NA XESTIÓN DE RESIDUOS NO CENTRO DA CÁMARA DE PORTO NOVO
Entidade solicitante Cámara: Municipal de Porto Novo
País/Área Xeográfica: Illa de Santo Antão, Cabo Verde
Orzamento total (euros): 29.672,64€
DESGLOSE FINANCIAMENTO
Concello de Vigo: 25.000€
Cámara Municipal do Porto Novo: 3.075€
Fondo Galego: 1.598,23€
Resumo do proxecto: Este proxecto terá como obxectivo unha mellor xestión dos residuos do centro da localidade de Porto Novo. A día de hoxe, o municipio dispón de un sistema de recollida  de lixo, constituído só por 200 contenedores distribuídos na periferia do centro urbano. Conta tamén con dous camións propios e equipados con compactadores e un tractor. Isto permítelle recoller os residuos depositados nos escasos contenedores para ser depositados no vertedoiro municipal, situado a 0,4 km da localidade, que conta coas condicións mínimas de calidade e funcionalidade. 
Co proxecto, non só se gañará nunha mellora da calidade de vida da poboación, se non que tamén mellorará a imaxe da localidade, xa que no centro da vila o lixo permanece espallado ras rúas da cidade e nos descampados, provocando malos cheiros e cúmulo de insectos. Así mesmo, serán reducidas determinadas epidemias que se orixinan por unha deficiente xestión dos residuos por parte da poboación, que tiran na costa o unas beiras dos ríos o lixo, ocasionando graves problemas ambientais. A campaña de sensibilización resultará determinante para acadar o obxectivo marcado.

DINAMIZACIÓN DA AGRICULTURA PARA PROMOVER UN DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE NA CÁMARA DE SANTA CRUZ
Entidade solicitante: Cámara Municipal de Santa Cruz
Outras entidades participantes: Delegación do Ministério do Desenvolvemento Rural de Santa Cruz, Universidade de Cabo Verde
País/Área Xeográfica: Illa de Santiago, Cabo Verde
Orzamento total (euros): 37.855€
Concello de Vigo: 29.600€
Comunidade beneficiaria: 1.058€
Cámara de Santa Cruz: 3.527€
Ministerio de desenvolvemento rural: 1.763€
Fondo Galego: 1.937€ 
Resumo do proxecto: O propósito deste proxecto é o da revitalización da práctica agrícola e contribuír á xestión eficiente e eficaz da escasa auga potable da que dispón o municipio, eminentemente rural.
Coa dinamización da agricultura estarase tamén loitando contra a pobreza e pola seguridade alimentaria, xa que se garantirá que as familias con menores recursos poidan xerar os seus propios alimentos e incluso obter algún beneficio da venda dos mesmos nos mercados locais.
A través deste proxecto serán formados 30 agricultoras e agricultores na instalación,  manutención e práctica do rego ‘gota a gota’, mellorarase a xestión da auga na práctica agrícola e mellorarase a situación socioeconómica das persoas beneficiarias.
Esta iniciativa entronca con outras xa postas en marcha no municipio, e que fan fincapé na sustentabilidade das cuncas hidrográficas, a construción de diques de captación de auga, a protección do solo e a instalación do sistema de rego por goteo.

http://www.fondogalego.org/web/comunicados/o_fondo_galego_e_o_concello_d...