Memoria Fondo Galego 2013: de Galicia a Cabo Verde

A Irmandade Galicia-Cabo Verde marcou o desenvolvemento do exercicio 2013 no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, de aí que a posta en valor en da cooperación entre ambos os dous países dea título á publicación que resume as actividades do ano.

A 'Memoria 2013: de Galicia a Cabo Verde' fai balance de doce meses nos que "tentamos transformar as dificultades coas que arrancamos o ano en novas oportunidades, achegando fortes doses de ilusión e insistindo nunha fórmula institucional de traballo que converteu ao Fondo nun modelo referente da cooperación descentralizada europea, e na rede sectorial máis ampla, plural e activa do municipalismo galego”. Así o destaca a presidenta da entidade, Teresa París, no seu prólogo.

Logo da correspondente sección de tecido e vida asociativa, detállanse a continuación as relacións institucionais coa Xunta de Galicia, a Fegamp, a Coordinadora Galega de ONGD, a Confederación de Fondos ou a Unión Europea, amais da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos.

O texto resume a seguir os proxectos de cooperación directa, que se levaron a cabo coas cámaras municipais de Porto Novo e Santa Cruz, e mais os de cooperación indirecta, con distintas ONGD galegas. Neste punto, diferénciase entre a convocatoria de 2012, que impulsou iniciativas en India, Honduras e Nicaragua, e mais a de 2013, cuxas actuacións se están a executar aínda en Mozambique, El Salvador e Cuba. Tamén se dá conta da doazón para Filipinas tras a apertura da conta de emerxencia por mor do tifón Haiyán.

No apartado dedicado á sensibilización, recóllense as máis dun cento de actividades que se organizaron en 71 entidades socias: os contos da Tropa de Trapo, obradoiros radiofónicos sobre música e Dereitos Humanos, talleres de compra pública e consumo responsable, exposicións itinerantes, ciclos de cine, etc. Destacan asemade o programa Vacacións con Traballo, que enviou persoal da administración local a cooperar no Sur, a propia visita dunha delegación caboverdiana ou as VIII Xornadas do Fondo Galego 'Comunicación e cooperación internacional', alén da nova mostra fotográfica 'Galicia-Cabo Verde: unha irmandade'.

Na sección dedicada á comunicación, compre salientar a elaboración do novo plan que guiará a dinamización desta área, con especial atención ao eido dixital. A publicación conclúe co balance económico e a listaxe de citas na axenda do ano.

AnexoTamaƱo
Memoria 20135.08 MB