Acta do Concello Municipalista da CooperaciĆ³n reunido o 23 de abril de 2014 na EGAP

Asisten:

Teresa París – Presidenta do Fondo Galego, Concello de Redondela
Pilar Gallego- Tesoureira do Fondo Galego, Concello de Allariz
José Luís Quintela- Vogal de relacións coas ONGD do Fondo Galego, Concello de A Coruña
Andrea Manuela García- Igadi, Secretaría Fondo Galego
Daniel González - Igadi, Secretaría Fondo Galego

Gemma Filgueira- Coordinadora Galega de ONGD
Xesús Ramón González- CIG
Adriana Fernández Acebo- Mundo Cooperante Galicia
Silvia Mosquera Mirás- ONGD Ecos do Sur
Alejandro Quiñoá Casteleiro- ACPP
Berta Málvarez- Amarante-Setem
María Isabel González- Amigos ESCAES-Perú
Amalia Álvarez- InteRed
Miguel Ángel Fernández- Arquitectos sen Fronteiras
Adolfo Barbeito- Arquitectos sen Fronteiras
Carmen Novas- Agareso

Orde do día:

1. O Fondo Galego e as Liñas Estratéxicas 2011-2015. Informe de situación.

A presidenta do Fondo Galego, Teresa París, comeza a súa intervención facendo referencia nas súas palabras aos distintos atrancos superados cos que iniciou o 2013, xa sexa a mudanza da Illa de San Simón ou o feito de adaptar a colaboración histórica coa Xunta de Galicia. Nese sentido destaca tamén as incertidumes que representa para a vida da asociación a nova reforma da administración local.

Así as cousas, Teresa París, pon en valor as distintas liñas de traballo fortalecidas durante o 2013. En primeiro lugar destaca o traballo en rede, xa ben sexa coa Confederación de Fondos e a Declaración de Valencia en defensa da cooperación descentralizada xunto a 1.000 Concellos do Estado, o traballo no marco do proxecto da UE como asesor de redes descentralizadas xunto a Concellos portugueses e alemás, Redes para o desenvolvemento, ou coa Coordinadora Galega de ONGD, coa conmemoración do día internacional contra a pobreza de 17 de outubro e as convocatorias de proxectos para ONGD con presenza en Galicia.

Pon en valor ademais o traballo desenvolto tanto cara fóra de Galicia, cos proxectos de cooperación directa e indirecta, coma dentro, co desenvolvemento de actividades de educación para a cidadanía global por medio da Rede Municipalista Solidaria, que outro ano máis foi capaz de reproducirse por toda Galicia achegando actividades a decenas de miles de persoas por medio de actividades en 71 Concellos e nas Deputacións de Lugo e A Coruña. Destaca en canto ao traballo desenvolto polo Fondo en Galicia a presentación do Plan de Comunicación da entidade e as actividades da Irmandade Galicia Cabo Verde, que se celebraron entre o 9 e o 13 de decembro para poñer en valor o traballo acumulado en máis dunha década no traballo coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo verde.

Neste sentido destaca a celebración na Deputación da Coruña, o 10 de decembro, dentro da Irmandade Galicia-Cabo Verde, das VIII Xornadas do Fondo, baixo o título: Cooperación Internacional e Comunicación, que procurou afortalar o proceso que vincula e complemente as intervencións en proxectos e as actividades de sensibilización coa propia actividade comunicativa da asociación.
Teresa París sinala que as distintas accións desenvoltas durante o 2013 queren encher de contido as Liñas Estratéxicas 2011-2015, que guían o traballo da Comisión Executiva desde a súa constitución en outubro de 2011. Neste sentido a programación do 2014 seguirá a profundizar nestes procesos.

Posteriormente Daniel González toma a palabra para facer unha fotografía dos efectos da crise na composición do Fondo Galego, que pasou entre o 2008 e o 2014 de 107 socios a 89. Neste sentido destaca coma especialmente relevantes as baixas das Deputacións de Pontevedra e de Ourense, ou Concellos coma Cambados ou Baiona, onde reside a Secretaría do Fondo.

O secretario do Fondo insiste en que a asociación representa unha política pública do municipalismo galego que promove o Igadi, que introduce a cooperación internacional e os DDHH na administración local por medio da Rede Municipalista Solidaria, mediante representacións políticas e técnicas nas entidades socias, persoas responsables de artellar as actividades de sensibilización que o Fondo propón no interior dos seus Concellos e Deputacións. Fai mención a que o Fondo representa unha política pública con resultados, desde a eficacia a eficiencia e a procura constante de coherencia impulsando procesos de longo percorrido e planificados, nos que destaca os vínculos fortes cos países e socios estratéxicos e a consistencia da Rede Municipalista Solidaria,  pese ao contexto de crise que afecta decisivamente ás posibilidades da asociación. Apunta que o orzamento histórico total de proxectos do Fondo Galego repártese ao 50% entre a cooperación directa e indirecta (convocatorias de proxectos para ONGD con presenza en Galicia).

O secretario informa ao CMC da proposta á Xunta de Galicia para ser declarada socia protectora do Fondo no proceso de negociacións do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, proposta que foi rexeitada. A proposta fundaméntase en que historicamente a Xunta de Galicia representa o 50% do total da financiación de toda a actividade do Fondo, xa ben por medio da cofinanciación de proxectos que inicia no 2001 e que desaparece no 2011, coma por medio de convenios de sensibilzación, que inician no 2000 e desaparece no 2013. Esta fotografía amosa un distanciamento progresivo do Fondo, que quería ser estabilizado coa declaración de socio protector e un convenio por valor de 90.000€ de fortalecemento, sensibilización e comunicación, na idea de ofrecer un mínimo de estabilidade económica e institucional dada a súa natureza transpartidaria. Informa a súa vez de que o convenio tradicionalmente denominado de sensibilización, volve no 2014 por valor de 40.000€.
Así as cousas informa que o Fondo Galego contará este ano cun orzamento estimado de 300.000€, dos cales un mínimo de 100.000€ serán dirixidos á convocatoria de cooperación indirecta.

Amalia Álvarez de InterRed pregunta tanto ao respecto dos efectos da reforma da administración local coma os motivos deste descenso abrupto de socios e orzamentos. Ao respecto da primeira pregunta Teresa París indica que actualmente existe moita incertidume coa propria aplicación da lei en todos os ámbitos aínda que actualmente non sufrimos ningunha consecuencia directa particular no caso do Fondo Galego. Daniel González apunta que a Lei da “superpoderes” aos interventores municipais e que polo tanto intue que será a dialéctica entre a vontade política, os posicionamentos das comunidades locais en defensa da cooperación municipalista e os posicionamentos das intervencións o que fará máis ou menos restritiva a execución de accións de cooperación por parte das entidades locais. Ao respecto da segunda pregunta apúntase que a crise económica é o factor determinante o que ademais en moitas das baixas recibidas agrávase por anos de cotas adebedadas á asociación.

2. Convocatoria de proxectos para o exercicio 2014.

No segundo punto da orde do día, Andrea García, técnica de proxecto do Fondo Galego, comezou facendo unha breve introdución ás bases da convocatoria. Indica que seguen a liña do pasado ano pero que foron introducidos algúns cambios co obxectivo de dar un maior peso á valoración do propio proxecto e actividade de sensibilización, co obxectivo de flexibilizar algún dos criterios que complicaban acadar a metade dos puntos nalgún dos apartados dispostos. A continuación fíxose un repaso das principais modificacións na convocatoria:

•En canto ás condicións xerais e requisitos dos proxectos:
Aclárase que as entidades beneficiarias serán os axentes galegos de cooperación ao desenvolvemento sen ánimo lucrativo e con sede ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.
Aclárase que a pesares de que cada entidade pode presentar ata dous proxectos, só se financiará un proxecto por entidade.
Exclúense explicitamente na convocatoria ás entidades que recibiron financiamento na convocatoria do 2013.

•En canto á documentación a presentar:
Especifícanse os requirimentos e peculiaridades no caso das universidades.
Defínese mellor a solicitude de documentación realizada á entidade solicitante e ao socio local, co obxectivo de facilitar a avaliación das propostas.

•En canto ao financiamento:

Nos gastos financiables incluíuse a tradución de documentos en lingua distinta á galega, castelá, portuguesa e inglesa. Os documentos relativos ao parceiro, anexos e facturas en lingua distinta á galega, castelá, portuguesa ou inglesa deberán ser traducidos a calquera destas linguas.
Na actividade de sensibilización foron excluídas as viaxes a terreo.
Increméntase nun 5% o máximo financiable para a actividade de sensibilización, co obxectivo de darlle máis peso, pasando de un 10% a un 15%.

•En canto aos criterios de valoración:

Cambia a distribución das puntuacións, co obxectivo de dar maior peso á puntuación recibida polo proxecto en si mesmo e á actividade de sensibilización. Báixanse as puntuación que pode acadar a entidade solicitante e o socio local de 20 a 15 puntos, co obxectivo de facilitar acadar a puntuación mínima, que nas convocatorias pasadas se vía entorpecido por algún dos criterios dispostos. Redefínense os conceptos de valoración do proxecto para resolver algúns dos problemas ou carencias atopadas na pasada convocatoria. Tamén se valora a visibilización dos proxectos e a participación das administracións locais en maior medida que na pasada convocatoria. Os criterios de valoración da actividade de sensibilización son redefinidos para unha mellor valoración.

Unha vez feito o repaso, continúase coas alegacións recibidas por parte da Coordinadora Galega de ONGD, na que a meirande parte das entidades presentes se atopan representadas, indicando cales foron aceptadas e cales non:

•Alegacións aceptadas:

Terase en conta as datas de peche da convocatoria da Xunta de Galicia para tratar de que non coincidan as datas de peche. No caso de que se dese esta coincidencia establecerase un prazo dunha semana de diferenza a posteriori do remate do prazo da convocatoria Xunta.
En canto á documentación solicitada: No canto de solicitar copia da última acta da Asemblea Xeral na que aparezan reflectidos os nomes e cargos que conforman a xunta directiva da organización, solicitarase un certificado con visto e prace da presidencia da entidade.
Increméntase a porcentaxe máxima atribuída á partida ‘Funcionamento en terreo’, que pasaría do 1% ao 2%.
Os países que o IIIPD establece como prioritarios no eido da acción humanitaria serán considerados tamén como prioritarios segundo as Bases da convocatoria do Fondo, aínda que estas atendan só a proxectos de cooperación e non a acción humanitaria (caso Haití e pobo saharauí)
Publicación das valoracións e especificación de que as valoracións da secretaría técnica son orientadoras para a Comisión avaliadora de proxectos, o mecanismo de incorporar á Rede Municipalista Solidaria ao proceso de decisión, tanto por adxectivar á cooperación municipalista coma por transparencia cos socios da asociación.

•Alegacións denegadas:

Mantense que cada entidade poderá presentar un máximo de dous proxectos, pero só un será financiado. En ningún caso poderán ser financiados dous proxectos presentados pola mesma entidade para garantir a diversificación dos recursos e dar apoio ao maior número de entidades posible.
Mantense que as entidades que recibiron financiamento na pasada convocatoria quedan excluídas na presente convocatoria.
Non serán financiables os gastos de identificación, avaliación e auditoría contable. Tampouco serán financiables as misións de seguimento e avaliación. Aínda que entendemos que a identificación e a avaliación forman parte do propio ciclo do proxecto, e que as misións de seguimento e avaliación son igualmente necesarias, entendemos que estes gastos deben ser asumidos pola entidade solicitante ou parceiro local para concentrar a axuda na execución.
Mantense a porcentaxe de financiamento nun 80%-20%

•Foron aclaradas tamén as seguintes dúbidas:

Os gastos persoal inclúen non só os salarios senón tamén os seguros sociais ou calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal.
As achegas da entidade solicitante, parceiro local ou grupo beneficiario poden ser valorizadas.
Ao respecto da publicación das valoracións e fronte á manifestación da Coordinadora Galega de ONGD de descoñecemento do proceso polo que o Fondo Galego decide que proxectos son ou non aprobados para financiamento, Daniel González, Secretario do Fondo Galego explica como é o proceso:

A secretaría técnica do Fondo Galego fai unha avaliación obxectiva de cada unha das propostas recibidas en función do estipulado nas bases da convocatoria. Desta análise pormenorizada obtense un listado de puntuacións recibidas. Á vez, a Comisión técnica avaliadora, composta por persoal técnico de Concellos/Deputacións socias, revisa a documentación presentada de forma individual ata a data na que ten lugar a reunión presencial na que as/os integrantes da Comisión e a secretaría técnica do Fondo Galego comentan, resolven dúbidas, controlan e supervisan as propostas presentadas e as súas valoracións. A Comisión técnica avaliadora fai unha proposta de proxectos a financiar en base ás liñas estratéxicas do Fondo Galego e ás peculiaridades desta rede municipalista, para o que as puntuacións da avaliación técnica son orientadoras. A proposta acordada é remitida á Comisión executiva do Fondo Galego, que pode aceptala na súa totalidade ou non. A Comisión executiva decide os proxectos que serán finalmente propostos para financiamento perante a Asemblea Xeral de socios, órgano soberano da asociación, en base á avaliación técnica, ás observacións da Comisión avaliadora, ás peculiaridades da cooperación municipalista en Galicia e ás liñas estratéxicas do Fondo Galego.

O listado das puntuacións obtidas por cada proposta presentada serán publicadas na páxina web do Fondo Galego no mesmo momento de presentar a resolución dos proxectos aprobados para financiamento. Insístese en que as avaliacións técnicas dos proxectos presentados son de carácter orientador, sendo a resolución produto da participación da Rede Municipalista Solidaria, que vela pola EXISTENCIA da cooperación municipalista en Galicia.

Unha vez aclarado este punto xorden diferentes dúbidas entre as entidades asistentes:

A representante de Ecos do Sur, Silvia Mosquera, pregunta se dúas entidades se poden presentar en agrupación poñendo por caso que non poidan presentar unha proposta nun determinado país por non contar coa experiencia mínima requirida na convocatoria (2 anos). Así mesmo, descártase que unha entidade que non poida acceder a financiamento nesta convocatoria por ter un proxecto aprobado na convocatoria do 2013 poida presentarse agrupada. Conclúese que na convocatoria do 2014 non haberá posibilidade de que as entidades se presenten en agrupación pero que será un aspecto a revisar para futuras convocatorias.

O representante de ACPP, Alejandro Quiñoá, suxire a supresión do requisito dos 2 anos de experiencia en terro para promover a entrada das ONGD nos países prioritarios para o Fondo Galego. A súa proposta é que puntúe a experiencia no país pero que non sexa excluínte. José Luís Quintela, integrante da Comisión executiva do Fondo Galego, resolve que os 2 anos de experiencia en terreo son necesarios para outorgar un mínimo de garantías ao proxecto polo que este punto tampouco vai ser modificado nas bases da convocatoria, aínda que potencialmente poderá ser estudada no futuro.

Finalmente decídese que en base a estas modificación e aclaracións de dúbidas a convocatoria presentarase na páxina web do Fondo Galego o 2 de maio permanecendo aberta até o 30 de xuño, de non coincidir a data exacta coas convocatorias da Xunta de Galicia.

3. Sinerxias entre o Fondo e o tecido solidario para a sensibilización social. A Rede Municipalista Solidaria e o Día internacional contra a pobreza.

Daniel González dá conta de que desde o 2012 e tras proposta á Coordinadora Galega de ONGD o Fondo xogou un papel de facilitador da relación entre os Concellos e as ONGD durante o mes de outubro, arredor do Día internacional contra a pobreza do 17 de outubro, na idea repetida en varias ocasións de fortalecer o sistema galego de cooperación segundo as Liñas Estratéxicas 2011-2015.

Neste sentido explica que as sinerxias e posibilidades que ofrece a relación entre as ONGD e o Fondo son moitas para fortalecer ao sector e introducir na axenda a defensa e promoción dos DDHH universais. Desta maneira as actividades que se realizan arredor do 17 de outubro naceron coma un experimento para facer unha primeira aproximación á Rede Municipalista Solidaria, para promover catálogos de actividades amplos e pluirais nas administracións locais vinculadas a educación para o desenvolvemento, educación para a cidadanía global… ao tempo que facilitar a entrada das ONGD nas entidades socias do Fondo Galego.

Daniel González indica que é vontade do Fondo Galego repetir a experiencia no mes de outubro, xa ben sexa coa intermediación da Coordinadora Galega de ONGD ou directamente co ofrecemento do Fondo Galego ás ONGD. Gemma Filgueira, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD comunica que si existe interese en continuar a realizar a actividade de maneira conxunta.

4. Outros asuntos.

O CMC remata sen outros asuntos ás 20:30.