Memoria Fondo Galego 2014: os Obxectivos do Milenio, fin e principios

Presentación

O ano 2014 comezou cunha extraordinaria noticia para o Fondo Galego. O proxecto financiado durante o período 2010-2013 pola Unión Europea Redes para o Desenvolvemento, que identificara a nosa asociación como exemplo de boas prácticas dentro da cooperación descentralizada europea, ampliábase a unha segunda fase 2014-2017, nesta nova xeira con municipios e ONGD de Portugal, Alemaña e, desta volta, Holanda.

Outra vez o modelo do Fondo Galego viuse recoñecido por instancias europeas, dándonos o rol no proxecto de presentalo ás autoridades locais coas que compartimos este camiño de Redes para o Desenvolvemento: a planificación estratéxica da asociación, o sistema de cotas mínimas (incluínte para todas as entidades locais) ou a capacidade do traballo en rede para maximizar eficacias e eficiencias económicas e introducir os Dereitos Humanos na axenda local son signos de identidade que serven de modelo no ámbito comunitario. Durante o 2014 presentamos ao Fondo na Cámara Municipal de Maia e nos Concellos holandeses de Amsterdam e Helmond. En maio de 2015, o Fondo Galego presentarase en Berlín.

Institucionalmente, o ano deixounos tamén dúas moi boas novas dentro do marco autonómico. Dunha banda, renovamos a colaboración coa Fegamp, asinando un novo convenio que identifica ao Fondo Galego como a axencia de cooperación internacional de todo o municipalismo galego, poñendo en valor o modelo de traballo en rede e a pertinencia da introdución dos Dereitos Humanos na axenda local. Doutra banda, o 14 de marzo aprobouse no Parlamento de Galicia o III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 que, despois de distintas dificultades, continuou a identificar a Cabo Verde coma país prioritario e ao Fondo Galego como a ferramenta da administración local galega para a cooperación internacional, nomeando explicitamente á Rede Municipalista Solidaria coma espazo a protexer.

Con anterioridade, no marco da reforma da administración local, o Fondo Galego participou o 4 de febreiro na Xornada 'A cooperación internacional para o desenvolvemento desde os gobernos locais', organizada pola Confederación de Fondos, na sede da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), en Madrid. A Confederación engloba a nove Fondos de cooperación autonómicos de base local, que representan a máis de 1.000 entidades locais, que asumen a pertinencia do compromiso solidario coa cooperación internacional e os Dereitos Humanos.

En canto aos proxectos de cooperación, coa colaboración extraordinaria do Concello de Vigo continuamos a profundar na cooperación directa, promovendo alternativas económicas de desenvolvemento. En Cabo Verde, xunto á Cámara Municipal de Ribeira Grande e a cooperativa de mulleres Sulada, e, en Nicaragua, co Inprhu-Somoto e as municipalidades da rexión de Madriz, para poñer en valor o seu patrimonio e riqueza natural e cultural arredor do turismo comunitario rural, área onde Galicia amais de financiamento pode achegar coñecemento e experiencia.

Na nosa comunidade impulsamos ademais unha convocatoria de proxectos para os axentes de cooperación galegos, que finalmente redundaron no apoio económico a seis proxectos de cooperación en Nicaragua, Honduras, Guatemala, Perú e India, que se executarán durante o 2015 xunto a seis ONGD con presenza real en Galicia e con proxectos estratéxicos que defenden o municipio como espazo de nacemento do desenvolvemento humano. Un avance nesta lexislatura foi o perfeccionamento do proceso da convocatoria aberta e a inclusión nos propios proxectos a financiar de actividades de sensibilización e divulgación dos proxectos entre as administracións socias do Fondo.

En canto as nosas achegas ao exterior, temos tamén que destacar a doazón directa de 20.000€ en solidariedade con Palestina, distribuídos entre á UNRWA (Axencia das Nacións Unidas para os/as Refuxiados/as de Palestina), para o apoio psicosocial da poboación tras os bombardeos do verán en Gaza, e a Asociación Médica Hispano-Palestina, para o apoio sanitario á poboación da franxa. Na mesma Asemblea do 28 de outubro onde se fixeron públicas estas doazóns, lembrámonos de novo de Filipinas e do tifón Haiyán do ano 2013, e xunto con Acnur (Axencia das Nacións Unidas para os/as Refuxiados/as) realizamos unha nova doazón de 10.000€ para o apoio á poboación filipina.

En Galicia, a Rede Municipalista Solidaria demostrou de novo a súa capacidade para ser motor dun espazo galego, desde o local, de educación para a cidadanía global. Máis de 25.000 persoas participaron de maneira directa nas actividades do Fondo en máis de 60 concellos, nas exposicións itinerantes ou nos ciclos de cine, no espectáculo de contacontos da Tropa de Trapo, nas actividades sobre fotografía social relacionadas co concurso Imaxes con Fondo ou nas vinculadas aos nosos proxectos de cooperación internacional xunto á ONGD e arredor do Día internacional para a erradicación da pobreza en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD.

O traballo en rede suma e  multiplica e a revolución das TIC que progresivamente acompañou os 17 anos de historia do Fondo xera as ferramentas tecnolóxicas para reducir os custes e aumentar as produtividades desta maior conectividade que precisan os tempos do século XXI e achegan as novas tecnoloxías.

Para a nosa asociación, ser un humilde exemplo para as redes de autoridades locais europeas que se organizan traballando en conxunto representa unha grande alegría e abre un horizonte de futuro tamén para o municipalismo galego: desde á cooperación internacional aos propios servizos sociais, da cultura á promoción do turismo.

Finalmente debemos agradecer en nome da Comisión Executiva a implicación de representantes políticas/os e técnicas/os en concellos e deputacións de todos os tamaños e cores, para sermos capaces de xerar todo o que esta Memoria 2014 amosa. Xa que, no Fondo, contan por riba de todo as persoas e por iso somos unha rede de institucións e persoas, onde o factor humano é un elemento crítico.

Teresa París
Presidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Memoria 2014