Memoria Fondo Galego 2015: 10 anos de Vacacións con Traballo

Se o contexto de crise económica foi o elemento que caracterizou o período 2011-2015, tamén o foi a resistencia e a vitoria do municipalismo galego solidario e cooperante. Evitar dar pasos atrás e o fortalecemento interno da asociación foron dúas premisas que guiaron o traballo ao longo dos catro anos. Sen dúbida, conseguiuse, grazas ao grande esforzo realizado por todos os socios, que non só amosaron o seu compromiso cunha mera transferencia de recursos, senón que participaron activamente na rede coa realización de actividades e a asistencia á Asemblea Xeral e ás xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria. Canda eles, guiounos tamén o compromiso coa defensa e promoción dos Dereitos Humanos e a acción exterior de Galicia. Compromisos que foron quen de superarse desde o convencemento de que somos unha rede de persoas e institucións capaces de traballar por intereses comúns e universalistas.

O 2015 foi un ano marcado pola nova configuración dos entes do poder local tras as eleccións municipais do mes de maio. Este feito orixinou a renovación da Comisión Executiva, presidida nos últimos catro anos por Teresa París. Sen dúbida, esta renovación de cargos e representacións políticas dará un novo pulo ao traballo e ao esforzo depositado nesta axencia de cooperación internacional do poder galego.

Faise esencial pór en valor o traballo, o esforzo e a dedicación da anterior Comisión Executiva, especialmente da súa presidenta, Teresa París. Da súa boa xestión e determinación recollemos hoxe bos froitos, a pesar das dificultades que, como sabemos, non faltaron.

A nova Comisión Executiva, e eu como presidente, agradecendo os esforzos das nosas e nosos antecesores, acollemos o cargo como quen acolle o mellor dos agasallos. A ilusión e as ganas de traballar a prol dun mundo máis xusto e solidario desde os nosos municipios, superando as nosas diferenzas e poñendo enriba da mesa o que nos une, será o noso principio básico. E dando un paso máis alá, traballaremos con todo o empeño para expandir esta rede municipalista da cooperación, tratando de chegar a máis concellos e persoas, para garantir o espallamento dos valores fundamentais na construción dun mundo máis equitativo e xusto.

Se ben é certo que o 2011-2015 foi un período convulso a todos os niveis, onde a resistencia e o fortalecemento interno supuxeron todo un reto, nesta nova etapa debemos avanzar e encamiñar os nosos esforzos cara o relanzamento do Fondo Galego. O novo contexto sociopolítico así o demanda. Sumar recursos e apoios e xerar un estado de opinión favorable á cooperación será a nota característica desta nova fase que se nos presenta. O relanzamento do Fondo Galego debe ser unha realidade, porque vivimos nun mundo global onde todos os actores e persoas somos necesarias para construír a favor de todos os pobos do mundo.

Co orgullo de asinar a primeira memoria de actividades como presidente, quero reiterar o compromiso de seguir traballando a favor da xustiza e igualdade entre os pobos.

Juan González
Presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Memoria 2015