Protocolo do pago da cota anual do Fondo Galego de CooperaciĆ³n e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co obxectivo de garantir o correcto funcionamento da asociación, así como a igualdade entre as entidades asociadas ao respecto do pago da cota anual, aproba o seguinte protocolo na xuntanza mantida pola Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o 10 de xaneiro de 2017.

PRIMEIRO- O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade enviará o recibo da cota correspondente a cada entidade socia no primeiro trimestre do ano. O cálculo das cotas foi aprobado pola Asemblea Xeral e supón unha achega mínima imprescindible para pertencer á asociación. O pago da cota, é, así mesmo, unha obriga dos socios titulares da asociación, tal e como se recolle no artigo 31 dos Estatutos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

SEGUNDO- O pago da cota debe realizarse no exercicio en curso. As cotas que non foran aboadas serán contempladas como débedas coa asociación. Segundo se recolle no artigo 33 dos Estatutos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade "A condición de socio pérdese por incumprimento reiterado no pago pago da cota social por parte dos socios titulares".

TERCEIRO- O Fondo Galego anima ás entidades asociadas a que incrementen a súa cota na medida das súas posibilidades, para avanzar cara a achega do 0,7% sobre o orzamento total destinado a cooperación. Neste caso, os concellos e deputacións que así o decidan poranse en contacto coa Secretaría Técnica do Fondo Galego para o envío do recibo coa cantidade acordada.

CUARTO- Aboamento da cota para aqueles concellos e deputacións que se dean de baixa como entidades asociadas ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade:

  1. Se a baixa se produce no primeiro trimestre do ano a entidade non terá obriga de facer efectivo o pago da cota correspondente a esa anualidade.
  2. Se a baixa se produce no segundo, terceiro ou cuarto trimestre do ano, a entidade terá obriga de facer efectivo o pago da cota da anualidade.
  3. Prégase o aboamento de cotas anteriores impagadas, no caso de habelas, antes de darse de baixa da asociación.

QUINTO- Aboamento da cota para aqueles concellos e deputacións que se adhiren ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade:

  1. Se a adhesión se produce no primeiro semestre do ano a entidade deberá aboar integramente a cota estipulada para esa anualidade.
  2. Se a adhesión se produce no segundo semestre do ano a entidade terá obriga de facer efectivo o pago do 50% da cota desa anualidade.

SEXTO- As entidades socias que teñan dúas ou máis cotas pendentes de pago (sen contar a do ano en curso) non poderán ser beneficiarias de actividades de sensibilización ata a regularización da situación.