A primeira plasmación pública desta iniciativa, impulsada polo IGADI, produciuse o 30 de novembro de 1996. En Nigrán (Pontevedra) celebrouse un encontro auspiciado polo IGADI e co apoio do Concello de Nigrán, da FEGAMP, da FEMP, da Consellería de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia e da Oficina de Información de Nacións Unidas en Madrid, para establecer un diálogo entre Concellos e ONGs acerca da cooperación descentralizada. Nese encontro, que viña avalado por un traballo previo de investigación sobre o estado das políticas de cooperación da Administración local de Galicia, chegouse á unánime conclusión da necesidade de dar pasos adiante cara a constitución dun Fondo Galego.
O seguinte paso consistiu na creación dunha comisión mixta FEGAMP-IGADI para fixar unha estratexia de cara ó proceso de constitución desa entidade. Elaborouse primeiro unha ponencia titulada "Poder local e cooperación internacional" que é publicada en forma de folleto e distribuída a todos os Concellos, Deputacións e ONGs de Galicia. Nela delimítase o perfil da cooperación descentralizada en Galicia e defínense os contidos elementais do que podería ser un Fondo Galego. Tamén se publicaron varios artigos nos medios de comunicación e fixeronse intervencións en varias emisoras de radio, abrindo novos espacios á sensibilización para provocar certo debate social e unha presencia desta problemática a niveis máis amplos.
Despois de varios contactos e reunións, asumido global e plenamente o proxecto pola FEGAMP, decídese convocar un novo encontro, esta vez soamente para representantes do poder local, para coñecer as experiencias de funcionamento doutros Fondos. Esta reunión celebrouse o 30 de maio de 1997 e nela participaron representantes do Euskal Fondoa, do Fons Mallorquí e da sección de Solidariedade Internacional da FEMP. O éxito desta reunión provoca unha aceleración dos acontecementos.
Rápidamente procedeuse á elaboración dunha proposta de declaración programática e de estatutos que se someten a consulta dos Concellos que viñan participando no proceso fundacional, tamén da propia FEGAMP, da FEMP, e dos diferentes Fondos existentes en España. Recollidas as suxestións, o día 27 de xuño reúnense en Santiago de Compostela, nas dependencias da EGAP, representantes de diferentes Concellos que proceden á súa aprobación. Unha vez asinados, presentaronse no correspondente Rexistro da Xunta de Galicia para o seu visado.
Na xuntanza celebrada nas dependencias da FEGAMP en Santiago de Compostela o 12 de decembro de 1997, ademais de aprobarse o baremo de cuotas mínimas iniciais, elixiuse a Comisión Executiva que quedou conformada da seguinte maneira:
| Presidente | Concello de Oleiros-Alfredo Novoa Gil |
| Vicepresidente | Concello de Allariz-Anxo Manuel Quintana González |
| Secretario | Concello de Nigrán-José M. Rial Cadaval |
| Tesoureiro | Concello de Fene-Xosé Mª Permuy Martínez |
| Vocal 1 | Concello de Moaña-Cándido Pena Vieitez |
| Vocal 2 | Concello de Culleredo-Lourdes Suárez Sánchez |
| Vocal 3 | Concello de Porto do Son-Carme Varela Donoso |
| Vocal 4 | Concello de A Pobra do Caramiñal-Concepción Daporta Méndez |
| Vocal 5 | IGADI - Xulio Ríos Paredes |
Dúas conclusións interesa destacar. En primeiro lugar, que dende o comezo do proceso, procurouse manter informado e integrar a todos os Concellos e Deputacións que tivesen interese na conformación do Fondo, sen marxinación de ningún tipo, aceptando a marxe de disposición libremente decidida por cada quen. En segundo lugar, a primacía do consenso, do respecto á pluralidade local, para que a solidariedade e a cooperación contribúa a cimentar un novo espacio común do municipalismo galego.
Aprobados na Asemblea xeral extraordinaria celebrada o 14 de maio de 2004
| Capítulo Primeiro | Da Asociación en xeral (art 1-6) |
| Capítulo Segundo | Dos órganos de goberno e administración (art 7-27) |
| Capítulo Terceiro | Dos asociados/as (art 28-33) |
| Capítulo Cuarto | Do patrimonio e das finanzas (art 34-40) |
| Capítulo Quinto | Da disolución da Asociación (art 41) |
| Disposición adicional | |
| Disposición transitoria |
Coa denominación “Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade” constitúese unha asociación sen animo de lucro, con personalidade xurídica propia e independente, plena capacidade xurídica e de obrar.
A Asociación rexerase polos presentes estatutos, polos regulamentos de réxime interior que se dicten, pola Lei Orgánica 1/2002, del 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.
O obxecto fundamental desta Asociación consiste en configurar un instrumento legal que permita a confluencia e a asociación das vontades libremente expresadas polos seus asociados para desenvolver unha eficaz política de cooperación e de solidariedade dos/as cidadáns dos concellos e provincias de Galicia cos pobos subdesenvolvidos.
En concreto, son finalidades desta Asociación, as seguintes:
a) Contribuír desde o ámbito galego ó desenvolvemento dos países do Terceiro Mundo mediante a constitución, administración e xestión dun fondo económico que se constituirá a partir das aportacións das entidades asociadas e outras achegas que puidera recibir.
b) A promoción, financiamento e xestión de proxectos e programas de desenvolvemento económico e social e/ou de sensibilización.
c) Posibilitar unha maior participación das entidades locais nas políticas de cooperación e de solidariedade potenciando a coordinación das mesmas.
d) Asesorar ás entidades locais en materia de cooperación ó desenvolvemento e de relacións internacionais.
e) Impulsar a participación da opinión pública e da cidadanía co obxecto de favorecer unha maior comprensión da realidade dos países do Sur, da necesidade dun compromiso ético na loita contra as desigualdades e a prol do establecemento dunha nova orde económica internacional que erradique a pobreza da face do planeta.
f) Apoiar e xestionar no seu caso, proxectos e programas que promovan un desenvolvemento sostible nos países en vías de desenvolvemento, con criterios de igualdade, de mutua colaboración e respecto ás culturas e ás identidades propias de cada comunidade.
g) Fomentar as relacións e a colaboración das entidades locais coas ONGs, colectivos de solidariedade e outras institucións ou organismos que compartan idénticos fins, promovendo un intercambio permanente de experiencias.
h) Procurar que progresivamente todas as institucións públicas e privadas que formalicen o seu compromiso con políticas de cooperación ó desenvolvemento destinen un mínimo do 0.7% dos seus respectivos presupostos para este fin.
i) Crear un Centro de documentación, información e formación que fundamente e proporcione a debida coherencia ás políticas de sensibilización e de cooperación a impulsar dende esta Asociación, fomentando o estudio e a investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento.
k) Orientar as políticas de formación de persoal, de capacitación e de profesionalización desde a perspectiva da cooperación descentralizada.
l) Realizar calquera outro obxectivo compatible coas finalidades do Fondo e non sexa contrario á normativa legal vixente en cada momento.
Para o cumprimento dos seus obxectivos e fins descritos no artigo anterior, a Asociación realizará as seguintes actividades:
a) Organización de actividades de sensibilización social en materia de cooperación ao desenvolvemento.
b) Deseño, programación e realización de actividades de formación en materia de cooperación ao desenvolvemento dirixidas a funcionarios da administración local e provincial.
c) Identificación de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.
d) Xestión de proxectos e programas de cooperación ao desenvolvemento.
e) Seguimento da execución e avaliación dos proxectos e programas de cooperación ao desenvolvemento.
f) Coordinación das actividades do Fondo Galego coas realizadas por outros Fondos existentes no Estado.
g) Labores de representación da cooperación municipalista de Galicia ante todo tipo de instancias e institucións.
h) Impulso da coordinación coas organizacións non gobernamentais de cooperación.
i) Planificación e realización de misións municipalistas a países do Sur onde o Fondo Galego executa proxectos de cooperación ao desenvolvemento.
j) Realización de publicacións e outras iniciativas informativas sobre as actividades do Fondo Galego.
k) Impulso dos irmanamentos entre concellos con base nas actividades de cooperación ao desenvolvemento.
l) Organización e mantemento dunha rede municipalista solidaria integrada por funcionarios das corporacións locais galegas.
m) Impulso de iniciativas especificas de cooperación relacionadas con aqueles países de maior presencia inmigratoria en Galicia.
A Asociación fixa o seu domicilio social en Santiago de Compostela, Rúa Varsovia, 4C 6ª planta -Area Central-. Poderá ser modificado por acordo da Comisión Executiva. Se o novo domicilio social implica cambio de termino municipal a decisión deberá ser ratificada pola Asemblea Xeral. A Asociación, para o desenvolvemento dos seus fins, pode crear establecementos e dependencias noutras localidades, inclusive no estranxeiro, cando así o decida a Asemblea Xeral.
O ámbito territorial de actuación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade comprende o conxunto da Comunidade Autónoma Galega, podendo confederarse ou establecer acordos de colaboración puntual con entidades que compartan obxectivos afíns tanto de ámbito estatal, europeo ou mundial.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade constitúese por tempo indefinido.
Os órganos da Asociación son:
a) Asemblea xeral de socios.
b) Comisión Executiva.
A Asemblea xeral é o órgano supremo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e estará constituída por todos os seus socios. Poderá ser de carácter ordinario ou extraordinario.
A Asemblea xeral ordinaria reunirase como mínimo unha vez ó ano e dentro do cuarto trimestre ou primeiro do seguinte. A Asemblea xeral extraordinaria celebrarase cando as circunstancias o aconsellen a xuízo do Presidente, da Comisión Executiva, ou cando o propoña por escrito o 25% dos asociados con indicación expresa dos asuntos a tratar. Neste caso a Comisión Executiva está obrigada a atender esa convocatoria nos quince días seguintes a terse formalizado a petición en regra.
Son competencia da Asemblea ordinaria de socios:
a) Ratificar as altas e as baixas dos membros da Asociación.
b) Aprobar a memoria que presente a Comisión Executiva, as actas que proceda e o balance económico da entidade.
c) Aprobar o presuposto para o seguinte exercicio.
d) Fixar ou modificar as cuotas de pertenza á Asociación.
e) Pronunciarse sobre os proxectos e programas de cooperación e/ou sensibilización presentados pola Comisión Executiva.
f) Elixir os cargos da Comisión Executiva para un mandato de catro anos e controlar a súa xestión.
g) Aprobar as resolucións que pola súa importancia afecten ós intereses da Asociación.
h) Decidir sobre a permanencia ou afiliación a estructuras de carácter federal ou confederal.
i) Pronunciarse sobre calquera asunto suscitado pola Comisión Executiva ou un 25% dos socios.
k) Velar polo cumprimento dos fins da Asociación.
Son competencias da Asemblea xeral extraordinaria:
a) As modificacións estatutarias.
b) A disolución da Asociación.
c) A elección dunha nova Comisión Executiva no suposto de dimisión colectiva da anterior ou acordo de cesamento nos termos previstos nos presentes Estatutos.
d) Calquera outra cuestión suscitada pola Comisión Executiva ou un 25% dos socios.
A convocatoria das Asembleas xerais, tanto ordinaria como extraordinaria, realizarase por escrito, expresando o lugar, día e hora da reunión así como a orde do día fixada pola Comisión Executiva. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea deberá mediar polo menos dez días.
As Asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a metade máis un dos socios con dereito a voto, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de socios asistentes. Entre a primeira e a segunda convocatoria debe mediar un tempo non inferior a trinta minutos.
As Asembleas xerais serán presididas polo presidente da Comisión Executiva ou, en caso de ausencia, polo vice-presidente.
Está no ánimo dos socios/as e así se procurará, que o consenso presida a adopción de decisións. En calquera caso, os acordos da Asemblea xeral, legalmente constituída, que non contradigan a lei nin os presentes estatutos, son de cumprimento obrigado para todos os socios/as. Un socio poderá delegar noutro a súa representación, por escrito e coas debidas garantías de conformidade. As decisións adoptaranse por maioría simple de votos dos asistentes, salvo naqueles supostos en que estatutariamente se esixa unha maioría cualificada ou se dispoña o contrario.
Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral de socios/as, deberán documentarse nun Libro de Actas debidamente dilixenciado coas sinaturas do Presidente e do Secretario da Comisión Executiva.
A Comisión Executiva é o órgano de goberno e de administración da Asociación. Está integrada polos socios que ostentan os cargos de Presidente, Vice-presidente, Secretario/a, Tesoureiro/a e cinco vocais.
Os cargos da Comisión Executiva renovaranse en todo caso despois de cada convocatoria de eleccións locais e dentro dos catro meses seguintes á constitución dos Concellos.
A Comisión Executiva que cesa proporá unha nova candidatura á Asemblea se ben se poderá presentar unha lista alternativa cando estea apoiada e avalada polo 20% dos socios titulares.
Cada mandato dura catro anos e todos os cargos son gratuítos e renovables.
A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cese automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor.
A Comisión Executiva queda validamente constituída cando concorren á reunión polo menos a metade máis un dos seus compoñentes. Para que os acordos sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes. Os acordos documentaranse no libro de actas, coa sinatura dos membros asistentes.
A Comisión Executiva exerce as seguintes atribucións:
- Aplicar e interpretar os Estatutos.
- Convocar as Asembleas Xerais.
- Executar os acordos das Asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias.
- Levar a dirección das contas, formalizar o balance e formular o presuposto para sometelo á votación da Asemblea.
- Elaborar a memoria do exercicio, así como propoñer as liñas de actuación a presentar á Asemblea xeral para o seu estudio e pronunciamento.
- Abrir, manter e cancelar contas correntes en bancos ou establecementos de creto.
- Formalizar os oportunos contratos, convenios e demais actos necesarios para a actividade da Asociación.
- Acordar a contratación e despido do persoal laboral e designar no seu caso, a persoa que debera ocupar o cargo de xerente. O xerente ten a función de executar as decisións da Comisión Executiva, en estreita colaboración co seu Presidente. Por tal motivo, estará presente nas reunións da Comisión, con voz pero sen voto.
- Estudiar a solicitude de entrada de novos socios e comunicarlles a alta se procede.
- Propoñer á Asemblea xeral a designación de entidades protectoras e colaboradoras da Asociación.
- Aprobar as bases da convocatoria pública de presentación de proxectos por parte das ONGs.
- Estudiar e seleccionar os proxectos de cooperación presentados ó Fondo e facer o seguimento dos aprobados.
- Exercitar en nome da Asociación, as accións que decida a propia Comisión Executiva.
- Resolver todos os asuntos propios da Asemblea xeral que teñan caracter urxente se ben neste caso deberán ser ratificados pola Asemblea xeral na primeira convocatoria que celebre.
O/a Presidente/a da Comisión Executiva representa á Asociación perante todos os organismos públicos e oficiais, as entidades privadas e toda clase de persoas físicas e xurídicas. Está facultado para exercer as accións pertinentes en defensa dos dereitos e intereses da Asociación e pode outorgar poderes notariais en favor doutros membros da Comisión Executiva conxunta ou solidariamente, e tamén a avogados e procuradores dos Tribunais, previo coñecemento da Comisión Executiva.
Son as súas funcións:
a) Convocar a Comisión Executiva e presidir as reunións.
b) Moderar e dirixir os debates das Asembleas de socios e da Comisión Executiva.
c) Previo acordo da Comisión pode operar coa banca privada e oficial e coas caixas de aforro, realizando todas as actuacións que a lexislación e a práctica bancaria permite: manter, abrir, dispoñer e cancelar nas citadas institucións todo tipo de contas correntes, de aforro ou de creto e asinar cheques e outros documentos, solicitar saldos e confirmalos ou imputalos.
O Vice-presidente/a colabora co Presidente/a no exercicio das súas funcións e substitúeo en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.
Corresponde ó Secretario/a a redacción das Actas, pasalas ó correspondente libro, dar forma válida ós acordos, expedir certificacións das actas co visto e prace do Presidente, levar un libro rexistro de socios e o arquivo da documentación. En caso de ausencia, será substituído por un dos asistentes soamente a efectos de levantar acta.
O/a Tesoureiro/a ten a facultade de facer os cobros e pagos, previa orde do Presidente e responde perante a Comisión Executiva da contabilidade e dos seus xustificantes. Previo acordo da Comisión pode operar coa banca privada e oficial e coas caixas de aforro, realizando todas as actuacións que a lexislación e a práctica bancaria permite: manter, abrir, dispoñer e cancelar nas citadas institucións todo tipo de contas correntes, de aforro ou de creto e asinar cheques e outros documentos, solicitar saldos e confirmalos ou imputalos, e realizar operacións de tesourería.
Os Vocais teñen a misión especifica que lles encomenda a Comisión Executiva, a Asemblea Xeral ou o Presidente. Poden tamén substituír a outros compoñentes da Comisión nos supostos de ausencia, enfermidade ou vacante, previo acordo da Comisión.
Poderá ser socio do Fondo Galego de Solidariedade calquera persoa xurídica pública ou privada sen ánimo de lucro que comparta os fins de asociación tras o acordo do seu órgano competente.
A solicitude de admisión debe ser formulada polo órgano competente de cada entidade candidata. Na solicitude, debe constar o nome da persoa que ostentará a representación na Asemblea Xeral, así como a expresa aceptación dos Estatutos da Asociación.
A decisión sobre a admisión de socios corresponde á Comisión Executiva e deberá ser posteriormente ratificada pola Asemblea Xeral.
Establecésense tres tipos de socios dentro da asociación:
a) Socios Titulares. Tódalas entidades locais e provinciais de Galicia que compartan os obxectivos da Asociación e destinen unha partida presupostaria estable para accións de cooperación e de solidariedade internacional, abonando a cuota social anual acordada pola Asemblea xeral. Igualmente poderán formar parte da Asociación outras entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro que compartindo os obxectivos da mesma non sexan destinatarios directos das axudas económicas para a cooperación e o desenvolvemento e abonen a cuota social anual e/ou a aportación voluntaria na forma en que se estableza en cada caso.
b) Socios Protectores. Aquelas outras persoas xurídicas públicas que compartan os obxectivos da Asociación e aporten a súa axuda. Designaranse como protectores pola Asemblea Xeral da Asociación a proposta da Comisión Executiva ou a petición do 25% dos socios. O período de pertenza das entidades protectoras é dun ano a partir da súa aportación, pero continuará por anos sucesivos se perduran as mesmas condicións.
c) Socios Colaboradores. Aquelas persoas xurídicas privadas sen ánimo de lucro que compartan os obxectivos da Asociación, non sexan destinatarios directos das axudas económicas para a cooperación e o desenvolvemento e que lle dediquen anualmente a súa axuda aínda que sexa sen aportación económica fixa. Son designados como colaboradores pola Asemblea xeral da Asociación a proposta da Comisión Executiva ou a petición do 25% dos socios. Igualmente a Asemblea Xeral está facultada para retirarlle esta condición.
Son dereitos dos socios ademais dos establecidos na lei, os seguintes:
- Ter voz nas reunións da Asemblea xeral na forma que se especifica nestes Estatutos.
- Participar na vida da Asociación e recibir información sobre os acordos e as actividades que organice ou promova.
- Disfrutar de todas as avantaxes e beneficios que a Asociación poida conseguir.
Son obrigas dos socios ademais das establecidas na lei as seguintes:
- Observar dilixentemente os acordos validamente adoptados polos órganos da Asociación.
- Colaborar na difusión da Asociación e no cumprimento dos seus obxectivos.
- Atender os compromisos de contribuír economicamente á Asociación na forma e contía acordada pola Asemblea Xeral.
- Exercer activamente as responsabilidades conferidas polos órganos da Asociación.
Son dereitos específicos dos socios titulares:
- Ter voto nas Asembleas Xerais.
- Elixir e ser elixido para ocupar cargos na Comisión Executiva.
A condición de socio pérdese por:
- Incumprimento reiterado no pago pago da cuota social por parte dos socios titulares e ausencia de aportación voluntaria no caso de socios protectores e colaboradores.
- Separación voluntaria del socio.
- Expulsión acordada pola Comisión Executiva e confirmada pola Asemblea Xeral, por incumprimento grave e reiterado das obrigas establecidas no artigo 31.
Os recursos económicos dos que se vale a Asociación para realizar as súas actividades son:
- as cuotas que a Asemblea xeral decida que deben ser abonadas polos socios de pleno dereito, protectores ou colaboradores.
- as subvencións de organismos oficiais, entidades ou particulares.
- as doazóns a título gratuíto, legados e herdanzas.
- O importe das derramas ou dereitos de entrada que estableza a Asemblea Xeral.
- calquera outro tipo de ingreso lícito que se adapte ós fins da Asociación.
Os socios poderán optar por destinar as súas aportacións a un proxecto concreto dos que a Asociación asumiu como propios.
Para atender os custes de funcionamento da Asociación e o seguimento da execución dos proxectos, a Asemblea Xeral ordinaria fixará unha porcentaxe máxima sobre o presuposto total da entidade.
O patrimonio inicial ascende a 18.000 euros. O patrimonio social será o que determinen en cada momento os seus libros e estados contables.
O exercicio asociativo e económico será anual coincidindo co ano natural, comezando polo tanto o 1 de xaneiro e rematando o 31 de decembro.
A documentación social estará composta por:
- Relación de socios.
- Libros contables.- que resulte de la aplicación das normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás entidades sen fins lucrativos, contidas no anexo I do Real Decreto 776/1998, de 30 de abril ou calquera outra que a substitúa.
- Inventario de bens.
- Libro de Actas da Xunta Directiva.
- Libro de Actas da Asemblea.
A Asociación soamente poderá disolverse:
- Por sentencia xudicial firme.
- Por acordo da Asemblea xeral extraordinaria, convocada a este efecto e co voto favorable dos 2/3 dos socios titulares presentes ou representados.
- Por imposibilidade de cumprimento dos fins sociais.
Acordada a disolución, a Comisión Executiva constituída en Comisión Liquidadora, responsabilizarase de efectuar as dilixencias oportunas ante os organismos que proceda. O fondo ou patrimonio residual, se o houbera, sería entregado a un ente público ou social para finalidades coincidentes cos obxectivos da Asociación.
PRIMEIRA. Despois da constitución das Corporacións como consecuencia da celebración dos comicios locais, os socios que ostenten un cargo na Comisión Executiva pasan a actuar en funcións e por un período non superior a 4 meses. Durante este tempo, o Presidente de cada entidade asociada pode tamén substituír a persoa que ostenta a representación do asociado.
Os regulamentos e normas aprobadas ata a data para a aplicación e desenvolvemento dos Estatutos da Asociación continuarán en vigor en tanto non se proceda, no seu caso, á súa modificación para a adecuación ó ordenamento xurídico vixente, se ben entenderanse derrogados e teranse por non postos tódolos preceptos que puidesen resultar contrarios á vixente Lei Orgánica 1/2002, reguladora do Dereito de Asociación, ou ós presentes Estatutos.
|
Alfredo Novoa Gil 34530955C |
Nidia Mª Arévalo Gómez 53172478C |
Xosé Mª Permui Martínez 32608844L |
|
Xulio Ríos Paredes 76804105K |
Mª Carmen Basadre Vázquez 33834265T |
Lourdes Suárez Sánchez 32747698E |
|
Ramón Santiago Bouzas González 76700195W |
Marta María Iglesias Becerra 32777407S |
Aurora Carbajal Abal 36047424F |
|
Faise saber a todos os vecños que este Concello decidiu participar no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Este Fondo naceu como unha asociación voluntaria de municipios para xuntar e coordinar as políticas de cooperación dos concellos e as deputacións. Como se sabe, unha cuarta parte da poboación mundial vive na pobreza, en tanto que a economía move 25 billóns de dólares. Un escándalo semellante ten mobilizado en todo o mundo a millóns de persoas que desexan facer algo para remediar esta inxustiza. A solidariedade exténdese como un rego por todas partes: son miles as organizacións de voluntarios e grupos privados que loitan contra a pobreza, as guerras ou a discriminación. É nese marco de solidariedade no que se inscribe a nosa participación. Somos conscientes de que deste xeito non só loitaremos contra a inxustiza cometida con moitos seres humanos inocentes e indefensos, senón que axudaremos tamén a afondar na nosa democracia, pois nesta tarefa coincidiremos todos, máis alá da color política de cada un de nós. O noso municipio, polo tanto, quere reafirmarse como un espacio de solidariedade cos demais e de convivencia democrática entre todos.
O/A alcalde/esa,
O texto deste Bando foi redactado por Carlos Casares, presidente do Consello da Cultura Galega |
Reunidos en Santiago de Compostela os responsables de accións de cooperación ó desenvolvemento das sete grandes cidades de Galicia que mais abaixo se relacionan, e os integrantes da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Previa constatación do importante incremento da representatividade do Fondo Galego que agrupa a preto de sesenta entidades de toda Galicia e abarca a máis do oitenta por cento da poboación.
Preocupados pola necesidade de obter o máximo rendemento dos recursos que o conxunto das Corporacións locais e provinciais galegas destinan á cooperación ó desenvolvemento e decididos a impulsar aquelas prácticas que posibiliten unha maior coordinación das nosas políticas neste eido.
Compartindo coas ONGs e o conxunto da sociedade galega esa aspiración común á mellora da cualidade da cooperación e convencidos de que a cooperación co exterior debe comezar aquí, entre nós mesmos.
Firmemente decididos a reforzar o Fondo Galego como mecanismo homoxeneizador que importa consolidar como referencia do compromiso municipalista co mundo da cooperación internacional, sen por iso renunciar ó exercicio das competencias propias de cada entidade coa intensidade que cada quen libremente decida, en especial no ámbito da sensibilización.
En proba de conformidade, asinamos a presente, a 5 de marzo de 2001.
A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Santiago de Compostela e Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Un Fondo de Cooperación e Solidariedade é un organismo sen ánimo de lucro que reúne a Concellos e outras institucións públicas e privadas cos seguintes obxectivos:
Aínda que cada Fondo nace a partir dunhas orixes que son distintas en cada ámbito territorial e que polo tanto lle proporcionan unha identidade propia, existe unha ampla coincidencia de postulados entre os Fondos polo que en 1995 acordouse, dende a total independencia, constituír a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade como marco de coordinación e de representación conxunta en aquelas temáticas que pola súa importancia afecten ós intereses comúns.
Son tarefas propias da Confederación contribuír a impulsa-la cooperación descentralizada dentro e fora dos ámbitos territoriais dos seus membros, así como propiciar a súa vertebración en redes. Neste sentido, dende entón está colaborando en sistematizar e difundi-las experiencias de cooperación intermunicipal e en colaborar activamente nos procesos emerxentes de xeración de novos fondos e outras redes de cooperación municipal.
A Confederación asume tamén o ser interlocutor común ante as institucións estatais, europeas e mundiais con presentacións coincidentes. Neste sentido, participouse activamente no proceso de debate da primeira Lei de Cooperación do Estado Español expresando colectivamente ante tódolos Grupos Parlamentarios nosas opinións. A recén creada Comisión Interterritorial debe ser un bo marco de coordinación e concertación con outros niveis da administración pública. A nivel europeo, esta aínda pendente o establecemento de vías estables de interlocución directa coa Unión Europea. Co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Descentralizada e ante as reformas anunciadas, agora, pode ser un bo momento para establecelas.
Un dos retos nos que a Confederación está conseguindo maiores resultados é no apartado de coordinar as accións para conseguir unha aprendizaxe mutua e no establecemento de criterios comúns de análise, avaliación, control e seguimento. Neste sentido, dende 1997 dispoñemos dunha oficina técnica de seguimento sobre o terreo para a Area de Centroamérica, México e Caribe.
Dado o importante papel que ó noso entender debe tela sensibilización do Norte para xerar un clima na opinión pública favorable á promoción dunha nova orde económica internacional, traballamos coordinadamente en propostas de sensibilización compartidas, como é a nova edición da Guía Municipal para a Cooperación e outras iniciativas en colaboración coas coordinadoras de ONG.
En último lugar cabería definir que aínda non sendo un obxectivo prioritario a cofinanciación de proxectos de cooperación no marco da Confederación de Fondos, cando se produciu foi en programas de compoñente municipalista.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu en 1997, como unha asociación dos poderes locais galegos que pretende xuntar esforzos para realizar unha cooperación para o desenvolvemento rigorosa e profesional, que teña verdadeiro impacto nos países do sur e sexa eficiente. Xorde froito dun compromiso franco das corporacións locais e provinciais galegas coas poboacións máis vulnerables do mundo, a fin de ultrapasar minifundismos localistas e divisións partidarias, en favor dunha cooperación de calidade. Ese compromiso constitúe o reflexo institucional dunha cada vez máis intensa sensibilidade da sociedade galega.
Os desequilibrios mundiais esixen un prolongado e intenso esforzo de solidariedade, e os poderes locais galegos poden e deben desenvolver un papel propio no escenario da solidariedade internacional. Un papel que ha de supor o aproveitamento de dúas especificidades que representan un valor engadido para a cooperación internacional: o feito de seren axentes idóneos para desenvolver actuacións en sectores como o Fortalecemento Municipal, Desenvolvemento Socioeconómico Local, Descentralización, Participación Cidadá e Gobernabilidade Democrática; e o feito de contar cunha cultura e lingua propias, que facilitan a comunicación cos países lusófonos, entre os que se encontran algúns dos máis pobres do planeta. A cooperación desenvolvida pola administración local cabe inserila no marco da acción exterior de Galicia.
Ninguén debe quedarse fóra nin atrás. En 1997 eran 10 os Concellos membros do Fondo Galego. Na actualidade supérase a centena de socios, entre Concellos e Deputacións. A poboación de todos os concellos socios do Fondo Galego supera o 80% do total da cidadanía galega. O Fondo Galego é así a expresión galega da converxencia organizativa e funcional dunha cooperación descentralizada desde os niveis máis próximos á cidadanía, os poderes e a democracia local.
O crecemento ten sido notable, pero o obxectivo ha de ser que se integren o máximo número posible de entidades locais galegas.
Co Fondo, todas as Deputacións e Concellos, incluídos os máis pequenos (a inmensa maioría dos existentes en Galicia) poden participar no desenvolvemento de políticas de cooperación que doutro xeito lles serían inviables. As cotas mínimas dos socios do Fondo son o suficientemente modestas como para que poidan ser asumidas por todos os poderes locais galegos.
Co Fondo, todos poden dicir aos seus cidadáns que si teñen a posibilidade de levar adiante unha política de cooperación específica, á medida das súas posibilidades, conciliando vontades (sempre grandes) e recursos económicos (a miúdo escasos).
Co Fondo somos capaces de transcender a simple axuda puntual, para transformala nunha política sostida e permanente de colaboración, con sentido estratéxico e singularizada, que vaia máis alá das medidas paliativas para sentar as bases que permitan a construción de sociedades humanamente máis desenvolvidas e dignas.
O Fondo non complica administrativamente nada: evita as duplicidades e permite delegar, total ou parcialmente, a xestión da cooperación nunha instancia propiamente municipalista e especializada. Evítase así a reiteración de múltiples convocatorias de pouca entidade económica, simplifícase o diálogo coas entidades non gobernamentais, refórzase a capacidade global do municipalismo galego para exercer a cooperación directamente, e facilítase a interlocución do poder local cooperante con outros actores e instancias estatais e internacionais.
Nos seus anos de vida, o Fondo Galego ten acumulado unha valiosa e xa sólida experiencia, achegándose na actualidade aos 140 proxectos, desenvolvidos en máis de 20 países, entre os que destaca a nosa presenza en Nicaragua, Cuba e Perú na América Latina, Cabo Verde en África, ou as significativas accións nos Territorios Palestinos, froito da colaboración coa UNRWA (Axencia da ONU para os refuxiados palestinos).
Ao tempo, o Fondo Galego desenvolveu numerosas actividades formativas propias e participou en xornadas e seminarios organizados por outros actores do sistema cooperante autonómico e estatal; implementou tamén ducias de actividades e desenvolveu numerosos materiais orientados á sensibilización da poboación galega en relación á situación dos países do Sur; promoveu, realizou e publicou numerosos estudos e análises sobre cooperación ao desenvolvemento, en Galicia e no mundo; participa activamente na Confederación estatal de Fondos, e asesora a outros Fondos en formación, tanto en España como no exterior.
A sensibilización do conxunto da sociedade galega constitúe unha preocupación esencial do Fondo, e por iso promove anualmente un amplo programa de actividades, co propósito de gañar transparencia e visibilidade ante a cidadanía respecto do seu compromiso e acción. A Rede Municipalista Solidaria, co significativo e valioso apoio dos traballadores do poder local, é o instrumento dinamizador desta área de actividade.
O órgano soberano é a Asemblea Xeral, constituída por todas as entidades socias e que se reúne, como mínimo, dúas veces ao ano. A direcc ión ordinaria do Fondo recae nunha Comisión Executiva con representación plural, e na que participan concellos grandes, pequenos e medianos, garantindo sempre a presenza das catro provincias, contando tamén coa participación das Deputacións. A unanimidade na toma de decisións é a nota máis característica e salientable do funcionamento dos órganos estatutarios do Fondo Galego.
A Secretaría Técnica recae no IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), entidade co-promotora no seu día do Fondo, que asegura a permanencia do aparato básico, a acumulación de experiencia e un certo sentido de estabilidade superador dos cambios políticos locais.
O cálculo das cotas mínimas para os Concellos
A cada Concello socio asígnaselle unha cantidade base en función do número de habitantes de conformidade co seguinte baremo:
| HABITANTES | Menos de 3.000 | 3.001 a 5.000 | 5.001 a 10.000 | 10.001 a 15.000 | 15.001 a 20.000 | 20.001 a 50.000 | 50.001 a 100.000 | 100.001 a 300.000 | Máis de 300.001 |
| CANTIDADE BASE | 180 € | 245 € | 400 € | 515 € | 635 € | 755 € | 875 € | 995 € | 1.115 € |
Multiplícase a poboación do Concello por 0,03 €, resultando unha cantidade que pode variar de ano a ano, en función das alteracións demográficas da entidade.
A cifra resultante da suma da cantidade base e da cantidade variable auméntase nun 10%, se o Concello ten 10.000 habitantes ou menos, e nun 20% se o Concello ten máis de 10.000 habitantes.
Exemplos:
Concello de 5.500 habitantes= 400 (cantidade base) + (5.500 x 0,03=165) (a cantidade variable) + (10% de 565=56,5) (o aumento)= 400+165+56,5= 621,5 €
Concellos de 22.000 habitantes= 755 (cantidade base) + (22.000 x0,03=660) (a cantidade variable) + (20% de 1415=283) (o aumento)= 1.698 €.
O número de habitantes dun Concello vén determinado polas últimas cifras oficiais de poboación dispoñibles (padrón municipal), publicadas polo Instituto Nacional de Estadística (www.ine.es).
Estas son as cotas mínimas para integrarse no Fondo. Anímase, en todo o caso, a aumentar esa achega, a fin de irse aproximando ao 0,7% local en cooperación, para converxer co 0,7% que as Nacións Unidas sinalan coma baremo mínimo para acadar ese mundo equilibrado que desexamos.
Os interesados deben solicitar o dossier informativo que inclúe os antecedentes, a declaración programática, os estatutos, e outros anexos de interese. Ademais, disponse dun formulario para facilitar a adopción do correspondente acordo administrativo de adhesión. Chega unha chamada a calquera destes dous números: 981 555 999 (Sede do Fondo Galego, na FEGAMP) ou 986 357 238 (Secretaría Técnica, IGADI).
| Anexo | Tamaño |
|---|---|
| nofondofuncionaasolidariedade_folleto.pdf | 1.51 MB |
| nofondofuncionaasolidariedade_folletoa4.pdf | 1.55 MB |
- Apróbase unha Declaración Institucional para evitar que o recorte orzamentario afecte ás partidas de Concellos e Deputacións para cooperación internacional, que dan vida ao proxecto colectivo do Fondo Galego
A Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de aprobar a declaración institucional “A crise non poderá coa solidariedade do municipalismo galego”. A entidade avoga por evitar que os actuais recortes orzamentarios afecten ás partidas destinadas polos Concellos e Deputacións á cooperación internacional, que pola súa xa escasa contía individual non poderían resolver en Galicia problemas substanciais, mentres que para os países do Sur perder esa suma de achegas significaría agrandar enormemente os déficits nas necesidades máis básicas.
O texto sostén que o actual contexto económico non debe converter a solidariedade nun gasto prescindible e que a crise non pode ser unha escusa para que as Administracións locais e provinciais galegas deixen de cooperar no modesto nivel en que o veñen facendo. Ese esforzo colectivo vén amosando desde 1997 a súa efectividade tanto para contribuír a mellorar as condicións de vida nos países empobrecidos como para concienciar a cidadanía galega sobre esoutras realidades. Un avance continuo, grao a grao, canalizado a través do Fondo Galego no que agora se pretende evitar dar pasos atrás e lograr manter o compromiso solidario coas sociedades do Sur na loita contra a pobreza e as desigualdades. Un compromiso con resultados en Cabo Verde, Nicaragua, Cuba e boa parte de América do Sur.
Liñas estratéxicas
No entanto, as Liñas Estratéxicas 2011-2015 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apostan ao tempo pola flexibilidade á hora de esixirlles ás Deputacións e Concellos socios o pagamento das cotas correspondentes. Analizarase cada caso de xeito individualizado e estudarase a posibilidade de aprazar os cobros, mentres a organización medra por dentro gañando cohesión e eficiencia. Incidir na sensibilización, reforzar a colaboración institucional e coas ongd, involucrar a iniciativa privada e concentrar os proxectos son outras das pautas que marcarán a actuación ata o remate da lexislatura.
Publicación polo 15º aniversario
O documento estratéxico cita como unha oportunidade para reivindicar a cooperación descentralizada local o 15º aniversario do Fondo Galego, que se celebra en 2012 con diferentes iniciativas. A primeira delas é a publicación '15 anos de andaina, a rede solidaria do municipalismo galego', que acaba de saír do prelo. A historia, os máis de 140 proxectos apoiados no Sur e a infinidade de actividades de sensibilización realizadas no Norte son algúns dos temas que se abordan, xunto coa propia declaración institucional “A crise non poderá coa solidariedade do municipalismo galego”. Os textos compleméntanse con páxinas gráficas que permiten comprobar en imaxes o labor do Fondo Galego de Cooperación.
Declaración Institucional 'A crise non poderá coa solidariedade do municipalismo galego'
Liñas Estratéxicas do Fondo Galego 2011-2015
Publicación '15 anos de andaina, a rede solidaria do municipalismo galego'