No Fondo funciona a Solidariedade

Por que o Fondo Galego?

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu en 1997, como unha asociación dos poderes locais galegos que pretende xuntar esforzos para realizar unha cooperación para o desenvolvemento rigorosa e profesional, que teña verdadeiro impacto nos países do sur e sexa eficiente. Xorde froito dun compromiso franco das corporacións locais e provinciais galegas coas poboacións máis vulnerables do mundo, a fin de ultrapasar minifundismos localistas e divisións partidarias, en favor dunha cooperación de calidade. Ese compromiso constitúe o reflexo institucional dunha cada vez máis intensa sensibilidade da sociedade galega.

Os desequilibrios mundiais esixen un prolongado e intenso esforzo de solidariedade, e os poderes locais galegos poden e deben desenvolver un papel propio no escenario da solidariedade internacional. Un papel que ha de supor o aproveitamento de dúas especificidades que representan un valor engadido para a cooperación internacional: o feito de seren axentes idóneos para desenvolver actuacións en sectores como o Fortalecemento Municipal, Desenvolvemento Socioeconómico Local, Descentralización, Participación Cidadá e Gobernabilidade Democrática; e o feito de contar cunha cultura e lingua propias, que facilitan a comunicación cos países lusófonos, entre os que se encontran algúns dos máis pobres do planeta. A cooperación desenvolvida pola administración local cabe inserila no marco da acción exterior de Galicia.

Un Fondo para tod@s

Ninguén debe quedarse fóra nin atrás. En 1997 eran 10 os Concellos membros do Fondo Galego. Na actualidade supérase a centena de socios, entre Concellos e Deputacións. A poboación de todos os concellos socios do Fondo Galego supera o 80% do total da cidadanía galega. O Fondo Galego é así a expresión galega da converxencia organizativa e funcional dunha cooperación descentralizada desde os niveis máis próximos á cidadanía, os poderes e a democracia local.

O crecemento ten sido notable, pero o obxectivo ha de ser que se integren o máximo número posible de entidades locais galegas.

Co Fondo, todas as Deputacións e Concellos, incluídos os máis pequenos (a inmensa maioría dos existentes en Galicia) poden participar no desenvolvemento de políticas de cooperación que doutro xeito lles serían inviables. As cotas mínimas dos socios do Fondo son o suficientemente modestas como para que poidan ser asumidas por todos os poderes locais galegos.

Co Fondo, todos poden dicir aos seus cidadáns que si teñen a posibilidade de levar adiante unha política de cooperación específica, á medida das súas posibilidades, conciliando vontades (sempre grandes) e recursos económicos (a miúdo escasos).

Co Fondo somos capaces de transcender a simple axuda puntual, para transformala nunha política sostida e permanente de colaboración, con sentido estratéxico e singularizada, que vaia máis alá das medidas paliativas para sentar as bases que permitan a construción de sociedades humanamente máis desenvolvidas e dignas.

O Fondo non complica administrativamente nada: evita as duplicidades e permite delegar, total ou parcialmente, a xestión da cooperación nunha instancia propiamente municipalista e especializada. Evítase así a reiteración de múltiples convocatorias de pouca entidade económica, simplifícase o diálogo coas entidades non gobernamentais, refórzase a capacidade global do municipalismo galego para exercer a cooperación directamente, e facilítase a interlocución do poder local cooperante con outros actores e instancias estatais e internacionais.

A experiencia acumulada

Nos seus anos de vida, o Fondo Galego ten acumulado unha valiosa e xa sólida experiencia, achegándose na actualidade aos 140 proxectos, desenvolvidos en máis de 20 países, entre os que destaca a nosa presenza en Nicaragua, Cuba e Perú na América Latina, Cabo Verde en África, ou as significativas accións nos Territorios Palestinos, froito da colaboración coa UNRWA (Axencia da ONU para os refuxiados palestinos).

Ao tempo, o Fondo Galego desenvolveu numerosas actividades formativas propias e participou en xornadas e seminarios organizados por outros actores do sistema cooperante autonómico e estatal; implementou tamén ducias de actividades e desenvolveu numerosos materiais orientados á sensibilización da poboación galega en relación á situación dos países do Sur; promoveu, realizou e publicou numerosos estudos e análises sobre cooperación ao desenvolvemento, en Galicia e no mundo; participa activamente na Confederación estatal de Fondos, e asesora a outros Fondos en formación, tanto en España como no exterior.

A sensibilización do conxunto da sociedade galega constitúe unha preocupación esencial do Fondo, e por iso promove anualmente un amplo programa de actividades, co propósito de gañar transparencia e visibilidade ante a cidadanía respecto do seu compromiso e acción. A Rede Municipalista Solidaria, co significativo e valioso apoio dos traballadores do poder local,  é o instrumento dinamizador desta área de actividade.

A estrutura básica

O órgano soberano é a Asemblea Xeral, constituída por todas as entidades socias e que se reúne, como mínimo, dúas veces ao ano. A direcc ión ordinaria do Fondo recae nunha Comisión Executiva con representación plural, e na que participan concellos grandes, pequenos e medianos, garantindo sempre a presenza das catro provincias, contando tamén coa participación das Deputacións. A unanimidade na toma de decisións é a nota máis característica e salientable do funcionamento dos órganos estatutarios do Fondo Galego.

A Secretaría Técnica recae no IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), entidade co-promotora no seu día do Fondo, que asegura a permanencia do aparato básico, a acumulación de experiencia e un certo sentido de estabilidade superador dos cambios políticos locais.

 

Non é custoso ser solidario:

O cálculo das cotas mínimas para os Concellos

Paso 1. A cantidade base.

A cada Concello socio asígnaselle unha cantidade base en función do número de habitantes de conformidade co seguinte baremo:

HABITANTES Menos de 3.000 3.001 a 5.000 5.001 a 10.000 10.001 a 15.000 15.001 a 20.000 20.001 a 50.000 50.001 a 100.000 100.001 a 300.000 Máis de 300.001
CANTIDADE BASE 180 € 245 € 400 € 515 € 635 € 755 € 875 € 995 € 1.115 €

Paso 2. A cantidade variable.

Multiplícase a poboación do Concello por 0,03 €, resultando unha cantidade que pode variar de ano a ano, en función das alteracións demográficas da entidade.

Paso 3. O aumento.

A cifra resultante da suma da cantidade base e da cantidade variable auméntase nun 10%, se o Concello ten 10.000 habitantes ou menos, e nun 20% se o Concello ten máis de 10.000 habitantes.

Exemplos:

Concello de 5.500 habitantes= 400 (cantidade base) + (5.500 x 0,03=165) (a cantidade variable) + (10% de 565=56,5) (o aumento)= 400+165+56,5= 621,5 €

Concellos de 22.000 habitantes= 755 (cantidade base) + (22.000 x0,03=660) (a cantidade variable) + (20% de 1415=283) (o aumento)= 1.698 €.

O número de habitantes dun Concello vén determinado polas últimas cifras oficiais de poboación dispoñibles (padrón municipal), publicadas polo Instituto Nacional de Estadística (www.ine.es).

Estas son as cotas mínimas para integrarse no Fondo. Anímase, en todo o caso, a aumentar esa achega, a fin de irse aproximando ao 0,7% local en cooperación, para converxer co 0,7% que as Nacións Unidas sinalan coma baremo mínimo para acadar ese mundo equilibrado que desexamos.

Cómo ingresar no Fondo?

Os interesados deben solicitar o dossier informativo que inclúe os antecedentes, a declaración programática, os estatutos, e outros anexos de interese. Ademais, disponse dun formulario para facilitar a adopción do correspondente acordo administrativo de adhesión. Chega unha chamada a calquera destes dous números: 981 555 999 (Sede do Fondo Galego, na FEGAMP) ou 986 84 34 36 (Secretaría Técnica, IGADI).

AnexoTamaƱo
nofondofuncionaasolidariedade_folleto.pdf1.51 MB
nofondofuncionaasolidariedade_folletoa4.pdf1.55 MB