Memoria Fondo Galego 2008

Memoria Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade 2008No ano 2008, iniciouse a implementación do primeiro programa bianual de sensibilización, que continuará durante 2009. Superábase así unha perspectiva anual ata agora incontornable, o que nos permitía deseñar e desenvolver accións de maior calado e eficacia, entre as que destaca de modo sobranceiro, polo seu carácter innovador, a preparación dunha ambiciosa obra de teatro, que comezará a ser representada durante o ano 2009 por toda Galicia e que, con toda certeza, constituirá unha magnífica ferramenta transmisora de valores e ideas promotoras de sensibilidade en relación ás situacións de desigualdade no mundo. Do lado da cooperación, o Fondo Galego continuou a desenvolver o seu labor en países como Cabo Verde, Cuba, Nicaragua ou Perú, afianzando os lazos que nos unen a estes países, aproveitando a xa notable experiencia de traballo nos seus territorios, colaborando estreitamente con eles a fin de estimular o seu desenvolvemento endóxeno, mais tamén aprendendo, enriquecéndonos nós enormemente grazas a ese contacto. A cooperación é sempre unha corrente de dous sentidos.

No ano 2008 foi creada a Comisión de Cidades e Deputacións, o COCIDE, dando así cumprimento ás previsións recollidas no documento Estratexias 2007- 2011. Trátase dun organismo que pretende dar resposta ás singularidades destas entidades, marcadamente diferentes do resto de asociados do punto de vista demográfico e dos recursos, pulando, en colaboración con outras entidades, por desenvolver iniciativas máis ambiciosas e que, por primeira vez, nos han permitir completar o ciclo do proxecto e abrir novas oportunidades de implicación no terreo ao persoal local. A posta en marcha do COCIDE permite, ademais, consolidar un modelo que acentúa a capacidade de coordinación do mundo local galego en materia de financiamento de proxectos, abordando dende o espazo municipal unhas políticas de sensibilización que agora contan tamén cunha proposta de bases plenamente homologada.

A implicación de todas e todos nós servirá para que sigamos crecendo; e non só nós, tamén aqueles aos que tratamos de aportar algo. Xuntos conseguiremos aumentar a nosa capacidade de intervención e que así diminúan a pobreza e as desigualdades.

AnexoTamaño
Descarga aquí a Memoria 2008 en formato PDF2.5 MB