Memoria Fondo Galego 2006

Un último esforzo

Memoria Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade 2006En 2007 se celebrarán novas eleccións municipais e a actual lexislatura chegará ao seu final. Balance? O incremento da sensibilidade local na loita contra a pobreza no mundo foi a máis, pero segue a ser “pobre”.

Hai máis socios: pasamos dos 50 de finais de 2003 a 95 a finais de 2006 e antes de que remate a lexislatura chegarán aos 100 previstos. Hai máis orzamento: pasamos dos 261.760,80 euros da convocatoria de proxectos de 2002 aos 530.135 euros da convocatoria de 2006. Creamos a Rede Municipalista Solidaria, dinamizamos a sensibilización, e multiplicamos as nosas actividades en todos os eidos, tanto propias, como en cooperación coa Xunta de Galicia, as ONGDs e os parceiros do Sur. Pero a pesar de tanto esforzo, se algo, certamente, se pode destacar é que queda por conseguir aínda o obxectivo principal, que vai máis alá dos números, e que ten que ver coa interiorización do compromiso individual, colectivo e institucional do poder local, dos corporativos, dos empregados públicos, a prol dunha acción concertada e cooperativa, non condicionada polo que se vai obter a cambio dun investimento, de por si pírrico, na transformación dese outro mundo que habitamos e no que priman aínda as desigualdades.

A axenda da cooperación local galega debe gañar en solidez e consistencia, superando a tradicional reacción impulsiva ante as catástrofes e substituíndoa por unha dinámica sostida e con criterio que contribúa á erradicación da pobreza. O poder local ten moito que ofrecer, en experiencia e en competencias e máis se somos quen de cooperar aquí, entre nós mesmos. Pero poñendo niso máis empeño cada día. Os que veñan despois da renovación das corporacións locais e provinciais, que renovarán tamén o propio Fondo Galego, terán por diante catro anos para afianzar este compromiso. Pero a nós, quédanos aínda un último esforzo. E podemos dalo.

AnexoTamaño
Descarga aquí a Memoria 2006 en formato PDF8.74 MB