Folletos

Boas Prácticas nas relacións económico-administrativas entre o Fondo Galego e as entidades asociadas

Os días 13 e 20 de Maio de 2009 celebráronse na EGAP unhas xornadas sobre a dimensión económico-administrativa da xestión da cooperación internacional, un eido no que participan cada día máis entidades locais e provinciais, consolidándose como un novo ámbito de referencia da xestión pública local.

De resultas do tratado e discutido nesas xornadas, podemos extraer, a modo de guía orientadora, as seguintes conclusións que pretenden servir de base para homoxeneizar e homologar os modos de actuación, superando a relativa confusión actual.

  1. En relación á cota mínima esixible en función da propia pertenza ao Fondo Galego, aprobada en Asemblea xeral do organismo e de conformidade coas súas previsións estatutarias, cómpre sinalar que a natureza económica dese gasto é de transferencia (capitulo 4), xa que son cotas que se abonan de forma reiterada en cada exercicio orzamentario.
  2. En relación ás achegas extraordinarias para o financiamento de proxectos concretos, cabe consideralas transferencias de capital (capitulo 7) xa que o proxecto en si implica a realización de investimentos. Caso de financiar iniciativas de sensibilización, trataríase como un gasto corrente do capitulo 4.
  3. No suposto de axudas de emerxencia, a tipificación dependerá da natureza da acción a financiar: obras de reconstrución (capitulo 7), ou subministro de bens e servizos (capitulo 4).
  4. As achegas das entidades locais ao Fondo Galego non son transferencias a efectivizar mediante procedementos de concorrencia competitiva, senón que son subvencións de tipo directo (art. 44 da Ley 58-2003 de 17 de noviembre, General de Subvenciones).
  5. A modalidade para a xestión das achegas contempla dúas vías: resolución ou acordo do órgano competente, e convenio.
  6. Para facilitar a xestión neste ámbito é particularmente recomendable introducir mencións explícitas nas Bases de Execución do Orzamento, xa que isto permite simplificar os trámites de forma considerable, bastando verificar a existencia de crédito, documento xustificativo remitido polo Fondo, resolución e pago.
    Exemplo: “Respecto á xestión dos recursos económicos relacionados coa cooperación internacional ao desenvolvemento, farase tendo en conta o seu carácter de subvención de tipo directo e mediante resolución ou convenio, segundo acorde o órgano competente, primando a rapidez na transferencia e o control previo e posterior mediante a documentación acreditativa posta a disposición polo Fondo Galego”.
  7. No caso de que a entidade asociada contemple a posibilidade de aportar unha cantidade superior á cota mínima aprobada polo Fondo, é aconsellable asentar unha partida específica no capitulo 4 que podemos denominar “Fondos para a cooperación internacional”, sempre observando o establecido na Orde de 20 de setembro de 1989, que establece a estrutura orzamentaria das entidades locais.
  8. No caso de financiamento de proxectos, o Fondo aportará unha Memoria explicativa do proxecto en si con información de relevancia sobre a iniciativa a financiar.
  9. No caso de financiamento de axudas de emerxencia, se non é con cargo a unha partida xa establecida, deberase acordar previamente dotar unha partida específica.
  10. En canto ao libramento do pago, no caso da cota é integra. Nos demais casos, na resolución ou convenio poden contemplarse pagos anticipados parciais ou totais.
  11. A rendición de contas por parte do Fondo Galego debe incluír unha Memoria de actuación e unha Memoria económica.
  12. Recoméndase moi especialmente o abono das cotas mínimas ordinarias no primeiro semestre de cada exercicio, a fin de non entorpecer o proceso de financiamento e xestión de proxectos por parte do Fondo, xa sexa no réxime de cooperación directa ou a través de ONGDs.
AnexoTamaño
Descarga aquí o díptico en formato PDF358.25 KB

Encontros 'Institucións locais e solidariedade: Cal vai ser o teu papel?'


O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade promove no primeiro trimestre de 2012 os Encontros 'Institucións locais e solidariedade: Cal vai ser o teu papel?'. Nestes foros con cada un dos tres grandes partidos -PPdeG, PSdeG e BNG- búscase consolidar o compromiso coa cooperación internacional de Concellos e Deputacións, e das forzas políticas, tras o cambio de lexislatura.

AnexoTamaño
Encontros 'Institucións locais e solidariedade'.pdf10.28 MB