O Fondo Galego: Preguntas e respostas

Sumario

  1. Que é o Fondo Galego?
  2. Quen se pode facer socio?
  3. Requírese acordo plenario?
  4. Que vantaxes ten participar no Fondo?
  5. Existe un Bando específico para darlle a coñecer á cidadanía a adhesión ao Fondo Galego?
  6. Quen dirixe o Fondo Galego?
  7. Existe pluralidade no Fondo?
  8. Ten páxina web o Fondo Galego?
  9. Que relación existe entre o Fondo e a FEGAMP?
  10. Que relación existe entre o Fondo e a Xunta de Galicia?
  11. Que relación hai entre o Fondo e as ONGs?
  12. Que é o Igadi?
  13. Quen decide o importe das cotas mínimas e como se determinan?
  14. Pódese cotizar máis?
  15. Poden facerse donativos ao Fondo por parte de particulares ou de empresas privadas?
  16. Participar no Fondo significa renunciar a unha convocatoria propia?
  17. Cales son os gastos de funcionamento do Fondo?
  18. Como chegan os proxectos ao Fondo?
  19. Quen decide que proxectos subvencionar?
  20. Que garantías hai de que os fondos se destinen á finalidade prevista?
  21. Que proxectos desenvolveu ata agora o Fondo Galego?
  22. Como nos aseguramos de que os proxectos se realizan en debida forma?
  23. Existen áreas xeográficas prioritarias para o Fondo?
  24. Aquí tamén hai moitas necesidades que atender...
  25. Cal é a achega do municipalismo galego ás políticas de cooperación e solidariedade?
  26. Como informa o Fondo aos seus socios?
  27. Que actividades proporciona o Fondo aos seus socios?
  28. Que é a cooperación descentralizada?
  29. Que é a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade?
  30. Que ideas expresa a “Declaración Programática” do Fondo?

 

1.  Que é o Fondo Galego?

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de carácter municipalista que agrupa a Concellos e Deputacións de toda Galicia, unidos pola preocupación común de levar adiante iniciativas de cooperación e solidariedade con enfoque de Dereitos Humanos cos países menos desenvolvidos ou máis empobrecidos.

O Fondo Galego xorde a finais do ano 1997 como expresión institucional desa crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias e a pobreza mundial que percorreu o Estado español e Europa durante os anos 90, dos efectos sociais de tantas calamidades, catástrofes ou guerras, que a cotío irrompen nas nosas vidas, para poñer o contrapunto a outro segmento da humanidade que entende a vida e as crises doutra maneira.

Pero tamén para ir máis alá da mera urxencia e arbitrar programas sólidos e permanentes centrados no desenvolvemento estrutural desas comunidades que, a pesar de representar a maior parte da demografía mundial, van no furgón de cola da “nova economía”.

2.  Quen se pode facer socio?

O Fondo Galego pretende agrupar nunha mesma plataforma a todos os Concellos e Deputacións de Galicia. Estes son, polo tanto, os seus socios de pleno dereito. Basta con compartir os obxectivos, e abonar a cuota social anual mínima acordada pola Asemblea Xeral.

Así mesmo, os Estatutos do Fondo contemplan a posibilidade de contar con socios protectores e colaboradores.

Os primeiros son todas aquelas persoas xurídicas públicas ou privadas que compartan os obxectivos e acheguen a súa axuda. A designación de socio protector debe realizarse pola Asemblea Xeral.

Os socios colaboradores serán entidades sen ánimo de lucro que non sexan destinatarias directas das axudas do Fondo pero que colaboran con el para a consecución dos seus obxectivos.

3.  Requírese acordo plenario?

Si, é sempre preferible. Tamén pode adoptalo a Comisión de Goberno dando conta posteriormente ao Pleno respectivo. Pero importa moito que a cooperación e a participación no Fondo sexa un asunto de toda a Corporación, máis alá do goberno existente nun momento concreto.

Esa participación de todos, de maiorías e minorías, de goberno e de oposición, e a segura unanimidade facilitará a relación das entidades co Fondo e abrirá novas e múltiples vías para ampliar a súa base asociativa.

4.  Que vantaxes ten participar no Fondo?

Co Fondo, todos os Concellos, incluídos os máis pequenos (a inmensa maioría dos existentes en Galicia) poden participar no desenvolvemento de políticas de cooperación que doutro xeito lles resultarían practicamente inviables. Co Fondo, todos poden dicirlle á súa cidadanía que si teñen vontade de levar adiante unha política de cooperación á medida das súas posibilidades, conciliando vontades (sempre grandes) e recursos económicos (escasos).

O Fondo non complica administrativamente nada; evita as duplicidades e permite delegar, total ou parcialmente, a xestión da cooperación nunha instancia propiamente municipalista. Evitase así a reiteración de múltiples convocatorias de pouca entidade económica, simplificase o diálogo coas organizacións non gobernamentais, e reforzase a capacidade global do municipalismo galego para exercitar a cooperación directamente.

O Fondo aglutina e coordina as políticas de cooperación dos distintos Concellos e Deputacións. Deste xeito, aseguramos a súa coherencia global, unha maior eficacia, e democratizamos a solidariedade ao brindarlles aos Concellos pequenos a oportunidade de sumar o seu esforzo aos grandes. E lembremos: malamente podemos cooperar cos demais se non somos capaces de cooperar aquí, entre nós mesmos.

5.  Existe un Bando específico para darlle a coñecer á cidadanía a adhesión ao Fondo Galego?

Redactado por Carlos Casares, daquela presidente do Consello da Cultura Galega, o Bando informa a veciñanza da decisión municipal e afonda na importancia da solidariedade para loitar contra a pobreza, as guerras ou a discriminación. É importante a explicitación da transparencia nesta materia desde o primeiro momento, facendo partícipe o conxunto da cidadanía do porqué da adopción deste acordo.

A colaboración do escritor Carlos Casares expresa igualmente o desexo do Fondo de transcender o ámbito estritamente municipalista para asentar a solidariedade como un valor compartido por todas as células da nosa sociedade.

6.  Quen dirixe o Fondo Galego?

A Comisión Executiva do Fondo Galego está formada por nove membros. Sobre eles recae a responsabilidade da dirección do Fondo. O seu mandato é de catro anos e debe renovarse obrigatoriamente despois de cada convocatoria electoral local.

7.  Existe pluralidade no Fondo?

Do Fondo forman parte actualmente entidades locais e provinciais de todas as sensibilidades políticas. Desde a Asemblea de socios ata a Comisión Executiva existe unha representación moi plural, inspirada pola vontade de consenso e pola idea de que a solidariedade e a cooperación deben ser campos de colaboración e non de confrontación, os Dereitos Humanos. A pluralidade é a mellor garantía para o avance e a consolidación do Fondo Galego, e xorde tamén desa unanimidade que caracteriza a adopción dos acordos de adhesión ao Fondo por parte das diferentes entidades locais e provinciais.

8.  Ten páxina web o Fondo Galego?

Si. O seu enderezo é o seguinte: http://www.fondogalego.org/. No espazo que o Fondo ten na rede pode atoparse gran cantidade de información sobre a súa natureza, obxectivos, funcionamento e actividades. 

9.  Que relación existe entre o Fondo e a FEGAMP?

O Fondo naceu co apoio da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias). Foi co seu apoio, entre outros, que se celebrou un primeiro encontro sobre esta temática, o 30 de novembro de 1996, e logo unha sesión informativa, realizada na Escola Galega de Administración Pública o 30 de maio de 1997.

Actualmente existe un acordo de colaboración entre a FEGAMP e o Fondo que, a partir das múltiples coincidencias, recomenda a todos os Concellos e Deputacións a adhesión e respaldo a esta iniciativa.

Na Asemblea Xeral celebrada o 14 de decembro de 1999 no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, a FEGAMP aprobou por unanimidade unha declaración de apoio ó Fondo. Ademais, a FEGAMP préstalle ao Fondo todo o seu apoio material e técnico. Na sede da FEGAMP reside o domicilio social do Fondo Galego.

10.  Que relación existe entre o Fondo e a Xunta de Galicia?

Nunha carta remitida polo entón presidente da Xunta de Galicia o 30 de xuño de 1998, aos poucos meses de adquirir personalidade plena, Manuel Fraga expresou o seu respaldo a esta iniciativa. Non se trata dunha simple declaración sen contido nin compromiso. Precisamente, o 10 de abril de 2000, o daquela conselleiro de Presidencia e Administración Pública, Jaime Pita Varela, asinaba co Fondo Galego un convenio de colaboración para a realización de actividades relacionadas coa sensibilización social en materia de cooperación ao desenvolvemento e que permitirán levar a cabo importantes iniciativas neste ámbito.

Neste sentido esta relación institucional desenvolveuse de maneira intensa durante os últimos 14 anos e até a actualidade, representando a Xunta de Galicia perto do 50% do orzamento histórico do Fondo. O Fondo Galego é figura central da Lei Galega de Cooperación de 2003.

11.  Que relación hai entre o Fondo e as ONGs?

As organizacións non gobernamentais (ONG) constitúen un referente fundamental no mundo da cooperación. Sen dúbida, gañaron a pulso un considerable respecto social, proporcional ao seu nivel de compromiso e dedicación.

Desde o inicio das súas actividades, o Fondo considerou a necesidade de crear un Consello Municipalista da Cooperación que facilitaría a libre e voluntaria participación de todas elas nas dinámicas municipalistas de cooperación.

A súa vez o Fondo mantén unha relación de diálogo permanente coa Coordinadora Galega de ONGD.

12.  Que é o Igadi?

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) é unha asociación sen ánimo de lucro que reflexiona desde Galicia sobre os problemas da sociedade internacional contemporánea, imaxinando e alentando as respostas que desde aquí podemos propiciar para afrontar os desafíos do mundo actual.

O Igadi foi un dinamizador principal da constitución do Fondo e colabora coas Administracións públicas no deseño de actuacións e programas de acción exterior.

Por decisión da Asemblea Xeral de socios, o Igadi asumiu a responsabilidade da Secretaría do Fondo, ocupándose do seu día a día, garantindo deste xeito, ademáis do seu bo funcionamento, que as inevitables consecuencias dos procesos electorais, especialmente aquelas que poden levar consigo modificacións na estructura diretiva do Fondo ou por mor de cambios de goberno, por exemplo, non afecten o “núcleo duro” do Fondo, para o que debemos asegurar a maior das continuidades posibles.

13.  Quen decide o importe das cotas mínimas e como se determinan?

Á propia Asemblea Xeral de socios é a quen corresponde determinar o seu importe e configuración. Actualmente o sistema de cotas mínimas, que e variable en función do nº de habitantes pódesé consultar aquí.

 

14.  Pódese cotizar máis?

Por suposto, falamos de cotas mínimas. A participación no Fondo Galego pode ter distintas velocidades, tanto na participacións institucional coma na organización de actividades de sensibilización ou como non, aumentando a cota mínima. Actualmente as cidades de Vigo, A Coruña, Pontevedra e Ferrol achegan ao Fondo máis do estipulado nas súas cotas mínimas, ademais de Concellos coma Allariz, Caldas ou San Sadurniño.

15.  Poden facerse donativos ao Fondo por parte de particulares ou de empresas privadas?

É perfectamente posible e de feito así aconteceu en varias ocasións.

Algún escritor, como Antón Cortizas, cedeulle ao Fondo os dereitos de autor dunha obra súa; Fomento de Construcciones y Contratas, empresa que mantén unha relación comercial con moitas entidades locais de Galicia, efectuou un donativo para aplicar a algún proxecto destinado aos damnificados do furacán Mitch.

No seu día asinouse tamén un convenio coa Obra Social de Caixagalicia para levar adiante diversas actividadesde sensibilización. É a primeira entidade financeira que colaborou economicamente co Fondo Galego.

Os fondos recaudados en campañas locais de solidariedade téñense entregado ao Fondo Galego para a súa mellor canalización coma no terremoto de 2011 en Haití.

16.  Participar no Fondo significa renunciar a unha convocatoria propia?

En absoluto. Quen o desexe pode manter a súa convocatoria anual de proxectos, aínda que esta sexa dunha contía relativamente pequena. A idea do Fondo supón reforzar, complementar, pero nunca impoñer eliminacións que non sexan asumidas voluntariamente.

A cada institución asociada correspóndelle decidir como executar a súa política de cooperación. Pode efectivizala individualmente, a través do Fondo en exclusiva ou de forma mixta, conxugando ambas as dúas opcións.

En clave de futuro, desde o Fondo salientamos as vantaxes de cooperar entre nós, e por iso instamos a un afrouxamento progresivo das convocatorias propias que debe ir en beneficio dun Fondo que facilite a participación de todos na toma das decisións propias. Dese xeito gañamos en control, coherencia, eficacia e simplificamos as relacións das Administracións con outros interlocutores.

17.  Cales son os gastos de funcionamento do Fondo?

Toda entidade xera unha burocracia. Desde o Fondo pretendemos que sexa a mínima imprescindible para garantir un digno e eficaz funcionamento. Isto é posible en virtude do esforzo que se efectúa desde a Secretaría do Fondo, auténtica columna vertebral da nosa estrutura, pero tamén é consecuencia dos apoios loxísticos e materiais, de procedencia diversa, que contribúen a aliviar sensiblemente esta carga. Concello a Concello: Somos unha rede de institucións e persoas.

Cómpre ter en conta que o Fondo trata igual a todos os socios con independencia do seu tamaño ou contribución e dado o perfil do municipalismo galego, son moitos os Concellos que achegan cantidades baixas que sen embargo aspiran lexitimamente a estaren informados das iniciativas do Fondo e a participaren e beneficiárense das actividades programadas.

18.  Como chegan os proxectos ao Fondo?

En cada exercicio realízase unha convocatoria anual convidando ás ONG a presentar as súas propostas. Esa convocatoria está rexida por unhas bases que se elaboran en primeira instancia na Comisión Executiva, a ringlón seguido discútense coas ONG integrantes do Consello Municipalista e novamente regresan á Comisión Executiva para a súa aprobación definitiva.

O seguinte paso consiste en promover a súa divulgación entre os hipotéticos destinatarios a través de diferentes vías (correo normal, electrónico, etc) establecendo un prazo para a recepción dos proxectos, que deben respectar os parámetros xerais da convocatoria.

19.  Quen decide que proxectos subvencionar?

Os proxectos recibidos son analizados por unha Ponencia Técnica que elabora un informe de cada un deles, recomendando ou non o apoio financeiro e establecendo unha orde de prioridades. Na Ponencia participan técnicos do propio Fondo e dos Concellos e/ou Deputacións, destacando neste sentido o importante labor desempeñado polas e polos representantes técnicas e técnicos da Rede Municipalista Solidaria. O ditame da Ponencia Técnica é debatido no seo da Comisión Executiva, quen debe convocar de inmediato unha Asemblea xeral de socios para debatir e resolver o asunto. Quen decide en derradeira instancia é a propia Asemblea xeral de socios.

20.  Que garantías hai de que os fondos se destinen á finalidade prevista?

Desde o Fondo esmérase a atención para que a identidade de asignación de recursos e proxecto financiado non se disocie. Os titulares das axudas son os primeiros interesados en que así sexa pero desde a Comisión Executiva, tal como se recolle nas bases da convocatoria anual, establécense mecanismos de control e garantía para efectuar un seguimento da marcha dos proxectos, desde o instante mesmo do libramento dos fondos. Periodicamente, e sempre que o considere oportuno, a Comisión Executiva pode reclamar a comparecencia dos adxudicatarios para informar sobre a evolución do proxecto financiado.

21.  Que proxectos desenvolveu ata agora o Fondo Galego?

Desde a súa fundación, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten desenvolvido máis de 140 proxectos en máis de 20 países. Todos os proxectos apoiados pola asociación desde os seus inicios ata a actualidade poden consultarse aquí.

22.  Existen áreas xeográficas prioritarias para o Fondo?

Na medida en que a cooperación engloba todas as situacións de inxustiza, marxinalidade, etc, entendemos que á hora de establecer as políticas locais de cooperación deberianse priorizar algunhas zonas xeográficas e algúns sectores máis vulnerables, co fin de lograr unha máxima eficacia no uso dos recursos.

A historia e desenvolvemento do Fondo Galego como política mancomunada do poder local en defensa e promoción dos Dereitos Humanos e acción exterior de Galicia definíu a Cabo Verde, Nicaragua, Cuba e Perú coma países prioritarios do Fondo Galego. Ademáis a lusofonía priorízase como zona xeopolítica específica en base aos nexos linguísticos comúns.

24.  Aquí tamén hai moitas necesidades que atender... 

Certamente, pero ademais de que non podemos obviar, por imperativos éticos, o noso compromiso coa superación das desigualdades e a pobreza, compromiso non exclusivamente asistencial senón participativo e mesmo crítico coa actual orde de cousas, cómpre ter en conta o efecto multiplicador dos recursos achegados para países en desenvolvemento.

Se con 6.000 euros aquí podemos custear pouco máis que a redacción dun proxecto de urbanización dunha rúa, poñamos por caso, en moitos lugares, en países menos desenvolvidos, esa mesma cantidade pode permitir a construción de vivendas para numerosas familias. O noso pouco pode valer de moito.

Esas pequenas sumas, aquí apenas modifican nada; no entanto, alí poden transformar substancialmente moitas realidades.

25.  Cal é a achega do municipalismo galego ás políticas de cooperación e solidariedade?

Aínda que a achega do municipalismo galego ás políticas de cooperación e solidariedade avanzou nos últimos anos, é moi reducida en comparación coas doutras zonas do Estado.

Cando aquí falamos de achegas de 0,03 € por habitante, non debemos ignorar o feito de que noutros territorios os esfrozos orzamentarios son de moita maior profundidade, tamén en tempos de crise.

O frío exame das cifras pode dar a impresión de que Galicia non é solidaria, a pesar de que, noutro tempo, moitas sociedades foron solidarias con aqueles galegos que emigraban polo mundo adiante en busca dunha vida mellor. Somos conscientes de que non é así, a participaicón no Fondo e a vontade de enredar esforzos demostran que non.

26.  Como informa o Fondo aos seus socios?

Esta é unha preocupación constante. A información é fundamental para facilitar a participación de todos na vida asociativa do Fondo. Por iso, desde o primeiro momento, prestouse especial atención ás colaboracións na revista da FEGAMP. Actualmente esta cotinua na revista; Concellos Galegos.

Igualmente, o boletín bimensual Infórmate a fondo funcionou en papel durante 14 anos, e agora volveu cunha edición dixital adaptada aos tempos. O Fondo é fillo do seu tempo e nese sentido cómpre destacar a relevancia das novas tecnoloxías no funcionamento en rede que permite reproducirse por toda Galicia.

Ademais as listas de correos internas ou as redes sociais sirven para comunicarse directamente coas e cos representantes políticas(os e técnicas dos Concellos e Deputacións socias.

27.  Que actividades proporciona o Fondo aos seus socios?

Existe a convición de que non se trata unicamente de que os socios transfiran recursos ao Fondo para que este decida onde efectuar o gasto, senón que parte desa enerxía debe regresar ás súas distintas orixes para sensibilizar, concienciar e facer medrar o compromiso solidario da nosa colectividade.

Na actualidade ofrécenselles ás entidades socias diversas exposicións, espectáculos de contacontos, teatro social, etc. O persoal das Deputacións e Concellos adheridos tamén pode participar nunha experiencia de voluntariado en países do Sur a través do programa Vacacións con Traballo. Permanecen tamén a disposición o Bibliofondo e o Videofondo, arquivo de libros e películas coas que se poden organizar fórums.

Igualmente, coas memorias dos proxectos executados e a participación de persoas directamente involucradas nos mesmos, programanse actividades informativas dirixidas ao gran público para que perciba máis de preto o destino das axudas, o impacto que producen, e teña a oportunidade de interrogar directamente aos actores da cooperación.

A medida que o Fondo foi medrando e desenvolvéndose coma política pública a presenza por medio de actividades de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global foi en aumento, sendo hoxe tronco central da vida do Fondo Galego, como demostra a Axenda de actividades da asociación.

28.  Que é a cooperación descentralizada?

A cooperación descentralizada é o conxunto da cooperación que non corresponde ás instancias do Goberno central, é dicir, a desenvolvida tanto polas Administracións públicas das Comunidades Autónomas e locais como polas organizacións non gobernamentais.

Xurdiu arredor do ano 1985-86 e desde entón non fixo máis que medrar, especialmente a achega das entidades locais e provinciais.

O seu avance considerase inseparable da súa capacidade para sintonizar máis directamente coas comunidades en vías de desenvolvemento, da afirmación do poder democrático local, e do incremento do compromiso ético das nosas cidadanías.

29.  Que é a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade?

A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade é un marco de coordinación e de representación conxunta de distintos fondos de cooperación existentes no Estado español. Na actualidade, está integrada polo Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, Euskal Fondoa–Asociación de Entidadaes Locales Vascas Cooperantes, Fons Valencià per la Solidaritat, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional (FAMSI), Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo (FELCODE) e o Fondo Canario de Solidaridad Internacional y Cooperación al Desarrollo. Ademais do Fondo Castellano-Manchego de Cooperación e o Fondo Cantabria Coopera, como entidades colaboradoras.

Ademais de conciliar vontades para a difusión deste modelo de cooperación, intercambiar experiencias que sempre enriquecen a todos, a Confederación de Fondos asume a interlocución común ante as institucións estatais, europeas e mundiais partindo da asunción de puntos de vista comúns.

A Confederación, reunida en Santiago de Compostela o 5 de febreiro de 1998, expresou o seu total e decidido apoio ao Fondo Galego. Mesmo foi convidada a participar de pleno dereito na Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (Ministerio de Asuntos Exteriores) que creou a Lei 23/1998 de 7 de xullo de cooperación internacional para o desenvolvemento.

30.  Que ideas expresa a “Declaración Programática” do Fondo?

Esta especie de manifesto fundacional reivindica o papel que poden e deben desempeñar as Corporacións locais nun mundo efectivamente globalizado, pero que se obstina en marxinar do progreso a todos aqueles que non son capaces de seguir o vertixinoso ritmo imposto polos máis avanzados e poderosos.

A cooperación constitúe hoxe un campo máis de actividade da acción pública local. Fronte á idea de crecemento a calquera prezo, insístese na importancia de moderalo atendendo a razóns de equilibrio, distribución e solidariedade, para crear unha sociedade internacional máis xusta e humana.

A Declaración Programática pretende ser a base mínima de entendemento para o exercicio das políticas de cooperación e solidariedade por parte das Administracións locais galegas, o nexo filosófico que dea sentido á coordinación, interlocuión e aprendizaxe mutua, sen merma do máis escrupuloso respecto á autonomía de cada Corporación para asumir compromisos de maior envergadura.