Ano 2008 - Resolución

Convocatoria de 2008 para o financiamento de proxectos de cooperación ao desenvolvemento e solidariedade

A Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en sesión celebrada o 6 de xuño do 2008 na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP, en Santiago de Compostela.

1. Habida conta que nos dez anos transcorridos dende que o Fondo Galego iniciou as súas actividades de financiamento e execución de proxectos de cooperación e sensibilización para o desenvolvemento, produciuse un forte incremento no número de entidades asociadas, chegando a representar arredor do 70% de poboación local galega, o que propiciou un aumento significativo no volume de actividades e compromisos adquiridos cos distintos niveis da Administración (local, autonómica, estatal e internacional), implicando unha maior complexidade na súa xestión e na consecución de resultados.

2. Considerando este o momento idóneo para acometer unha avaliación do traballo realizado polo Fondo nestes anos, reflexionando e planificando o traballo futuro de xeito que conclúa na redefinición de estratexias e liñas de actuación a prol da mellora na xestión, na calidade e no impacto dos proxectos que o Fondo xestiona tanto na modalidade de cooperación directa como aqueles financiados a través da Convocatoria aberta a Organizacións non gobernamentais.

3. Tendo en conta o retraso operado na xestión da convocatoria de 2007, por mor das eleccións municipais e a formación de novos órganos locais e provinciais, que propiciou unha acumulación relativamente importante de proxectos pendentes de execución.

4. Vista a necesidade de clarexar a situación económica interna, tanto no que atinxe á xestión dos recursos e compromisos contraídos como ás achegas pendentes dos socios, co propósito de mellorar a transparencia e regularizar a base asociativa de xeito que esta se corresponda cunha asunción efectiva dos asociados coa cooperación internacional ao desenvolvemento.

5. Á vista dos seguintes compromisos adquiridos no presente exercicio de 2008:


 

América Latina e Caribe

Cuba

1. Mellora das condicións de habitabilidade das vivendas do centro histórico de Santiago de Cuba.

Parceiro: Oficina del Conservador.
Orzamento anualidade 2008: 104.412,00 €.
Achega do Fondo Galego: 13.500,00 €.
Achega da DXCE: 90.912,00 €.
Resumo: Mellorar a calidade de vida dos residentes do centro histórico de Santiago de Cuba a través da mellora nas condicións de habitabilidade en 78 vivendas (2007-2009).

 

Nicaragua

2. Mellora das condicións de vida das comunidades rurais do municipio de Totogalpa.

Parceiro: INPRHU-Somoto.
Orzamento: 185.055,31 €.
Achega da Consellería de Vivenda e Solo: 110.386,74 €.
Outras achegas: 74.668,57 €.
Resumo: Reducir a incidencia de chagas e das condicións de amoreamento familiar da poboación indíxena Chorotegas a través de autoconstrución de vivendas.

3. Mellora das condicións de vida das comunidades rurais do municipio de Totogalpa.

Parceiro: INPRHU-Somoto.
Orzamento: 123.714,95 €.
Achega do Fondo Galego: 7.793,63 €.
Achega do Concello Vigo: 62.000,00 €.
Outras achegas: 53.921,32 €.
Resumo: Reducir a incidencia de Chagas das condicións de amoreamento familiar da poboación indíxena Chorotegas a través de autoconstrución de vivendas.

 

Uruguai

4. Autoconstrución de 64 vivendas nos asentamentos de La vereda e Pasos de las Duranas

Parceiro: Intendencia Municipal de Montevideo.
Orzamento: 250.000,00 €.
Achega da Consellería de Vivenda e Solo: 250.000,00 €.
Resumo: O proxecto ten como obxectivo mellorar as condicións de vida da poboación cartoneira de Montevideo a través da autoconstrución de vivendas nos citados barrios.

 

Perú

5. Axuda á reconstrución nas áreas devastadas polo terremoto de agosto 2007.

Parceiro: Tierra de Niños.
Orzamento: 23.316,36 €.
Achega do Fondo Galego: 11.316,36 €.
Achega do Concello de A Coruña: 12.000,00 €.
Resumo: Intervención Educativa en Cañete, Zona Sur, da Rexión Lima. Fase de reconstrución tralo terremoto do 15 de agosto de 2007.

 

África

Cabo Verde

6. Apoio á implantación de políticas locais con perspectiva de xénero.

Parceiro: ICIEG.
Illa: Santo Antón e Santiago
Orzamento: 76.586,08 €.
Cantidade achegada polo Fondo Galego: 19.984,00 €.
Cantidade achegada polo Concello Vilagarcía: 3.000,00 €.
Cantidade achegada polo Concello de Pontevedra: 3.000,00€
Cantidade achegada polo Concello de Culleredo: 6.000,00€
Cantidade achegada pola Deputación de A Coruña: 30.000,00€
Outras achegas: 14.602,08 €.
Resumo: Integración da perspectiva de xénero nos mecanismos de planificación, execución, seguimento e avaliación das políticas públicas locais. Elaboración de 4 Plans Locais de Igualdade e Equidade de Xénero.
Observacións: Plano Municipal para a Igualdade e Equidade de Xénero

7. 2ª Fase: Conexión á rede de abastecemento de auga do Barrio de Ponte D´Auga, Praia.

Parceiro: CITI-HABITAT.
Illa: Santiago
Orzamento total: 134.700€.
Cantidade achegada polo Fondo: 123.000,00 €.
Outras achegas: 11.700,00 €.
Resumo: Mellora do estado sanitario das familias residentes no Barrio de Ponte D´Auga a través da conexión domiciliaria das casas a partir da rede de abastecemento existente.

 

Oriente Medio

Campo de refuxiados Nahr al Bared (Siria)

8. Proxecto: Reconstrución do campo de refuxiados Nahr al Bared.

Parceiro: UNRWA.
Orzamento total: 260.000,00 €.
Orzamento 2008: 55.000,00 €.
Achega do Fondo Galego: 5.000,00 €.
Achega da Consellería de Vivenda e Solo: 50.000,00 €.
Resumo: Reconstrución de vivendas e conexión de auga domiciliaria no campo de refuxiados Nahr al Bared en Siria. O proxecto será executado pola UNRWA.
Observacións: En trámite (convenio bianual 2008-2009).

 

Resume orzamentario

Previsión 2008: 972.808,70 €.
Achegas da Xunta de Galicia: 618.298,74 €.
Achegas do Fondo Galego: 63.593,99 €.
Achegas extraordinarias de asociados: 116.000,00 €.
Achegas de parceiros: 174.915,97 €.

 

6. Considerando igualmente a necesidade de proceder a unha reformulación das Bases anuais da convocatoria pública de proxectos co propósito de mellorar contidos e a súa calidade xeral, proceso que se considera conveniente desenvolver fomentando a participación dos principais actores da cooperación galega.

Á vista dos antecedentes descritos, adóptase a seguinte

RESOLUCIÓN

1. De modo excepcional, non realizar a convocatoria aberta de 2008 para o financiamento de proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento.
2. Integrar os recursos económicos de 2008 derivados das achegas das entidades asociadas na convocatoria aberta de 2009.

E para que así conste aos efectos oportunos, asinamos a presente resolución en Santiago de Compostela, a 6 de xuño de 2008.

AnexoTamaño
Plano Municipal para a Igualdade e Equidade de Xénero1.29 MB