Ano 2009 - Convocatoria

Bases 2009 para a presentación de proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, axencia municipalista da cooperación galega, oído o Consello Municipalista da Cooperación, de acordo co establecido nos seus estatutos, e seguindo as súas liñas básicas de actuación, realiza a seguinte convocatoria dirixida a Organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGDs) con presenza real en Galicia, que se rexerá polas seguintes.

 

CAPITULO PRIMEIRO: CONDICIÓNS XERAIS DA CONVOCATORIA

  • A convocatoria abrirase o 1 de marzo e pecharase o 31 do mesmo mes.
  • Os proxectos poderanse presentar persoalmente ou por correo certificado na sede da Secretaría Técnica do Fondo Galego (Avda. Joselín 7 P3 4B, 36300 Baiona-Pontevedra). Tamén poderán enviarse por correo electrónico ao seguinte buzón: info@igadi.org.
  • Cada entidade poderá presentar un máximo de dous proxectos.
  • O importe máximo da achega para un proxecto é de 50.000 euros, tendo en conta que cada entidade poderá obter como máximo esta cantidade en cada convocatoria.
  • Os proxectos serán avaliados por unha Comisión Técnica cuns integrantes que serán definidos pola Comisión Executiva do Fondo Galego. O ditame técnico favorable non supón, necesariamente, o financiamento do proxecto. A proposta de resolución que a Comisión Executiva traslade á Asemblea de socios deberá observar, en todo caso, o cumprimento das presentes Bases. As entidades que non reciban financiamento para os proxectos presentados teñen dereito a recibir información sobre os motivos polos que a súa proposta non foi seleccionada.
  • Non serán obxecto de avaliación os proxectos presentados por entidades que teñan pendiente algún informe de convocatorias anteriores e que non xustificaran ese retraso de forma clara e suficientemente explícita.
  • Para convocatorias posteriores terase en conta o nivel de cumprimento destas bases podendo influir positiva ou negativamente na avaliación dos proxectos presentados.
  •  A resolución publicarase de inmediato nas páxinas web do Fondo Galego, www.fondogalego.org e da Federación Galega de Municipios e Provincias, www.fegamp.org. As solicitudes denegadas xunto coa información relativa ao proceso de baremación estarán a disposición dos interesados.

CAPITULO SEGUNDO: CRITERIOS PRIORITARIOS PARA A VALORACIÓN DOS PROXECTOS

2.1. Sobre os proxectos.

  • Que o país de execución sexa considerado de desenvolvemento medio ou baixo segundo o IDH e definido como país prioritario de actuación segundo o Plan Director da Cooperación Galega. Terán preferencia aqueles proxectos a executar nos países onde o Fondo Galego ten maior presenza (Cabo Verde, Cuba, Nicaragua, Mozambique, e Perú).
  • Que os seus obxectivos se centren na procura dun desenvolvemento socioeconómico e culturalmente sostible, participativo, endóxeno, e que procure a transformación social das realidades do Sur contribuíndo de xeito efectivo á loita contra a pobreza.
  • Que incorpore o respecto aos dereitos humanos, a potenciación da identidade cultural e étnica dos pobos ou grupos perceptores do proxecto, e a integración da perspectiva de xénero ou o enfoque ambiental, reforzando os valores de equidade e tolerancia, atendendo a sectores dobremente oprimidos como son os nenos, as mulleres, os grupos étnicos, etc.
  • Que o seu ámbito de actuación estea vinculado directamente co eido local en temáticas como: fortalecemento municipal, desenvolvemento socioeconómico local, apoio aos procesos de descentralización, fortalecemento da participación cidadá e a gobernabilidade democrática, cunha traxectoria que exclúa accións de naturaleza puntual e desconectadas da dinámica local e contemplando a implicación das autoridades locais, comisións de desenvolvemento local e/ou outros colectivos ou espazos de concertación municipal.
  • Que favoreza o intercambio de experiencias e a cooperación Sur-Sur e Sur-Norte.
  • Que fomente a participación dos colectivos beneficiarios en todas e cada unha das súas fases: concepción, realización, xestión e avaliación, sen ningún tipo de discriminación por razón de sexo, relixión ou raza.
  • Que o prazo de execución non sexa superior a 12 meses. O inicio do proxecto non pode ser anterior ao 2 de xaneiro do 2009.

Sobre aspectos técnicos e de seguemento, valorarase:

  • A coherencia interna do proxecto (relación entre xustificación, obxectivos, resultados e actividades) e a adecuación dos recursos á problemática exposta, facendo un desglose orzamentario o máis detallado posible.
  • A sostibilidade e/ou a viabilidade do proxecto.
  • O labor de seguemento, control e avaliación que poida realizar a ONGD que presenta o proxecto, así como as actividades de sensibilización e difusión do mesmo en Galicia.

CAPITULO TERCEIRO: REQUISITOS DAS ONGDs SOLICITANTES.

3. Poderán concorrer á presente convocatoria aquelas ONGDs que cumpran os seguintes requisitos:

  1. As legalmente constituidas e inscritas nos rexistros correspondentes cunha antigüidade mínima de tres anos, que teñan como finalidade institucional, recollida nos seus estatutos, a realización de actividades de cooperación ao desenvolvemento e o fomento da solidariedade entre os pobos.
  2. No caso de entidades de ámbito local, autonómico ou estatal, contar cunha sede social ou delegación permanente en Galicia cunha antigüidade mínima de dous anos.
  3. Acreditar experiencia mínima de 3 anos no país e no ámbito de actuación do proxecto.
  4. Que estean ao corrente das súas obrigas fiscais e coa seguridade social.
  5. Que teñan xustificado, no momento de presentar a solicitude, tódalas axudas recibidas do Fondo Galego en convocatorias anteriores.
  6. Que podan acreditar estrutura suficiente que garanta a xestión técnica e financeira do proxecto e a consecución dos obxectivos esperados.
  7. Que conten con parceiros locais solventes e con capacidade operativa, demostrable e suficiente para afrontar a execución do proxecto e que actúe responsablemente na xestión dos recursos financeiros.

CAPITULO CUARTO: Documentación a presentar na convocatoria.

4.1. Instancia-solicitude do financiamento para o proxecto.
4.2. Documentación da entidade solicitante (preséntandoa separada do proxecto).
4.2.1. Copia dos estatutos da entidade.
4.2.2. Certificado de inscrición no rexistro correspondente e, de selo caso, do recoñecemento de Entidade de Utilidade Pública por parte da autoridade competente.
4.2.3. Tarxeta de identificación fiscal.
4.2.4. Documentación acreditativa de que a entidade se atopa ao corrente das obrigas tributarias ou de calquera outra naturaleza segundo o que dispoña a normativa vixente.
4.2.5. Memoria de actividades correspondente ao ano anterior, así como do estado contable e fontes de financiamento.
4.2.6. Certificado bancario dos datos da conta corrente na que se debe efectuar o ingreso.
4.2.7. Información sobre a experiencia da entidade solicitante no país e no sector de actuación do proxecto.
4.2.8. Organigrama da entidade e certificación do número de socios.
4.2.9. Certificación, se é o caso, da pertenza á Coordinadora galega de ONGDs.
4.2.10. Certificación, se é o caso, na que conste o compromiso de aportar a diferenza entre o custe do proxecto e a axuda solicitada, ben directamente ou a través de financiamento de terceiros.

Aquela documentación que xa obre no Fondo Galego de convocatorias anteriores non será necesario presentala, exceptuando aquela que deba actualizarse periodicamente.

4.3. Documentación do parceiro local (presentada separadamente do proxecto).
4.3.1. Copia dos estatutos da entidade e acreditación da súa constitución legal segundo a normativa propia do país.
4.3.2. Credencial do seu representante legal.
4.3.3. Memoria de actividades correspondente ao ano anterior.
4.3.4. Información sobre a experiencia do parceiro local no país e sector de actuación do proxecto.
4.3.5. Balance de contas e resultados do ano 2008 con mención das fontes de financiamento.
4.4. Memoria do Proxecto, que deberá incluír, como mínimo, os seguintes aspectos:
4.4.1 Da entidade que presenta o proxecto

  • Datos básicos completos (nome, dirección, teléfono,...)
  • Persoa/s responsable/s do proxecto

4.4.2 Do parceiro local

  • Datos básicos completos (nome, dirección, teléfono,...)
  • Persoa/s responsable/s do proxecto

4.4.3 Do proxecto

  • Título
  • Resumo do proxecto (descrición do proxecto nunha folla)
  • Localización detallada (achegar mapa e explicar cómo se chega á zona, tipo de estrada, veículo e tempo que se precisa).
  • Orixe e xustificación do proxecto.
  • Contexto socioeconómico e político.
  • Número e tipos de beneficiarios (directos e indirectos) e criterios de selección.
  • Obxectivos que se persiguen.
  • Resultados esperados, indicadores e fontes de financiamento.
  • Descrición da metodoloxía de traballo.
  • Descrición detallada das actividades a realizar de conformidade cos obxectivos propostos.
  • Cronograma operativo: duración do proxecto e temporalización das actividades.
  • Recursos humanos, técnicos e materiais necesarios.
  • Análise de viabilidade e sostibilidade do proxecto (factores técnicos, económicos, políticos, sociais e ambientais que afectan a unha ou outra).
  • Formas de seguimento, control e avaliación que aplicará a entidade que presenta o proxecto.
  • Orzamento desglosado por partidas seguindo o esquema seguinte:
CONCEPTOS CONTRIBUCIÓNS EXTERNAS CONTRIBUCIÓNS LOCAIS CUSTE
TOTAL

CUSTES DIRECTOS

Fondo Galego ONGD do Norte Outros ONG do Sur

Beneficiarios

  TOTAL
Terreos            
Construcións            
Equipos e subministros            
Persoal local            
Persoal expatriado            
Funcionamento            
Fondos rotatorios            
Imprevistos            
Outros            
Subtotal custes directos            
% Custes directos            
CUSTES INDIRECTOS            
Entidade Norte            
Entidade Sur            
Sub total custes indirectos            
% Custes indirectos            
TOTAL            

4.4.4 Sobre o orzamento

  • Presentarase na moeda local en que se farán os gastos e tamén en euros (indicando o cambio aplicado).
  • O Fondo Galego asumirá como máximo o 80% do custe total do proxecto, que deberá ser completado coa achega do 20% restante, como mínimo, da entidade solicitante, o parceiro local e/ou os beneficiarios, entidades privadas ou  administraciones públicas.
  • Os custes indirectos do proxecto non poderán superar o 8% da subvención concedida, entendendo por custes indirectos os gastos administrativos da entidade de aquí e/ou do seu parceiro, derivados da formulación, seguimento, execución, avaliación e difusión do proxecto.
  • En caso de incluír gastos imprevistos, éstos no poderán ser superiores ao 5% do orzamento total, detallaranse os gastos que se preveen e cómo foron estimados.
  • As achegas feitas por outros organismos diferentes do Fondo Galego estarán avaladas por un compromiso escrito. Este documento deberase achegar no momento da presentación do proxecto ou no primeiro informe de seguimento que se presente.

4.4.5 Outros
No caso de que o proxecto contemple a construción de infraestruturas comunitarias (educativas, sanitarias,sociais, …) a propiedade quedará preferentemente en mans de institucións públicas ou da comunidade. De non ser así, deberase xustificar a causa. Ademáis, o Fondo Galego non financiará en ningún caso a adquisición de terreos.

4.4.6. Condicións de financiamento e custes financiables

  • Serán custes financiables:

    • Aqueles custes derivados da execución do proxecto

      • Inmobles (inclúe compra ou aluguer).
      • Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas (inclúe man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e o transporte dos citados materiais).
      • Equipos, materiais e subministros.
      • Persoal  local.
      • Persoal expatriado. Para o envío de expatriados aportarase unha memoria xustificativa desa necesidade e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición das tarefas a realizar.
      • Servizos técnicos e profesionais.
      • Funcionamento no terreo (electricidade, auga, comunicacións, mantemento e seguridade).
      • Viaxes, aloxamento e dietas. 
      • Fondo rotatorio.
    • Os custes indirectos do proxecto sempre que non superen o 8% do orzamento total.
    • Non serán gastos imputables os derivados das misións de seguimento e avaliación no terreo por parte do persoal técnico ou directivo da ONGD.
  • Estrutura de financiamento: unha vez aprobada a resolución pola Asemblea Xeral do Fondo Galego, a ONGD deberá aceptar expresamente a axuda e as condicións establecidas nestas bases no prazo de 15 días transcorridos dende que a ONG solicitante reciba a comunicación de concesión da axuda. Os desembolsos realizaranse do seguinte xeito:

    • 50% no prazo dun mes trala aceptación da axuda e das bases da convocatoria.
    • 25 % no prazo dun mes trala aprobación do informe de seguimento segundo os termos establecidos nas bases.
    • 25% no prazo dun mes trala aprobación do informe final segundo os termos establecidos nas bases.

No caso de que o Fondo Galego non aprobe a totalidade do importe solicitado, a entidade poderá, no seu caso, reformular o orzamento de conformidade coa cantidade outorgada.

Os proxectos que resulten aprobados e non superen os 9.000 euros serán aboados nun único pago. En todo caso, a ONGD deberá presentar as memorias xustificativas nos prazos previstos nas presentes bases.

Asinarase un documento entre a entidade a quen se lle outorga o financiamento do proxecto e o Fondo Galego, onde quedarán recollidos os dereitos e deberes das dúas partes.

O Fondo Galego non asumirá os custes engadidos derivados das flutuacións monetarias.

CAPITULO SEXTO: EXECUCIÓN, SEGUIMENTO E XUSTIFICACIÓN

6.1. Referente á execución e seguimento do proxecto

6.1.1. A entidade deberá iniciar o proxecto no prazo máximo de dous meses, a partires da percepción efectiva da subvención.

6.1.2 Calquera cambio substancial que se produza no proxecto e/ou poida afectar aos obxectivos, actividades ou orzamento do mesmo, comunicarase por escrito ao Fondo Galego, quen responderá de igual maneira para comunicar a súa aprobación ou denegación. Enténdese por modificación substancial aquela que afecta aos obxectivos e resultados do proxecto, modificacións do orzamento superior ao 20% nunha partida e modificacións no tempo de execución superior a 3 meses. O Fondo deberá pronunciarse no prazo máximo de un mes sobre a aceptación ou denegación das modificacións.

6.1.3. A entidade solicitante deberá responsabilizarse do correcto uso do financiamento que se conceda, de xeito que, en ningún caso, poderase desviar a outra finalidade, sen a aprobación previa do Fondo Galego.

6.1.4. Asi mesmo, a entidade farase responsable da execución do proxecto subvencionado e de garantir o seu seguimento e control, debendo xustificar ao Fondo Galego o traballo realizado.

6.1.5. O Fondo Galego reservase o dereito de facer un seguimento e avaliación sobre o terreo en calquera fase da execución do proxecto e poderase reunir co parceiro e cos beneficiarios do proxecto.

6.2. Referente á xustificación do proxecto.

6.2.1. A entidade á que o Fondo Galego lle financie un proxecto deberá presentar a seguinte documentación para xustificar a súa execución:

- Un informe de seguimento que incluirá unha memoria narrativa e económica da marcha do proxecto no prazo de seis meses a contar dende a data de entrega do primeiro pago, seguindo o formato facilitado polo Fondo Galego. Este informe intermedio non será necesario para aqueles proxectos cunha duración inferior a seis meses. No económico, incluirá xustificantes de gasto orixinais, copias compulsadas, certificacións de gastos e calquera documentación xustificativa dos gastos realizados. Ademais, aportará un CD con fotografías e outras fontes de verificación. O prazo de presentación do informe é de 1 mes despois de cumprirse a metade do prazo de execución do proxecto.

- Un informe final que incluirá unha memoria narrativa e económica da execución do proxecto, así como das actividades de sensibilización e difusión que se levaran a cabo en relación co mesmo. No económico, incluirá xustificantes de gasto orixinais, copias compulsadas, certificacións de gastos e calquera documentación xustificativa dos gastos realizados. Ademais, aportará un CD con fotografías e outras fontes de verificación. O prazo para a presentación do informe é de dous meses despois da finalización do proxecto.

CAPITULO SETIMO: Valoración dos proxectos

7.1. A valoración das propostas contempla unha análise exhaustiva da capacidade da ONG solicitante, da calidade técnica do proxecto presentado e do parceiro local. Só serán avaliadas aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos expostos nestas Bases.

7.2. A valoración dos proxectos realizarase en relación a:

  • Calidade técnica do proxecto (23 puntos)

    • Información sobre o proxecto a desenvolver (xustificación). Máximo 5 puntos.
    • Coherencia entre a xustificación, os obxectivos e as actividades. Máximo 5 puntos.
    • Especificación de indicadores. Máximo 3 puntos.
    • Viabilidade técnica da acción a executar. Máximo 5 puntos.
    • Sostibilidade futura do proxecto. Máximo 5 puntos.

No caso de proxectos de carácter produtivo é imprescindible presentar un plan de viabilidade con explicación dos ingresos e dos gastos esperados, incluíndo unha breve análise dos mesmos.

  • Capacidade técnica das partes implicadas (20 puntos):

    • Experiencia e capacidade da ONGD local. Máximo 5 puntos.
    • Participación dos grupos albo na elaboración do proxecto. Máximo 5 puntos.
    • Participación ou aval de institucións representativas. Máximo 5 puntos.
    • Experiencia da ONGD solicitante e capacidade de seguimento. Máximo 5 puntos.
  • Co obxectivo de desenvolvemento (22 puntos):

    • Prioridades xeográficas da convocatoria. Máximo 2 puntos.
    • Incorporación do enfoque de xénero. Máximo 3 puntos.
    • Vinculación co eido local. Máximo 3 puntos.
    • Incorporación do enfoque medioambiental. Máximo 3 puntos.
    • Fomento da participación cidadá e a organización de base. Máximo 3 puntos.
    • Fomento da identidade cultural e étnica. Máximo 3 puntos.
    • Fomento dos Dereitos Humanos. Máximo 3 puntos.
    • Fomento do intercambio de experiencias e a cooperación Sur-Sur e Sur-Norte. Máximo 2 puntos.
  • Co orzamento (14 puntos):

    • Adecuación aos requisitos das bases. Máximo 4 puntos.
    • Adecuación ás actividades planeadas. Máximo 4 puntos.
    • Viabilidade financeira do proxecto. Máximo 4 puntos.
    • Relación entre o monto solicitado os resultados e o número de persoas albo que atinxe o proxecto. Máximo 2 puntos.

Implicación local no proxecto (10 puntos)

Que se potencie o papel de organizacións comunitarias. Máximo 10 puntos.

A puntuación que poderá acadar un proxecto é, como máximo, 99 puntos. Para que un proxecto sexa financiado deberá acadar un mínimo do 50% en cada un dos enunciados.

CAPITULO OITAVO:  EMERXENCIA / AXUDA HUMANITARIA

8.1. A efectividade das accións para facer fronte a unha emerxencia mídese pola rapidez da resposta a dar, a coordinación de todos os axentes e organismos que se impliquen, pero sobre todo polo coñecemento que se teña do país e do territorio onde se produza esta emerxencia. O Fondo Galego non dispón de capacidade nin de suficientes recursos económicos para dar resposta a calquera emerxencia alí onde se produza.

Por esta razón, o Fondo Galego soamente participará en emerxencias que se produzan en países onde xa desenvolve un traballo previo e, polo tanto, contando cunha información puntual das necesidades e un coñecemento previo do territorio. A acción debe estar dirixida a articularse cos actores da zona e a suplir unicamente aquelo que os beneficiarios non poidan atender. Soamente no caso de que se poida dar unha axuda de emerxencia efectiva e que observe as características descritas se participará na primeira fase da emerxencia. De non ser así, a través das organizacións parceiras, poderase participar na fase de rehabilitación (reconstrución) ofrecendo perspectivas de futuro implicándose no continuum emerxencia-rehabilitación-desenvolvemento.

8.2. A tal efecto:

8.2.1. Os proxectos de emerxencia ou axuda humanitaria poderán presentarse en calquera momento do ano, acompañando unha memoria.

8.2.2 As entidades solicitantes deberán cumprir os requisitos esixidos nestas bases.

8.2.3. En caso dunha emerxencia, pódese aprobar a concesión do 100% do orzamento do proxecto e, nese suposto, a axuda abonarase nun único pago.

8.2.4. A entidade receptora deberá presentar unha memoria descritiva e económica sobre a utilización da axuda recibida. No caso das emerxencias, a memoria deberá presentarse no prazo dun ano a partir da data do pago.     

 

ANEXO: MODELO DE SOLICITUDE


D/Dª _______________________________________________________, con DNI número __________, en representación da entidade _________________________________, e na que ostenta o cargo de _________________________________.

EXPÓN:

Que esta entidade cumpre as condicións esixidas para ser beneficiaria das axudas a proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento que outorga o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

En consecuencia, SOLICITA:

Que lle sexa concedida a axuda solicitada por valor de ________________ euros para o proxecto ____________________________________________ a executar en __________________ (país), cun orzamento total previsto que ascende a ___________________ euros, achegando os documentos requeridos, certificando a súa total e plena veracidade.

En ________________,a _____ de ____________ de 2009.

(sinatura d@ solicitante)                                                                   (selo da entidade)