Ano 2010 - ResoluciĆ³n

Convocatoria de 2010 para o financiamento de proxectos de cooperación para desenvolvemento

A Asemblea Xeral de socios, reunida en Santiago de Compostela o 28 de maio de 2010, aprobou por unanimidade a Proposta de Resolución da Convocatoria 2010 para o financiamento de proxectos de cooperación ao desenvolvemento e solidariedade. Para a elaboración da tal proposta tívose en conta o ditame emitido pola Comisión Técnica Avaliadora de Proxectos de Cooperación Indirecta, reunida o día 30 de abril do presente ano en Baiona, e constituída polas/os técnicas/os correspondentes dos Concellos de Baiona, Arteixo, Ferrol, Cambre, A Coruña, Deputación de Pontevedra e representantes da Secretaría Técnica, e tívose en conta tamén o ditame da Comisión Executiva, reunida en Santiago de Compostela o 7 de maio de 2010.

 
Acordouse

O financiamento dos seguintes proxectos de COOPERACIÓN INDIRECTA:

 

1. Proxecto: Desenvolvemento de capacidades locais con equidade de xénero e mellora das condicións de vida en 9 comunidades rurais da provincia fronteiriza de Ayabaca, Piura. Perú

Código de rexistro: CI/2010/PE/02
Entidade solicitante: Amigos ESCAES-Perú
País: Perú
Orzamento total: 53.458€
Cantidade solicitada ó Fondo: 35.000€
Cantidade achegada polo Fondo: 35.000€
Cantidade achegada pola entidade solicitante: 12.236,84€
Cantidade achegada polo parceiro e/ou beneficiarias/os: 6.221,05€
Resumo: O proxecto busca promover o desenvolvemento humano sustentable das familias que viven en comunidades rurais en situación de extrema pobreza da provincia de Ayabaca, baseándose na alfabetización, a promoción da participación social e a equidade de xénero. Á súa vez proponse a instalación de 180 cociñas melloradas, mellorar a dieta alimentaria coa instalación de 9 hortas e a creación de 9 módulos de cuyes a fin de que as familias dispoñan dunha alimentación máis adecuada e rica en vitaminas e nutrintes.

2. Proxecto: Latrinas para Tepalón

Código de rexistro: CI/2010/NI/06
Entidade solicitante: AXUNICA
País: Nicaragua
Orzamento total: 8.439,6€
Cantidade solicitada ó Fondo: 6.751,62€
Cantidade achegada polo Fondo: 6.751,62€
Cantidade achegada pola entidade solicitante: 1.687,89€
Resumo: O obxectivo deste proxecto é o de mellorar as condicións sanitarias da Comunidade de Tepalón (Granada, Nicaragua) coa construción de 30 latrinas. Este proxecto educativo-sanitario forma parte dun máis amplo que incluíu na primeira fase a condución da auga potable ás vivendas, comedores escolares e aulas de preescolar.

 

O financiamento dos seguintes proxectos de COOPERACIÓN DIRECTA:

3. Proxecto: Recalificación Urbana

Código de rexistro: CD/2010/CV/02
Parceiro: Cámara Municipal de Paúl
País: Cabo Verde
Illa: Santo Antón
Orzamento total: 59.992,81€
Cantidade solicitada: 55.000€
Cantidade achegada polo Concello de Vigo: 55.000€
Cantidade achegada pola Cámara e/ou beneficiarias/os: 4.992,81€
Resumo: O obxectivo deste proxecto é o de mellorar as condicións de vida das persoas máis empobrecidas da localidade de Eito, así como a estética do lugar, a través da creación das condicións mínimas de habitabilidade. Para isto executaranse obras de mellora de acabado das casas, a construción de baños e cociñas e levaranse a cabo obras de drenaxe de auga e saneamento. Así mesmo, realizaranse actividades de sensibilización dirixidas á poboación sobre a conservación do medio ambiente.

4. Proxecto: Extensión da rede de auga e a súa ligazón ós domicilios no municipio de Brava, en Cabo Verde

Código de rexistro: CD/2010/CV/32
Parceiro: Cámara Municipal da Brava
País: Cabo Verde
Illa: Brava
Orzamento total: 16.190€
Cantidade achegada polo Fondo: 12.840€
Cantidade achegada por persoas beneficiarias: 3.350€
Resumo: O proxecto consiste na melloría do abastecemento de auga na poboación da localidade de Baleia, na Cámara da Brava, a través da extensión da rede e ligazón domiciliaria da auga, co que se espera un incremento na súa calidade de vida e unha saída á súa precaria situación a través das actividades de horticultura, agricultura e fruticultura, actividades tradicionais nesta localidade pero que se ven afectadas pola carestía da auga.

 

OUTROS PROXECTOS:

1. Proxecto: Apoio á construción de cuartos de baño na illa de Maio

Código de rexistro: CD/2010/CV/27
Parceiro: Cámara Municipal do Maio
País: Cabo Verde
Illa: Maio
Orzamento total: 151.667,76€
Cantidade solicitada: 49.200€
Cantidade achegada polo Fondo: 492€
Cantidade achegada pola Xunta de Galicia: 48.708€
Cantidade achegada pola Cámara de Maio: 80.225,64€
Cantidade achegada pola Cámara e/ou beneficiarias/os: 22.241,88€
Resumo: Con vista a combater os actuais índices de salubridade, o presente proxecto prevé a construción de 60 cuartos de baño en casas particulares nas localidades de Figueira e Ribeira Don João, así como a realización de campañas de sensibilización e educación para saúde con vista a contribuír para a adopción de novos hábitos de hixiene. As familias beneficiarias recibirán o material para construír o seu cuarto de baño e apoio técnico para garantir a calidade da obra. Así mesmo, as campañas serán organizadas a través de procesos participativos e asegurarán o envolvemento directo das asociacións comunitarias das respectivas localidades.

2. Proxecto: Programa de apoio ó proceso de desenvolvemento económico local para a provincia de Maputo

Código de rexistro: CD/2010/MZ/39
Parceiro: PNUD
País: Mozambique
Orzamento total: 66.061,71€
Cantidade solicitada: 62.643,04€
Cantidade achegada polo Fondo (Concellos de Vigo, a Coruña e Pontevedra e Deputación de Lugo): 62.643,04€
Resumo: O proxecto pretende contribuír á erradicación da pobreza promovendo o desenvolvemento económico local (DEL) xunto coa Dirección Nacional de Promoción de Desenvolvemento Rural (DNPDR), a través do apoio e fortalecemento do Departamento de Promoción de Desenvolvemento Rural, á Axencia de Desenvolvemento Económica Local (ADEL) da provincia de Maputo e á Rede Nacional das ADEL (REDEL) para dinamizar a economía local, crear empregos e xerar ingresos entre a poboación. Preténdese fortalecer a xestión municipal e a asociatividade, a través dunha incubadora de negocios e talleres de capacitación e información de novas esixencias do mercado da competencia e comercio xusto, intercambio con outras iniciativas e transferencia tecnolóxica.

3. Proxecto: Elaboración do III Plan de Desenvolvemento na Illa de Santo Antón

Código de rexistro: CD/2011/CV/33

Parceiro: Asociación de Municipios da Illa de Santo Antón (AMSA)

Illa: Santo Antón
País: Cabo Verde
Orzamento total: 71.359€
Cantidade achegada polo Fondo: 1.475€
Cantidade achegada pola Xunta de Galicia: 40.000€
Cantidade achegada pola AMSA:  29.884€
Resumo: O proxecto trata de relanzar o exercicio de planificación no territorio da Illa de Santo Antón, interrompido desde 2001 pola falta de recursos financeiros. Ese exercicio, pioneiro en Cabo Verde, deu excelentes resultados na década de 90 e contribuíu en gran medida para a elaboración, procura de financiamento e execución de proxectos estruturais para Illa en varios sectores do desenvolvemento socioeconómico. O proxecto pretende elaborar un documento que define as estratexias de desenvolvemento da Illa, así como integrar políticas sectoriais que caracterizan ese espazo socioeconómico.