Memoria Fondo Galego 2010

Memoria Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade 2010

Presentación

Antes de facer unha breve valoración do traballo da nosa asociación durante 2010, paréceme necesario comezar cunha reflexión que me preocupa. No sistema de cooperación internacional galego destácanse tres axentes: as Deputacións e Concellos cooperantes, representados no Fondo Galego, as ONGDs, maioritariamente representadas na Coordinadora Galega de ONGDs e a Xunta de Galicia, sendo este último de quen dependen a maioría dos recursos económicos destinados a cooperación no país. Cada un destes axentes pode pór en valor singularidades específicas tanto no traballo cos países do Sur como en Galicia, de modo que entendo que todos eles son fundamentais e que se debera manter un certo equilibrio. A chave dese equilibrio é a Xunta de Galicia, por recursos manexados e tamén polo papel de lideranza que naturalmente lle corresponde. Non obstante, nos últimos tempos o apoio á cooperación municipalista caeu de modo notable.

É evidente que o Fondo Galego ha de aspirar a que os seus socios fagan un esforzo cada vez maior en cooperación e a que canalicen ese esforzo ao seu través. Mais do mesmo modo é lexítimo e esixible un maior apoio ao municipalismo por parte, entre outros, do goberno autonómico. Non só para preservar o equilibrio a que antes me refería, senón tamén para compensar o grave desfase entre as moitas competencias que os municipios asumen e a súa escasa capacidade fiscal e financeira. Un desfase que en boa medida se debe á asunción, inevitable e necesaria, de competencias impropias que, por tanto, correspondería desenvolver ás Administracións autonómica e estatal.

O ano 2010 comezaba de forma dramática, co terremoto no Haití. As consecuencias eran devastadoras, en boa medida, porque a institucionalidade do país era débil, incapaz de sentar as bases dun verdadeiro desenvolvemento, sustentable humana e ambientalmente; incapaz de atender e priorizar convenientemente as necesidades da súa poboación e máis atenta a satisfacer intereses foráneos e das elites. Haití é a constatación de que os esforzos das ONGDs e outros axentes de cooperación han de ir acompañados do Bo Goberno no país, ou estarán destinados a fracasar. Aí é onde o Fondo Galego pode facer unha achega cargada de máis valía, dirixíndose a fortalecer as Administracións locais.

As dificultades para traballar no Haití sabiamos que ían ser moitas: un país cheo de vulnerabilidades, o idioma, a falta de experiencia e coñecemento do terreo pola nosa parte… e, a pesar de todo, decidimos que debiamos facer o esforzo e aos poucos días do terremoto abrimos a Conta de Emerxencia do Fondo Galego. Recibíronse doazóns de moitos particulares e de socios, en moitos casos grazas a esforzos persoais de polític@s e funcionari@s locais. Para a escolla e financiamento do proxecto, do que se pode encontrar información no apartado correspondente desta Memoria 2010, o Fondo Galego aliouse co Fons Català, con experiencia no traballo co municipalismo do país caribeño.

No apartado de proxectos aínda convén destacar o primeiro proxecto financiado por membros da Comisión de Cidades e Deputacións. Un órgano novo no Fondo Galego, conformado polas 7 cidades e as 4 Deputacións e que quere pór a andar aquela segunda velocidade da cooperación das Administracións locais galegas que aparece recollida nas Estratexias 2007-2011 da nosa asociación, cun programa especificamente pensado para os socios con maior capacidade. Nesta primeira experiencia só 4 dos 11 membros se adheriron, a Deputación de Lugo e os Concellos da Coruña, Pontevedra e Vigo. Quero facer un chamado a todos os demais membros da Comisión: trátase de cumprir o asinado polas 7 cidades na Declaración das Cidades de 2001 e o establecido nas Estratexias 2007-2011, aprobadas pola Asemblea do Fondo Galego.

En 2010, con apoio da Xunta de Galicia, desenvolvemos un Plan de Sensibilización ambicioso, cada vez máis conscientes de que para podermos traballar no Sur precisamos de mudar actitudes e condutas no Norte. Contou con dúas novidades fundamentais: a xira dunha compañía de contadores de historias, con 20 actuacións por todo o país, que procuramos que fixesen parte de programas de actividades máis completos. E a posta en andamento dun departamento de comunicación, cunha xornalista traballando a tempo parcial, que nos permitiu mellorar a visibilidade pública da asociación e as súas mensaxes, e ofrecer unha imaxe máis homoxénea e profesional nas nosas comunicacións externas.

Sen ser novidades, sempre é oportuno destacar o programa Vacacións con Traballo, pola xenerosidade e profesionalidade que cada ano achegan as e os participantes, a enorme demanda que tivo o Seminario do programa TeatrAcción (máis que triplicou a oferta de prazas), coorganizado coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e a notable mobilidade das tres exposicións que durante este ano estiveron a disposición das entidade socias.

Froito da colaboración coa Asociación Galega de Reporteir@s Solidari@s (AGARESO), comezou a súa andaina en 2010 un novo programa de radio do Fondo Galego, Voces con Fondo, que vos animo a escoitar e difundir. Toda a actualidade da nosa asociación fica aí recollida con testemuños do maior interese. AGARESO, ademais, aceptou a proposta do Fondo Galego de preparar unha serie de materiais audiovisuais sobre o programa TeatrAcción 2010-2011, que culminarán na edición dun documentario.

En 2010 visitaron Galicia 4 dos nosos parceiros, nun exercicio de rendición de contas, transparencia e intercambio de experiencias que valoramos moi positivamente e que nos parece obrigado. Recibimos a Carmen Quintana, da UNRWA, Antonio Zurita, da Iniciativa ART do PNUD, Rosario Huamán e Óscar Almendáriz, do Concello de Atavillos Alto e a ONGD CEPRODE, ambos do Perú, e finalmente a Vera Almeida, alcaldesa da Cámara Municipal do Paúl, en Cabo Verde. Tamén nos visitou José Mansilla, novo coordinador da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade.

Son consciente das dificultades económicas que as Administracións locais galegas confrontan durante 2011. Mais, mesmo así, chámovos a non dar pasos atrás. Temos unha sociedade solidaria, e ben se está a ver na campaña que durante xaneiro e febreiro estamos a desenvolver a través de redes sociais e medios de comunicación. As institucións han de ser fiel reflexo do pobo que representan. A crise, orixinada pola ambición de, fundamentalmente, grandes entidades financeiras, co permiso dos poderes públicos que as debían ter vixiado, non podemos deixar que a paguen as persoas máis vulnerables das nosas localidades nin do planeta. Que diría iso de nós?

Este é un ano de comicios locais, o que implicará mudanzas nas corporacións locais e tamén a entrada dunha nova Comisión Executiva no Fondo Galego. En relación ao primeiro, quero desexar moita sorte a quen deixedes a política local e ánimo para a nova etapa; e a quen cheguen a este apaixonante mundo, quero desexarlles moito compromiso humano, na consciencia de que traballar polas nosas localidades, no mundo global, esixe non actuar só a nivel local. Sempre desde o local e para o local, nunca só no local.

En relación ao segundo, quero desexar moito ánimo á nova Comisión Executiva. Pola miña parte, foi unha honra presidir desde os seus inicios o Fondo Galego e un orgullo velo crecer; unha asociación que nos homologa coas mellores prácticas de cooperación municipalista do mundo. Aínda queda moito por facer, pero o camiño percorrido é respectable.

Oleiros, 4 de febreiro de 2011

Alfredo Novoa
Presidente do Fondo Galego

 

AnexoTamaño
Descarga a Memoria 2010 en formato PDF6.06 MB