1. Temática: Migracións e multiculturalidade

A FUXIDA CARA A ESPERANZA

Descrición:  

Este ciclo de cine afonda sobre o drama da migración dende a perspectiva das propias persoas inmigrantes. A separación da familia, das amizades, das costumes que lle son propias, do seu país, do seu fogar... e todo por perseguir o soño dunha vida mellor, máis digna e chea de esperanza. Así mesmo, afóndase tamén nas problemáticas que sofren as e os inmigrantes nos países receptores, como a explotación, os prexuizos, a intolerancia e a incomprensión. O ciclo ten como obxectivo achegarnos a unha postura tolerante e repectuosa  ante o fenómeno da inmigración dende os países do sur e facernos reflexionar porque determinados pobos se ven obrigados ao exilio e o rol que xogan os países do norte neste proceso.

Idades recomendadas

A partir de 15 anos.

Ocasións interesantes para realizar a actividade:

- 21 de marzo: Día Mundial pola erradicación da discriminación racial
- 21 de maio: Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o entendemento
- 16 de novembro: Día Internacional para a Tolerancia
- 10 de decembro: Día Internacional dos Dereitos Humanos
- 18 de decembro: Día Mundias das persoas migrantes

Películas:

14 Kilómetros

 (Director Gerardo Olivares. 2007. 94 minutos)
14 quilómetros é a distancia que separa África de Europa... É a barreira que separa os soños de millóns de persoas que ven en Occidente a súa única saída para escapar da miseria. Da man de Violeta, Buba e Mukela recorremos unha longa e perigosa viaxe a través do Sáhara, para coñecer o que nunca ensinan os medios de comunicación. Esta película quere aportar un pouco de luz ás sombras da inmigración.

Nun un mundo libre

(Ken Loach. 2007. 94 minutos)
Angie non recibiu unha educación demasiado esmerada, pero está chea de enerxía, enxeño e ambición. Non é a primeira vez que queda sen traballo, pero agora intenta refacerse e demostrar o que vale. Ela e Rose, a súa compañeira de piso, deciden ser as súas propias xefas, e abren unha axencia de traballo temporal para traballadoras/es inmigrantes que actúa nun mundo inestable no que o traballo é barato e as leis só serven para ser ignoradas.

Persépolis

(Vincent Paronnaud e Marjane Satrapi. 2007. 95 minutos)
Persépolis é a conmovedora historia dunha moza que cre no Irán da Revolución Islámica. A través dos ollos de Marjane, unha precoz e aberta nena de nove anos, vemos as esperanzas dun pobo rotas ao tomar os fundamentalistas o poder. Os pais de Marjane toman a difícil decisión de enviala a unha escola en Austria. Vulnerable e soa nun país estraño, resiste os malos tragos típicos dunha adolescente mentres combate o feito de ser equiparada co fundamentalismo relixioso e o extremismo dos que tivo que fuxir. A aventura pola vida de Marjane acaba de comezar.

Wandiyà 

(Germán Reyes. 2006. 50 minutos)
Documental rodado en Senegal e Cataluña no marco do proxecto Migracións e Desenvolvemento Local (MIDEL). É unha mirada orixinal sobre a realidade da inmigración aquí e alá, que presenta as auténticas facetas da inmigración: os soños que son vinculantes, os dramas familiares que xera e as aventuras e desventuras da xuventude, de todo un continente, expulsada cara ao exilio pola falta de esperanza. É tamén un compendio de historias vitais que narran as contradicións dunha sociedade africana atrapada nun dilema de difícil solución: o respecto de certos valores tradicionais representados pola familia e as presións dunha modernidade mal entendida.

 

Actividade complementaria:

Este ciclo pode ser complementado coa exposición “A Paz cuestión de Fondo” ou “Influír no global dende o local” (ambas contan con unidades didácticas), solicitándoas directamente ao Fondo Galego, así como por unha conferencia dalgunha ONG de traballo con inmigrantes. Contactar neste caso coa Coordinadora Galega de ONGD .