4. Temática: Ecoloxismo

DESENVOLVEMENTO E MEDIO AMBIENTE

Descrición

Noméase contaminación á transmisión e difusión de fumes ou gases tóxicos á atmosfera e á auga. Na actualidade, o resultado do desenvolvemento e do progreso tecnolóxico orixina diversas formas de contaminación que alteran o equilibrio físico e mental do ser humano. Protexer o planeta para as vindeiras xeracións é unha responsabilidade de todas e todos nós, que simplemente se consigue adoptando hábitos sinxelos. A nosa participación é importante e debemos tomar medidas.

Idades recomendadas:

A partir de 12 anos.

Ocasións para realizar a actividade:

- 22 de marzo: Día da auga
- 22 de abril: Día Mundial da Terra
- 3 de maio: Día Mundial do Sol
- 22 de maio: Día da diversidade biolóxica
- 5 de xuño: Día Mundial do Medio Ambiente
- 8 de xuño: Día Mundial dos Océanos
- 17 de xuño: Día Mundial contra a desertización e a seca
- 16 de setembro: Día Mundial de protección da capa de ozono
- 16 de novembro: Día Mundial do aire puro

Películas:

O soño da auga

 (Albert Solé. 2007. 57 minutos)
A película trata sobre a importancia da auga no mundo. É un percorrido por todo o planeta, que amosa os medos e solucións que distintas culturas teñen con respecto a auga.

Planeta auga

(Verónica Vigil e José María Almela. 2008. 43 minutos)
O mar é a orixe da vida na terra, ocupa a maior parte da nosa superficie terrestre e alberga a vida de millóns de seres vivos de moi variadas características. Con todo, son moitos os perigos que axexan os nosos mares: a sobrepesca, o cambio climático e a contaminación masiva supoñen unha terrible ameaza para os océanos e os seus habitantes. O mar, gran despensa de alimento, osíxeno, materias primas e medicamentos, está agonizando vítima da cobiza humana.

Unha verdade incómoda

(Davis Guggenheim. 2006. 93 minutos)
O ex-vicepresidente Al Gore presenta unha visión esclarecedora e convincente do futuro do noso planeta (e da nosa civilización). É unha chamada de advertencia que desmonta mitos e ideas equivocadas, para transmitir a mensaxe de que o quecemento mundial é un perigo real e presente. Unha verdade incómoda ofrécenos os convincentes argumentos de Gore para que actuemos e salvemos a Terra. Todos e cada un de nós podemos realizar cambios na forma en que vivimos e converternos en parte da solución.

 

Actividade complementaria:

Este ciclo de cine pode ser complementado cunha conferencia ou mesa redonda  ao inicio ou ao final do mesmo por parte de ONGs ecoloxistas. Contactar coa Coordinadora Galega de ONGD http://www.galiciasolidaria.org/.